En 1944,
ano de moi boas películas (sobre todo de cinema negro), continuou a dinámica
negativa para o Eixo na 2ªGM. En
xaneiro Rusia rematou co asedio alemán a Leningrado mentres os aliados
desembarcaron preto de Anzio, aínda que a liberación de Roma atrasouse ata
xuño. Ese mesmo mes os rusos lanzaron
unha ofensiva masiva no leste de Bielorrusia e avanzaron por Polonia. Pero a
data máis icónica dese ano foi o 6 de xuño (o "Día D") no que tropas británicas, estadounidenses e
canadenses desembarcaron en Normandía. En agosto foi liberada a cidade de
Paris. A Batalla da Ardenas en decembro foi o último cartucho alemán para
atrasar a inminente derrota. Tamén no Pacífico os americanos vencían aos
xaponeses pero estes eran un óso moi duro de roer e cada pequeno avance custaba
litros e litros de sangue.
En España, 1944, ano no que se publicou Hijos de la ira de Dámaso Alonso, foi o primeiro da "pertinaz
sequía", así que os gobernadores civís de moitas provincias
publicaron bandos anunciando severas restricións eléctricas, que empezaron a
partir do 15 de febreiro pero que se agudizaron no verán. Afectaban á
iluminación pública e particular e tamén ás empresas, excepto factorías
militares. Nalgúns casos mesmo se suprimiron os horarios de tarde de
espectáculos, cinemas e bailes. E, como non, as multas para os que tentaran
saltar a norma eran bastante elevadas (se os pillaban, está claro). Aínda con este panorama, en 1944 celebrouse en maio a
XXII Feria Internacional de Muestras en
Valencia. Tamén foi o ano en que Manuel Gago sacou El Guerrero del Antifaz, o cómic máis popular da posguerra.
A
pesar de que economicamente as cousas non ían ben, o Réxime mantiña o tipo,
pero a inminencia da vitoria aliada era para Franco unha nube no horizonte. En
febreiro reafirmou a "estricta
neutralidad" de España e en marzo regresaron ao país os lexionarios,
últimos integrantes da División Azul. Pola contra, para a resistencia eran
tempos de ilusión ata o punto de animarse en outubro a realizar unha desatinada
invasión desde os Pireneos, que recibiu o nome de Operación Reconquista.
Galicia tamén vivía as restricións eléctricas
e a maioría da xente ignorou que en marzo aparecera en Buenos Aires "Sempre en Galiza" e en novembro o Consello de Galiza en Montevideo. Afectaba moito máis a crise do wolframio que empezara xa en 1943 pero que rematou en
abril de 1944 cunha redución case total das ventas deste mineral a Alemaña, o
que foi un gran prexuízo económico para a rexión, pero pola contra o Réxime mellorou
as súas relacións co R.U.
A resistencia anti-franquista tamén se viu
animada pola previsible victoria dos aliados, así que moitos esquerdistas
volveron ao monte coa ilusión de rematar coa ditadura. En outubro en Abegondo,
presidida por Manuel
Castro Rodríguez, delegado da Internacional Comunista na Unión Nacional Española tivo lugar unha reunión na
que participaron Manuel Ponte, Francisco
Rey, Marcelino Rodríguez, Adolfo
Allegue e Juan
Pérez Dopico. Nela constituíuse
o Ejército
Guerrillero de Galicia, organización que se dividiu en catro
agrupacións. Cada unha estaba estruturada en partidas ás que se lles asignaron
zonas de actuación, correspondéndolle á IV agrupación as terras de Ordes.
E... que cousas pasaban en Ordes?
XANEIRO: Quizais o máis sorprendente do ano foi a multa que recibiu o ex-alcalde (e futuro alcalde) Antonio Concheiro e algunhas persoas do seu círculo. Literalmente "Por censurar la actuación del Jefe Comarcal del Movimiento, y de la Corporación Municipal de Órdenes que preside, vertiendo conceptos injustos e intolerables sobre la labor de la misma, y persistir en manejos caciquiles han sido multados con mil pesetas Antonio Concheiro Iglesias, Ángel Concheiro Iglesias, José Villasenín Veiras y Andrés Martínez Castro, y a Jesús Díaz Veiras por tolerarlo en su casa, 250 pesetas". Enterro do
avogado Jacobo
Amor del Río. Acto falanxista no Teatro de Ordes. Doados xoguetes e
roupa ás familias de poucos recursos. Remataron as obras para ter maior caudal
de auga na vila. Destinados os mestres Lisardo Castro Amor para Ardemil 2 e
Elena Telmo Duarte para a vila. Morreu Flora Louro Ferreiro e, en Beán, Manuel Mosquera Iglesias aos 76 anos. Ah! e naceu en León Teodosio Martino.
FEBREIRO: Agora foron varios panadeiros de Ordes os multados por criticar tamén ao alcalde. Primeira misa
oficiada por don Joaquín Andrade Orza en Ordes. Creada comisión para o
arranxo da igrexa parroquial. Festa da Árbore. Morreu en Leira o mestre Manuel Castro Viqueira.
MARZO: Aparece nas
Casillas na cuneta da estrada o cadáver da mendiga Mª Angelina de Sousa,
falecida de morte natural.
ABRIL: Estrea da obra "Un marido interino" de Víctor do Capitán no Salón Troche con dirección de Viriato Lamas. O día 29 morreu
o avogado Benigno Concheiro García.
MAIO: Don Joaquín
Andrade é nomeado Arcipreste de Berreo de Arriba. Cesou de administrador de
Correos Fernando Rubín González, o novo sería Álvaro Landín del Valle. Morreu
Juan Villaverde Franqueira, pai do municipal da Espenica.
XUÑO: Detidos en
Sigüeiro tres maleantes que cometeron numerosos roubos en hórreos e muíños de
Ordes, Tordoia, Trazo e Buxán. Morreron Francisco del Río
Martínez (marido de Carmen Ríos Barreiro) con 50 anos, Juana Carnota, nai do
transportista Rogelio Prado, e en Leira Carmen Uzal Blanco aos 50 anos.
XULLO: Morreu o día 31 Generosa Amor
del Río, viúva do mestre de Cerceda Pedro Álvarez Villaverde, aos 76
anos de idade.
AGOSTO: Partido entre o Ordes e unha selección do Frente de Juventudes de Santiago perdido por 3-5 e arbitrado por Francisco Concheiro. Aprobado un proxecto de pavimentación no Recreo. Xubilación do mestre don Nicolás del Río, aínda que seguiría dando clases particulares. Faleceu na
Coruña Telmo Carballido Fernández, avogado e secretario do Xulgado de 1ª
instrución de Ordes, e en Ardemil a moza Casilda Liñares Candal con só 25 anos.
SETEMBRO: Ordes e Cerceda,
entre outros municipios da Coruña, seleccionados como zona de produción de pataca de
semente (polo que debía ser declarada). Morreu o día 10 Manuel Mariño Liste, patriarca
dos Mariños das Corredoiras. Destinado a
Ordes 2 Francisco Eiras Sampedro (que morrería 4 meses despois con só 31 anos
de idade).
OUTUBRO: Concurso de
Calidade de pataca para todos os agricultores de Ordes na Ferradura de
Santiago. Manuel Seoane Blanco, mestre en Ordes 1. Morreron Manuel García Bermúdez -o día 14-, patriarca dos
de Carballo que tiña 87 anos de idade, e Carmen
Mariño Martínez, muller de Juan de Carril.
NOVEMBRO: Ingresado no
Hospital de Santiago Jesús Mártinez de 46 anos con prognóstico grave. Eleccións sindicais con gran éxito de participación (pola conta que lles
tiña!). Morreu o
panadeiro Antonio Ferreiro Eirín,
pai de Dolores, Mª Carmen a Morena e o mestre
Caramelo, e en Mercurín Carmen Ríos Raña aos 68 anos.
DECEMBRO: Puxo á venda a
súa casa fronte á igrexa a familia Barreiro. Ao ano seguinte a familia desaparecería da vila. Morreu en Ardemil María Sánchez Couto aos 44 anos.
E
non pode faltar a relación de multas:
XANEIRO: 1.000 pesetas a Antonio Concheiro
Iglesias, Ángel Concheiro Iglesias, José Villasenín Veiras e Andrés Martínez
Castro (criticar a actuación do xefe comarcal do Movemento e da corporación
municipal) e 250 a Jesús Veiras Pérez (por toleralo na súa casa). 250 a
Manuel Mosquera Liñares (celebrar un baile sen autorización). 200 a Ramón Prado Carnota (insolencia cos axentes
da autoridade). 150 a Jesús Lata Gómez (despachar alcol a individuos
embriagados). 75 a Mª García Parada (denuncia falsa). 50 a Jesús Visos Noya
(celebrar un baile sen autorización).
FEBREIRO: 300 pesetas a
Victoriano Fuentes Brandariz e Andrés Gaudeoso Pazos, 200 a José Ferreiro
Rama e José de la Fuente Eirín, 150 a Manuel Eirín de la Fuente e Andrés
Blanco Calvo e 100 a Marcelino Conde Recouso (denuncia infundada contra o
alcalde). 250 a María Moar Pérez (escándalo e faltas á moral).
ABRIL: 250 pesetas a
Pedro e Dolores Castro del Río e Manuel Villaronga Castro (escándalo). 50 a Manuel Pardo Villaverde, Manuel Villaronga
Castro*, Manuel Liste Areoso e Raimundo López Franqueira (insultos e escándalo).
XUÑO: 500
pesetas a Eduardo Gómez Gómez e José Candal Gestal (extracción clandestina de
wolframio). 25 a Pedro Graña Blanco (viaxar sen salvoconduto).
XULLO: 250 pesetas
a Jesús Iglesias Manteiga, Máximo Candal Ríos, Andrés Candal Gómez, Andrés
Candal Bascoy, José Candal Gómez e José García Gestal (infracción do
regulamento de armas e explosivos). 250 a Antonio García Varela (blasfemia e
reincidencia).
AGOSTO: 250 pesetas a
Fernando Liste Fernanducho, Pedro Graña,
Ricardo Caamaño, Antonio Louro Iglesias e José Candal (infracción das
disposicións sobre restriccións eléctricas). 50 pesetas a Gerardo Seijas
Pacheco (para que corrixa aos seus fillos que se dedican a apedrar persoas e
coches). 50 a Josefa Juncal Vilariño (escándalo). 25 a Francisco Ferreiro
Juncal (viaxar sen salvoconduto).
NOVEMBRO: 50 pesetas a
José Martínez Martínez, Jesús Iglesias, Manuel Boquete Martínez, Argimiro
Uzal e Emilio Recouso Recouso (blasfemias e palabras grosas).
|
No hay comentarios:
Publicar un comentario