O ano 1947 estaba sendo tráxico: xa no primeiro trimestre morreron catro homes
a mans da guerrilla, e posteriormente na emboscada no Fontao caeron o xefe guerrilleiro Manuel Ponte e dous compañeiros.
Pero por se isto non fose suficiente aínda
habería tres caídos máis na comarca.
O día 9 de agosto morreu en Ordes José Ríos Gómez. Era un home de 35 anos que
nacera en Poulo pero estaba casado en Parada con Jesusa del Río Veiras, coa que
tiña dous fillos, Manuel e Dorinda Ríos.
José, enlace da guerrilla, foi detido e
levado ao posto da Garda Civil en Ordes ubicado na rúa principal (onde hoxe
está o supermercado "Froiz"). Alí rematou os seus días porque,
segundo explicación oficial, tirouse ao pozo que había no patio. Posiblemente
estaba sendo torturado e quixo evitar sufrir máis. Unha teoría alternativa máis
probable é que os propios gardas foran os que o tiraron ao pozo, ben
intencionadamente ou por accidente.
En novembro
volveu a correr o sangue. Morreu o alcalde de Mesía José Candal Vieites. José, como
podemos sospeitar polo seu apelido, era nativo da parroquia de Ardemil, fillo
de Antonio Candal e Rosa Vieites, pero vivía en Visantoña na coñecida como
"Casa da Panadeira". Tiña 36
anos, estaba casado con Mercedes Mouriño Suárez e tiña catro fillos: Felipe,
María, Julia e José Candal Mouriño.
Ser alcalde naqueles tempos era unha profesión
de risco. Os foucellas ameazárono varias veces e, finalmente o 24 de novembro
remataron por matalo.
Só dous días despois, claramente como
represalia, a Garda Civil detivo na súa casa de Soutelo (Olas) a Antonio Sánchez
Uzal. Íano levar ao cuartel de Xanceda, pero nunca chegou. No camiño
da Areosa, preto de Mesía, aplicáronlle a lei de fugas, disparándolle varios
tiros. Antonio tiña 40 anos e estaba casado con Herminia Gómez Rodríguez coa
que tiña 5 fillos: María, Josefa, José, Vicente e Manuel Sánchez Gómez.
Colaborador da guerrilla, fora un dos
participantes na voadura de varios postes de comunicación en Ardemil e estivera
preso no cárcere da Coruña. Anos despois no lugar da súa morte, a súa familia
colocou unha cruz de formigón que aínda se conserva.
Pero tampouco faltaron as mortes violentas nas que non pintaba nada a política.
Xa en decembro,
o día 4, o mozo de Sigüeiro Manuel Piñeiro Filgueira no monte da Cavadiña
disparou a súa escopeta matando ao seu veciño Severino Ferro Seijo. Manuel fuxiu
polos montes pero foi detido un par de semanas despois. A razón fora que
Severino opoñíase ás relacións do mozo cunha cuñada súa.
En Mesía a moza de 21 anos Elena Gómez
Sánchez morreu a mans do seu veciño Antonio Martínez Cao de 25. Cando
ía acompañada do seu irmán maior, Antonio apareceu de súpeto e sen mediar
palabra disparoulle dous tiros. A causa foi que ela rexeitara os seus
requerimentos amorosos. Antonio fuxiu do lugar pero foi detido ao día seguinte na estación
de Cesuras cando pretendía coller o tren.
E así rematou un ano para esquecer na comarca
de Ordes.
No hay comentarios:
Publicar un comentario