O ano 1936 estivo marcado polas eleccións de febreiro que lle deron o
poder á Fronte Popular. En Ordes esas eleccións demostraron que a
República copiaba os modelos da Restauración porque houbo un claro "pucherazo" no distrito
auspiciado directamente desde a dirección provincial de Izquierda Republicana da Coruña. O historiador Emilio Grandío
Seoane parece disculpar eses métodos escribindo: «A cuestión que se lles
plantexaba a aqueles que querían reformar o réxime, modernizar e laicizar o
estado era a seguinte: o fraude existe, as bolsas cautivas de votos están aí
para ser utilizadas, ben para unha banda ou para outra, non van estar
estáticas. Se non se
aproveitan van incrementar os votos do meu contrario. Deste xeito, neses anos
acontece un estraño paradoxo: para modernizar as estruturas, é preciso utilizar
os vellos procedementos. Só era posible a aplicación institucional da
democracia coa utilización de métodos fraudulentos, precisamente porque se
atopaban ben presentes».
O relevo do concello aínda
tardou case un mes. Antonio Concheiro foi substituído por un tal Antonio Fuentes Gonzálvarez (alcalde
desde o 7 ata o 26 de marzo), que, á súa vez, deixaría paso ao mestre
carralense Germán Doval García (26
de marzo ata o 24 de xullo de 1936). Non foi unha época tranquila. Chegou a Ordes un destacamento da Guardia de Asalto e comezou a
intimidación dos adversarios. Antonio Concheiro e Juan Amigo foron detidos por
reunión ilegal e pouco despois temendo pola súa vida, Concheiro escondeuse en
Mercurín.
O Alzamento de xullo deu paso ás xornadas
máis tráxicas na historia recente de Ordes. A resistencia montada polas forzas
de esquerda, apoiadas algúns días pola Columna Sanfíns, de pouco valeu. Cando chegaron os militares, comezou unha cruel
represión que acabaría coa vida de moitos paisanos, entre eles o
secretario do PSOE de Ordes, Manuel del Río Mandayo. Tamén apareceron en Leira, Parada e outros lugares cadáveres de esquerdistas de fóra da comarca.
XANEIRO: Reunión o día 6 para constituir o
bloque de esquerdas. Na xuntanza do Consello Nacional do Partido Galeguista en
Compostela participan os ordenses Pedro Álvarez e Xosé García. Fracasado mitin
galeguista por falta de público en Ordes. Voda do avogado Jaime Concheiro Iglesias con Sofía del Río Carballido (da farmacia de arriba). Morre Carmen Caramelo Varela.
FEBREIRO: Mitin da Fronte Popular no Teatro
Troche. Falan García Gerpe (Izquierda Republicana), Suarez Picallo (Partido Galeguista) e Beade Méndez (Partido Socialista). No
acto repártese o manifesto "A los
trabajadores y electores en general del Ayuntamiento de Órdenes". Nas eleccións xerais do día 16 gaña fraudulentamente a Fronte Popular no distrito de Ordes.
MARZO: O Goberno Civil disolve o Concello Ordense e e
ordena a constitución dunha comisión xestora formada por persoas afíns á Fronte
Popular que gobernará ata as previstas eleccións do 12 de abril (logo
suspendidas). A maioría desta comisión está formada por integrantes de Izquierda Republicana. Mitin de
propaganda autonomista no Cine Troche. Falan García Gerpe, Ramón Astray e o
practicante Maximino Castiñeiras García, cerrando o acto o avogado socialista
compostelán Juan Jesús González. Morren o ex-alcalde Benito Regos Regos e Dolores Amado Ferreiro con 36 anos.
ABRIL: Intimidación aos dirixentes da dereita: detidos
Antonio Concheiro pai e fillo e Domingo A. Moar (ata tres veces), que tamén viu
atacada a súa casa. Ramón Moar Lata (22 anos) de Buscás disparoulle tres tiros
ao seu veciño Tomás Iglesias.
