viernes, 29 de octubre de 2021

Funeral por José Antonio

   O 20 de novembro de 1937 foi fusilado en Alacante o fundador da Falange José Antonio Primo de Rivera, converténdose así nun símbolo para o bando Nacional (a pesar de non ser moi compatible con Franco). Un ano despois Ordes lembrábao cun solemne funeral contado polo xornal El Compostelano o mércores 30 de novembro de 1938.
 
  Muy solemnes han resultado los funerales celebrados en esta villa, por eterno descanso del alma de José Antonio Primo de Rivera, costeados por la sección femenina de Falange, adornando el altar con el emblema de la mencionada corporación, que aparecía adornado con bombillas eléctricas, en medio de las banderas españolas y de la referida institución.
  El catafalco, colocado en el centro de la iglesia, estuvo también cubierto con paño de raso con los colores nacionales, encima del cual aparecían varias coronas, leyéndose en una de ellas la siguiente inscripción: "¡José Antonio! Pide a Dios que tus camaradas sigan el camino que tú les has trazado, derramando vuestra sangre en holocausto de nuestra desventurada España". Las autoridades presidieron, colocándose en sitiales al lado de la epístola, figurando entre ellas el alcalde, don Arturo Pérez Loureiro; el jefe de Falange, don Rafael Mariño Vilela; el notario don Juan Fuentes; el secretario municipal, don Juan Campos Fernández*; un representante de la Benemérita; el secretario de Falange don Juan Liñares Castro, y varios individuos del mismo cuerpo.
  Se cantó el Oficio de Difuntos del reputado maestro y compositor, don Antonio García Jiménez, actual profesor de la Escuela Normal, que tocó el armonium, habiendo tomado parte también el tenor don Manuel Uzal Echegaray, que con su bien timbrada voz, impropia de sus años, llenó el templo con sus melodías, lo mismo que el bajo señor Castiñeiras, cuya fama le hace figurar como el mejor salmista de la catedral, y les daban feliz acompañamiento, el veterano Pepe Gómez Veiga, que en el 87 llevó la primera tuna a Portugal, que conquistó inmarcesibles laureles para la Sociedad Económica de esa ciudad, de la cual habían salido los profesores de dicha entidad escolar; tocando por último, como el anterior, Higinio Veiras, popular en el arte musical, al que dedicó siempre todas sus actividades, alcanzando justa fama.
  La misa fue celebrada por el sacerdote, don José Barreiro*, ayudado del coadjutor, don Domingo Barbeito* y del cura regente de Parada, don José Verdeal*, actuando de maestro de ceremonias don Ramón Mosteiro Ferro, cura párroco de Órdenes, y habiendo dirigido el clero el párroco de Visantoña don Manuel Romero Álvarez, en el templo.
  A la salida, se descubrió una lápida dedicada a José Antonio, en cuyo acto se dieron los presentes de rúbrica en medio de una gran emoción y respeto, cantándose, al fin, el himno de Falange por todos los presentes, después de pronunciar una breve y conmovedora oración la jefe comarcal señorita Carmen del Río Barros*. Hasta la noche dieron escolta ante la lápida mencionada cuatro falangistas, que ya habían escoltado también el catafalco durante el ceremonial del templo.
EL CORRESPONSAL
 
* Juan Campos Fernández: avogado madrileño casado con Manuela Bañón López, que traballou como secretario de varios concellos como A Capela, Trazo e Curtis antes de vir para o de Ordes no ano 1934. Morrería ao ano seguinte, en xullo de 1939, con 61 anos.
José Barreiro Uzal: párroco da familia dos Barreiro que tiñan unha ferraxería fronte á iglesia e que despareceron da vila.
Domingo Barbeito Veiras: coadxutor que vivía na rúa dos Lagartos.
Jesús Sánchez Verdeal: párroco de Parada e Numide (non José Verdeal).
Ramón Mosteiro Ferro (1880-1960): nacido en Santiago, foi párroco de Ordes 10 anos, de 1933 a 1943. Era da rama máis dura e intransixente.
Carmen del Río Barros (1901-2005): mestra, filla de don Nicolás del Río.

sábado, 23 de octubre de 2021

Poemas de Pondal

 
O inmortal bardo de Ponteceso, Eduardo Pondal, famoso porque un dos seus poemas é a letra do himno galego, recollía a inspiración das terras de Bergantiños que eran a súa morada, pero tamén escribiu uns poucos poemas sobre a nosa comarca.
  "Indo polo camiño", datado en 1909, está dedicado a Santa Cruz de Montaos. No muro do adro e campo da festa da parroquia, por iniciativa dun concelleiro de Santa Cruz, unha placa na súa honra (colocada en maio do ano 2000) reproduce o poema.
  O outro, máis coñecido, está dedicado ao río Lengüelle, que Pondal chama "Langüelle".
 
