miércoles, 11 de junio de 2025

Galicia en 1880

 POBOACIÓN e ECONOMÍA
  Galicia foi historicamente un dos territorios máis poboados de España. A finais do século XVIII o 13% dos españois eran galegos e a nosa rexión a 2ª máis poboada por detrás de Andalucía (17%). Un século despois, en 1880, Galicia baixara á 3ª posición con 1,84 millóns de habitantes, ou sexa 64 por quilómetro cadrado. Deles, o 93% vivía en concellos de menos de 5.000 habitantes. A cidade máis grande era A Coruña, que superaba xa os 35.000 habitantes. Santiago e Ferrol superaban as 20.000 almas, pero o 2º concello máis poboado era A Estrada, con decenas de parroquias e pequenos núcleos de poboación.
  Case todos vivían da terra, pera a terra non era de todos. Galicia era unha sociedade agrícola que soportaba un reparto na propiedade do territorio herdeiro do sistema foral. Era unha época de diezmos, fidalgos, caciques e pobreza. Producíase centeo, millo e trigo en grandes proporcións, pero a maioría dos terreos estaban dedicados a policultivos de subsistencia minifundistas, o que ocasionaba pobreza e unha calidade de vida moi dependente de como resultasen as colleitas.
  Isto propiciu que nesa época arrincase a primeira onda migratoria cara a Ultramar, un éxodo masivo que se estendeu ata 1930 e que, en apenas 50 anos, enviou a América a preto de 400.000 mozos galegos que escapaban da fame e das nulas expectativas vitais.
  Esta economía de subsistencia e minifundista, traducíase nunha das rendas per cápita máis baixas do país. Aínda así, Galicia achegaba un 5,9% ao PIB español, proporción superior á actual. Un dos piares desa produción era a exportación de cabezas de gando vacún, case 36.000 ao ano na década dos oitenta, o que triplicaba a media española.
 
 
ESPERANZA DE VIDA E ALFABETIZACIÓN
  Había miseria, fames, guerras e migracións. A vida era dura para os galegos (e para o resto de España). A esperanza de vida ao nacer, no conxunto do territorio, non alcanzaba os 30 anos. Os avances en medicina e o desenvolvemento do rural a partir da segunda metade do século permitiron unha mellora das condicións de vida e unha notable diminución da mortalidade infantil. As mulleres tiñan, de media, uns cinco fillos dentro do matrimonio, segundo as estatísticas, pero polo menos o 15% dos rapaces nacían fóra del. O duro traballo no campo e a emigración dos homes ao estranxeiro provocaba que as parellas casasen máis tarde, polo que o primeiro fillo non adoitaba chegar ata que a nai cumpría os 25 anos.
  Os nenos e nenas eran man de obra para coidar o gando ou traballar nas colleitas que mantiñan ao millón 700.000 campesiños galegos. A educación era, por tanto, un luxo para a maioría. As escasas escolas estaban abarrotadas de alumnos de distintas idades e niveis, pero estímase  que na década de 1880 só o 50% dos nenos  e menos do 25% das nenas ían ao colexio.
  Aínda que o acceso dos menores á educación comezaba entón a incrementarse, as taxas de alfabetización eran moi baixas, inferiores á media nacional. En 1877 o 54% dos homes e un altísimo 92%! das mulleres eran analfabetos.
 
ILLAMENTO
  Unha das causas da pobreza era o illamento da rexión, que tiña moito que ver coa súa orografía. A década dos oitenta do século XIX foi clave para o progresivo abandono dese illamento terrestre coa inauguración das primeiras liñas cara a Madrid desde as principais cidades. A liña ferroviaria directa entre Madrid e os portos da Coruña e Vigo abriuse en 1883 e 1885, respectivamente. O tempo de viaxe era arredor de 29 horas e o custo daquela longa aventura dependía da clase na que se comprase o billete. Só a ida, en primeira clase, custaba unhas 100 pesetas (ao cambio actual sobre 400 euros). A pesar da conexión ferroviaria co resto da Península, habería que esperar aínda varias décadas para a vertebración interior de Galicia: a liña entre Santiago e A Coruña non entrou en funcionamento ata os anos 40 do século XX.
 
POLÍTICA
  Aquí si que non había grandes diferenzas co resto de España. Houbo eleccións xerais en 1881, nas que gañou por maioría absoluta (co normalizado fraude electoral da época) o liberal Práxedes Mateo Sagasta fronte ao conservador Antonio Cánovas, co que se turnaba no poder. A lexislación electoral aprobada tres anos antes introduciu de novo o sufraxio censitario masculino, tras un breve período no que todos os homes maiores de 25 anos podían votar. Co cambio, o sufraxio limitábase a aqueles contribuíntes que abonasen ao Tesouro unha cota mínima anual de 25 pesetas por contribución territorial. Tamén podían ser electores algunhas persoas tituladas e os párrocos. Votar era por tanto privilexio dos máis formados e ricos, que participaban nun proceso manipulado desde o principio para asegurar a alternancia entre os dous grandes partidos e que en Galicia daba especial relevancia á figura do cacique. O peso electoral da comunidade era moito maior que na actualidade, en proporción coa súa importancia demográfica no conxunto do Estado. Os galegos elixían entón a 45 dos 392 deputados no Congreso, case o dobre que na actualidade. A abstención era máis baixa que a media nacional. Naquelas eleccións de 1881 participou o 83% do censo.
 
MOEDA E PREZOS
  En 1880, a peseta só levaba 12 anos como unidade monetaria nacional. Había ademais múltiplos como os duros -en Galicia chamados pesos- (5 pesetas) e submúltiplos como os céntimos (0,01 peseta), os reais (25 céntimos) ou os patacóns de cobre (10 céntimos) e as perras chicas (5 céntimos). Nese complexo sistema manexábanse os galegos na década de 1880.
 

  Os xornais, incluída La Voz de Galicia vendíanse por 5 céntimos, pero era máis habitual a subscrición mensual (1 peseta) ou trimestral.
 O pan era un ben que fluctuaba moito de prezo, e entón era catro veces máis caro que un xornal.
  Había moitos anuncios para viaxar en barco a América. Non obstante iso custaba unha pequena fortuna. Os prezos, en función da clase na que se viaxase, oscilaban entre 225 e 785 pesetas a principios da década de 1880. A viaxe máis barata ao cambio actual custaba case 900 € e máis cara superaba os 3.000 euros. 
FONTE: Manuel Varela (La Voz de Galicia)

No hay comentarios:

Publicar un comentario