En 1949
continuaba a Guerra Fría. En abril 12 estados occidentais fundaron a OTAN co obxectivo de protexer Europa
contra unha posible (e entón probable) agresión comunista (de feito a URSS
detonou en agosto a súa 1ª bomba nuclear). Un certo alivio da tensión foi o
cese do bloqueo de Berlín en maio. En outubro, mentres en Pekín Mao Zedong
proclamaba a República Popular China, naceu a RDA en Europa. No próximo Oriente
Israel ao mando de David Ben-Gurion inauguraba o seu parlamento (Knesset) e era
admitido na ONU contra a opinión dos árabes.
No eido da cultura foi o ano da aparición de "1984", a distopía creada por
George Orwell, pero tamén do nacemento dun personaxe tan optimista como Condorito. Ah, e apareceron os discos de
45 RPM, os sencillos, e a marca
Adidas.
En España o
Réxime, a pesar doutro fallido atentado contra Franco no Bierzo, estaba cada
vez máis seguro e vía próximo o fin do illamento internacional. En xaneiro a
maioría dos paises suramericanos pediron na ONU o fin da súa condena. Despois
recibiu o símbolico primeiro crédito concedido por un banco estadounidense (de 25
millóns de dólares). En setembro a frota estadounidense fondeou no Ferrol e o
almirante Richard L. Connolly, debidamente autorizado polo seu goberno, visitou
a Franco, que ata se permitiu realizar logo unha viaxe a Portugal en outubro.
No obstante a
economía seguía dando problemas e o número de defuncións que en 1948 fora o máis baixo do século con só 300.000, volveu superar esa cifra, debido ás malas colleitas do ano anterior. Ao longo da década fora aumentando a poboación
a un ritmo de máis de 200.000 persoas cada ano e España xa tiña 27,7
millóns de habitantes. Seguía o mercado
intervido pero os prezos estaban disparados desde 1946 e dobraban aos que había
en 1943.
Nese ano naceron tres das máis populares
cancións españolas, "Clavelitos",
"El emigrante" e
"Mirando al mar". Estreouse no teatro "Historia de una escalera", e foron películas de éxito "El amor brujo", "Currito de la Cruz" e "La Revoltosa".
En Galicia comezou en 1949 un novo periodo de gran éxodo migratorio. Máis de 21.000
persoas marcharon da rexión, dobrando o número das que saíran o ano anterior.
En toda a vindeira década nunca se baixaría dos 22.000 emigrantes por ano,
cifras altas pero non tanto como as dos anos 20. A guerrilla, a pesar de realizar numerosos atentados con éxito, estaba dando as últimas boqueadas: en xaneiro a morte dun falanxista en Mugardos rematou con 4 veciños paseados, en abril a II Agrupación que operaba sobre todo en Ourense foi aplastada na parroquia de Chavaga onde morreron varios integrantes e en outubro otros 7 guerrilleiros foron abatidos en Pazos (Monfero). Nova destacada ese ano foi o
nomeamento de Fernando Quiroga Palacios, figura máis importante da Igrexa en Galicia, como arcebispo de Santiago. Era a época das misións que
"cristianizaban" parroquias e comarcas enteiras e na cidade do Ferrol
tivo lugar a maior da historia galega con 15.000 asistentes.
E que pasaba en Ordes?
XANEIRO: Entrevistado o
alcalde Genaro González en La
Voz de Galicia. Morreu en Leira Andrea García Sánchez aos 82 anos e en Mercurín Segunda Pulleiro Campos.
FEBREIRO: No Hospital de
Pontevedra suicidouse Higinio Cambeses,
antigo director da Banda de Ordes. Morreu en Leira Mercedes López Blanco aos 53 anos.
MARZO: O ex-alcalde Arturo Pérez Loureiro elixido deputado provincial. Abatido en Paramos (Val do Dubra) o
guerrilleiro Manuel Pena Camino,
natural de Castro (Mesía). Morreron Manuel Álvarez del Río da farmacia de abaixo, José Gestal Blanco en Mercurín aos 65 anos, e en Parada Francisca Presedo Liste, nai das irmás Figueira Presedo, aos 83 anos.