 

INDO POLO CAMIÑO

Indo polo camiño

da Coruña a Santiago,

deixamos pola esquerda

Santa Cruz de Montaos.

Terra das longas gandras,

dos eidos alongados:

¡Oh, cánto a min me prace,

a gandra atravesando,

ver na súa pranura

Santa Cruz de Montaos!

Terra das altas uces,

terra dos toxos altos,

terra das vagas brétomas,

terra do bo fidalgo,

do señor de Mesía*,

nos tempos xa pasados,

que levara seu nome,

armonioso e preclaro.

¡Oh, cánto a min me prace,

a gandra atravesando,

ver na súa pranura

Santa Cruz de Montaos!

 

* Diego López de Montaos

 

RÍO LENGÜELLE

 

Rio Langüelle, rio Langüelle,

Ben se vé q' és da montaña;

Ou feo fillo das brétomas

E das uces desleiradas.

Cando te vexo de longe,

Atravesando nunha gandra,

Non sei se sinto suidades,

S' hé ó que sinto na alma;

Solo sei que estou de mais,

Donde me pôn mala cara,

Q'en montañés, cortesía,

Está por demais buscála.

 

  Ou aires de Troitosende,

Terra, donde m' eu criára;

Levad' esta filla vosa,

Levá d' esta terra estraña!

Os rios da miña terra,

Non tên á cara tan brava,

Nin parece qu' á ninguen

Neguen unha sede d' auga;

Nin teñen, en vez de frores,

Tan solamente uces altas.

C'o teu esquivo caraute,

E receosas miradas,

 

Pareces, Langüelle, un lobo,

Que, por non ver gente, escapa.

As tuas ribeiras son

Ben soas é ben escravas;

Donde no medio do vrán,

Só se vé pousada á garza.

 

Rio Langüelle, rio Langüelle,

Ben se vé que és da montaña;

Ou feo fillo das brétomas,

E das uces desleiradas!

lunes, 18 de octubre de 2021

Parroquia de Pereira


   Pereira localízase ao sur do municipio de ordes. Linda con Montaos ao oeste, Ordes e Poulo ao norte, Barbeiros ao nordés, a parroquia orosá de Marzoa ao leste e Beán ao sur. Segundo a páxina web do Concello ten unha superficie de 6,64 km², o que fai dela a parroquia de menor tamaño, tres veces máis pequena que a maior, Ardemil. En tempos antigos a Fraga da Galiña (Ordes) e outros territorios pertenceron a Pereira e a súa extensión era duns 11,2 km².
 


  A orografía presenta unha suave pendente, con cotas que van dos 345 m ao leste, preto de Folgoso xa no límite coa parroquia de Marzoa, ata os 248 m ao leste na confluencia do rego da Ponte Ribeira co río Cabrón, ambos os dous os principais cursos fluviais da parroquia.

  A zona oeste, a máis fértil, concentra a maioría dos núcleos de poboación e unha franxa de cultivos e de pastos próximos a eles, para dar paso ao arboredo de eucaliptos e coníferas mesturado con pequenas áreas de matogueira, sobre todo nas proximidades da autoestrada e cara ao oeste, entre os núcleos da parroquia de Montaos e Pereira.

  Os seus 16 núcleos (máis de 2/km²) concéntranse, como xa se dixo, na metade oeste, especialmente preto do rego da Ponte Ribeira, mentres o leste só ten o solitario núcleo de Folgoso.

  No extremo oeste pasa a N-550, co núcleo de Guindibóo, e dela parte unha pista que chega a Beán. Xunto con outra que sae da N-550 a carón da Casa da Pradera e leva á Calle de Poulo, son as dúas principais vías de vertebración. Polo leste a AP-9 crúzaa pero non afecta para nada á parroquia.

  No ano 2000 a poboación roldaba os 360 habitantes pero foi descendendo progresivamente (agás algunha pequena subida en 2011) e no ano 2021 era de 313 habitantes (o que ven supoñendo unha densidade duns 47 habitantes/km²). O maior núcleo é Guindibóo de Arriba con 80 habitantes, seguido de Folgoso e a Igrexa, mentres outros como o Espiño (0), Pecenín (1) ou os Carabelos (3) están case despoboados.

 

LUGARES: Os Carabelos, O Carballo, A Casanova, Cercedo, A Eirexe, O Espiño, Folgoso, Guindibóo de Arriba, A Lamela, O Ludiño de Abaixo, O Ludiño de Riba, O Mendo, Pecenín, A Poza, A Rúa, Soutozar.

 

  No núcleo da Eirexe están a igrexa de Santa Aia co seu cemiterio parroquial e o campo da festa cun notable cruceiro e a antiga escola unitaria, hoxe local social. A uns 250 metros ao sueste está a casa da familia Bello, historicamente a máis rica da parroquia, na que podemos admirar un interesante hórreo. Uns 570 metros ao sur da igrexa hai unha vella ponte medieval cruzada polo Camiño Inglés.

  Pereira celebra a festa do Corpus Christi e Sacramento e a da súa patroa Santa Eulalia o 10 de decembro, pero a máis tradicional é no comezo da primavera, o luns de Pascua, a da Divina Pastora, imaxe especialmente venerada na parroquia.

 

  Pereira estivo poboada desde a antigüidade como testemuña a presencia do Castro de Casanova. Tamén debeu ser o lugar máis romanizado de todo o concello porque no entorno do castro, preto da igrexa parroquial, atopáronse, sen ter feito unha excavación organizada e meticulosa, numerosos restos romanos, proba de que alí debeu haber un núcleo habitado de certa entidade.    
  Na Idade Media pertenceu á Terra de Montaos que o rei Alfonso VII doou á Igrexa compostelá en 1124.
 
 
  No Antigo Réxime, antes de que se crearan os concellos modernos, Pereira formaba parte da xurisdición de Folgoso que abranguía 21 parroquias (171,5 km2). Hoxe esas parroquias están distribuídas en tres concellos distintos: 9 en Ordes, 5 en Frades e 7 en Oroso. As outras catro parroquias de Ordes xa pertencían á veciña xurisdición de Mesía, máis extensa porque contaba con 47 parroquias en total.
   En 1607 Jerónimo del Hoyo nas "Memorias del Arzobispado de Santiago" informa que Pereira tiña 35 fregueses (arredor duns 157 habitantes dos 2.600 que tería o concello), só por riba de Mercurín e Lesta.
  No século XVIII, polo Catastro del Marqués de la Ensenada de 1749, sabemos que Pereira tiña máis de 50 veciños e que producía trigo, centeo, millo, millo miúdo, mazás, liño... e había as especies de gando habitual na zona: vacas, ovellas, porcos e cabras.
  En 1828, segundo o Diccionario Geográfico-Estadístico de Sebastián de Miñano (considerado non demasiado fiable), Pereira xa tiña 66 veciños -330 habitantes- e pagaba de contribución 2.700 reais. 
  En 1849 (21 anos despois) o Diccionario de Madoz baixaba estas cifras a unhas 50 casas e 42 veciños -228 almas-. Tamén informaba que a igrexa dependía da parroquia de Montaos que era a súa matriz. Producíase centeo, millo e trigo, gando vacún, lanar e cabalar. Había caza e pesca e dous muíños fariñeiros.
  En 1876 a súa poboación era de 345 habitantes (máis que na actualidade). Pouco despois, en 1880 restaurouse a igrexa sendo párroco don Eugenio Girón.
 
  Nos comezos do século XX hai un incendio en 1906 no que morre Antonia Calvo. Neses tempos o párroco de Montaos Antonio Duro Cotón tamén atendía a parroquia de Pereira. Os contribuíntes máis importantes eran Francisco Bello Suárez, Antonio Gaudeoso Ferro, Francisco Rey Presedo, Antonio Lata Juncal ...
  En 1928 Unha pelexa entre Francisco Bello Pérez e Francisco Veiras Botana remata coa morte deste último.
  A República foi un momento de florecemento das asociacións agrarias. Pereira non foi unha excepción e a finais de 1933 había un par de organizacións, unha co poético nome de "Redención del Campesino"A Guerra Civil rematou con isto pero non afectou á parroquia tanto como a outras e non houbo represaliados entre os seus veciños.
  No ano 1940 unha epidemia de viruela obrigou a pechar temporalmente a escola.
  Ao longo do século XX Pereira foi perdendo poboación como todo o rural ordense.

sábado, 16 de octubre de 2021

Igrexa do Mesón do Vento

 
  A igrexa do Mesón ten dúas particularidades: é a máis moderna de todo o municipio e é a única que non ten a habitual orientación leste-oeste. Así mesmo, debido á súa recente data de edificación, tamén é a única que está construída de formigón e ladrillo. Ademais cos seus case 22 metros de lonxitude e 185 m2 de superficie é a segunda de maior tamaño, só superada pola de Santa María de Ordes. Ten planta rectangular cunha nave principal e unha ábsida algo máis estreita e coa cuberta a menos altura. O tellado é a dúas augas sobre a nave e a tres sobre a ábsida. Sobre a fachada unha espadana de dous corpos que parece de pedra e que aloxa unhas campás elaboradas en Salamanca pola Casa Cabrillo.
 

  Nos anos 50 do século XX o Mesón do Vento, coa súa posición privilexiada ao pé da N-550, superara amplamente en poboación á capital parroquial Cabeza de Lobo, da que dista uns 3,5 km. Outros núcleos de poboación do norte da parroquia están aínda máis afastados e naqueles tempos as vías de comunicación eran bastantes malas, dificultando o acceso de moitos fieis á igrexa.
  Estas dificultades acabaron nos 60, concretamente en 1964, cando se construíu a igrexa e o cemiterio do Mesón grazas ás achegas económicas e ao traballo de moitos fregueses. A achega máis significativa foi a de dona Celsa Ramos Insua (1890-1977) que doou unha parcela lindeira co campo da feira. A orientación norte-sur da devandita parcela determinou a da igrexa, por iso a cabeceira non da ao leste (Xerusalén) como é tradicional.
  Dona Celsa tamén impuxo a denominación de Igrexa de San Andrés, pois así se chamaba o seu pai, Andrés Ramos Arán, e un dos seus sobriños. Con todo, non sabemos a razón, no Mapa Topográfico Nacional apareceu rexistrada como "Capilla de San Antonio". Como Google Maps bebía na súa orixe do devandito mapa, tamén usaba ao principio este nome erróneo ata que o cambiou polo máis simple de "Igrexa de Mesón do Vento".
  Polo que respecta á súa categoría, aínda que normalmente só pode haber unha igrexa por parroquia e as demais son capelas, neste caso hai unha especie de co-capitalidade coa Igrexa de San Pedro en Cabeza de Lobo. Por tanto a de Mesón do Vento tamén ten a categoría de igrexa, e aínda que no seu nome aparece San Andrés, o patrón segue sendo o mesmo que o de Ardemil: San Pedro.
 

  Orixinalmente o edificio, que foi feito con poucos medios, tiña o aspecto desamañado dunha nave de polígono, coas súas xanelas e a fachada rectangular (se non contamos a espadana). O único que rompía un pouco esta imaxe era un soportal na fachada que permitía a algúns fregueses gorecerse da choiva.
  Ao redor do ano 1998, xa nunha época de bonanza económica, a igrexa foi remodelada, dándolle un aspecto máis tradicional. Ademais doutros retoques cosméticos, as xanelas pasaron a ter arco, a fachada foi recuberta de laxas de pedra e cambiada á habitual forma pentagonal, e quitouse o soportal da fachada, colocándoo na parte leste.
  De paso ampliouse o cemiterio e cambiou de lugar o cruceiro, que é moderno aínda que de aspecto rústico, afastándoo un pouco máis da igrexa do que estaba nun principio.
  Para coñecer outros templos do concello preme en Igrexas e capelas de Ordes.

lunes, 11 de octubre de 2021

Renda da comarca en 2019

   No ano 2019, segundo a estatística da Axencia Tributaria, a renda media bruta dos máis de 20 millóns de declarantes do IRPF incrementouse un 3,8 % (752 euros máis) respecto ao 2018, ata situarse en 28.384 euros anuais. Estes datos só incluían ás localidades de máis de 1.000 habitantes (excluíndo ao País Vasco e Navarra, que non forman parte do réxime común).

  O municipio madrileño de Pozuelo de Alarcón -no que vota o presidente do Goberno- recuperaba o 1º posto cunha renda bruta declarada de 82.188 euros anuais, un 3,4 % máis que o ano anterior. A 2ª era a poboación valenciana de Xeresa, cunha renda bruta media de 69.313 euros. A súa rechamante escalada -no 2018 ocupaba o posto 1.403 a nivel nacional e subiu 48.136 euros nun ano!- obedeceu probablemente ao traslado de residencia de contribuíntes con alto nivel patrimonial. O 3º posto (baixando do 1º despois de caer un 70 % nun ano) era para a barcelonesa Matadepera, con 65.671 euros de renda bruta media anual. A cuarta e quinta posición ocupábanas os municipios madrileños de Alcobendas e Boadilla del Monte (cuarto e terceiro no 2018), cunhas rendas medias de 64.063 e 62.965 euros respectivamente.

  No que respecta a Galicia, no 2019 a comunidade colocou aos seus tres municipios máis ricos entre os 100 primeiros do país: Oleiros, Cambre e Nigrán, que ocupaban os postos 30, 40 e 98.

  No outro extremo estaban os dez municipios máis pobres do país, nesta ocasión liderados pola poboación xienense de Huesa, cunha renda bruta media de 12.598 euros (posto 2.893 a nivel nacional -Toques, o máis pobre de Galicia, está 43 postos por enriba-), seguida dos municipios estremeños de Fuenlabrada de los Montes, Oliva de Mérida, Puebla de Obando, Higuera de Vargas e Zahínos (este último foi o de menor renda de España no 2018).

  Por comunidades, Estremadura repetía á cola do país, con 20.926 euros anuais, a distancia dos 37.768 euros de Madrid, dos 32.423 de Cataluña e dos 28.384 da media de España.

 

  Galicia contaba cunha renda bruta de 25.330 euros (inferior un 11 % á española) aínda que os seus ingresos medraron un 5 %, desde os algo máis de 24.000 euros do 2018.

  O concello coruñés de Oleiros repetiu, un ano máis, como a localidade cos veciños máis ricos. Rexistrou unha renda bruta media de 43.866 euros anuais, o que supoñía 4.408 euros máis que no ano 2018. Seguíano Cambre e Nigrán.

  Cambre foi toda unha sorpresa, xa que escalou desde o posto 25 ata arrebatarlle a segunda posición a Arteixo. A súa renda bruta disparouse case un 40 %, desde os 24.907 euros ata os 40.774, converténdose, xunto con Oleiros, nos dous únicos concellos galegos que superaban a barreira dos 40.000 euros. Con 23.486 euros de media no 2019 fronte aos case 31.000 do ano anterior, Arteixo fixo a viaxe contraria, descendendo ata o posto 43 de Galicia. A caída foi a corrección dunha situación puntual (unha avultada ganancia patrimonial) rexistrada no 2018, xa que no 2017 o concello estaba nun posto similar, o 39.

   Seis das dez poboacións máis ricas da comunidade eran coruñesas, xa que xunto con Oleiros e Cambre estaban A Coruña (4º posto, 32.021 euros), Santiago (6º, 29.993), Bergondo (7º, 29.807) e As Pontes (8º, 28.953).

  Nigrán, en Pontevedra, ocupaba a terceira posición (34.742 euros), mentres que para atopar a Vigo había que baixar ao noveno posto (28.752 euros no 2019). Con 31.331 euros de renda bruta media, a ourensá Pereiro de Aguiar completaba o top ten, ocupando o quinto lugar. Na provincia de Lugo, o municipio que gozaba de maior renda era o de Cervo, no posto décimo primeiro, con 28.562 euros, seguido da capital da provincia, con 26.038 euros e a posición 23 na comunidade.

  Toques ocupaba o posto 278 en Galicia (e 2.850 de España), ou sexa o último. A renda dos veciños de Oleiros triplicaba a dos de Toques, que estaba en 14.181 euros anuais.

 

 

  Na comarca continuaba a habitual dicotomia: os tres concellos centrais encabezaban a listaxe, con rendas superiores aos 20.000 euros, mentres dos catro periféricos ningún chegaba aos 19.000 euros de renda bruta.

  A clasificación non variaba con respecto ao ano 2018. Seguía encabezada por Oroso con 22.585 euros (case 400 euros máis que no ano anterior), seguido de Cerceda con 21.782 (más de 600 de variación) e Ordes 20.970 (case 1.000 euros máis). Trazo, o concello máis próximo a Santiago dos periféricos, chegaba aos 18.954 euros e Frades aos 18.697 euros. Os dous últimos postos eran para Mesía con 18.267 euros e Tordoia que pechaba a cancela cos seus 18.022 euros. Curiosamente, en renda dispoñible os postos invertíanse e Tordoia (15.963) superaba por 1 euro a Mesía (15.962).

jueves, 7 de octubre de 2021

A movida: os inicios

 O TEMPO DOS SALÓNS
  Durante uns 20 anos -de 1990 a 2010- Ordes foi en frase dos medios de comunicación "o epicentro da movida coruñesa", e moito máis que coruñesa porque neses anos era fácil atopar xente que viña de lugares tan afastados como Pontevedra, Lugo ou mesmo Asturias.
  Pero antes de 1990 xa había movida, obviamente só comarcal, e cantos máis anos nos remontemos no pasado menos numerosa e máis local pero, como as meigas, habela sempre a houbo.
  Porque sempre existiron mozos e mozas con necesidade de coñecerse, relacionarse e ligar e ningún pretexto mellor que a música. Mesmo nos duros anos de posguerra onde non había un peso e escaseaba a comida os mozos seguiron indo ás romerías e buscando a troula nas muíñadas. Temos constancia porque por exemplo en 1941 Antonio Raña Remuiñán foi multado con 50 pesetas "por organizar un baile sin autorización" e en 1942 Francisca Areoso Ríos foi multada con 150 pesetas pola mesma causa
  Naqueles anos 40 produciuse un cambio sociolóxico: as bandas de música que entusiasmaran aos seus pais agora xa estaban pasadas de moda, o que realmente arrasaba eran esas orquestras que viñan da Coruña e Pontevedra e que lograban arrincalos por un par de horas da súa dura existencia.
  Así agrupacións como Los Satélites que naceron en 1938, Spallant creada por Enrique Súarez Grela (ambas as dúas de Coruña), a Orquesta Poceiro creada en 1943 por Benito Poceiro e a Orquesta Florida creada por César Dios Rodríguez (1927-2008), estas dúas de Pontevedra, eran tan admiradas e seguidas como hoxe o poden ser "Panorama" ou "París de Noia". Admiración que chegaba case a veneración cos seus vocalistas e solistas como Pucho Boedo, Álvaro Pita García "Alvarito" ou "Diosiño e o seu acordeón".
 

  Pero obviamente durante gran parte do ano non había festas e os mozos non o tiñan tan fácil para bailar. Hábiles empresarios viron que había unha necesidade e a imitación do que xa pasaba na cidade naceron os salóns, locais non especialmente grandes onde unha orquestra amenizaba a tarde do domingo (de 8 a 10) ou a noite se era algún festivo especial.
  En Ordes xa había un lugar desas caractéristicas, o antigo Salón-cine Troche que estaba onde agora é o "Bar Saloon" nos Parques Municipais. Rexentado na posguerra por Julián Marcos e o Vello Viriato, continuou exhibindo películas, pero logo fixéronse cargo del o ex-alcalde Rafael Mariño Vilela (1909-1983) e a súa muller María Franqueira Regos (1911-1985) que estaba no despacho de billetes. Eles si dedicaron o agora salón "Alegría" (e Cine Moderno) ao baile durante os anos 50 e 60. Igualmente o "Oriental Cinema", o cine que daba á rúa dos Lagartos, ademais de pasar películas, tamén fixo sesións de baile cando aínda pertencía á familia Liñares.
  No Recreo houbo outro salón rexentado por Encarnación Meijide López (1901-1991), a muller de Ramón Prado Carnota (1900-1956) Ramón da Ponte. Estaba na súa casa, (a carón da florería "As Camelias") que mantén aínda o seu aspecto tradicional.
  Na rúa principal, Alfonso Senra, onde agora está o Banco Sabadell-Gallego fronte á farmacia de Mª Gemma Rodríguez Liñares, apareceu outro salón. O empresario foi Pedro Rama Regos (1928-2009), chamado Pedro de Alberte por ser o 6º dos 11 fillos de Alberte do Casal. Pedro emigrou a Venezuela xunto coa súa muller Asunción Mirás Franqueira, pero cando ela quedou embarazada volveron para que o fillo nacera en España (por certo, ese fillo morreu). Montaron un bar e o salón na parte de atrás pero non durou demasiado tempo. Aínda terían outro establecemento nos Lagartos antes de marchar á Coruña onde el traballou de promotor inmobiliario con moito éxito.
  Outro que se dedicou ao baile foi Fausto Valentín Blanco García, máis coñecido por Fausto de Fleira, pois a súa nai era a famosa panadeira Alfreda García Gende (1910-2001) -"Alfreda" acabou derivando en "Freira" e logo en "Fleira"-. Fausto, ademais de ser procurador de tribunais tiña unha gran visión empresarial. Non só puxo un salón de baile en Vilar, senón que tamén foi propietario no mesmo lugar dunha academia de ensino privado (onde eu estudei 3 anos) que dirixía a súa muller, a excelente profesora María de los Ángeles Álvarez.
  O último destes míticos lugares foi o Salón Veiras. O propietario e empresario era José Veiras Bello (1915-1994), máis coñecido como Veiras de Pardiñas. Construíu todo un edificio en Alfonso Senra 96 (que durante algúns anos foi sede do "Circulo Cultural y Recreativo") e a carón deste o salón, o máis grande que houbo, que aínda se pode ver por enriba do muro que da á rúa Compostela.
  O Salón Veiras pechou arredor de 1970 cando rematou o tempo dos salóns, pois o tamaño si importaba e nos 70 foron sepultados por un novo rival: as Salas de Festas.
 

domingo, 3 de octubre de 2021

Pasamento de Policarpo

   O 27 de xuño de 1938 faleceu en Ordes aos 60 anos de idade Policarpo Galán Pérez e o seu enterro foi un dos eventos máis destacados dese ano.
  Policarpo, nacido en Castela en 1878, ingresou na súa mocidade na Garda Civil e foi corneta da Comandancia de Madrid. Como anecdóta sabemos que medía só 1,59 metros porque en decembro de 1901 dispensáronlle os 29 milímetros (que precisión!) que lle faltaban ata os 1,62 que se esixían para ser garda de 2ª clase, concedéndolle o distintivo de 1ª pola súa valerosa actuación nuns disturbios. Ascendendo na súa carreira, Policarpo foi destinado a Galicia. En 1915, sendo sarxento, estivo en Ordes durante pouco tempo pero suficiente para volver á vila de forma regular coa súa familia. Estivo destinado tamén en Santiago e na Coruña. En 1927 ascendeu a alférez e a continuación foi destinado á provincia de Huesca onde estivo algo menos de dous anos. Regresou a Galicia como tenente, estando de 1929 a 1931 en Corcubión e logo en Carballo. O seu punto máis alto foi conseguir a distinción de Cabaleiro da Gran Cruz de San Hermenexildo. Xa retirado, foi delegado militar en Ordes despois do Alzamento e xefe da FET y de las JONS.
  Velaquí o artigo que lle dedicou o xornal El Compostelano o 5 de xullo de 1938.
 
  Días pasados tuvo lugar en Órdenes la conducción a la última morada del cadáver del teniente de la Guardia Civil retirado y jefe de Falange, camarada Policarpo Galán Pérez, acto que constituyó una sentida manifestación de duelo.
  Mientras permaneció el cadáver en capilla ardiente, le dieron guardia de honor fuerzas de Falange Española Tradicionalista y de las J.O.N.S.
  Antes de la conducción celebró una misa por el eterno descanso de su alma el cura párroco de Visantoña, camarada Manuel Romero Álvarez.
  El féretro, cubierto con la bandera nacional-sindicalista, fue llevado en hombros por cuatro falangistas, dándole escolta fuerzas de la Guardia Civil, a cuyo benemérito Cuerpo pertenecía, y Falange de la localidad, de la cual era jefe. A continuación del clero figuraba la presidencia del duelo, constituida por el alcalde, teniente coronel señor Pérez Loureiro, juez de Instrucción y Primera Instancia señor Roberes, jefe de línea de la Guardia Civil señor Armesto, jefe local accidental de Falange camarada Rafael Mariño Vilela, secretario camarada Juan Liñares Castro, jefe accidental de Milicias camarada Antonio del Río Castro, cura párroco de Visantoña camarada Manuel Romero Álvarez, jefe local de Falange de Oroso camarada Clemente Esteban Navalón, y a continuación las demás fuerzas vivas de la localidad y jerarquías de los distintos servicios del Movimiento.
  Una gran muchedumbre le siguió hasta el cementerio de esta villa, donde, después de las honras religiosas, en el momento de recibir sepultura, fueron dados los gritos de rigor por el camarada Esteban Navalón, a los que el gentío contestó de manera emocionada.
  Nos asociamos al justo dolor de su familia y en especial de sus hijos Rafael y Ramón, que se encuentran en el frente, deseándoles resignación por tan irreparable pérdida.
 
  Policarpo Galán casou dúas veces e tivo 3 fillos do seu primeiro matrimonio (Josefa, María e Rafael Galán Benito) e 2 (Ramón e José Galán López) da súa viúva, María López Pérez.
 Josefa e María (m.1954) morreron novas e Rafael non viviu na vila.
 Ramón Galán López (m.1947) casado con Juana Mata Peña coa que tivo unha soa filla, Pastora, foi concelleiro, secretario comarcal do "Movimiento" e xefe comarcal de Previsión Social.
 José Galán López (1923-1980) foi un personaxe bastante importante pois traballou de funcionario no xulgado e ostentou o cargo de tenente de alcalde durante as etapas de Genaro González e Juan Liñares, sendo alcalde accidental en 1965.
  Viviu no que hoxe é o Nogallás na parte que da ao Recreo e casou con Carmen Villaverde Mariño (1926-2019) Carmiña de Veiras (chamada así por ser filla de Manuel Villaverde Veiras). Con ela tería un único fillo, José Galán Villaverde, rexistrador da propiedade en Noia.

sábado, 2 de octubre de 2021

A familia Vieites (Trasmonte)

   Os Vieites son xunto aos Ferreiro unha das familias máis vellas de Ordes. Tiñan terras na zona máis céntrica da vila onde estivo o antigo campo da feira (hoxe Parques Municipais) e era súa a canteira que estaba preto da rúa á que da nome. Desa familia eran Roquiño, que vivía onde logo estivo o "Mini-bar" e que malvendeu bastantes propiedades, e Pedro Vieites Quintáns (1900-1979) Pedro o Turco, casado con Jesusa Silveira Liñares e pai de Concha (1934-2017), Pedro o carteiro e José Antonio. Vivían nunha casa que daba a Alfonso Senra e ao camiño de Vilar.
 
  Pero a maioría dos Vieites da vila teñen outra orixe. Proceden de Trasmonte (Oroso), onde vivía o matrimonio formado por Pedro Vieites Veiras (1866-1968) e Dominga Vigo. Pedro foi extraordinariamente lonxevo, viviu 102 anos! e tanto el como a súa muller están soterrados no cemiterio do Piñeiro.
 Tiveron 4 fillos que chegaron á idade adulta: Manuel, Francisco, Mª Josefa e Juan Vieites Vigo.
  Mª Josefa (1912-2003) casou con Andrés Parga Liste e viviron na Coruña. Os outros 3 fillos varóns viñeron a Ordes onde se dedicaron ao negocio da madeira. Juan (1914-1976) prontro marcharía da vila, casaría con Carmen Liñares Gómez coa que tivo 4 fillos e foi o que antes morreu, aos 62 anos de idade.
  Manuel e Francisco foron os dous que viviron sempre en Ordes. Xuntos montaron o serradoiro que había no que hoxe é a esquina da rúa República Arxentina con Rosalía. Este foi un lugar histórico porque a lenda conta que no medio das súas moreas de táboas ocultáronse os foucellas que mataron a Pepe de Ramas en 1947. Posteriormente ambos os dous irmáns disolveron a sociedade, quedando Francisco con este serradoiro mentres Manuel montaba outro novo no Recreo e tamén unha tenda de calzado.
 

  Manuel Vieites Vigo (1908-1991) casou con Dolores Gómez Soneira (1910-1996) coa que tivo 6 fillos: Ángel, José, Manuel, Jesús, Julia e Ermitas Vieites Gómez.
  Ángel marchou para a Coruña, José vendeu madeira para a FINSA, Manuel montou unha marmoraría en Merelle, Jesús (despois dun breve paso por Venezuela) traballou no serradoiro familiar, Julia tamén marchou para Venezuela e Ermitas casou con Edelmiro Vilanova.
 
  Francisco Vieites Vigo (1910-1995) casou con Asunción Bascoy Garabato (1910-2007) coa que tivo 7 fillos: Manuel, Jesús, Leonor, Fulgencio, Juan, Calixto e Francisco Vieites Bascoy.
  O fillo maior, Manuel, casou con Teresa Caamaño Martínez de Tras o Río, sobriña de Pilar do Sanatorio (de feito foi a súa herdeira), con quen montou un bar na Coruña
  Os máis coñecidos na vila son os máis novos, Fulgencio o Mudo que traballaba no serradoiro, Calixto que, xunto á súa muller Lucita, montou o "Bar Doniña" un dos máis frecuentados pola xuventude dos anos 80 e 90, e Paco que levou o serradoiro pero que o deixaría para facerse cargo da exitosa "Pulpería Verde Galicia" cando os primeiros donos marcharon. Hoxe, xa sen o de "verde Galicia", segue a ser un dos restaurantes máis coñecidos da comarca.