Despois do terrible "ano da fame" de 1853,
Galicia foi recuperándose lentamente. Tres foron as principais causas desta
recuperación:
-
A masiva emigración aliviou a presión e ao mesmo tempo reactivou a economía xa
que mobilizou moitos capitais (o emigrante tiña que pedir préstamos para a
viaxe) e beneficiou ás navieiras.
-
A onda expansiva da recuperación española (construción de ferrocarrís,
estradas, melloras no exército ...) que proporcionou traballo a moitos
desempregados.
-
A expansión de oficinas bancarias, entre elas sucursais do Banco de España,
pola xeografía galega que achegou un crédito máis accesible a máis xente.
Pero esta recuperación sempre foi bastante
débil. Sobre 1880 comeza a chamada "crise finisecular" causada,
sobre todo, pola chegada masiva de cereal americano que afundiu os prezos e a
Guerra de Cuba, onde Galicia sufriu máis que o resto do estado debido ao
altísimo número de galegos que vivían en Cuba e tamén á gran porcentaxe de
galegos que había no exército. Se a isto engadimos algún ano de malas
colleitas, a mestura era deprimente.
Grazas ao xornal "El Fomento"
coñecemos os efectos da crise de 1880
na comarca de Ordes. O ano 1879
a colleita de centeo e trigo foi moi escasa polo que os
prezos subiron. Estes dous cereais eran os que os campesiños destinaban ao pago
de contribucións, pero ao non dispoñer deles tiñan que botar man da hipotética
colleita de millo, que practicamente era a súa única fonte de alimentación.
O millo, pan dos pobres, o sustento de millón
e medio de galegos, chegaba a alcanzar os 18 reais (prezo habitual do trigo que
era un cereal de luxo). Ao non poder satisfacer as cotas das contribucións, os
recadadores recargábanas nun 21,5 % chegando algúns campesiños a ter que vender
as propiedades para satisfacelas.
En 1880, a pesar dos 20.500 reais que se recadaron
na cidade de Coruña e que se empregaron en comprar 1.450 ferrados de millo para
os pobres de Ordes, a situación foi dramática.
"El Fomento" queixábase de que os
campesiños tiñan que endebedarse baixo condicións de usura porque non había Pósitos
nin Bancos agrícolas e que o Ministro de
Facenda esixíalles os mesmos impostos que en anos normais. Segundo o xornal "De cada parroquia de esta montaña,
compuesta aproximadamente de 80 vecinos cada una, 60 piden limosna, 15 recurren
al préstamo y solo 5 pueden pagarlo (el impuesto) regularmente". A
frase é probablemente esaxerada nas súas cifras pero non debía alonxarse moito da verdade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario