sábado, 25 de abril de 2026

Lois volveu á casa

 
   A chegada dos restos do heroe local, Manuel Lois García o Soldado Lois, o martes 29 de xuño de 1965 non só sería o evento máis importante dese ano senón de toda a década dos anos 60.
  Previamente desde maio levantouse na parede norte do cemiterio un mausoleo, proxectado polo escultor Pedro Fernández Navarro. O punto focal sería unha estatua de bronce de 1,61 metros que representaba a un Lois estilizado saíndo dunha letra "V" (de vitoria), sostendo unha áncora, en posición ascendente cara ao ceo. Esta estatua foi fundida polo mestre Martínez no Ramo de Armas Navais.
  O alcalde de Ordes, Juan Liñares Castro, trasladouse a San Fernando (Cádiz) desde onde acompañou á ambulancia que trouxo os restos mortais de Manuel Lois García. Ás 11 e media da mañá dun día de sol brillante chegou á vila que estaba repleta de militares preparados para renderlle homenaxe e de moitísima xente desexosa de contemplar o acto.
 

  A maior autoridade era capitán xeneral do Departamento Marítimo do Ferrol, almirante Rafael Fernández de Bobadilla. Acompañábano o comandante xeneral do Arsenal vicealmirante Miguel Ángel García-Agulló y Aguado, o subgobernador militar da Coruña xeneral José Mosquera Palleiro, o xefe do Estado Maior do Departamento almirante Cadarso, o xefe do Sector Aéreo de Galicia coronel Torres Prol e o coronel xefe do Terzo Norte de Infantería de Marina Manuel Auz Trueba. Estaban tamén o secretario xeral do Goberno Civil da Coruña Marcos Hidalgo, o vicepresidente da Deputación provincial Manuel López Sendón e os alcaldes do Ferrol, Rogelio Cenalmor, e de Santiago, Francisco Luis López Carballo.
  Seis infantes de Marina fixéronse cargo do féretro e levárono aos ombreiros ata un punto situado fronte ao altar levantado na "súa" Alameda. Deu comezo a misa oficiada por un capelán castrense. Nun sitial de honra estaba o bispo auxiliar de Santiago Miguel Novoa Fuente, mentres as autoridades ocupaban unhas tribunas levantadas para a ocasión. Alén dos soldados, entre os presentes había un grupo de sobreviventes do cruceiro Baleares acompañados dos seus familiares e a HMVC -Hermandad de Marineros Voluntarios de la Cruzada- (que despois aproveitarían para desprazarse ata Santiago en peregrinación). Antes de empezar cantouse a Oración Marinera e ao final a Salve Marinera.
 
 
  Comezou logo a homenaxe onde se deu lectura á orde na que se lle concedía a Lois a Cruz Laureada de San Fernando, que foi imposta ao féretro a título póstumo. Un oficial leu o relato da acción heróica e logo houbo discursos do coronel de Infantería de Marina, do alcalde Juan Liñares (con chaqueta branca de uniforme) e do capitán xeral do Departamento. Despois chegou o esperado momento do desfile das tropas pola avenida Alfonso Senra, que as autoridades presenciarón desde a balconada do concello.
  Loxicamente a conclusión tivo lugar no cemiterio onde se procedeu a introducir os restos na súa tumba, sobre a que depositou unha coroa a HMVC.
 E así rematou un evento que sería lembrado durante moitos anos.
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario