En abril de 1964 Antonio Ramos, un rico veciño do Mesón do Vento morreu nun accidente de avioneta en Arteixo.
Tres anos e uns días despois o pobo do Mesón
volveu conmocionarse por culpa doutro accidente aéreo.
O luns 1 de maio de 1967 ás 5 da tarde nunhas leiras
próximas ao Mesón estrelouse unha avioneta francesa, modelo Jodel de tres
prazas, propiedade do Centro Aeronáutico de Dijon.
Pola mañá viaxara desde San Sebastián a
Alvedro, aeroporto ao que chegou á unha da tarde. De alí despegou cara a
Lavacolla pero a súa sorte estaba decidida e a súa viaxe remataría a 28
quilómetros do destino previsto.
Os
tres ocupantes da avioneta ían en peregrinación a Fátima. O piloto era Jean Marie
Gabriel Revirón de 30 anos, natural de Gray. Os seus acompañantes
eran Yves
Jean Marie Ernest Gremier de 38 anos, natural de
Tincey-et-Pontrebeau, e Marie Louise Hardorn tamén de 38 anos, natural
de Corre e viúva de Méndez Vaquero. Os tres morreron instantaneamente co
impacto. O piloto apareceu a varios metros dos restos da avioneta e os
pasaxeiros, un ao lado e o outro atrapado no interior.
Ao pouco tempo persoáronse no lugar a Garda
Civil ao mando do capitán da Coruña Benito Morán Hidalgo e do tenente do posto de
Ordes José
Vilares Aranda. Para instruír as primeiras dilixencias chegaron o
xuíz de 1ª Instancia de Ordes Ramón Montero Fernández Cid, o secretario Jesús Cristín,
o auxiliar José
Galán e o forense Antonio
Concheiro.
Ordenado o levantamento dos cadáveres, foron levados
en dúas ambulancias ao depósito xudicial de Ordes. Alí tiñan previsto estar un par de días pero
remataron por ser cinco. Finalmente o sábado 6 de maio serían trasladados en
ambulancia ata París.

No hay comentarios:
Publicar un comentario