domingo, 22 de enero de 2023

España 1945-1950

 
 Ostracismo internacional 
  O final da 2ª Guerra Mundial deixou ao réxime franquista nunha posición moi delicada. As democracias occidentais vencedoras déronlle as costas pola súa pasada colaboración co Eixo. Isto quedou perfectamente reflectido o 26 de xuño de 1945 na firma da Carta de Nacións Unidas en San Francisco. O 8 de decembro de 1946 unha expresa resolución vetaba a súa entrada en calquera organismo internacional e recomendaba ao resto de países a retirada de embaixadores. 
Autarquía 
  Franco respondeu ao día seguinte cunha gran manifestación na Praza de Oriente reivindicando o orgullo nacional fronte á hostilidade estranxeira e apelando á autosuficiencia do pobo español. Comezaron os duros anos da "autarquía" como resposta ao bloqueo internacional. Foi máis propaganda interna que alternativa económica real. Pretendíase obter a recuperación económica ignorando o mercado exterior, pero só se logrou prolongar a pobreza.
 

  O número de defuncións volveu a subir no ano 1946 (1.120 mortos por inanición), pero afortunadamente apareceu o soporte arxentino. Dous meses antes da condena formal pola ONU Perón concedera unha liña de crédito a España que permitiu que puidese importar 400.000 toneladas de trigo arxentino e ao ano seguinte outra por valor de 750 millóns de dólares, á que se sumou un convenio asinado en abril de 1948 polo que Arxentina comprometeuse a abastecer a España con 300.000 toneladas de trigo e a emendar os déficits de gran que se producisen entre 1949 e 1951, ademais de fornecer millo e aceite comestibles.
Loita armada 
  As democracias occidentais que decidiron estrangular a economía española, en cambio non moveron un dedo pola resistencia antifranquista. Os guerrilleiros que se ilusionaran coa victoria aliada viron como todo o seu sacrificio foi en vano. Os anos de maior actividade serían 1946 e 1947 producíndose máis de 1.550 e 1.460 accións de combate ou "feitos delitivos" en terminoloxía franquista. Na comarca ordense chegouse aos 10 mortos en 1947, sendo este e 1948 os dous anos máis letais. Precisamente a finais de 1948 o PC decidiu suspender o apoio ás partidas, decatándose ao fin de que era unha guerra perdida desde o primeiro momento, unha matanza sen sentido. Ao final houbo máis de 2.200 mortos entre guerrilleiros, gardas civís, colaboradores... e máis de 20.000 persoas encarceradas. Seguiu habendo por suposto loita armada despois de 1950 pero foi cousa de grupos cada vez máis pequenos, illados e desesperados.
Estratexia do franquismo
  Franco tiña claro que as tensións entre Occidente e a URSS irían en aumento e xogaban ao seu favor, así que o importante para o seu réxime era resistir ata ese momento de ruptura. A consigna, nacida de Carrero Blanco, foi «orden, unidad y aguantar». Seguiuse reprimindo á oposición (Ley de Bandidaje y Terrorismo en 1947) pero ao mesmo tempo iniciáronse algúns cambios cosméticos xa desde 1945: utilizouse a palabra "Movimiento" no canto de Falange, deixou de ser obrigatorio o saúdo fascista e promulgáronse o Fuero de los Españoles e a Ley de Referendum. Máis anecdoticamente o propio Franco quitou o uniforme militar e vestiu de civil nas súas aparicións públicas.
  No plano internacional contouse co apoio dos países hispanoamericanos (agás México) que seguiron a senda de Arxentina, principal soporte do Réxime, mostrado claramente coa visita de Eva Duarte en xuño de 1947. Tamén o apoio a Palestina contra Israel conseguiu a simpatía dos países árabes. Pero a estratexia principal foi a lexitimación monárquica: en marzo de 1947 tramitouse a Ley de Sucesión en la Jefatura del Estado (aprobada logo en referendum en xullo) que convertía a Franco en "rexente" dun futuro monarca. Esta lei foi rexeitada en principio por D. Juan de Borbón que publicou o Manifesto de Estoril, pero claudicou ao ano seguinte e permitiu que o seu fillo Juan Carlos se educase en España baixo a tutela de Franco.
Fin do illamento
  A finais de 1947 empezouse a ver que esta estratexia deu resultado. Os Estados Unidos, a pesar do odio de Truman a Franco, opuxéronse na ONU a unha nova condena a España. En 1948 Francia reabriu fronteiras e asináronse acordos comerciais con ese país e co RU. En 1949 recibiuse o 1º credito dun banco estadounidense por uns simbólicos 25 millóns de dólares. O estalido da guerra de Corea foi o directo causante do fin do illamento español. O 4 de novembro de 1950 a Asemblea Xeral da ONU revogou por ampla maioría a resolución de condena do réxime franquista de decembro de 1946.

sábado, 21 de enero de 2023

A familia Viqueira (Casal)

 
   As fértiles terras do Casal deron acomodo a algunhas das máis ricas familias campesiñas da parroquia: Barreiros, Martís, Ferreiros... 
  Preto da intersección coa estrada que vai ao Bidueiro vivía outra desas familias, os Viqueiras. O patriarca foi José Viqueira Martínez. Sabemos que non tivo boa relación cos seus veciños os Martís, pois tivo un xuízo contra eles en 1926, e tampouco se levaba ben co seu cuñado Marcelino Conde. Casou con Estrella Conde Barreiro, irmá de José, o patriarca dos Condes do Bidueiro, e de Manuela a Conda, matriarca dos Recousos de Parada. 
 
 
  O matrimonio tivo 8 fillos que chegaron á idade adulta: Manuel, José, Dolores, Carmen, Ricardo, Manuela, Laureano e Josefa. Tamén houbo polo menos un, Marcelino, que morreu sendo un neno de 11 anos.
 
Manuel Viqueira Conde o Ferrador (1901-1976) instalouse no Recreo e casou con María Moar Pérez, tamén primoxénita de Jesús Mª José Moar e Generosa Pérez, quen morrería ao dar a luz o seu 2º fillo, Manolo dos Ramos (o que tivo un ultramarinos en Alfonso Senra, hoxe decorado cun impactante mural de Liqen Jakkala). Manuel e María tiveron tres fillos: Jesús, Arturo e Estrella. Manuel pasou os últimos anos na Coruña.
  
José Viqueira Conde (1903-1987), o segundo fillo, foi o que quedou na casa familiar. Casado con María Castiñeiras González (1924-2015), unha moza de Xesteda, tiveron 6 fillos: José, Manuel, Josefa, Mª Carmen, Ricardo e Jesús, a maioría deles vivindo no Casal. Quizais o último, Jesús Viqueira Castiñeiras Viki, é o máis coñecido porque traballou en Correos, tivo actividade política e estivo relacionado sempre coa promoción do folclore galego, participando en "Sementes do Arte" e dirixindo o Grupo de Danzas de Leira. 
 
Dolores Viqueira Conde (1904-1992) casou con José Landeira Ríos (1900-1992) con quen viviu no Castro (Parada) na entón chamada Casa Ríos porque a propietaria fora María Ríos Mosquera, mentres o seu marido, Manuel Landeira Regueiro, proviña de Castenda. Dolores e José tiveron 5 fillos, dous dos cales emigraron a América. A que quedou na casa familiar foi a última, Mª Balbina, que casou con José Bermúdez e é a nai do coñecido José Luis Bermúdez Landeira. 
Carmen Viqueira (?) casou con Domingo Rivas Viqueira o Compoñedor da Tiopeira (1905-1974) con quen viviu en Esmorís e co que tivo unha única filla, María, que casaría con Andrés Cancelada, o conserxe do Colexio Castelao. Carmen morreu moi nova e está soterrada no cemiterio de Buscás.
 
Ricardo (1909-2000) casou con Manuela Rama Regos (1919-1995), a primeira dos 11 irmáns Rama Regos, máis coñecidos como os de Alberte do Casal, por ser fillos de Alberto Rama Ríos e María Regos Recouso. Establecéronse na Reverencia e só tiveron un fillo, tamén chamado Ricardo. 
Manuela (1911-2003) casou con José Moure Castro, coñecido como Lucas de Villaverde (en realidade Lucas era o seu pai), con quen tivo tres fillos: Flora, José e Josefa. José de Lucas, o fillo mediano, foi o que quedou na casa familiar ata a súa tráxica morte. 
Laureano (1915-1985) casou con María Martínez Viqueira e viviron en Guindibóo. 
Finalmente Josefa Viqueira Conde (1916-1992) viviu en Esmorís (Buscás) porque casou con Manuel Martínez Viqueira, máis coñecido como o Caseiro dos Murís, que morreu en accidente de tráfico en Merelle no ano 1984. Con el tivo 4 fillos: Estrella, Laureano, Isabel e Julia Martínez Viqueira (cos mesmos apelidos que o pai).
 

lunes, 16 de enero de 2023

Poboación da comarca 2022

 
  Por mor do COVID 2021 foi moi atípico na evolución poboacional da comarca ordense. Normalmente perdíanse entre 100 e 300 habitantes por ano, pero nese 2021 só se perderon 34 (menos do 0,1 %) e ata dous concellos da perifería como Frades e Trazo tiveron cifras positivas. 
  2022 significou unha relativa volta á normalidade. Sen chegar ás cifras prepandémicas, a comarca perdeu un 0,18 % da súa poboación, 67 persoas menos, quedando por tanto con 36.136 habitantes. 
  Os tres concellos centrais foron de novo os que mellor se desenvolveron. Oroso e Cerceda medraron arredor do 0,5 % chegando o primeiro aos 7.572 veciños e o segundo superando de novo a psicolóxica barreira dos 5 mil habitantes (da que baixara en 2021). Ordes, totalmente estancado, perdeu 16 habitantes. 
  Os catro concellos periféricos volveron á senda da caída demográfica, aínda que moito máis lixeira que na década pasada. Frades liderou esta caída con 1,4 % menos de poboación, se ben en números absolutos Tordoia superouno perdendo 36 habitantes.

sábado, 14 de enero de 2023

Festas en 1945

 
  Velaquí unha relación das festas que apareceron na prensa no ano 1945.
  En maio, o día 31 celebrouse en Buscás o Santísimo Sacramento, festa custeada nesta ocasión polo veciño das Pombas José Couto Manteiga (ao que lle tocou a quenda como era costume naqueles tempos). Contratou a unha "afinada banda" e gran cantidade de fogos artificiais, moitos deles lanzados xa o día anterior. Don Manuel Martínez Iglesias oficiou a misa cantada, antes da procesión ata o cruceiro onde se cantou a Salve popular en acción de grazas polo fin da 2ª Guerra Mundial en Europa. 
 
  O día 24 de xuño celebrouse en Ordes a festa do Carme, custeada polos veciños dos lugares do Bidueiro, Casal, Darefe, O Balado, O Alto e Gosende. Non se puido celebrar como era costume na capela do Bidueiro por falta de sacerdote, pero si gozaron logo pola tarde da festa campestre no lugar amenizada por unha "afinada" banda e por gaitas do país.
  O día 26 tivo lugar o San Paio de Buscás, custeado por todos os veciños da parroquia que contrataron música, fogos e figuras "de caprichosas formas".
  O 29 tivo lugar en Ordes a festividade do Sagrado Corazón. A imaxe foi restaurada ese ano grazas ás aportacións dun descoñecido devoto. Predicou o franciscano padre Cándido sobre o inquietante tema "Vine a traer fuego sobre la Tierra". A igrexa fora adornada "con exquisito gusto" pola presidenta da asociación Mercedes Salgueiro de Valdés, auxiliada polas señoritas de Acción Católica, Concheiro e del Río. Houbo unha solemne procesión, onde portou o estandarte o mozo Alfredo Calvo Abeijón, que estivo presidida polo concelleiro Eduardo Somoza del Río*, quen leu a consagración da vila ao Sacro Corazón. 
 
  En xullo houbo unha novena dedicada á Virxe do Perpetuo Socorro e o día 7 comezou outra na honra da Virxe do Carme, custeadas polos devotos. 
  O primeiro domingo en Montaos celebrouse a festividade da Virxe do Carme, custeada polo veciño de Fosado Francisco Remuiñán, marido de Manuela Bermúdez, que contratou á Banda de San Mamede e a un "distinguido orador". Pola tarde os autobuses levaron a moitos ordenses á festa. 
 
  En agosto fíxose unha exposición de labores e traballos manuais realizados polos alumnos do Colexio do Sagrado Corazón, rexentado pola mestra Mª Carmen del Río. O día 10 celebrouse unha misa de comuñón. 
  A comisión organizadora das festas patronais estivo presidida por Viriato Lamas, sendo os outros membros Luciano Concheiro, José Mariño e Antonio del Río. 
  Comezaron o martes día 14. Ás 12 da mañá un grupo de gaitas percorreu as rúas da vila. Logo, de 10 a 2 da madrugada verbena na Alameda con iluminación á veneciana. 
  O mércores 15, día grande, comezou xa... ás 8 da mañá! con dianas a cargo da renombrada orquestra American Jazz de Marín e pola Banda da Garabanxa. Ás 12 tivo lugar a misa solemne oficiada por suposto polo sacerdote don Joaquín Andrade pero onde o predicador foi o párroco de San Miguel dos Agros de Santiago, don Miguel Louro Louro, seguida dunha non menos solemne procesión presidida polas autoridades. Ás 5 da tarde gran partido de fútbol no campo da Reverencia. Pola noite verbena. 
  O xoves 16, misa cos mesmos párrocos e procesión como no día anterior, pero esta vez na honra de San Roque. Verbena nocturna. 
  Finalizaron as festas o venres 17 con xira campestre e... sesión de cantos flamencos! (para que falemos agora de innovación).  
 
  En setembro como sempre foi o momento da festa da Virxe da Mercé en Poulo. 
 En outubro tiveron lugar solemnes funerais polos "Caídos por Dios y por España", presididos polo alcalde accidental Manuel Verea e polo xuíz comarcal Juan Liñares Castro. A misa de Requiem foi oficiada polo párroco de Leira don Ramón Pérez Rajoán, auxiliado polo de Pulo e por don José Barreiro Uzal, e acompañada ao armonio polo párroco de Ordes don Joaquín Andrade. 
  Do día 26 ao 28 celebrouse un tríduo. A exposición maior da súa Divina Maxestade ao anoitecer rematou cunha colecta pública para os gastos das misións en "tierras de infieles". 
 
    En novembro celebrouse a festa de San Clemente en Mercurín e o día 30 o Santo André de Lesta, ambas as dúas parroquias rexentadas por don Lino Caramés García. 
  O día 30 en Ordes comezou unha novena dedicada á Virxe Inmaculada con misas pola noite. 
  Por certo que ese mes, a corporación municipal acordou soster a 20 nenos estranxeiros, e o alcalde, Manuel Verea, un do seu propio peto.
 
* Eduardo Somoza del Río (1899-1965) pertencía a unha distinguida familia coruñesa con casa de campo en Palavea. Era fillo de Eduardo Somoza e Luisa del Río. Unha das súas irmás, Julia, estaba casada co aristócrata sevillano Hernán Martín de Barbadillo, conde de San Félix e alcalde da Coruña en 1937. Outra, Luisa, co avogado Pedro López Sors y Freire de Andrade.
  Eduardo foi xuíz comarcal en Ordes e concelleiro. Casou con Mª Carmen Viqueira, irmá de Mundito, coa que tivo 3 fillos: Mª Carmen, Mª Luisa e Eduardo Somoza Viqueira.

domingo, 8 de enero de 2023

A Casa Grande de Parada

  No lugar do Pazo a uns 200 metros ao norte da igrexa parroquial de Santa Mariña está situada a denominada Casa Grande de Parada, un exemplo bastante representativo das casas señoriais da zona de agras do interior da provincia coruñesa. 
 
 
  É un edificio lixeiramente trapezoidal de dúas plantas cuns 28 metros de lonxitude (a fachada norte) e entre 7 e 8 de anchura, polo que ten de superficie máis de 200 metros cadrados. Como era habitual na nosa comarca os muros son de cachotería, reservando os perpiaños para as xanelas. A cachotería logo era revocada e encalada. 
  Na actualidade está restaurada e conta con algún engadido moderno como un balcón sobre catro columnas de pedra enriba da porta principal da fachada sur, fachada na que tamén destacan un par de escudos moi desgastados e un reloxo de sol. 
 

  Hai máis edificios como alpendres e o fogar dos caseiros que forman unha especie de L ao revés. A uns 50 metros ao sur podemos ver unha xigantesca "hórrea", a máis grande do concello, duns 20 metros por cinco. O seu aspecto xeral e o seu tellado de lousa lémbranos a orixe luguesa dos propietarios.
  Non coñecemos a antigüidade da casa nin a familia que a construíu, aínda que nos escudos podemos ver as armas dos Moscoso, Caamaño, Montenegro e Andrade. 
 
 
  O que si sabemos é que a finais do século XIX o propietario era José Mª Eduardo del Valle Varela (m.1912) de Carraltravesa, parroquia de Sabadelle (Chantada), casado con Manuela González. Herdouna o seu único fillo Balbino del Valle González (m.1958) casado en 1914 con Carmen Vázquez Mariño coa que tivo 11 fillos, un deles, José, foi alcalde de Santiago, procurador en Cortes e gobernador civil de Lugo. Estaba en Parada durante o Alzamento e foi detido polos membros da Fronte Popular. 
  A Casa Grande foi herdada por Francisco del Valle Vázquez e hoxe é propiedade da súa viúva que a visita coas dúas fillas do matrimonio.

jueves, 5 de enero de 2023

Anastasia Pisonero Ramos

 
  Anastasia Pisonero Ramos, máis coñecida como Tasina, naceu en 1927 en Villalón de Campos, pequena vila do norte da provincia de Valladolid, no seo dunha familia ilustrada. O seu tío, o sacerdote don Eulogio Ramos Gangoso (1883-1966) foi profesor de filosofía do Instituto de Ensino Medio de Vigo e autor de varios libros. 
  A súa nai morreu moi nova sen deixarlle ningún recordo. Como nos contos de fadas, o seu pai volveu casar e a súa madrastra foi con ela fría e distante. Con 9 anos de idade trasladouse co matrimonio e a súa irmá Ana María Luisa a Vigo, onde estudou interna no colexio das Carmelitas ata os 16. Posteriormente cursou Maxisterio en Pontevedra. Alí coñeceu a Viriato Lamas Gutiérrez (1924-1993) que tiña un comercio de confección na cidade a medias cun tío seu. Acabada a carreira de Maxisterio comezou a dar clases en Tui. 
  En 1951 casou con Viriato, quen decidira independizarse da tutela familiar cambiando Pontevedra por Ordes, lugar que coñecía xa que levaba anos residindo nel outro tío seu: Viriato o Vello. 
 
 
Naqueles tempos practicamente todo se vendía nas feiras pero non había comercios modernos como nas cidades. Puxeron unha tenda na esquina de Alfonso Senra coa entón rúa Directorio (onde hoxe está Froiz) que causou unha revolución na zona.
A forma de levar o negocio era innovadora e o escaparate inmellorable. 
  Viriato comezou adquirindo as prendas de punto na Coruña, pero, coñecendo perfectamente o custo da la e da confección, ocorréuselle comprar unha máquina e contratar a dúas mozas para facer as pezas. Tasina tiña unha proposta para dar clases nunha academia pero rexeitouna e preferiu acompañar no traballo empresarial ao seu marido. 
  Pronto ampliaron a maquinaria comprando unha devanadora de 4 púas para atender a crecente demanda. Tasina lembraba que un pedido de 60 xerseis para Vigo pareceulles unha auténtica tolemia. 
 
  Nese momento construíron a casa, unha nave e compraron varias máquinas, o que foi o paso definitivo cara á produción industrial deixando o comercio minorista de lado. Iso implicou a contratación de moitas máis traballadoras. As mulleres da comarca, afeitas ao duro traballo do campo, aínda que con mans tan rudas que lles eran difíciles as tarefas delicadas, responderon con entusiasmo. “Para ellas fue una liberación, hasta el punto de que preferían venir también los sábados porque en sus casas las obligarían a hacer las faenas agrícolas”. En menor cantidade tamén houbo homes: contrataron a mecánicos de coches e recicláronos para coidar a maquinaria téxtil. Tratábase de xente afeita a unha vida dura, e que diante da oportunidade que se lles brindou, dérono todo. O patrimonio humano en Viriato foi moi importante: “Si no fuera por esta gente y su forma de hacer, Viriato no existiría”. Había bo ambiente e moita colaboración. Viriato era ao principio como unha gran familia. O matrimonio sempre se sentiu responsable dos seus traballadores e tanto Tasina como o seu marido coñecían a todos persoalmente. 
 
  Quizais por esa infancia tan triste e a falta de amor materno deu moita importancia á familia, compaxinándoa perfectamente co traballo. Tivo 9 fillos, o último cando pasaba bastante dos 40 anos. Foron Mª Luisa, Victoria, Beatriz, Ana, Amparo, Víctor, Viriato, Anastasia e Pablo. Pero o seu marido dicíalle que tiña un décimo fillo máis: a empresa. 
 
  Tasina sempre foi unha persoa moi versátil no seu traballo, e tanto se encargaba da mostraxe como dos provedores ou do persoal. Ademais realizaba viaxes para ver os avances que había en países como Escocia, Alemaña e Italia, e para traer materia prima. Aínda que o seu traballo era máis aparente e Viriato dedicábase máis aos papeis e estaba moito tempo no despacho, ela sempre recoñeceu que el era o espírito e a forza impulsora da empresa. 
  “Lo difícil fue el primer cliente. luego se corrió la voz y vino todo rodado”. A fábrica chegou a ter arredor de 500 empregados e a fabricar 5.000 prendas diarias. O lema de Viriato era “Vendemos mucho porque vendemos barato, y vendemos barato porque vendemos mucho”. Nos 70 e 80 era un imperio que fabricaba para El Corte Inglés, Galerías Preciados ou Cortefiel. Máis da metade dos xerseis de punto que vestiron millóns de españois fabricáronse en Ordes. 
 
  Tasina a posteriori comentou que quizais foi un erro medrar tanto. O ambiente de familia dos primeiros tempos desapareceu e coa enfermidade de Viriato "Todos los hilos de aquel maravilloso entramado que él había tejido se fueron deshaciendo. No hubo nadie que pudiese recomponer lo que solo él supo crear". Obviamente a morte do seu marido en xuño de 1993 foi un duro golpe para ela e para a empresa, que acabaría en mans do "arxentino" de Cestaños Francisco Ríos. 
   Tasina foi recoñecida xunto ao seu marido en 1998 como fillos predilectos de Ordes e tamén recibiu o Escudo de Ouro de Pontevedra (sen ser galega). 
  O feito de quedar sen a empresa Viriato non detivo a súa actividade. Con máis de 90 anos seguía cosendo na súa casa da Coruña e dedicando 6 horas a supervisar o produto que fabricaban os seus fillos Pablo e Víctor Lamas coas firmas Maslamas e Pisonero. 
  Morreu o martes 3 de xaneiro de 2023 aos 95 anos de idade.
 

lunes, 2 de enero de 2023

Visitando Mercurín

     No xornal La Voz de Galicia aparecen habitualmente uns artigos de Cristóbal Ramírez onde descobre lugares naturais pouco coñecidos e interesantes para percorrer a pé ou en bicicleta. Hai varios deles dedicados ao concello de Ordes. Este foi publicado o 10 de xullo de 2021. 
 

  Tralorrío, la pequeña aldea de Ordes, se ha quedado sin gente. Lo cual no quiere decir que no tenga vida diaria, porque una mujer acude desde la capital del municipio diariamente a pasear su nutrida colonia de canes de todos los tamaños. Esa mujer confiesa que por esas pistas estrechas ha sufrido más de un susto porque, dice, es una zona muy querida por los ciclistas -y hay que añadir que por lo menos por un quad- y con razón: tranquila, sin grandes pendientes, prácticamente carente de tráfico… 
 
  Así que entra en el capítulo de lo comprensible que se coja el coche, se deje atrás Ordes y en la rotonda que espera a un kilómetro rumbo a Mesón do Vento se elija la carretera a Cerceda, dejando a la espalda A Portela, A Poza y Pedre, para tomar el siguiente desvío a la izquierda. A los 200 metros, con la iglesia de San Clemente ante los ojos, a la derecha, y otros tantos más, con una vivienda ocre al frente, giro a la misma mano para detenerse en un entorno en verdad nada cuidado y con un excelente ejemplar de cruceiro en el medio. Ese es un lugar excelente para aparcar el coche y o bien echar a andar o a pedalear. 
 
 
  El monte del fondo, repoblado de eucaliptos, va a ser la referencia. De modo que procede dirigirse hacia él, llegar a las casas de Guntín y encontrar la pista de tierra, que siempre va a ser muy ancha y con buen firme. 
 
  La árida pero necesaria descripción de la ruta incluye que a los 300 metros se elige la derecha, en suave ascenso, a los 700 a la izquierda, a los 900 se está casi en la parte más alta del monte Mercurín (428 metros sobre el nivel del mar) y que toca descender. Al kilómetro, a la izquierda, y a la misma mano a los 1.300 metros (con una amplísima panorámica ante los ojos). En el kilómetro 2, al frente, y en el 2,2, ya con asfalto bajo los pies o las ruedas (ojo al stop), a la diestra para dejar atrás la casa de A Brea y llegar a Tralorrío (kilómetro 2,7). En el kilómetro 2,8 se desemboca en una carretera estrecha, bien señalizada por los bordes, y a descender entre curvas, salvar el río Mercurín y detenerse en el 3,4 para fijarse en la colina de la izquierda, muy arbolada. Ahí fue construido un castro. 
 
  En el cruce, a la izquierda. Esas casas son Trasmil y, ahora sí, visita a la cercana iglesia. El templo tiene el cementerio muy encima y se ve cuidado. Por fuera lo único resaltable es su doble campanario, pero por dentro la cosa cambia. Van a llamar la atención cuatro cosas: primera, el enorme arco triunfal que da acceso al presbiterio y al altar es gótico. O sea, 600 años, más o menos. Segunda, que justo antes del arco, a la izquierda, la pared se presenta algo afeada por manchas que podrían ser de humedad, pero no lo son. Y es que allí había un altar hasta que una vela encendida causó un incendio y la consiguiente destrucción de la pieza (a la derecha, otro altar, con Santa Lucía). Y tercera, la magnífica techumbre, artesonado puro y muy bien protegido, porque, aunque no se ve, encima hay uralita. Que por cierto ha sido tapada con buena teja del país. 
 

  Una última recomendación para los amigos de las bicicletas de montaña: cuidado con la velocidad. No hay mucho riesgo de que los lleve un coche por delante, por fortuna, pero los perros de la animosa mujer de Tralorrío también tienen derecho a la vida.
Cristóbal Ramírez
EL COMIENZO: Desvío en la carretera de Cerceda: 43º06'57"N 8º25'26"W.
EL DESAFÍO: Entrar en el castro (parte del terreno es privado).
LA FOTO MÁS PERSONAL: Con el cruceiro de Mercurín.
LOS NIÑOS: Recorrido fácil para ellos. Disfrutarán más en bicicleta.

domingo, 1 de enero de 2023

Morte en Ardemil

  As primeiras décadas do século XX foron tempos violentos e non só por temas políticos. As liortas entre mozos -e non tan mozos- eran constantes. 
  A parroquia era como a patria: había que defendela, especialmente as súas mozas, dos forasteiros. Por iso é polo que practicamente non había romaría ou baile que non acabase en confrontacións case militares -como a Batalla do Cano- entre os mozos de distintos lugares. Engadamos a iso o alcol, os ciumes, os conflitos persoais, e por fin a TERRA. 
  É difícil para nós agora comprender o sentimento que espertaba nos nosos antepasados "a súa" terra. Era como a súa patria particular, a súa "matria", a súa nai. Calquera mínima substracción dun anaco da súa amada terra era como unha ofensa á súa honra. Isto traducíase en centos de litixios que enriquecían aos avogados e en múltiples pelexas que moitas veces tiñan un resultado sanguento. 
 
  O 4 de xullo de 1945, unha vez máis, correu o sangue en Ardemil e, unha vez máis, foi un conflito pola terra. 
  Manuel Louro Barros, de 27 anos de idade, e Antonio Noya Louro, que ademais de veciños probablemente tamén tiñan algunha relación de parentesco, discutiron pola rega dunhas leiras. Manuel dixo que o tema sería arranxado no xulgado pero iso non acougou a Antonio que, enfurecido, proferiu graves insultos contra a súa nai e atacouno cunha fouce. Manuel, que levaba unha sacha, defendeuse e ao tentar desarmalo deulle un golpe na fronte que acabaría ocasionándolle a morte. 
  O xuízo tivo lugar 15 meses despois en outubro de 1946 na Sala segunda da Audiencia Provincial da Coruña baixo a presidencia de don José Spielberg y Horno. Era o avogado defensor Manuel Gila Lamela (que pouco tempo despois sería presidente do RC Deportivo), sendo procuradores Fernández Alonso e Delgado. O fiscal foi Higinio Sánchez Fuentes e da acusación particular encargouse Manuel Casás Torres, fillo do tamén avogado e alcalde da Coruña Manuel Casás Fernández. 
  Só había unha testemuña da pelexa que era a irmá do morto, Valentina Noya Louro*. Esta retractouse das súas primeiras declaracións motivadas pola dor da morte de Antonio e apoiou a versión do acusado a pesar da presión á que foi sometida polo fiscal. 
  Tamén foron oídos os forenses coruñeses Padilla Lázaro e Fernández Acebal e o ordense Antonio Concheiro, que declararon que un absceso cerebral foi o motivo de que a ferida resultase fatal. 
 
  Tanto o fiscal como a acusación particular pediron 15 anos de reclusión menor e 25.000 pesetas de indemnización para os herdeiros. 
  A defensa argumentou que sen a enfermidade de Antonio o golpe só tería producido lesións e que había que ter en conta a eximente de obcecación e arrebato. 
  Finalmente a sentenza foi reducida a dous anos de reclusión menor e ao pago de 25.000 pesetas de indemnización porque o tribunal considerou que a rifa excluía a lexítima defensa, pero si tivo en conta as eximentes de arrebato e non ter intención de cometer un dano tan grave.
 
* Valentina Noya Louro (1914-1994): Tivo unha ida moi dura e non só por pola morte do seu irmán. Quedou viúva moi nova e tivo que traballar moito para alimentar aos seus fillos. Traballou de costureira polas casas e o meu pai recorda que lle fixo algúns pantalóns (entón non se compraba apenas roupa, senón a tea, neste caso o mahón, e as prendas facíanas xastres ou costureiras). Valentina tivo 5 fillos: Manuel, Concha, Adolfina, María e Avelina. Esta última é a nai do coñecido deportista Iván Raña.