lunes, 15 de agosto de 2016
Informe meteorolóxico 2015
Na páxina de MeteoGalicia temos á
nosa disposición o informe meteorolóxico anual -ou mes a mes- de Galicia. Vexamos
agora un resumo do ano 2015.
O valor da temperatura media foi case un grao (1.0ºC ) superior ao valor
medio (período de referencia 1971-2000), destacando especialmente os meses de
novembro e decembro, moito máis cálidos que o propio desta época. Cabe polo
tanto cualificar ao 2015 en conxunto como un ano cálido.
Agás Mesía e zonas altas de Ordes, Cerceda e
Tordoia, que baixaron dos 12ºC ,
a maior parte da comarca superou os 12ºC de media e gran parte dos concellos de
Trazo e Oroso superaron os 13ºC
de media.
Febreiro foi frío. Abril, maio e xuño foron
cálidos. O outono proseguiu con temperaturas, que deron lugar novamente a un
outubro cálido en xeral para toda Galicia. Novembro e decembro remataron o ano,
con temperaturas elevadas, aínda que cabe destacar o excepcional que resultou o
mes de decembro, no que se acadou a
anomalía de temperatura máis alta dende 1961,
tanto para as máximas como as medias, e para as mínimas foi o segundo decembro
máis cálido moi preto de 1989.
PRECIPITACIÓNS
En canto ás precipitacións, o ano 2015 foi seco, cunha porcentaxe do 26% por debaixo do habitual. O ano
anterior máis seco foi 2007.
Os tres concellos centrais tiveron en moitas
zonas entre 1000-1200 mm
(mesmo a zona das Encrobas baixou de 1000 mm ) mentres que os 4 concellos periféricos
estiveron por enriba dos 1200
mm anuais.
Xaneiro destacou por presentar dous episodios
chuviosos moi concentrados, nos días 15 e 30 do mes. Marzo e abril foron secos.
Xuño acadou a categoría de moi seco, destacando a provincia de Coruña, na que
non chegou a haber nin un 20% da precipitación normal para esta época do ano.
Xullo tamén resultou seco. En cambio agosto foi máis chuvioso do normal. Pero o
ano rematou con dous meses de novembro e decembro secos en xeral para toda
Galicia.
sábado, 13 de agosto de 2016
Visitantes ilustres
Non se pode dicir que a comarca de Ordes
tivera moitos visitantes ilustres debido ao feito de estar lonxe de cidades con
poder político e económico. Pero iso non quere dicir que non houbera ningún. De
feito nos séculos XVI e XVII pasaron por ela catro personalidades moi
importantes.
O primeiro foi Carlos I no ano 1520 en viaxe de Santiago á Coruña onde embarcaría para Alemaña, lugar no que sería nomeado emperador. Crese que o 13 de abril pernoctou no Hospital de Bruma.
O primeiro foi Carlos I no ano 1520 en viaxe de Santiago á Coruña onde embarcaría para Alemaña, lugar no que sería nomeado emperador. Crese que o 13 de abril pernoctou no Hospital de Bruma.
O segundo foi o seu fillo Felipe II, un dos personaxes máis
importantes da historia mundial. En 1554
viaxou a Inglaterra para casar con María Tudor. Despois de pasar por Santiago
parou nunha casa de Poulo (e outra
xa en Sarandóns). Todavía se conserva unha inscrición (que inicialmente estaba
debaixo do escudo e que agora está nunha das xambas) na que se pode ler: "En esta casa poso el rey D Phelipe. 2. A 25 de iuno de 1554".
Outro ilustre visitante foi Cosimo III de Medici, 6º Gran Duque de
Toscana, que para non estar ao lado da súa muller viaxou por toda Europa. Iso
si, para non sentirse só levaba un espléndido e multitudinario séquito (incluídos
dous escritores e un pintor) que deixaba abraiados aos paisanos alí por onde
pasaba. Tamén parou en Poulo o 6 de marzo de 1669, de paso para A Coruña, despois de ter visitado Santiago. Aquí
tedes unha imaxe, feita polo pintor Pier María Baldi, de como era Poulo naquela época. (Preme para ver máis grande).