MAIO: Novo xuíz de instrucción, Fernando Roldán
Martínez, chegado de Celanova. Mitin comunista en Ordes.
XUÑO: Aprobado polo Goberno Civil o regulamento
dunha nova sociedade, o Sindicato de
Profesiones varias de Ordes. Na festa do Sagrado Corazón preséntase a Banda de Música, agora ao cargo de Bernardo del Río. A noite do 18 é derrubado o cruceiro da vila e
partido en tres anacos. Ameazado o párroco D. Ramón Mosteiro e achandada a reitoral. Detido José Luis del Río por intento de roubo no muíño
de Fernando Conde Rey. Na Fraga da Galiña unha nena de 6 meses é devorada por
unha cocha. Unha demente, Dolores de Darefe, mata a paus á nena Manuela Areoso.
José Liñares Ramos de 27 anos agrediu a Ángel Villaverde Bello de 18 por dar vivas ao comunismo, producíndolle unha ferida na cabeza.
Liorta por motivos políticos entre Jesús Martínez Boquete e
José Iglesias Barbeito, ambos os dou de Ordes, contra Manuel Iglesias Viqueira e Pedro e Jesús Iglesias
Brandariz, de Buscás. Referendo para o Estatuto de Galicia con novo fraude
electoral.
XULLO: Alzamento. O día 19 fórmase o Comité Local del Frente Popular para
defender a legalidade republicana. Prodúcese un incendio no xulgado. Atacado o cruceiro de Poulo, Os mebros do
comité ocupan Ordes ata o día 21 no que a vila é tomada polas tropas
procedentes da Coruña. Detido en Ordes o xeneral José Sánchez Ocaña. Militares e falanxistas inician a represión. O ex-oficial da Garda Civil Policarpo Galán Pérez, delegado militar, será o responsable do concello desde o 24 de xullo ata o 14 de setembro.
AGOSTO: Suspendidos de emprego e soldo
moitos mestres defensores da República, entre eles José García Fernández (que xa estaba detido) e Germán Doval. O día 6 naceu Antonio Concheiro Carro, primeiro fillo de Antonio Concheiro. César González Vidal, carteiro en Verín casado con Rafaela Rúa, é trasladado a Ordes. Son atopados ata tres cadáveres de homes forasteiros paseados. Son os coruñeses Rafael Andrés Castro López e Francisco Mouriño Otero, e o betanceiro Felipe Veiga Gómez.
SETEMBRO: O día 10 é asasinado por
milicianos no cárcere de Porlier en Madrid o ex-ministro ordense Abad Conde. O día 14 é nomeado alcalde o militar Arturo Pérez Loureiro. Aparece un cadáver na estrada en Leira.
OUTUBRO: Paseado a noite do día 5 no
cemiterio de Boisaca (Santiago) Manuel del Río Mandayo. Aparecen un par de cadáveres de dous homes de Betanzos en Pinar da Torre (Parada).
NOVEMBRO: Función teatral no Cine Troche a
favor do Exército e da Falange.
Representouse a comedia "¡Sola!" de Pedro Muñoz Seca (a quen matarían os milicianos ese mesmo mes).
DECEMBRO: Comeza en Santiago o Consello de
Guerra contra 20 ordenses defensores da República que rematará coa condena
e fusilamento en Boisaca de 11 deles en febreiro de 1937. Tremendo accidente de tráfico en
Ponte Lago con 4 mortos e varios feridos. Conducía a camioneta Lino Faya
Mariño que levaba aos seus amigos Jesús Boga Ferro (20 anos), zapateiro de
Buscás, Manuel Ruibal Graña e o cabo de artillería Ángel Varela Novoa. A camioneta atropelou a tres
mulleres (unha morreu) e logo chocou contra unha árbore.
No hay comentarios:
Publicar un comentario