ABRIL: Pedida de man de
Nieves Señarís para Mariano Amado. Morreu preto de Villahoz (Burgos) Antonia Barreiro, nai do guerrilleiro Ricardito, e en Lesta aos 62 anos Carmen Varela Méndez.
MAIO: O notario
Alfonso Leirós tivo a súa primeira filla. Pedida de man de Consuelito Silva
para o rexistrador da propiedade de Ordes Pedro Trepat. Concurso de gaiteiros
polo San Isidro. Morreu Purificación Ramos Insua da familia Ramos do Mesón do vento.
XUÑO: Morreu o día 3 con
52 anos Manuel Calvo Malé da
ferraxería Calvo.
XULLO: Morreron o día 4
en Buenos Aires o político republicano Manuel García Gerpe, e o 12 con 49 anos Celia Abeijón Sánchez.
AGOSTO: Ordes 1º
municipio de Galicia que creou unha subvención para axudar á construción da "Ciudad de los Muchachos". Morreu aos 73 anos
Carmen Martínez Castro, viúva de José
Mariño Liste. Pasou por Ordes unha carreira ciclista organizada polo "Frente de Juventudes", na que
vencería José Manuel Oanes. O equipo de fútbol de Teixeiro derrota 6-0 ao de
Ordes.
SETEMBRO: Voda de Consuelo
Silva Pasto co rexistrador da propiedade de Ordes Pedro Trepat Fadró na igrexa
de Sta Mª Salomé en Santiago. Faleceron Dolores del Río Lortes, muller de Antón
de Xan Ferreiro aos 81 anos e Lucía Teodoro Rey, da familia propietaria do Mesón de Deus. En Buscás morreu Rosa Botana Lata aos 44 anos.
OUTUBRO: Abatido o
guerrilleiro de Parada José Remuiñán Barreiro Ricardito en Pazos (Monfero). Morreu en Poulo aos 83 anos Mercedes Rodríguez Gómez, viúva de José Ferreiro Cancelada (m.1932) e en Ordes aos 47 anos Manuela Mariño Martínez, muller de Manuel Villaverde Veiras e sogra de José Galán López (1923-1980).
NOVEMBRO: 5º Concurso de
Calidade de Patacas o domingo, día 6. Nomeado xuíz de 1ª Instancia e Instrución
Santiago Pérez Ardá y López Valdivieso. Continuaban as obras na estrada
Ordes-Pontecarreira por parte da empresa de Ramón Carro. Morreron Domingo Mouriño Gómez en Buscás aos 58 anos, e en Vilamaior Pedro Candal Sánchez aos 77.
DECEMBRO: Accidente leve
preto de Ordes do coche do gobernador militar da Coruña xeneral Mariñas. Manuel Gómez Gende vendía un autobús de 15 prazas. Morreron
Concepción Noya Mosquera aos 62 anos, e en Parada a moza Rita Noya Bermúdez (1929-1949) da familia dos Cachorros.
Unha
curiosidade daqueles tempos é que en Ordes practicamente todo o mundo tiña leiras e
gando, fose avogado, médico ou empresario. Isto podémolo ver nun concurso
gandeiro de 1949 no que houbo vacas premiadas no Mesón do Vento (Roxa de Antonio
Louro Seijas e Gallarda de Andrés Gómez
Fariña) e no Bidueiro (Roja e Calva de
Fernando Conde Recouso), pero o resto eran todas de persoas -bastante ricas-
da vila: Gallarda
e Perica de Antonio Concheiro, Gallarda de Ricardo Martínez Barros, outra Gallarda máis de Jesús Ferreiro del Río, Linda de Pedro Pardo Fandiño, Nova de Manuel Mirás Gómez, Marela de Juana García Mouriño e outra Marela de Antonio Verea Fandiño.
|
No hay comentarios:
Publicar un comentario