A cuarta ilustre visitante foi unha muller,
a raíña Mariana de Neoburgo, segunda esposa do rei Carlos II. Veu de Alemaña, xa casada por poderes, pero aínda non coñecía ao
seu marido. Pasou pola comarca en 1690
e descansou no Pazo de Galegos
(Frades). Nel hai unha inscrición na que podemos ler: “El 15 de Abril de 1690 durmiu en esta casa
la Reina Ntra. Sra. Dª Mariana de Noeburgo, muger del Rey Ntrº. Sr. D. Carlos
2º, viniendo de La Coruña en Romería a Ntro. Santo Apóstol Santiago. Siendo
Dueños de esta casa D. Antº. Mosquera Pimentel Riva de Neira casado con Dª
Baltasara Antonia de Luna Lovera y Valladares. Ad. Majorem Dei Gloriam".
No século XVIII temos un visitante que non é
rei nin nobre pero si moi ilustre: o noso posible compatriota Frei Martín Sarmiento, que, cando xa tiña 50 anos, fai unha longa viaxe a Galicia que documenta paso a paso. No verán de 1745 tócalle o turno de pasar pola comarca na que describe a
ponte de Sigüeiro e nomea varios lugares da súa ruta como Caga Boy na fonte en Santa Cruz
de Montaos, A Venta do Cepo, A Ponte Pereyra, Poulo, A Ponte de Vilariño, San
Pelayo de Buscás, Cabeza de Lobo e Hospital de "Bruño".martes, 9 de agosto de 2016
Vicente Carnota Pérez
Vicente Carnota, o mellor xornalista que deu
Ordes, foi bohemio, impulsivo, despreocupado e moi amigable, un carácter que o levou
a ter unha vida chea de problemas económicos pero na que sempre puido contar co
apoio do seu cuñado Antonio del Río
e, cando este morreu, co do fillo daquel, o sacerdote Leandro del Río.
Naceu en Ordes en 1855 e foi o 1º dos 6 fillos de Juan Carnota Calvo (1830-1905), procurador do xulgado, e Lucía Pérez Soneira. Aos 12 anos ingresou no Seminario de Santiago
rematando a carreira de filosofia, teoloxía e dereito canónico en 1879.
Non obstante non se dedicou ao sacerdocio, senón que preferiu ser mestre particular e facer colaboracións coa prensa. Casou con Dolores Crespo Puente* que morreu moi nova en xaneiro de 1895, despois de ter catro fillos con el: Benjamín (n.20-04-1881), Lucía, Celia e Amador Carnota Crespo.
En 1893 lévao a Cuba, como preceptor dos seus
fillos, Luciano Puga (protexido
de Antonio del Río) que fora nomeado Gobernador do Banco de España alí. Pero un
día, paseando polo porto, dalle un arrebato e métese como polizón no
"Reina Mª Cristina" volvendo a España en 1895.
Xa de volta dedicouse ao xornalismo, sendo redactor en "El Anunciador" e "La
Mañana" da Coruña. O seu estilo era bíblico (poucas palabras e frases
contundentes) e causoulle varias polémicas. Cu inquedo, marchou a Vilagarcía
onde fundou "El Ciclón",
subvencionado polo escritor Lisardo Rodríguez Barreiro. Outra vez máis,
marchou a Caldas de Reis onde fundou "Fray
Prudencio", pagado por Laureano Salgado. Outros xornais nos que traballou foron "El Noroeste", "Diario de Galicia", "La Monarquía", "El Clamor de Galicia", "El telegrama" ...
A súa fama era notable pero a súa economía
estaba moi mal e tivo que volver a Ordes, á casa dos seus pais. En Ordes
colaborou co xornal "El Terruño"
de liña crítica co cacique Saturnino Aller. Logo, en Coruña, traballou en "La Voz de Galicia" polo mísero soldo de 125 pesetas mensuais. Don
Leandro del Río, o seu sobriño, entón párroco de Sta Lucía, levouno á súa casa
ata o ano 1912.
En 1912 o bispo de Jaca Antolín López Peláez visita Santiago e Carnota retoma a súa vella vocación sacerdotal. En outubro marcha con el a Jaca e alí foi ordeado sacerdote, pero cando o bispo foi trasladado a Tarragona, el tivo que volver a Santiago onde seguiu colaborando coa prensa
e dedicándose ao sacerdocio. Fixo amizade co escritor e avogado Narciso
Correal y Freyre de Andrade quen sería máis tarde o impulsor da 1ª gran homenaxe que
se lle fixo en Ordes.
Morreu a causa dun cancro de garganta o 6 de xullo de 1920 na casa do seu fillo Amador. Nesta casa, número 16 da Raíña, tamén vivira moitos anos o historiador López Ferreiro.
Unha anécdota que
ilustra o seu carácter: Xa quedara para ir a Jaca pero non se daba decidido,
así que o seu sobriño tomou cartas no asunto, mandoulle facer os traxes de
sacerdote e, despois de comer, vestiuno, afeitouno e fíxolle a 1ª tonsura.
Cando deron as tres da tarde, Carnota como todos os días, foi ao Café Oriental onde tiña tertulia
con Murguía, Tettamanci, Paumáu, Lugrís Freire, Carré Aldao, Ramón Vidal, Fernández Latorre...
Estes ao velo vestido así levaron unha gran sorpresa pois nunca lles comentara nada pero el por toda explicación só
comentou tranquilamente: "Son cosas de mi sobrino
Leandro".Ordes honrou ao seu xornalista cunha gran homenaxe no ano 1925 (cando se colocou a súa estatua na alameda), outra máis pequena en 1955 (centenario do seu nacemento) e dedicándolle unha rúa na parte sur da vila.
No século XXI, en xullo de 2003, a asociación Obradoiro da Historia editou e repartiu dous mil trípticos coa súa biografía, o que permitiu achegar a súa figura ás novas xeracións de ordenses que o descoñecían totalmente.
FONTES: "Obradoiro da Historia", Antonio Rodríguez
Fraiz.
|
* Os Crespo Puente eran unha
importante familia compostelá. Houbo dous varóns sacerdotes, o párroco de
Santiago de Oís José Crespo Puente (m.1913) e o de Ardemil Antonio Crespo
Puente (m.1911), pero tamén varias mulleres: Socorro que morreu solteira en 1894,
Dolores
(m.1895) esposa de Vicente Carnota, Concepción (m.1911) viúva do comerciante Lea,
cuxo fillo Daniel Lea morreu e foi soterrado en Ordes en 1910, Carmen
(?) esposa de Julio Pol, e Josefa (?) esposa de Carlos Pol co que emigrou á
Arxentina.
|
lunes, 8 de agosto de 2016
O cemiterio novo
Xa nos anos 80 do século XX era patente a necesidade dun novo cemiterio. O do Piñeiro estaba cheo e as novas familias que chegaran á vila a partir dos anos 60 tiñan que enterrarse nos seus lugares de orixe ou noutras parroquias próximas. Ademais os novos hábitos facían tamén imprescindible un tanatorio para os velorios.
Por fin se levou isto a cabo nos anos 90. O
concello, do que era alcalde naqueles tempos Teodosio Martino, elixiu o lugar do Balado e encargou as obras en 1994 á
empresa arzuana "Construcciones Chofricas
SL". Os traballos empezaron no ano 1996 e, tras diversas polémicas, no verán de 1998 estaba rematado o tanatorio
e as dúas primeiras mazás de nichos.
Xa en setembro
do 1998 foi soterrada nel a primeira persoa: dona Jovita Suárez Rivas (nai de Suaricos -que tiña un taller no cruce do Balado-).
As polémicas xurdiron do aluguer a 50 anos,
en vez da propiedade perpetua dos nichos e da uniformidade estilística que se
pretendía e que, desde logo, non se logrou.
Os primeiros anos "Chofricas" (aínda que con outro nome) encargouse da xestión do cemiterio, ao mesmo tempo que se ían construíndo novas mazás, pero a nova corporación, ao mando de Manuel Regos, insatisfeita coa empresa asumiu a xestión directa do cemiterio a partir de decembro de 2007.
No ano 2009,
cun custo de máis de 800 mil euros, renovouse o tanatorio e engadíronse novas
salas de velorio (ata chegar ás catro) e diversas melloras.
En xuño de 2017 aumentouse o
aparcadoiro. Pasou de ter 4.600
m2 a 6.850 m2 (máis de 200 prazas de
estacionamento).
A finais do ano 2021 a empresa "Construcciones Siber" iniciou as obras de 96 novos panteóns na zona oeste.
miércoles, 3 de agosto de 2016
Historia de Ordes
Hai 3 datas importantes na historia da vila
de Ordes:
-
A do seu nacemento, incerta pero probablemente entre o século XII e
XIII.
-
1764, cando se constrúe o novo camiño real.
-
1836, cando é nomeada cabeza de concello e de partido xudicial.
Se
estades interesados en coñecer rapidamente a súa historia, premede nesta presentación:
Se preferides un formato máis tradicional:
Se xa queredes profundar máis en detalle sobre aspectos da historia de Ordes a partir do século XVIII podedes premer nalgunha das seguintes ligazóns.
lunes, 1 de agosto de 2016
O cemiterio do Piñeiro
A
principios do século XIX Ordes enterraba aos seus mortos no adro da antiga igrexa de orixe medieval. Cando se construíu a actual igrexa, na década dos 70,
pasaron a efectuarse os enterros no adro desta. Pronto quedou pequeno. A
necesidade dun novo cemiterio era patente xa ao rematar o século XIX.
Pero aínda tiveron que pasar dúas décadas para ter un cemiterio lonxe da igrexa. A finais de 1918 creouse unha comisión formada polo sacerdote D. Nemesio Morgade, o alcalde Fernando Liste e Gumersindo Suárez para recadar fondos. Iniciou a subscrición Saturnino Aller con 200 pesetas e logo seguírono a maioría dos veciños, acadándose en poucas horas 2.600 pesetas. No ano 1919 o concello decide por fin que será
construído no norte da vila, na zona chamada "O Laranxal", terreos pertencentes á
familia Pol e onde eles tiñan un
cemiterio civil desde había tres décadas. O xuíz José Sánchez Guisande foi o
presidente da Xunta do Cemiterio que incluía ao sacerdote, alcalde e outras
personalidades.
En 1921 xa estaba comezado e, en xaneiro de 1922 efectuouse o primeiro enterro, o do poderoso Pedro Concheiro Rodríguez, pero
as obras continuaron. Nestes primeiros tempos tivo moito que ver Julio Pol Caamaño.
El foi quen, por exemplo, deseñou a capela que foi construída
en 1924 por Benito Alegre.
A zona noroeste quedou case exclusivamente
reservada aos nenos (os "anxeliños") pois a mortalidade infantil nesa época era altísima.
Debido ao nome dos terreos, "ir pró
Laranxal" converteuse nun sinónimo de falecer na linguaxe popular ordense
daqueles tempos.
Durante moitos anos houbo dúas tendencias: os
tradicionalistas que querían "volver á terra" e os modernos que preferían
os nichos. O meu bisavó Juan Ferreiro Franqueira, por exemplo, que era mestre
construtor e erixiu varios panteóns da zona norte, non quixo ningún para el e
pediu repousar baixo terra.
Na Guerra Civil parece que o muro norte
serviu de paredón.
No inicio dos anos 40 a parte norte estaba xa moi
ocupada e empezouse a usar a parte sur, zona que fora comprada arredor de 1940 a familias como
os Daniel, Ferreiro e Calvo, e que os mozos usaran ata entón como campo de
fútbol. Por certo, como anécdota, a parte de Juan Ferreiro Franqueira foi vendida por 3 pesetas.
Nos anos 50, foi soterrado na
esquina sueste, totalmente apartado, un home que tivera unha relación
incestuosa. Co tempo o cemiterio foise enchendo e agora está xunto a todos os
demais. Sen dúbida a morte iguálanos a todos.
Nos anos 60, en 1965, viñeron os restos do Soldado Lois desde Cádiz e erixiuse un mausoleo cunha escultura do artista madrileño Fernández Navarro no muro norte.
Nos anos 90 construíuse o cemiterio do Balado pero seguiu habendo enterros no vello.
En outubro e novembro de 2018 cubríronse de formigón as rúas e colocáronse varios farois. Tamén se cambiou a antiga verxa de ferro da entrada por unha de aluminio.
Nos anos 60, en 1965, viñeron os restos do Soldado Lois desde Cádiz e erixiuse un mausoleo cunha escultura do artista madrileño Fernández Navarro no muro norte.
Nos anos 90 construíuse o cemiterio do Balado pero seguiu habendo enterros no vello.
En outubro e novembro de 2018 cubríronse de formigón as rúas e colocáronse varios farois. Tamén se cambiou a antiga verxa de ferro da entrada por unha de aluminio.
domingo, 24 de julio de 2016
Renda da comarca (2013)
En xullo de 2016 a Axencia Tributaria ofreceu os datos das declaracións de renda do
ano 2013 desglosadas por concellos.
A renda bruta
media en Galicia era de 21.394 €. O
concello máis rico era Oleiros (34.698
euros) e, entre os dez concellos con maior riqueza, sete
estaban na provincia da Coruña (As Pontes de García Rodríguez, A Coruña, Santiago, Bergondo, Cabanas e Teo) e
tres (Nigrán -4º posto-, Vigo e Baiona) na de Pontevedra.
Por suposto,
se os concellos ricos están na Galicia atlántica e cidadá, os pobres son os
pequenos e de interior. Dos 288 concellos dos que o fisco aporta datos (só os
que superan os mil habitantes) o
máis pobre era Cervantes (11.061 €)
e o 2º pola cola Toques, ambos os
dous tamén entre os 10 españois máis pobres, dubidosa honra que comparten con
Zafarraya (Granada, 10.293 €, 1º) e Zahínos (Badajoz, 10.301 €).
Pola parte
alta, non hai localidades galegas no top ten estatal,
xa que Oleiros ocupa o posto 38. En cabeza están concellos cataláns e
madrileños, con Pozuelo de Alarcón
como Nº 1 cuns ingresos medios de 59.279 euros.
A nosa
comarca está no lado pobre. Todos os concellos están por debaixo do promedio
galego e só un, Oroso, rebasa os
20.000 €.
Como sempre podemos
distinguir 2 áreas perfectamente diferenciadas:
- Os 3 concellos centrais (Cerceda, Ordes e Oroso)
que superan os 17.000 €.
- Os 4 concellos periféricos (Tordoia, Trazo, Mesía e
Frades) que non chegan a 16.000 €.
Se nos
fixamos no PIB per cápita vemos como
non hai unha exacta correspondencia. Oroso (cun PIB de 15.000 €/hab) supera a renda de
Cerceda (59.000 €/hab!!!) e de Ordes (16.000 €) grazas á poboación que ten
traballando en Santiago. Tampouco Mesía (case 21.000 € de PIB/hab) ten unha renda en
consoancia e está case igual que Frades e Tordoia, sendo superado por Trazo.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)










