As festas de 1965 estiveron a piques de non celebrarse. Despois dos apuros de 1964 ninguén se decidía a organizalas. Afortunadamente
no último minuto as mulleres tomaron as rendas e encabezadas por Josefa Conde Ferreiro crearon unha
comisión que logrou levar as festas a bo porto, razón pola que serían chamadas as Festas das mulleres.
O feito foi amplamente celebrado pola prensa
galega que comparou Ordes con Zamarramala, a vila de Castela onde as mulleres
mandaban un día ao ano.
Josefa traballaba para á comisión despois das
7 da tarde no seu tempo libre (era unha muller casada con 4 fillos que atender)
e só se queixaba de que as súas compañeiras solteiras non querían ir sen ela a
ningún lado, pero polo demais quedou moi contenta delas, coa colaboración dos
membros de comisións anteriores (o seu marido Laureano organizara tamén as
festas con anterioridade) e coa resposta do pobo que agradeceu o xesto e
contribuíu con 125.000 pesetas para a organización.
As festas duraron 4 días e comezaron o sábado 14
cos tradicionais gaiteiros, xigantes e cabezudos e o disparo de bombas. Pola
noite houbo a primeira verbena na Alameda.
O domingo 15, día grande, empezou tamén cos
xigantes e cabezudos e as actuacións da Banda de Infantería de Mariña do Ferrol e a
orquestra -tamén ferrolá- Bellas López. Pola noite houbo verbena nunha
Alameda iluminada pola empresa de Eliseo Blanco Rial e os típicos fogos
artificiais.
O luns 16, día de San Roque, foi amenizado pola
orquestra Mayka
de Lugo.
O martes 17 remataron as festas con outra banda
distinta.
La Voz de Galicia dedicoulles un especial de dúa páxinas onde
eran entrevistados Josefa Conde e o concelleiro José Galán. Este volveu a
falar dos dous problemas fundamentais da vila: a traída de auga e o aparcamento
na rúa Alfonso Senra. Tamén informou da constitución do Círculo Cultural e Recreativo que xa conseguira un local, pero no
que faltaba por definir a directiva.
Pola súa banda o xornal santiagués La
Noche dedicoulles 2 páxinas completas e outras dúas parciais
onde, ademais de moitos anuncios,
había un pouco de todo: un artigo de José Fernández Ferreiro ensalzando ás
mulleres, outro de Fausto Blanco sobre a desexada traída de augas e o
tradicional texto de Víctor Gónzalez Faya -o mesmo que aparecía en La Voz-
sobre as festas de moitos anos atrás*. Ademais da entrevista a Josefa Conde,
tamén había outra á "bella
señorita" Conchita Liñares*.
|
* [...] El programa duraba tres o cuatro días. Había una banda de música y
gaiteros. Otros años hasta hubo dos bandas. Las que actuaron por aquellos
tiempos fueron Garabanja, Senra, Corme, Órdenes, Camboño y Arca y hasta un
año hubo que recurrir a la pequeña banda de "Toca no Zoco" de Abellá.
Las verbenas con más o menos bombillas y
recuerdo que un año hubo verbena a la veneciana con muchísimos farolillos;
banderitas siempre hubo muchas.
No faltaba el trascendental partido de
fútbol en el Campo del Naranjal. Podemos recordar las viejas glorias de
aquellos tiempos: a Juanitiño, Toñito, Mundito, Pepiño, Eliseo, Manolito, Louro
y Pedri, etc. [...]
|
|
* Conchita Liñares, cuxa beleza
eloxiou o xornalista J. de la Presa ("pocas
veces el periodista tiene ante si un rostro tan bello y una expresión tan
dulce") presidía dúas peñas, unha celtista -con só 16 membros-, e
outra taurina, a Peña el Cordobés, que constaba de máis de 50 membros! que ían
á Coruña ou a Pontevedra cando el actuaba nesas prazas. E por certo, o
seu mozo e futuro marido non participaba nelas porque era deportivista e
"Vitista".
|
1965
foi Ano Santo, así que o mércores día 22 de setembro tería lugar a
peregrinación do arciprestado de Berreo de Arriba. Portaron os estandartes o
xuíz Martín
Otero Fernández e a súa esposa Consuelo Daviña. Oficiou a misa o párroco de
Leira don Juan Bermúdez de Castro e
presentou a ofrenda o arcipreste que era o párroco de Ordes don José Fernández.
O ano rematou cunha moi mala noticia: a
principios de novembro o goberno emitiu un decreto
que modificou a demarcación xudicial de 1882. A mellora das vías de comunicación facía
innecesarios moitos dos xulgados. Deste xeito os partidos xudiciais de
Negreira, Padrón e Arzúa foron absorbidos por Santiago. Ordes tamén quedou sen
el, integrándose todos os seus concellos no de Santiago, agás Cerceda que quedaría
incluído no da Coruña.
Esta situación duraría 23 anos ata 1988, no
que a vila volvería a ser cabeza do 14º partido xudicial da provincia da Coruña.
