sábado, 12 de marzo de 2022

Anos 40 (vida cotiá)


  Na década dos 40 a comarca de Ordes era un lugar aparentemente tranquilo, cheo de xente conformista, que o único que quería era vivir en paz. O recordo da guerra e os mortos nas cunetas aínda estaba ben presente pero tentábase esquecer como fose aquela catástrofe.
  O novo réxime era aceptado por case todos: uns poucos acollérono con xúbilo pero a gran maioría recibiuno coa mesma indiferenza coa que recibiran a República, como outra imposición máis "dos de enriba". Unha idea quedou impresa a lume na mente de varias xeracións: “É perigoso meterse en política”. Así que a xente procuraba ter a boca pechada e traballar arreo para saír adiante.
  Os que non o aceptaron, e non remataron mortos ou exiliados, foron poucos. Vivindo nos montes e librando unha desigual batalla, estes guerrilleiros na nosa comarca recibiron o mesmo nome que o alcume do seu xefe: os Foucellas. Para enfrontarse a eles viñeron a Ordes numerosos gardas civís bastante novos, coñecidos como “jaimitos”, que viviron na vila e algúns deles como Valentín Beltrán ou José Perdomo casaron con mozas da localidade.
 
  Había moito temor, tanto aos Foucellas como aos gardas, pois calquera podía ser vítima dunha bala perdida ou por un malentendido gañarse as represalias dun dos bandos. Aínda así non todos o tomaban tan a peito. Na casa da miña avoa Babila alugaron unha habitación o garda Franco e a súa muller, ambos os dous da vila onubense de Chucena. Pois ben, a pesar de coincidir o seu apelido co do glorioso Caudillo, Franco enfrontaba o seu traballo con bastante calma e, en frase feita, era tan vago como a súa chaqueta. Cando tiña que patrullar de noite, pedía á miña avoa que deixase a cancela aberta, volvendo ao cabo dun par de horas para durmir na súa habitación. Se tiña que ir a algunha parroquia, buscaba antes pola vila por se atopaba a algún aldeán para que lle asinase un recibo de que o vira naquel lugar.
 
  Pero como diciamos, a gran maioría fuxía de problemas e bastante tiña con sobrevivir porque a situación era moi dura. En plena posguerra, illada España internacionalmente, había unha enorme penuria. Un xornaleiro agrícola cobraba por un día enteiro de traballo (se o atopaba) unhas 20 pesetas, mentres un ferrado de millo (uns 15 kg) custaba 200.
 Existían cartillas de racionamento que limitaban a adquisición de alimentos (para os que os podían pagar, claro) e outros produtos como xabón ou tabaco, ata o punto que fumadores compulsivos liaban follas secas de pataca. Os campesiños vían controlada a produción de trigo, que debían vender ao estado por catro perras (había un almacén preto da tenda de Fernanducho). Floreceu o mercado negro porque os prezos oficiais eran irrisorios e grande a tentación por gañar algo máis que unha miseria, pero cando os estraperlistas eran atrapados as multas eran altas, superando ás veces as 1.000 pesetas (Benito Veiras de Poulo en 1941 chegou a pagar 15.000 pesetas, cando unha casa e os seus aveños estaba valorada nunhas 40.000). Para completar a postal á entrada das cidades como A Coruña e Santiago había fielatos que aínda cobraban máis impostos aos campesiños ou viaxeiros polos alimentos que levaban consigo, aínda que polo menos tamén exercían un certo labor sanitario.
 
  Todo o mundo na comarca vivía do campo, excepto os profesionais liberais e comerciantes da vila, e aínda case todos estes -menos os Liñares e Astray- tamén tiñan leiras e animais que eran coidados por algún membro da familia ou por criados. Os chamados “caseteiros” non tiñan terras e ás veces tampouco casa e traballaban como xornaleiros.
  Era un traballo sumamente duro e as xornadas eran practicamente de sol a sol. Plantábase trigo, millo, patacas, legumes, verzas, liño e ata toxo que apenas se deixaba medrar porque se necesitaba como abono para alimentar as leiras. Non había ningún tipo de maquinaria agraria mecánica, só carros, arados e outros apeiros movidos por unhas famélicas vacas que traballaban tanto como os seus propietarios.
  Os veciños xuntábanse solidariamente para moitas faenas agrícolas como as mallas ou as esfollas, que aproveitaban mozos e mozas para cantar, bailar e relacionarse. Esta solidariedade non quitaba que houbese inimizades e discusións, case sempre por problemas de lindes, que moitas veces remataban violentamente.
 

  A pesar da dureza da época, sempre nos caracterizou o gusto polas festas, que se seguiron celebrando á máis mínima ocasión. E por suposto era o momento que moitos mozos aproveitaban para desfogarse e organizar multitudinarias pelexas cos doutras parroquias por calquera nimio motivo.
  A práctica relixiosa estaba moi estendida. Case todas as mulleres, moitos homes e todos os nenos asistían a misa os domingos. Ademais rezábase o Ángelus e o rosario e eran frecuentes novenas e outras celebracións relixiosas como o Santísimo Sacramento, o Corazón Délfico, etc.
  A Semana Santa era especialmente solemne: eran días de rigoroso loito, nos que case non se podía sorrir nin cantar. Asistíase ás celebracións litúrxicas e á procesión do Venres Santo. A excepción era o Domingo de Ramos onde os mozos competían por ver quen levaba o ramo máis longo e acostumaban xogar con eles. Tamén era importante o feito de que esa semana recollían a auga bendita, imprescindible para botar por casas, leiras e cortes dándolles divina protección.
 
  As casas eran de pedra, frías e húmidas no inverno pero frescas no verán. Evidentemente non tiñan auga corrente e a maioría tampouco aseo. Usábase ouriñal polas noites e unha almofía polas mañás para lavar a cara e as mans. Para facer as necesidades empregábanse as cortes das vacas ou saíase ao exterior (cagar entre o millo).
  Por suposto non había lavadoras e as mulleres tiñan que ir ata o río ou a algún lavadoiro como había na Fonte Estrei. Co fría que estaba a auga, especialmente no inverno, era un traballo moi duro, pero tamén un pequeno escape porque era un momento de charla e murmuración.
  Na vila houbo desde 1922 luz eléctrica, que se lle pagaba a Fernanducho, e estación telefónica desde 1927 pero case non había teléfonos. No rural seguíronse utilizando candeas e candís.
  Tampouco había coches particulares, agás os dalgún veraneante como o avogado José Mª Méndez ou o oculista coruñés Manuel Sánchez Mosquera, pai de Manuel Sánchez Salorio.
  Só as familias máis ricas da vila tiñan radio, na que podían escoitar o inevitable Ángelus ás doce, coplas, radionovelas e as noticias que aprobaba o réxime. Se o aparello era bo tamén se podía sintonizar Radio España Independiente (La Pirenaica), emisora clandestina que atacaba a Franco, ao que denominaba "El Caimán del Pardo", ao tempo que enaltecía a Stalin.
 

2 comentarios:

  1. Encantariame que falaras do barrio do piñeiro. Un barrio que necesito coñecer de Ordes. Posto que me dixeron que ten moita historia.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Pois de momento non teño información suficiente. Pero se logro coñecer esa historia, aquí aparecerá. Un saúdo.

      Eliminar