martes, 12 de mayo de 2026

O ano 2015


  2015, ano no que apareceu Windows 10, foi bastante malo, cheo de catástrofes. En abril a natureza fíxose notar cun pavoroso terremoto en Nepal que causou 9.000 mortos, o habitual sismo chileno en setembro bastante menos grave e finalmente en outubro outro terrible terremoto en Afganistan que provocou 400 mortos. Na capital de Arabia unha estampida de peregrinos causou outras 700 defuncións e aínda podemos engadir un accidente aéreo cun avión caído nos Alpes Franceses por culpa dun copiloto suicida.
  E ademais foi un ano cheo de atentados islamistas, que comezaron en xaneiro co ataque aos traballadores da revista francesa Charlie Hebdo, seguiron en marzo en Susa (Túnez) e culminaron nun terrorífico novembro cos atentados da sala Bataclan en Paris e novamente en Túnez.
  Tamén foi o ano no que Grecia votou 3 veces (eleccións que gañou Syriza, referendo sobre unha proposta do FMI -que xa non estaba en vigor- e novas eleccións), no que se recruou a guerra no Iemen e no que chegaron a Europa un millón de inmigrantes e refuxiados polo mar. No lado positivo mellorou a relación USA-Cuba e parecía máis posible unha solución para Siria.
 
  2015 foi o ano da balada-rap  See you again de Wiz Khalifa, de Sugar de Maroon 5, da body-positive All About That Bass de Megan Trainor e, en castelán, de El perdón de Enrique Iglesias. No cine tivemos o esperadísimo Episodio VII de Star Wars, o habitual taquillazo Marvel Avengers: Age of Ultron e unha marabilla da Pixar, Inside Out. Comezaron as series de culto Better Call Saul e El Ministerio del Tiempo en España.


 
  Para España 2015 non foi tan malo. A economía recuperouse bastante e o PIB volveu a subir por riba do 4%, co maior crecemento da Eurozona, así que houbo unha mellora real. Pero a situación política en cambio complicouse, especialmente en Cataluña onde Artur Mas adiantou 14 meses as eleccións autonómicas e deulles carácter de plebiscito independentista. Tivo éxito porque Junts pel Si e a CUP acadaron a maioría no Parlamento. Previamente as municipais de maio supuxeron un golpe para o bipartidismo porque as alcaldías das dous principais cidades quedaron fóra das súas mans: en Madrid gobernaría Manuela Carmena e en Barcelona Ada Colau. As Eleccións xerais de decembro confirmaron o inicio dun novo ciclo con Podemos acadando 69 deputados e Cidadáns 40.
  Galicia, que viviu un dos seus anos máis secos, tivo un récord de visitantes (4,5 millóns). Aquí continuaba a estabilidade política co goberno de Feijoo, pero tamén minguou o bipartidismo coa irrupción das Mareas acadando Xulio Ferreiro e Martiño Noriega as alcaldías da Coruña e de Santiago. Houbo un accidente grave no Rali da Coruña e o ano rematou coa agresión dun chalado a Rajoy na súa cidade natal, Pontevedra.
 
  Ordes empezou o ano cun incendio nun desguace no Mesón do Vento. Non sería o único, pois houbo outro en maio nun piso da rúa do Mercado e antes, en marzo, calcináronse 50 hectáreas de monte en Parada. As pequenas obras multiplicáronse (era ano electoral): nas beirarrúas de Campeiras, na rúa da Canteira, nos Parques Municipais, no firme da rúa de Carnota...
 A nivel político os primeiros meses do ano todo o mundo estaba agardando ás decisivas eleccións municipais de maio. Os candidatos serían os esperados: Regos, Martís, Ramiro e Pedreira. Entre tanto houbo unha boa e unha mala noticia, a boa foi que o Ordes Xuvenil de Hockei logrou a xesta  de quedar subcampión de España, a mala que Textil Viriato anunciaba en marzo un ERE con ata 50 despidos.
 

ELECCIÓNS MUNICIPAIS de MAIO de 2015

Censo: 10.479

Votos totais: 8.019 (76,5 %)

Abstencións: 2.460 (23,5 %)

Votos en branco: 127 (1,2 %)

Votos nulos: 174 (1,6 %)

Partido

Edís

Votos

%

PP

7

2.764

35,81

UxO

6

2.757

35,72

BNG

3

1.502

19,46

PSOE

1

695

9,00

 
  As eleccións tiveron moito suspense e houbo unha polémica con varias papeletas. Iso non prosperou e ao final o PP gañou por só 7 votos de diferencia. Unha hipotética alianza de UxO co BNG permitiríalles gobernar pero Ramiro despexou pronto as dúbidas: non habería tal coalición. Regos pola súa banda negociou un posible ingreso no PSOE que acabaría en nada e Pedreira, despois da debacle do PSOE, tirou definitivamente a toalla e renunciou á acta, sendo substituído por Verónica Gómez. O 3 de xullo Martís tomou posesión oficial e un mes despois recibiu a visita de nada menos que o presidente Rajoy, que foi aplaudido por numerosos veciños. Logo, en outubro, o Concello pechou por unha vez o exercicio do ano anterior con superavit.
  Outras novas importantes foron o final do xuízo polo caso Noelia, unha nova tractorada en agosto, un sorprendente ataque de lobos na rúa do Feirón, o comezo da andadura do bus metropolitano en setembro e tamén o comezo do procedemento da Parcelaria en Poulo.
 
 
Como sempre as festas abundaron. Desde unha procesión do Venres Santo con máis de 2.000 asistentes, o habitual Champiñón en abril, a Festa Movida Xuventude en maio, un Festival Moteiro o 19 e 20 de xuño e por suposto as festas patronais co Combo Dominicano de gran atracción. A novidade (aparte das motos) foi que o 2 de decembro tivo lugar o 1º Feirón da Adina coa intención de revitalizar esa feira antigamente tan concorrida.
  A nivel cultural 2015 foi o ano onde se recuperou a memoria de dúas figuras ata entón case descoñecidas: a enfermeira Isabel Zendal (saíu a novela "A flor de piel") e o investigador danés Gustav Henningsen, grazas a unha exposición no Museo do Pobo Galego de Santiago sobre os seus anos en Ordes.
  Ao deceso de Manuel Viqueira o Gaiteiro de Vilaverde en febreiro uniuse en outubro o de Ramiro Recouso que consternou ao pobo pola súa xuventude. As homenaxes á súa figura (poner o seu nome ao Paseo do Río e levantar un monolito nel) marcaron o fin dese ano 2015.

No hay comentarios:

Publicar un comentario