viernes, 25 de agosto de 2023

O ano 1950


  En 1950 seguía escalando a Guerra Fría. En xaneiro a URSS de Stalin e a China de Mao concertaron unha alianza e en febreiro nos Estados Unidos o senador McCarthy comezaría a súa famosa cruzada anticomunista. En xuño o exército do Norte cruzou o paralelo 38º, dando comezo oficial á Guerra de Corea. Seul caeu rapidamente e logo case todo o país. A ONU enviou as súas tropas (a enorme maioría estadounidenses) en xullo. Pronto reconquistaron Seul e cruzaron en sentido contrario o paralelo 38º en outubro. Isto provocou a reacción china (anexionando naqueles momentos o Tíbet), que entrou na contenda e desequilibrouna a favor do Norte.
  Mentres no próximo Oriente a ONU pretendía dividir Xerusalén e Israel promulgaba a Lei do Retorno, en Europa volvía algún monarca como Leopoldo III de Bélxica (que abdicou no seu fillo Balduíno) e chegou ao trono Rainiero de Mónaco. Pero o máis salientable foi a Declaración Schuman (de Robert Schuman) en maio, primeiro paso para a Unión Europea. No Vaticano Pío XII proclamou o dogma da Asunción da Virxe.
  En América os Estados Unidos enfrontaron unha insurrección nacionalista en Puerto Rico a finais de ano. En Brasil non houbo guerra pero consideraron unha desgraza nacional a derrota na final do Mundial contra Uruguay, coñecida como o Maracanazo.
  No lado positivo, foi o ano en que por primeira vez se efectuou un transplante de rile en Evergreen Park, naceu a tira de cómics "Peanuts" e apareceron "The Martian Chronicles" e "The Lion, the Witch and the Wardrobe". 
 
  En España a Guerra de Corea foi o último chanzo na rehabilitación internacional do Réxime. A pesar das súas anteriores reticencias, en xullo Truman autorizou unha axuda de 60 millóns de dólares. O 4 de novembro revogouse a condena da ONU a España, votando 38 países a favor, 10 en contra e absténdose 12. Finalmente, en decembro, Estados Unidos reiniciou a relación diplomática mandando como embaixador ao banqueiro Stanton Griffis (aínda que chegaría ao ano seguinte).
  Por contra a economía seguía sen funcionar ben e houbo unha considerable subida de prezos do 25 %. Aínda así ese ano inaugurouse o primeiro tren Talgo en marzo, e en maio o INI xunto con 5 bancos creou a SEAT, que fabricaría vehículos baixo patente da italiana FIAT (contaba cun 7 % do capital inicial). En xullo prohibiríase sacar máis de 2.000 pesetas aos que saíran do país.
  Nese ano estreáronse unha película histórica moi do gusto do Réxime, "Agustina de Aragón" de Juan de Orduña, e outra máis castiza, "La revoltosa" de Díaz Morales, cunha irresistible Carmen Sevilla de 19 anos.
  En 1950 Galicia tiña 2,6 millóns de habitantes despois dunha década medrando a razón de 8,7 anual. Isto supoñía o 9,2 % dos 28,1 millóns que tiña España. Era difícil alimentar tanta xente, así que uns 27.000 galegos emigraron ese ano. Ese ano morreu no exilio Castelao e 6 meses despois apareceu a editorial Galaxia, símbolo de que os galeguistas non exiliados daban por perdida a batalla política para centrarse na cultural. Tamén foi o ano no que o RC Deportivo de Juan Acuña logrou ser subcampión da liga, o seu mellor posto histórico ata a época do "Superdépor".
 
 
Ordes chegou en 1950 ás 10.450 almas (só medrou 250 habitantes na década dos 40). Ese ano foi importante porque se estableceron na vila  un moderno serradoiro da empresa Viuda de Antonio Wais (que tiña instalacións na Coruña, Carballo e Mabegondo) pero sobre todo Viriato Lamas Gutiérrez que sería pronto base fundamental para o desenvolvemento económico da comarca. Ademais...
XANEIRO: Naceu no Pino o futuro párroco Jesús Codesido Ben. Morreu en Ardemil aos 78 anos Juana Gómez Louro, viúva de Pedro Rosende Garaboa.
MARZO: As autoridades de Ordes visitan ao arcebispo Quiroga Palacios. Morreu en Vilamaior Andrés Moar Taboada aos 52 anos.
ABRIL: Voda de Antonio Lois cunha moza de Santa Comba. Morreu o día 3 o párroco de Ardemil don Manuel Gª Castro, sendo soterrado en Bardaos (Tordoia), e o 4 o cabo da Garda Civil de 44 anos Manuel Fariña Mosquera, soterrado en Santa Cruz de Montaos. Festa da Árbore no Mesón do Vento, organizada polo alcalde Genaro González e Julián Marcos. A deputación concedeu anticipos a Ordes e Cerceda para a construción do camiño veciñal Mesón-Cerceda. Partido de fútbol en Montaos entre o Santa Cruz e o FC Tambre de Sigüeiro que remata 1-3.
MAIO: Jesús Candal Gómez fíxose cargo da taberna "El Cruce" no Mesón do Vento. Voda de Antonio del Río con Elvira Pardo. Morreron Jesús Castro del Río aos 34 anos e Juana Figueira Varela aos 86.
XUÑO: Coñeceuse a morte do guerrilleiro Samuel Mayo Méndez Saúl en Cesuras.
XULLO: Faleceu o militar e ex-alcalde Arturo Pérez Loureiro.
AGOSTO: Liorta nunha malla na que foi ferido o mozo Amancio Ruibarlas. O sábado 12 o propio arcebispo Quiroga Palacios bendice o novo Sanatorio Concheiro. Morreu en Leira José García Rivas aos 31 anos.
SETEMBRO: O equipo do Celta comeu en Ordes antes do Deportivo-Celta dese ano. Detido Manuel Vieites Bouzas (24 anos) de Ardemil por roubo dunha vaca. Morre o día 5 en Pardiñas Francisca Bello Suárez, muller de Jesús Veiras Pérez e nai dos 5 Veiras Bello.
OUTUBRO: Inauguración dunha oficina da Caixa de Aforros de Santiago. Morreu o día 7 Mª Gloria Romero Corral, viúva de Arturo Pérez Loureiro, o día 11 María Jesús Moar Viqueira, filla de Domingo Antonio Moar, e o día 30 Antonio Ríos Raña, pai dos Ríos Barreiro.
NOVEMBRO
: Juan Liñares Castro, alcalde de Ordes e Xefe Comarcal do "Movemento". Concurso de Calidade de patacas. No reparto de cemento, á comarca de Ordes tocáronlle 10 toneladas. Nas festas da Coruña premiadas varias parellas de bailaríns de Ordes. Faleceu en Leira Dolores García Viqueira, muller de Manuel Vieites López (m.1954) e nai de 5 fillos, entre eles Doroteo e o mestre Florindo Vieites. Morreu en Beán Isolina Varela Regueiro. Ramón Bao matou ao seu veciño Jesús Sánchez en Pontecarreira.
DECEMBRO: Voda de Ovidio Prado con Rosalía Villar, filla do Chocolateiro o día 14. Morreu o día 17 con 66 anos Carmen Regos Caramelo, muller de Manuel Franqueira e sogra do ex-alcalde Rafael Mariño, e o día 23 en Lesta Manuela Couselo Boquete aos 71 anos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario