domingo, 28 de junio de 2020

Juan José Liñares Martiáñez

  Juan José Liñares Martiáñez, máis coñecido como Juanjo Linares, naceu en Ordes o 6 de Setembro de 1933. Era fillo de Gumersindo Liñares, propietario do "Bar Liñares" (entón punto de reunión dos VIPs de Ordes) e de Valentina Martiáñez Bengochea, unha madrileña de distinguida familia.
  Juanjo viviu por e para o baile. Entregou toda a súa vida á danza, nas súas diferentes facetas: bailarín, coreógrafo e mestre e, sen ningunha dúbida, foi unha máxima autoridade no estudo do baile folclórico español (el prefería o termo “danza tradicional”) ao que consideraba como un patrimonio que debía ser atendido e conservado.

  Desde moi pequeno, Pocholo, como era alcumado en Ordes, escapaba do bar e achegábase uns 100 metros á casa da súa tía avoa Rita Castro Bao (m.1984) -hoxe Alfonso Senra 106-, que lle ensinou os primeiros pasos de baile.
  Xa aos 8 anos de idade presentouse ao concurso de baile galego que había nas festas e por suposto gañouno. Logo acudiría ás romarías de Santa Margarida na Coruña, tendo como primeira compañeira de baile á súa veciña Teresa Marcos.
 Esa afección ao baile rexional levouno a ser instrutor de "Coros y Danzas" durante 3-4 anos, a traballar co "Ballet de la Coruña", ser profesor de "Lembranzas do Arte" e colaborar con "Follas Novas" e "Aturuxo". Paralelamente chegou a estudar Dereito pero a súa dedicación á danza impediulle rematar a carreira. 

  Despois de estudar con Paco Reyes, o mestre Carito, Salvador Melho ou Lolita Domíngez e facer televisión con José Toledano, en 1959 prodúcese o seu debut profesional no Teatro de La Comedia de Madrid co Ballet Español de Rosario (1918-2000), ex-parella do seu admirado Antonio.
  Obtivo un gran éxito, ata o punto de que a crítica bautizouno como “o bailarín dos pés alados" (como Aquiles). Gañaba 400 pesetas ao día que pronto se converteron en 500.

 Logo sería primeiro bailarín con Mariemma e colaboraría con Marifé de Triana, Antoñita Moreno, o Ballet español de Pilar de Oro e Alfredo Gil, María Rosa ... en fin, os nomes máis prestixiosos desa época.
  Tamén formou o seu propio ballet coas bailarinas Carmela Prieto, Malena Muñoz, Fefa de Alba, Elvirita Loal e Dolores España, acompañadas ao piano por América Villar.
 A súa etapa como bailarín rematou cando, traballando como artista convidado con María Rosa foille diagnosticada unha tuberculose renal en 1970.

  Tempo despois regresa á capital onde se lle ofreceu a creación do Grupo Nacional de Danzas de Educación e Descanso. Coa caída do franquismo, pasa a ocupar un posto de funcionario que compatibilizou coa montaxe de coreografías para o Ballet Nacional de Festivales de España, Antonio Gades, Ballet Folklórico Nacional, a Compañía de Zarzuela Isaac Albéniz, Imperio Argentina, José Greco, etc.

  En 1970 "Sementes do Arte" en Ordes foi o primeiro de varios grupos de danza folclórica que creou por Galicia e Castela. En 1971 foi "Semillas del Arte" de Puebla de Moltalbán (Toledo), e logo varios máis, porque o estudo e o ensino da danza tradicional foi a paixón á que dedicou a segunda metade da súa vida. Escribiu varios libros e moitos traballos pequenos sobre bailes rexionais. Discípulos seus serían Javier García, Manuel Segovia, o director da Compañía Ibérica de danza, ou Aida Gómez, que preparaba un traballo con el.

  Paralelamente era un coleccionista compulsivo de traxes. Sostiña que o clima e por tanto o vestido determinaban o modo de bailar. Non tiña un oco libre na súa casa, ocupada totalmente por centenares de traxes, non só rexionais senón tamén vestidos de artistas famosas coas que compartira o escenario. Ao longo da súa vida realizou exposicións en Madrid, Santillana del Mar, Cádiz, Córdoba… pero finalmente legou a colección a Ordes, que creou para ela o Museo do Traxe.

  Non puido asistir á súa inauguración, en xaneiro de 2010, porque morreu o 16 de novembro de 2009 no Hospital de la Concepción de Madrid, aos 76 anos, por complicacións dun infarto sufrido cando ía saír da súa casa para impartir unha clase maxistral. Rematou a súa vida “coas zapatillas postas” como era a súa obsesión.


  Juanjo Linares foi o ordense máis exitoso durante os anos 60 e 70. O número de premios e distincións que acadou é altísimo, destacando a Medalla de las Bellas Artes (prata) e unha das Medallas de Galicia (bronce). É Fillo predilecto de Ordes desde 1990 e leva o seu nome a rúa coa que fai esquina a Casa da Cultura.

martes, 23 de junio de 2020

Bolboretas para principiantes

  Como podedes supoñer polo título, este artigo só pretende ser unha lixeira introdución ao tema, lonxe do rigor científico. Por tanto limitareime a nomear unhas poucas bolboretas moi comúns nos arredores da vila de Ordes, das case 70 que, segundo Alejandro Lázaro Camafreita, hai no concello. O que queira nomes latinos e precisión académica pode picar nas ligazóns para ampliar coñecementos.

  Os profanos, ou sexa o 99,9 % de nós, non sabemos o nome de ningunha bolboreta, pero, sendo algo observadores, decatámonos polo menos de que a maioría das que vemos ao pasear polo campo son de tres cores: brancas, marróns e amarelas.


  As case totalmente brancas pertencen a dúas especies moi parecidas: a bolboreta da col e a branquiña da col. Se nos fixamos ben cando están pousadas, podemos distinguilas porque a segunda é algo máis pequena e carece de banda negra na punta do borde das ás anteriores. Na miña infancia, preto dos núcleos habitados, as bolboretas da col viánse máis que case todas as outras bolboretas xuntas, pero a diminución das hortas con verzas provocou unha baixada importante na súa poboación.
  Aínda hai unha terceira especie predominantemente branca pero con gran número de manchas negras. En castelán é a medioluto (medioloito), nome que lle deron porque parecía estar de alivio, deixando o loito.


  En canto ás bolboretas amarelas hai dúas especies moi fáciles de distinguir. Se nos fixamos un pouco, decatarémonos de que unha semella ter unha cor máis forte. É a colia, que voando, parece de cor case alaranxada pero coas ás pechadas é simplemente amarela. Se nos achegamos podemos ver tamén un punto branco, algún negro e uns grandes ollos verdes. A outra bolboreta, de máis tamaño ca anterior, ten unha cor amarela mais clara, ás parecidas a unha folla e ollos escuros. Chámase  limoeira e podedes supoñer a razón do nome.


  Pasemos agora ás bolboretas marróns. Aquí xa temos máis problemas porque hai varias especies parecidas e que ademais son moi abundantes todas. A bolboreta loba (meadow brown "prado marrón" en inglés), a lobiño -ou tamén lobiño agreste-, que ten as ás pola parte interior máis alaranxadas (en inglés gatekeeper "porteira" ou hedge brown "seto marrón"), e a pánfila (ninfa de linneo ou níspola en castelán, nêspera en portugués, e small heath "pequena uz" en inglés).


  Tamén bastante común é a maculada ou vanesa dos muros. O seu nome significa "manchada" e ten por fóra un tono bastante alaranxado. Aínda máis alaranxada e gris clara é a bonita e inconfundible cardeira, así chamada pola querencia ás flores de dita planta e que ten un tamaño bastante grande (ata 9 cm) comparada coas anteriores.


  Rematamos falando de dúas bolboretas bastantes escuras e moi bonitas. A atalanta ou vulcana e a espectacular pavo real. Esta última coas ás pechadas parece unha tea negra de encaixe, pero cando as abre vemos un precioso espectáculo que xustifica o seu nome. Por certo que as eirugas de ambas as dúas son grandes comedoras de ortigas e non teñen nin de lonxe a beleza das súas conxéneres adultas.
  
  Unha caractéristica sorprendente de moitas destas bolboretas é que parecen ter só 4 patas (realmente as 2 primeiras son moi curtas e están pegadas ao tórax). Isto ocorre coas bolboretas das familias Satyridae, Ninfalidae e Danaidae.

domingo, 21 de junio de 2020

1933: Vodas de sangue

  En 1933 García Lorca publicou "Bodas de sangre", un título profético para un mundo que ía cada vez peor.

  Alemaña asiste ao nacemento do III Reich. En xaneiro o ancián presidente Paul Von Hindenburg, a pesar de desprezar a Adolf Hitler, accede a nomealo chanceler. Só dous días despois este disolve o Parlamento. En febreiro o Reichstag resulta pasto das chamas. O goberno atribuíu a autoría ao Partido Comunista e decretou a suspensión da prensa marxista e o cesamento de todas as actividades dos partidos de esquerdas. Nas eleccións de marzo o partido nacionalsocialista arrasou con 17 millóns de votos fronte aos 7 dos socialdemócratas, os case 5 dos comunistas e os 3 dos nacionalistas. Pouco tempo despois abriuse en Dachau o primeiro campo de concentración e creouse a Gestapo. Hitler obtivo de Hindenburg a disolución do Parlamento e, a continuación, iniciou a detención de membros das organizacións socialdemócratas e comunistas. En abril tivo lugar o "Día do boicot" aos xudeus, seguido de leis que lles prohibiron a práctica da avogacía, a medicina ou o desempeño de cargos públicos. Concluíu o ano sendo o partido nazi o único autorizado.

  Tampouco ían moi ben as cousas en Asía. En marzo Xapón invadiu China e en maio tivo lugar a folga de fame de Gandhi para protestar pola opresión do goberno británico na India.
  En Estados Unidos en cambio houbo un sopro de esperanza. Franklin Delano Roosevelt, salvado polos pelos dun atentado, comezou a súa primeira presidencia e puxo en marcha o New Deal, que pronto melloraría o sombrío panorama económico, e a finais de ano derrogou a Lei seca que levaba 14 anos amargando ao país.
  E, como anécdota, 1933 viu en maio o renacemento da lenda do monstro do Lago Ness, que se vería reforzada ao ano seguinte coa aparición dunha famosa fotografía.

  Para España tamén é un ano crítico. Iniciouse coa revolta anarquista de Casas Viejas (Cádiz) que acabou de forma sanguenta. A mediados de xaneiro, entre este e outros sucesos, chegou a 100 o número de mortos pola violencia política. Isto supuxo unha gran presión para o goberno de Azaña que acabou dimitindo e sendo substituído en setembro por Alejandro Lerroux.
  Paralelamente a dereita foise reorganizando. En marzo apareceu Renovación Española e fundouse a Confederación Española de Derechas Autónomas (CEDA), presidida por Gil Robles. En outubro José Antonio Primo de Rivera fundou a Falange Española.
  Toda esta reorganización deu os seus froitos cando nas eleccións do 19 de decembro, as primeiras nas que puideron votar mulleres, gañaron os partidos da dereita. O ano rematou como empezara con outra insurrección anarquista en decembro que de novo fracasou, pero que deixou un saldo de preto de 80 mortos.
 
  En Galicia o Partido Galeguista celebra a súa 2ª Asemblea onde triunfa a tese de que son unha minoría directora na política de galeguización sen interese pola afiliación masiva "de xentes non formadas no galeguismo". Esta actitude elitista será rexeitada máis tarde cando se dean conta da necesidade do número para facer esixencias a Madrid. Ese ano instálase en Santiago de Compostela a 1ª emisora de radio (a 6ª española da empresa Unión Radio) grazas ás xestións do Comité pro-Estatuto. Será unha parte valiosa na futura propaganda do referendo.

  En Ordes a situación non era boa. A tensión era grande é as habituales liortas de mozos e veciños sumábanse agora as producidas por motivos políticos e por afiliarse ou non ás distintas organizacións, chegando aos atentados con bomba e ao intento de asasinato do sacerdote de Ardemil.
XANEIRO: Visita de Niceto Alcalá Zamora (fillo do presidente), catedrático da Universidade Compostelá invitado por José Concheiro García. Nova directiva da "Unión Mercantil" con Pedro Álvarez de presidente, Juan Linares (vicepresidente), Manuel Franqueira (tesoureiro), Manuel Sousa (contador), Manuel Mariño (secretario) e Julián Marcos (vicesecretario).
FEBREIRO: Mitin republicano con José Concheiro García. Aprobado o regulamento da Sociedad de Agricultores de Santa Mª de Barbeiros.
MARZO: Marcha de Ordes para Coruña o xuíz José Sánchez Guisande (1895-1959), que levaba desde 1922 na vila. Protestas da UGT e dos agrarios de Ordes, Ardemil, Encrobas e Cerceda contra o contratista do camiño veciñal de Mesón do Vento a Cerceda.
ABRIL: Uns 400 membros de asociacións de Ardemil e as Encrobas armados con fouces e paus presentáronse nas obras do tren en pé de guerra pedindo a exclusividade ou que unha parte importante dos contratados fosen de ambas as dúas parroquias (e organizacións). O motín rematou cun par de feridos. O gobernador mandou máis números da Garda Civil para que non se repetisen os feitos.
MAIO: Atentado con dinamita no Mesón do Vento contra os postes do tendido eléctrico da "Sociedad General Gallega". Toma de posesión do sacerdote Ramón Mosteiro Ferro, aínda que non chegará á vila ata xuño.
XUÑO: Parto de trillizas de Mª Blanco del Río, muller do xastre José Noval Corral. Unha nova sociedade, "Federación Agraria", ve aprobado o regulamento polo gobernador. Marcha Higinio Cambeses e Bernardo del Río será o novo director da Banda. Morre aos 72 anos José Fernández Varela, irmán de Ricardo (capataz de legoeiros e patriarca dos Fernández das Casillas).
AGOSTO: Fernanducho atropela a un par de persoas na beirarrúa. Breve parada en Ordes do republicano conservador Miguel Maura nunha xira por Galicia. Ataque a Pascual Couce Pico, cura de Ardemil. Crime nas Encrobas. Voda do avogado Juan Amigo coa súa curmá Mª Luisa Amigo. Elvira Troche, que cumpría 60 anos, cesada como mestra de Mercurín. Aprobado o regulamento da Sociedad Agraria de Leira.
SETEMBRO: Germán Doval é destinado como mestre a Ardemil 1 (O Canedo). Morre María Boquete Ríos, matriarca dos Martís do Casal.
OUTUBRO: Atentado contra a casa de Domingo Antonio Moar. Aprobados os regulamentos de sociedades agrarias de Lesta, Parada, Ardemil, Montaos, Pereira e Barbeiros.
NOVEMBRO: Concorrido mitin galeguista en Ordes cos candidatos Suárez Picallo, Martínez López e Manuel Bonet Fontenla. Mitin do Partido Radical en Tordoia no que falan Manuel Sousa Rey e o mestre Manuel Rubias.
DECEMBRO: Morre aos 64 anos o comerciante José Romero Faya, patriarca dos de Julián. Grave liorta no Mesón do Vento que rematou coa vida de Ricardo Prego.

miércoles, 17 de junio de 2020

Topónimos de antropónimos

Tal como podemos ver na web de Carlos Calvo Varela, Aldeias de Ordes, en toda a comarca hai moitos topónimos que proceden da existencia de vilas ou algún outro tipo de explotacións agrícolas medievais que tomaban o nome do seu propietario. Velaquí exemplos do concello de Ordes.

Adrán
Lugar da parroquia de Vilamaior, Adrán provén do xenitivo Hadriani, isto é, uha vila, granxa ou outra propriedade dun tal Hadrianus, nome romano procedente da cidade de Hadria (preto da actual Venecia) e que tamén da nome ao Mar Adriático. “Hadria” probablemente estaba relacionada co termo Ater “sombrío, negro coma o carbón”.
Ardemil
A parroquia de San Pedro de Ardemil debe o seu nome a unha vila altomedieval propiedade dun tal Ardemirus, nome seguramente composto polos elementos góticos hard ‘duro, severo’ e mêreis ‘famoso, célebre’, ou sexa “célebre pola súa dureza”. Esta *(villa) Ardemiri probablemente fose durante un tempo Ardemir, antes de chegar a forma definitiva de Ardemil, topónimo que, como outros rematados en –mil, deu pé a lendas populares que vían no número 1000 a súa razón de ser. A lenda dos mil mouros queimados debeuse ver favorecida polo famoso romance galego-portugués do Figueiral e o tributo das cen doncelas de Mauregato, con resonancias en Morgade.
Axáns 
Lugar da parroquia de Ardemil, preto do Mesón do Vento. Probablemente veña dunha *(villa) Agilanis, propiedade dun tal Agila, nome dun rei visigodo que ten a partícula agi ‘espada’.
Baltares
Lugar da parroquia de Barbeiros. Baltar podería proceder dunha hipotética *(villa) Baltarii, xenitivo do nome xermánico Baltarius.
Esmorís
O topónimo Esmorís (parroquia de Buscás) explícase pola existencia dunha vila ou explotación agrícola altomedieval propiedade dun señor chamado Hermericus. Esta *(villa) Ermerici ou Hermerici, en xenitivo latino sería “Vila de Hermerico”. Hermericus, á súa vez, é un nome xermánico que, como era costume neles, representaba o que os pais esperaban para o futuro dos seus fillos. Neste caso está formado por dous elementos góticos: *aírmas/aírmins ‘grande, groso, largo’ e *rikaz ‘poderoso’, resultando que Hermericus viría a significar algo como “Grande poderoso”. O prestixio de Hermerico, o primeiro rei suevo de Galicia, explica a popularidade do nome e por tanto a abundancia deste topónimo en toda Galicia.   
Faramilláns 
Este lugar do norte de Buscás foi durante o Antigo Réxime unha parroquia de seu. Aparece citado como "cautum de Flaminianos" na carta de doación que lle fixo o rei Alfonso VII á Igrexa de Santiago no ano 1124. Flaminiano deriva do nome Flaminius -como o senador Flaminius Priscus (s.III)-, que á súa vez ven de flamen, especie de sacerdote romano.
Froxil
Esta aldea de Ardemil debeu ser *(villa) Frogilde, pertencente a un terratenente chamado Frogildo, nome xermánico moi abundante na época e que resulta da unión dos elementos góticos frauja ‘señor’ (aplicado tamén a deus) e gild ‘imposto, contribución’. Parecido orixe ten Faxilde, xenitivo dun tal Fagildus ou Fagildo, outro nome xermánico co elemento gild ‘tributo’ acompañado de *fahs ‘alegre’, tendo o sorprendente significado ‘Alegre tributo’.
Gosende
Aínda que debido á nosa gheada Ghosende recórdanos ao nome castelán José, en realidade ven dunha Gundesindi medieval, posesión dun dono portador do nome xermánico Gundesindus (de gunths ‘loita’ e sinths ‘camiño, expedición militar’).
Guindiboo
Posiblemente Guindiboo xunto con outros topónimos que empezan por Gundou Gunt como Guntín (Mercurín) teñan relación cun nome comezado polo elemento gótico gunthi, que significa ‘loita, combate’. O lingüista arxentino Martins Estévez, a propósito do Gundivós do Val de Lemos, considera que pode ser un topónimo celta *Gunitt Bodos "Foso da batalla".
Guntín
Esta aldea de Mercurín sería *(villa) Guntini, (villa de Guntinus) antropónimo latinizado de orixe xermánico, formado pola voz gótica gunthi ‘loita, combate’ e a desinencia -inus, adaptación do sufixo tamén gótico -eins.
Mañufe
En xeral os nomes rematados en –ulfe ou –ufe son de orixe sueva e teñen relación coa palabra xermánica wulf ‘lobo’. Este é o caso de Mañufe (parroquia de Mercurín) que debe vir dunha *(villa) Mannulphi, propiedade medieval dun señor de nome xermánico Mannulphus, composto polos dous elementos góticos manna ‘home’ e wulfs ‘lobo’, co que o nome completo significaría “Home lobo”. O home lobo en Xermania non ten nada que ver co das películas de Hollywood, pois é máis ben un guerreiro temible e defensor do seu pobo que deixa despois dos seus ataques a pegada dun lobo sobre a neve.
Meitufe
Similar caso é o de Meitufe (parroquia de Leira). Pode que o nome do seu fundador medieval se explique polo elemento math ‘poderoso’, significando Meitulfus ou Meitulfo “Lobo poderoso”.
Mercurín
O topónimo Mercurín probablemente faga referencia ao deus romano Mercurio, protector dos viaxeiros. Na Serra do Caurel hai uns "Montes de Mercurio" onde se amoreaban pedras para guiar aos camiñantes. Tal podería ser o caso aquí.
Pepín
O topónimo Pepín (Mercurín) procede dunha altomedieval (villa) Pippini, propiedade dun terratenente de nome Pippinus, igual co do rei dos francos Pipino o Breve, pai de Carlomagno e fundador da prestixiosa dinastia carolinxia. O nome franco Pippinus, á súa vez, deriva da raiz bibl- ‘tremer’.
Ponte Quinín
Viría dunha Ponte Quinnini, ou Ponte de Quindinus, nome composto do elemento kinth ‘proxenie,estirpe’ e a desinencia in.
Ramil
Ramil (Barbeiros) ven dunha *(villa) Ranimiri “Vila de Ranimirus”, nome que se converteu en Ramiro. Este antropónimo xermánico contén de novo o termo mêreis ‘célebre’, que orixinou moitos topónimos rematados en –mil. Non está tan claro de que elemento gótico ven o Ra- inicial.
Requián
Segundo explica Cabeza Quiles, o topónimo Requián (Beán) “debe ser a versión actual do acusativo *Requilanem, do nome xermánico persoal en –ila, Rikila ou Rekila. Polo tanto, dende unha posible *(villa) ou *(villare) (de) Requilanem chegariamos ao actual Requián, en referencia a un dono chamado Rikila ou Rekila, nome xermánico en que parece encontrarse o elemento gótico rik ‘rei’. Rekila foi o 2º rei suevo de Galicia, fillo de Hermerico, que abdicou no ano 438.
Trasmil
Trasmil (Mercurín) deriva do nome Trasmirus, que contén *thras ‘desputar’ e de novo o termo mêreis ‘célebre, famoso’, que orixinou moitos topónimos rematados en –mil. Este antropónimo rexístrase na Galicia medival nos séculos IX e X.
Vilagudín
O topónimo deste lugar de Lesta fai referencia a unha medieval *Villa Godini, dun señor chamado Godinus (nome xermánico tal vez formado a partir do étnico Goth ‘godo’). Na parroquia de Mesía tamén hai un Gudín, do que caeu o “Vila” inicial. Quizais foi o mesmo terratenente Godinus ou Gudinus o que fundou no seu dia as dúas vilas. 
Vilasenín
Este lugar de Leira (no que tamén hai un encoro) debe o seu nome a unha  *Villa Sinnini, dun tal Sindinus (sinth ‘forte’ máis a desinencia in -sinth ou swind tamén o podemos atopar no nome Gumersindo ‘home forte’-).
Xenarde
A etimoloxía popular fala dun gran incendio. “Arden mil montes, arden mil!”, berraban os veciños desesperados, ata que nun pequeno outeiro, o Cotón de Xanarde (451m), comezou a amainar o lume e unha veciña deu a boa nova: “Xa non arde, xa n’arde!”. A fría etimoloxía cientifica supón en cambio unha vila medieval, *(villa) Janardi, propiedade dun tal Janardos. Este antropónimo, documentado na Galicia do século IX, está formado polo elemento gótico hard ‘duro, forte’ o mesmo que aparece na composición do topónimo Ardemil. Tal vez Janardus teña primeiro lugar a palabra *gais– ‘lanza’, así que significaría "Lanza forte".

Noutros concellos da comarca atopamos moitos máis destes topónimos como Antemil, Calvente, Restande, Rosende, Sadurnín ...

sábado, 13 de junio de 2020

A familia Mariño

  O patriarca foi José Mariño García (1880-1947) que, a principios do século XX cando tiña uns 22 anos, empezou como zapateiro pero foi diversificando o negocio pouco a pouco, primeiro cunha tenda de alimentación, logo un bar (bastante fastoso para a época comparado coas tabernas dos seus competidores) e por suposto casa de comidas. Tamén participou como empresario na chegada da electricidade á vila en 1922.
  Dado que foi nomeado fiscal municipal suplente en 1905 e foi cesado como concelleiro en 1910 coa volta ao poder do cacique liberal Saturnino Aller, e fácil conxeturar que estaba na órbita do Partido Conservador, ao contrario que toda a elite ordense daquela época. Tamén foi o correspondente en Ordes de El Ideal Gallego, un xornal que naceu en 1917 con ideoloxía católica e agrarista. Remataría a súa carreira política volvendo a ser concelleiro en 1928 na época da ditadura de Primo de Rivera e formando parte da Unión Patriótica, o partido oficialista.
  Casou con Soledad Vilela Chacón, filla ou irmá? de Ramón Vilela (m.1928), un dos dous xastres que había en Ordes -o outro era Andrés Blanco-, e tiveron 5 fillos (Manuel, Rafael, Carmen, Ángel e Francisco Mariño Vilela) antes de que ela morrera en 1918 por causa da epidemia de gripe española.
  José casaría entón en segundas nupcias con Ramona Iglesias Noya (1899-1991), case 20 anos máis nova ca el, unha excelente cociñeira que levaría a casa de comidas. Con ela tería 4 fillos máis: José, Rosa (morta aos 3 anos), Mª de los Ángeles y Mª de las Mercedes Mariño Iglesias.

Manuel Mariño Vilela (1904-1998) foi o que continuou o negocio familiar en Lagartos 11. Nos anos 40 e 50 era xunto coa de Mariano Amado a maior tenda da vila e vendía desde alimentos e bebidas ata pienso ou fertilizantes. Casou con Esperanza García Villaverde (1914-2000) coa que tivo 2 fillos: Pilar e José Manuel. Pilar casou en 1968 con Antonio Cristín e foron pais de Pilar (a propietaria da farmacia do Recreo) e Santiago Cristín.

Rafael Mariño Vilela (1910-1983) sendo mozo estudou na escola de radiotelegrafistas de Madrid pero unha enfermidade acabou coa súa estancia alí. Tamén foi un experto electricista que axudaba coa iluminación eléctrica das festas. Estableceuse no Recreo 24 onde tivo un ultramarinos e ferraxería e ademais rexentaría algúns anos o salón de baile. Herdou a vea política do seu pai, facéndose membro de Renovación Española (o partido de Calvo Sotelo) e máis tarde ingresando na Falange (tiña gran amizade con Diego Salas Pombo, o xefe provincial da Coruña) da que foi xefe local, pero desmarcouse da represión posterior ao Alzamento e usou a súa influencia para protexer ás vítimas. Ocupou o posto de alcalde desde novembro de 1942 ata 1945 en que o sucedeu Manuel Verea Remeseiro.  
Casou en 1935 con María Franqueira Regos (1911-1985), filla do comerciante do Recreo Manuel Franqueira Martínez Manuel da Ponte (1876-1961) e de Carmen Regos Caramelo. Con ela tería dous fillos: Rafael e Mª del Carmen.
Rafael Mariño Franqueira, de novo Feluco, estudou para perito industrial en Vigo e Valencia, carreira que rematou en 1960. Como anécdota, durante o seu servizo militar na Milicia Aérea Universitaria en Villafría (Burgos) e Tablada (Sevilla) coñeceu e fixo amizade co Duque de Cádiz, don Alfonso de Borbón. Traballou en Fenosa e casou con Mª Teresa Rodríguez Taboada, distinguida filóloga e catedrática de lingua e literatura española no famoso instituto Eusebio da Guarda na Coruña.
Mª del Carmen de la Soledad Mariño Franqueira casou en 1962 con José Manuel Castro Ferreiro (1940-2017) dos Castro do Recreo. Foron pais de Mª Carmen Castro.
                
Carmen Mariño Vilela (1911-1999) foi mestra e casou en 1935, en Sarandóns, con Juan Chacón Blanco. Tiveron 3 fillos: Mª Luisa (m. 2005) que casou con Antonio Astray Mariño, José e Jorge.
Ángel gañou praza no Corpo de Aduanas. Foi destinado ao País Vasco onde casou con Mª Blanca Sarasqueta Eguiazu e con quen tivo 4 fillos. Traballou en Irún, San Sebastián e Santoña. Francisco (1915-1995) foi empregado do Banco Pastor. Instalouse en Cillero (Viveiro) e casou con Delfina Sanjuán Gómez coa que tivo 3 fillos.

José Mariño Iglesias (1920-2003) traballou na ferraxería que había fronte a igrexa e logo emigrou a Venezuela pero volveu e rematou por instalarse na Coruña. Casou con Luisa Isabel Arias del Valle coa que tivo 3 fillos.
Mª Ángeles Mariño Iglesias (1925-2016) quedou en Ordes. Do seu matrimonio con Manuel Astray tería dous fillos: Ángeles e Manuel Nel Astray.
Mª de las Mercedes Mariño Iglesias viviu en Santiago e casou con Ramón Ríos Silva  (1927-1995) co que tivo dous fillos, Mª Mercedes e José Ramón. Os últimos anos residiu en Alfonso Senra ata a súa morte en 2019.


  Hai máis familias co apelido Mariño. Por exemplo, Manuel Mariño Martínez (1913-1978) dos Lagartos, máis coñecido como Mariño das Corredoiras e casado con Dolores Veiras Bello dos Veiras de Pardiñas. Compartiu o mesmo nome e apelidos que Mariño da Fraga (1912-1983) casado con Jesusa del Río Grela. Outra familia que leva este apelido son os Mariños do Casal, descendentes de José Mariño Rey e María Uzal Villaverde.