O ano 1936 tivo algunhas boas novas: a BBC
realizou a 1ª transmisión mundial de televisión, naceu o Volkswagen, tivo lugar
o primeiro voo do dirixible Hindenburg, inaugurouse o primeiro edificio cuberto
de vidro en Toledo (Ohio) e Charles Chaplin dirixiu "Tempos modernos". Pero maioritariamente as cousas seguiron indo a peor: Alemaña
ocupou a zona desmilitarizada de Renania, un frustrado golpe de estado en Xapón
acabou co asasinato do xefe de goberno e varios ministros, en Palestina
iniciouse a revolta contra os británicos e a Italia fascista seguiu coa invasión de Etiopía. Tamén é certo que se celebraron aquelas
Olimpíadas de Berlín onde Jesse Owens gañou catro medallas e logrou enfurecer a
Hitler, aínda que a noticia máis comentada a nivel mundial foi a abdicación de
Eduardo VIII, o rei británico, para casar coa divorciada americana Wallis Simpson.
Na metade de España a 2ª República viviu os
seus últimos seis meses, marcados polo triunfo da Fronte Popular (republicanos,
socialistas e comunistas) nas eleccións do 16 de febreiro. Isto supuxo a
inmediata volta ao poder de Manuel Azaña. Contrariamente ao que sucedeu en 1931
o seu discurso foi máis moderado pero as súas primeiras actuacións,
imprescindibles para contentar aos seus socios, foron unha amnistía para os
presos da Revolución de Outubro e o cesamento do xeneral Franco como xefe do
Estado Maior do Exército e o seu trasladado a Canarias. Posteriormente o
atentado dun falanxista contra o vicepresidente das Cortes permitiulle en marzo
declarar ilegal á Falange e arrestar
aos seus dirixentes, entre eles José Antonio Primo de Rivera.
Ese mesmo mes regresou a Barcelona Lluís Companys para facerse cargo do Goberno da Generalitat, mentres en Badajoz, máis
de 60.000 campesiños mobilizados pola FNTT ocuparon as terras dos seus patróns.
Baixo o goberno da Fronte Popular houbo un impulso nas reivindicacións
nacionalistas nas que entraron Galicia, pero tamén Aragón ou Andalucía.
Azaña, vendo a violencia que se vivía no país
(máis de 250 mortos en 5 meses), tentou acougar os ánimos pero a acción do
goberno estaba lastrada pola desorientación dos dous partidos máis votados, o
PSOE (que non participaba nese goberno) e a CEDA na oposición, superada por outros elementos
máis radicais como os monárquicos de Calvo Sotelo.
En abril houbo un respiro entre tanta
tensión: o día 11 estreouse "Morena Clara", película de Florián Rey
coa superestrella Imperio Argentina, que chegou a ser o maior éxito comercial
do cinema español ata ese momento. Ese mesmo mes foi destituído Niceto Alcalá Zamora como presidente da República e substituído por Azaña. Seguiu a tensión
co estalido dunha folga xeral mineira en Asturias e o continuo ruído de sabres.
Azaña encargou a presidencia do goberno ao coruñés Casares Quiroga que formou
un gabinete exclusivamente republicano, goberno que se afundiría co golpe militar.
A morte o 13 de xullo do político dereitista
José Calvo Sotelo non foi a causa da sublevación militar pois esta xa estaba en
marcha pero serviulle de perfecto pretexto. O golpe iniciouse en
Marrocos o día 17 e o 18 en toda España. Fracasou nas zonas máis ricas e industriais pero triunfou en Castela,
Aragón e Galicia.
O novo goberno republicano, presidido por
José Giral, decidiu armar ao pobo. As súas previsións eran optimistas,
pero pronto se vería que era imposible dirixir dunha forma unificada tantas
ideas distintas. Pola contra os sublevados, que sufriron a baixa inicial en
accidente de aviación do seu xefe, o xeneral José Sanjurjo, estaban unidos e o
23 de xullo constituíron en Burgos a Junta
de Defensa Nacional, o seu primeiro órgano de goberno, que ao día seguinte
dispuxo un mando bicéfalo: Franco dirixiría o exército do sur e Emilio Mola o
do norte. Ese mesmo mes
fundouse o PSUC e tiveron lugar distintas accións de guerra como o asedio do
Alcázar de Toledo, defendido polo xeneral José Moscardó, a morte de Onésimo Redondo na fronte de Labajos (Segovia) e a saída de milicianos desde Barcelona
para a fronte de Aragón.
Tamén
ese mes de xullo as Potencias do Eixo deciden intervir apoiando a Franco
(chegou o primeiro escuadrón de avións italianos enviados por Benito
Mussolini), mentres que as democracias europeas, asustadas polo auxe do movemento
obreiro radical, non farían o mesmo coa República.
O final do verán foi tráxico. En agosto foron
asasinados Blas Infante «pai da patria andaluza» e o poeta granadino Federico García Lorca. O día 14 a
Lexión, ao mando de Juan Yagüe, ocupou Badajoz que padecería unha cruel
represión.
Setembro viu un novo goberno, o de Francisco
Largo Caballero (o PSOE por fin collendo responsabilidades). Pero a guerra seguiu favorecendo aos sublevados que entraron
en Irún, pechando á República o acceso a Francia polo oeste. Queipo de Llano
conquistou Granja de Torrehermosa e as tropas da 5.ª bandeira da Lexión
Española, ao mando do xeneral José Varela, levantaron o asedio ao Alcázar. O
mes acabou con Franco sendo nomeado xefe de Estado e «generalísimo» dos exércitos do bando sublevado. En outubro constituíuse
en Guernica o primeiro Goberno Provisional do País Vasco e nomeouse ao seu
primeiro lendakari, José Antonio Aguirre.
Novembro comezou mal para a República coa
caída de Leganés. 4 días despois o Goberno trasladouse a Valencia, quedando
Madrid ao mando do xeneral Miaja. Ese mesmo mes morreu en estrañas
circunstancias o carismático anarquista Buenaventura Durruti e foi fusilado na
prisión de Alacant José Antonio Primo de Rivera. Tamén tivo lugar a matanza de
Paracuellos del Jarama, onde pereceu o dramaturgo Pedro Muñoz Seca. Decembro
viu o desembarco en Cádiz do primeiro continxente de 3000 "camisas
negras" italianos e o bombardeo de Santander pola aviación franquista,
producindo uns 70 mortos e 50 feridos entre a poboación civil. Como
réplica, 156 presos do barco-prisión Alfonso Pérez foron executados ese mesmo
día.
No hay comentarios:
Publicar un comentario