No século XIX empeza a haber enterros civís e
esta tendencia acentúase durante o primeiro terzo do século XX. O enterro
civil, fóra do recinto sacro, pasa de ser unha forma de exclusión a converterse
na última afirmación ante a colectividade dunha vontade de rexeitamento á
Igrexa, adoptada sobre todo por republicanos, socialistas e anarquistas.
A propia morte convertíase no último acto
político dunha vida entregada á causa do progreso. Nesta "hora da
verdade" moitos fraqueaban ante as presións sociais e familiares e o
número dos que se mantiñan firmes non era moi alto, sobre todo fóra das
cidades.
O repouso ou non en terra sacra dun cadáver
non era unha cuestión baladí. Para os católicos o funeral relixioso dun
anticlerical supoñía un triunfo, mentres que para os anticlericais o enterro
civil era un motivo de alegría e unha demostración da forza das súas ideas.
Tanta importancia se lle daba, que houbo
conversións de última hora falsas ou forzadas e, doutra banda, tamén
compañeiros laicos que se negaban a aceptalas e tentaban impedir un enterro
eclesiástico ou mesmo chegaban a "secuestrar" o cadáver para facer á
forza un enterro civil.
Para rematar de complicar o asunto, non
faltaba o caso contrario de pobos enteiros rebelándose contra algún sacerdote
que se negaba a soterrar en terra sacra a algunha persoa cuxa vida non se ativo aos
canons relixiosos habituais. Aquí aínda persistía a visión do enterro fóra do
cemiterio como un castigo infamante, como unha mancha á memoria do defunto e
como unha deshonra xeral de todo o pobo.
En Ordes, lonxe de todas estas polémicas,
tamén houbo enterros civís. O primeiro foi o dunha muller, dona Francisca Caamaño Quiroga, esposa do notario da vila don Florencio Pol.
Morreu o 17 de setembro de 1892 e, dado que compartía as ideas teosóficas do seu
marido, enterrouse civilmente o día 19. O viúvo presidiu o dó. Levou o cadáver, que
vestía un hábito branco, nun cadaleito tamén branco ata unha das súas leiras,
chamada "O Laranxal" (o que hoxe é a esquina nordeste do cemiterio
vello). Alí don Florencio deu un discurso á numerosa concorrencia (a súa
familia, amigos e moitos curiosos que se
achegaron a ver de que ía o asunto) e procedeuse ao enterro. Máis tarde deu aos
pobres os cartos que tería gastado no funeral relixioso e así todos contentos!
No hay comentarios:
Publicar un comentario