domingo, 28 de agosto de 2022

Motíns en Tordoia e Cerceda

  A miúdo cáese no erro de considerar ao campesiñado galego como totalmente submiso ao franquismo. É verdade que a oposición clara e armada ao Réxime era cousa de esquerdistas e comunistas, que estaban moi afastados socioloxicamente duns labregos maioritariamente moi relixiosos e fanáticos defensores da propiedade privada.
  Pero iso non significaba que non houbese descontento entre eles, só que polas perigosas circunstancias daqueles anos, era excepcional expresalo abertamente.
 
  E se había algo que lles causase un profundo malestar iso era o SNT, o Servicio Nacional del Trigo, organismo ao que os agricultores debían informar da colleita real obtida anualmente, base sobre a que se impoñía a entrega da cota forzosa de determinadas producións. Ambos os dous procesos, o de declaración e o pago, provocaron a reacción dos labregos por consideralo tremendamente oneroso e inxusto. As numerosas e continuas sancións, tanto por falsear a declaración como por atraso ou incumprimento do pago da cota, que tramitaron primeiro o gobernador civil e logo a Fiscalía de Taxas en Galicia, son mostra da extensión destas prácticas. Na Coruña, ata 17 municipios tiveron problemas en 1942 co atraso da maioría dos seus conveciños á hora de facer as súas declaracións, o que provocou que fosen amoestados polo Goberno Civil. Nos Libros de Rexistro de Multas de Abastos da mesma provincia aparecen quendas completas cos nomes de veciños dos diferentes concellos que na mesma data foron multados por negarse a entregar a cota obrigatoria. É o caso de 280 labradores do municipio de Laracha, todos multados por esta causa.
  
   En Tordoia o descontento chegaría a converterse en revolta popular, grazas ao apoio das súas autoridades. Proba diso é que xa en abril de 1943 o alcalde Manuel Baleato Costa* foi multado con 500 pesetas por "no cumplir órdenes dictadas por la Comisaría de Recursos de la zona octava". En novembro foron varios campesiños de Castenda (Manuel Gándara, Manuel Rama, Lucía Sanjurjo, María Pena, Francisco Iglesias, Benito Vázquez, José Castro, José Fraga, Manuel Veiras, José Iglesias e a viúva de José Noya) os que recibiron unha multa de 1000 pesetas por "negarse a facilitar la labor de inspección de funcionarios de esta Comisaría de Recursos, y a la entrega de los cupos de patata, trigo y centeno, lo que obliga a tomar una medida radical que corte esta actitud intransigente y que sirva al propio tiempo de estímulo a los que cumplen las órdenes emanadas de la superioridad".
  Ese mesmo mes os labregos de 5 parroquias (Cabaleiros, Gorgullos, Castenda, Numide e Leobalde) coa colaboración dos seus alcaldes pedáneos decidiron recuperar o trigo e millo confiscado polo SNT. Concentráronse nas inmediacións do almacén, provocando graves incidentes, incluíndo ameazas ao cobrador do SNT, ata logar recuperar o gran. As autoridades non conseguiron deter aos veciños, a pesar da ameaza de severas multas no caso de que non reintegrasen as cantidades de cereal confiscado ou devolvesen o seu importe. 
  A xefatura do SNT provincial solicitou ao Gobernador Civil unha forte sanción ás parroquias de Tordoia "pues de otra manera sentarían un precedente que seguirían otros ayuntamientos con el consiguiente perjuicio [...] y la anarquía que supondrá la falta de autoridad". A Comisaría de Abastecementos esixía tamén un castigo severo "pues de repetirse tales anomalías, además de mermar el prestigio de esta Comisaría, predisponen el ánimo del paisano carente de cultura suficiente para hacerse cargo de ciertas equivocaciones". 
  Pero as ameazas non tiveron gran efecto porque en 1944 o novo alcalde foi incapaz de informar sobre o gran dispoñible en Tordoia, xa que as familias seguiron negándose a declaralo. O secretario foi multado dúas veces por outros temas, o que presupón que tampouco tiña boa sintonía coa superioridade. 
 
  Nese mesmo ano de 1944 a revolta estendeuse ao veciño concello de Cerceda. Un total de 169 persoas das súas seis parroquias boicotearon a entrega da cota de millo que lles pretendían impoñer. O cobrador do SNT para a comarca de Ordes escusábase diante dos seus superiores manifestando que tiña feito todo o que estaba na súa man, acudindo en varias ocasións á zona para obter só unha cantidade ridícula de millo. O seu xefe provincial advertía: "Además de suponer una merma en las disponibilidades de cereales con destino a la panificación, con el consecuente perjuicio del abastecimiento, si no se corrige servirá para que en la próxima cosecha no se entregue ningún cereal, no solo de estos mismos agricultores, sino el resto de los ayuntamientos circundantes". 
 
  As autoridades interpretaban os motíns como altercados moi graves e, por tanto, debían ser castigados duramente para que non volvesen repetirse alí onde se xeraron e, sobre todo, para que non se estendesen a zonas próximas. Pero ao mesmo tempo a amplitude das protestas obrigáronos a contemporizar ás veces e a facer a vista gorda, concedendo prórrogas ou condonando multas. En Tordoia a calma chegou en xuño de 1944 despois do nomeamento de Santiago Peiteado Iglesias como secretario de Abastos do concello.
FONTE: Ana Cabana Iglesia

* Manuel Baleato Costa (1915-1988): Da Carballeira de Abaixo en Viladabade (Tordoia). Casou con María Costa Muiño e foi pai de Antonio, José e Jesús Baleato Costa. O segundo, José, casou con María Carmen Veiras Pérez dos Veiras de Pardiñas, lugar onde viven.

No hay comentarios:

Publicar un comentario