En 1952 continuaba a Guerra Fría. A súa máxima expresión era a Guerra de Corea que chegou a unha fase de estancamento arredor do Paralelo 38. Ademais os USA -onde gañou as eleccións Dwight Eisenhower en novembro- lanzaron a súa 1ª bomba de hidróxeno (750 veces máis potente que a de Hiroshima) e o RU sumouse á festa coa súa 1ª primeira proba atómica.
Europa occidental continuaba o seu proceso de unión coa entrada en vigor da CECA (creada o ano anterior). No RU faleceu en febreiro o rei George VI, comezando así o moi longo reinado de Elizabeth II e non foi un bo inicio pois en decembro, Londres, famoso pola súa néboa, viu como esta se convertía nunha terrible ameaza.
Oriente Medio
en cambio era un polvorín: en Exipto un golpe de estado encabezado polo xeneral
Naguib logrou a abdicación do rei Faruk e en Xordania Hussein I debeu subir ao
trono con 16 anos por incapacidade mental do seu pai. Tampouco había
tranquilidade en Kenia co movemento Mau Mau e en América do sur que contemplou
a viaxe de Che Guevara e Alberto Granado polo continente, a revolución
boliviana coa chegada á presidencia de Paz Estensoro, o inicio da dictadura de
Marcos Pérez-Jiménez en Venezuela e a morte por cancro de Evita Perón.
Tamén foi o
ano das Olimpíadas de Helsinki, do nacemento do código de barras -aínda que non
se comercializou ata 1966-, da aparición de "The old man and the Sea" de Ernest Hemingway e "East of Eden" de John Steinbeck, e de marabillosas
películas como "High Noon" ou "Singing on the rain".
En España 1952
foi un ano bastante bo onde se baixou das 300.000 defuncións absolutas e por 1ª
vez na historia tamén o índice de mortalidade baixou do 10 ‰. A partir deste
ano nunca se volverían a superar estes límites no século XX (pero si no 2020, o
ano do Coronavirus). Para máis alegría o 1 de xuño suprimíronse as cartillas de
racionamento, co que de paso se acabou co mercado negro que orixinaran, e tres
días despois inaugúrabase a factoría de SEAT en Barcelona. Tamén foi o ano no que se iniciou o Plan Badajoz.
Probas do novo
status internacional do Réxime foron a anecdótica 1ª chegada desde 1936 dun
buque español a un porto británico e a aceptación do país na UNESCO (entraría oficialmente
en xaneiro de 1953).
O mundo da
cultura contemplou a primeira versión da canción "Dos cruces" por Jorge Gallarzo e varias películas de
éxito: "Doña Francisquita","La hermana San Sulpicio" e "Violetas imperiales", as dúas
últimas cunha esplendorosa Carmen Sevilla.
En 1952 en Galicia emigraron 26.000 persoas. Ese ano pódese
considerar o do final definitivo da guerrilla coa morte de Ramiro e Galán en
Mesía, a detención de Couto e o proceso e posterior morte no garrote vil de
Benigno Andrade, o popular Foucellas. Tamén foi o ano da maior
traxedia ferroviaria cun terrible accidente entre Pazos e A Escravitude onde morreron máis de 10 persoas. Ata 2013 cos 80 mortos de Angrois non volvería a
haber outro accidente tan grave.
E
que pasaba en Ordes?
O máis importante foi a construción da Casa Consistorial, case rematada (xa tiña a torre e o reloxo) na que se puxo a
praza de abastos nos baixos, a explanación do campo da feira (actual parque
infantil) con casetas debaixo da Alameda e o inicio da construción do novo campo de fútbol, ademais...
FEBREIRO: Fernando Conde
Recouso premiado pola produción de leite (4.457 litros en 339
días) da súa vaca Roja. O día 22 morreu aos 69 anos Manuela Mosquera Villaverde, nai de Pedro do Piñeiro, e o día 29 Pedro
Graña Blanco (industrial e ex-concelleiro na época republicana) aos 55 anos.
MARZO: Foucellas ferido e detido en Oza dos Ríos. Carmen Peña,
esposa do notario Alfonso Leirós deu a luz o 3º fillo do matrimonio. Morreu en
Poulo Ramona Botana Castro aos 76 anos.
ABRIL: Segundo Faya
vendía máquinas de coser de 2ª man.
MAIO: O alcalde Juan Liñares asistiu aos funerais polos mortos no accidente de tren da Escravitude.
Na campaña provincial contra o analfabetismo aparecen como lugares onde actuar
Adrán, Ardemil, Beán e Vilamaior de Ordes. Tamén Encrobas e Queixas de Cerceda;
Albixoi, Bascoi, Cabrui, Boado e Olas de Mesía; e Cabaleiros, Andoio,
Viladabade e Anxeriz de Tordoia.
XUÑO: Homenaxe póstuma
en Ordes á mestra Clotilde Stolle, morta no accidente de tren da Escravitude. Consuelo
Silva, esposa do rexistrador da propiedade Pedro Trepat, deu a luz a unha nena.
Constantino Suárez condenado por furto. Mortos en Mesía os guerrilleiros Manuel Ramiro e José Galán e detido o guerrilleiro Juan Couto Sanjurjo.
XULLO: Consello de guerra contra Benigno
Andrade Foucellas. Voda do administrador de
Correos Manuel Botana Uzal coa mestra Rosalía Ferreiro Barreiro en San Miguel
de Vilar (Touro). Tamén casaron en Ordes
Clara Astray co médico balear Bartolomé Siquier e Mª Ángeles Mariño Iglesias
con Manuel Astray Rivas. Modesto Iglesias e Manuel Piñeiro, 1º e 2º nun
campionato de pesca celebrado no Tambre en Berreo. Veu de vacacións o
comandante médico José Otero Valcárcel.
AGOSTO: Partido amigable
en Santa Isabel entre o Santiago e o Ordes onde a afección ordense encheu o
campo. Morreron Dolores Iglesias Ferrer,
muller de Rogelio Prado, aos 48 anos e Juan Calvo Pérez aos 60. O día 7 foi axustizado Benigno Andrade Foucellas no cárcere da Coruña.
SETEMBRO: Emilio Pita
Álvarez nomeado xuíz do Xulgado Comarcal de Ordes. Morreron en Leira
Manuel Antón Liñares aos 51 anos e en Ordes Antonio Pazos Martínez aos 61
anos.
OUTUBRO: Morreron en
Buscás Manuel Suárez Viqueira aos 56 anos e en Leira José Graña Blanco aos 52
anos.
NOVEMBRO: O gobernador
civil Pardo de Santayana acompañado
doutras autoridades visitou Cerceda, Tordoia e Trazo o día 19. O mércores 26
visitou Mesía, Frades, Oroso e Ordes e deu subvencións de 150.000 pesetas a
Mesía e 75.000 a
Ordes. Morreu en Parada Manuela Remuiñán Ríos. En Ordes morreron Juan Carballido
Conde, dos Carballidos do Piñeiro, aos 80 anos e Margarita
Fernández Vázquez (sogra de Amancio Castro) aos 62.
DECEMBRO: Concurso de
Calidade de patacas o domingo 7 para todos os agricultores das comarcas de
Ordes e Carballo. A Xunta de electrificación presentou proxectos para achegar a
electricidade á parroquia de Montaos e a outras de Ordes. Morreu en Beán Juan
Reboredo Gómez aos 62 anos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario