martes, 3 de diciembre de 2024

O ano 2008

  O ano 2008 é lembrado principalmente polo inicio da crise económica a nivel mundial. O G-20 (máis os Países Baixos e España) reuníronse en novembro en Washington para tentar reformar os mercados financeiros e estimular a economía. A pesar de todo, a crise acabaríase apropiando do mundo. Pouco antes, no medio dunha onda de entusiasmo, chegou á presidencia dos USA Barack Obama, o primeiro home non branco en alcanzar tal posto.
  En Cuba, en cambio, o "eterno" Fidel Castro abandonou oficialmente o cargo. China reafirmou o seu status de potencia mundial, primeiro celebrando en agosto uns espectaculares xogos olímpicos e logo en setembro mandando ao espazo a Zhai Zhigang, comandante en xefe da misión Shenzhou VII. Ademais en Europa naceu un novo estado, Kósovo (para enfado de Serbia e de Rusia) e en Brasília en maio constituíuse Unasur, comunidade dos 12 países suramericanos.
 
  2008 foi o ano do libro de Suzanne Collins "The Hunger Games" e de películas como "The Dark Knight", "Gran Torino", "WALL-E" ou "Slumdog Millionaire".
  Musicalmente vimos os debuts de Katy Perry co himno gay "I Kissed A Girl" e da galesa Duffy con "Mercy" e "Warwick Avenue", oímos outro himno de Coldplay, "Viva La Vida", e o super hit "Single Ladies" de Beyoncé. No noso país arrasaron Carlos Baute e Marta Sánchez con "Colgando en tus manos" e Nena Daconte con "Tenía tanto que darte".
 
  En España a crise comezaba a notarse, pero o PSOE de Zapatero gañou as Eleccións xerais de marzo negándoa. Tamén volveu gañar con maioría absoluta as eleccións andaluzas que se celebraron o mesmo día, aínda que houbo nelas un considerable ascenso do PP. Co aumento dos prezos e os atentados de ETA poucas boas novas houbo, agás no terreo deportivo porque aquí si que foi un gran ano: a selección española de fútbol, adestrada por Luis, gañou a Eurocopa e Nadal, ademais de Roland Garros e Wimbledon, deulle de novo a Copa Davis a España.
 
  Ordes empezou 2008 notando a crise económica. Había máis de 1.800 desempregados na comarca e aumentarían exponencialmente durante todo o ano. Tamén  había máis de 2.300 maiores de 65 anos e para eles foi inaugurado en xaneiro un centro social provisional na Rúa da Reconciliación. En febreiro por primeira vez a Corporación rendeu homenaxe aos fusilados do 37 en Boisaca. Tamén incluíu aos Lagartos na zona ORA e engadiu tres novos gardas municipais (José Cancela, Iván Otero e Jorge Trillo).
  O gran número de estorniños (máis de 100.000) ocasionou tantas molestias que houbo que poñer gravacións de aves rapaces para botalos da Alameda. Outros molestos visitantes eran os "Pellejeros", os camións de lixo que pasaban como Perico pola súa casa. Un pleno municipal decidiu desvialos do centro, pero continuaron circulando ata setembro en que evitaron a vila ao volver da planta de Sogama (pero non na ida).
 
  A Movida comezaba a dar sinais cada vez máis claras de decadencia, ata o punto que os propietarios dos locais decidiron asociarse en decembro para reverter esta situación. En cambio as festas e festexos de calquera tipo multiplicáronse grazas á boa disposición do goberno do alcalde Regos que en maio aprobou un presuposto de 13 millóns de euros, o máis alto da nosa historia. Así tivemos en marzo o Certame de Intérpretes de Ordes onde competiron máis de 100 cantantes afeccionados, sendo unha das destacadas a ordense Cristina Souto. En abril tivo lugar Expo Ordes que recibiu unha avalancha de xente e onde destacou o 1º Concurso hípico de salto no que participaron 70 cabalos. En maio debutou a Gala do Deporte da Mancomunidade, aínda que esta 1ª edición celebrouse en Cerceda. Ese mesmo mes houbo a Festa dos Maiores que congregou 1.300 persoas nunha carpa no Campo da Feira (aproveitouse a que se instalara para a Expo) e tamén se celebrou o Campionato de España de hóckey junior que gañou o equipo de Barcelona. En xullo non faltaron o Revoltosa Rock de Montaos nin a XVI Feira de cans de caza que contou con máis de 2.000 destes animais no Mesón do Vento. En agosto foi a 2ª edición de Brincadeira, que nesa ocasión contou coa estelar participación de Amparanoia, e unhas espectaculares festas patronais que reuniron a máis de 50.000 persoas e nas que cantaron Marlene Mourreau (esta ensinaba máis que cantaba) e David Civera. E aínda quedaban en novembro a 1ª Feira Intercultural de Ordes con degustacuión de comida árabe, calígrafía tamén árabe e capoeira e a 1ª Feira da Mancomunidade Ordense celebrada na Alameda con máis de 1.500 visitantes.
 

  A actuación do goberno foi frenética en todos os ámbitos: emprendeu unha tremenda reforma da Alameda que a duras penas chegou a tempo para as festas, recibiu a bandeira verde en xuño como municipio "sostible", licitou o paseo fluvial do río Mercurín e ata pretendía construír unha estación de autobuses enriba dun aparcadoiro subterráneo no parque. Afortunadamente iso non chegou a bo termo.
  O que si fixo en agosto foi remodelar a páxina web do Concello "para que resultara máis útil aos usuarios" e... que casualidade! tamén en agosto apareceu o blog de información municipal "Ordessiete", dirixido por Renato Landeira, que basicamente se dedicou a facer propaganda de Regos ata o ano 2014 no que deixou de funcionar.
  Outras novas dese ano foron o inicio dos primeiros cursos de inglés impartidos pola Escola Oficial de Idiomas no IES 1, a marcha de Ordes da socialista Esther Couto substituída por Xesús Pedreira, un incendio na droguería Leandro e o multitudinario enterro en novembro de Manuel Regos Rodríguez, pai do alcalde.

No hay comentarios:

Publicar un comentario