miércoles, 26 de agosto de 2020

O ano 2002

  No ano 2002 Aznar seguía gobernando España. Era unha época de espectacular bonanza económica.


UN FINAL DE INFARTO
  O país enteiro tiña postos os seus ollos nos participantes da primeira edición de "Operación Triunfo" que ata eran noticia do telexornal (o que daquela era unha gran novidade). O sistema de eliminación dos participantes era mixto: había un xurado pero o público tiña a última palabra. Desde un principio houbo tres favoritos claros: Rosa, David Bisbal e Chenoa. Pero como en toda boa obra que se prece tamén houbo a sorpresa final. O cántabro David Bustamante formou parte do trío gañador grazas ás mensaxes masivas dos seus paisanos.

ADEUS PESETA, ADEUS ...
  Foi a nosa mellor compañeira durante 131 anos. Naceu despois da revolución "Gloriosa" de 1868 e veu substituír ao real de vellón. No ano 1869 apareceu a primeira peseta, inspirada nunha moeda do emperador hispalense Hadriano. Nela aparecía a matrona Hispania cunha póla de oliveira na man e no reverso o escudo de España. O seu nome, segundo algúns estudosos podería vir do catalán ou do italiano e significaría "peciña". Logo de máis de 40 cambios de forma e tamaño abandonounos o 28 de febreiro dese ano 2002.

MAREA NEGRA
  Para Galicia tamén era un bo ano, aínda que perdéramos a dous dos nosos máis importantes escritores: Camilo José Cela e Carlos Casares.
  Pero iso cambiou en novembro cando un petroleiro chamado "Prestige", despois dunha errática vianxe onde se luciron as autoridades, derramou a súa carga nas costas galegas.
  Iso provocou unha gran indignación e a creación da plataforma cidadá "Nunca máis" que o 1 de decembro dese ano movilizou preto de 200.000 persoas nunha histórica manifestación en Santiago de Compostela.


MOVIDA SEN CONTROL
  Ordes comezou o ano coa inauguración do Punto Limpo e coa sobredose de José Luis, un mozo de 24 anos que apareceu sen vida no lavadoiro do Recreo. En marzo foi liberado Manuel Queijo Rey, un mozo de 34 anos con problemas mentais que se autoinculpara do asasinato de Manuel Gómez Ramos, ocurrido en 1994 en Fosado.
  En agosto inaugurouse a primeira rúa peonil da vila, a rúa Mundito, homenaxeando ao mesmo tempo tempo a Segismundo Viqueira e a Víctor González Faya
  En setembro comezaba o novo curso escolar coa supresión das unitarias de Poulo e Vilamaior. Tamén foi anunciado o comezo da fase 1 da Ronda Leste, pero en realidade quedaría parada ata o ano 2009.
  Os problemas máis graves foron como sempre os provocados pola movida que comezaba a caer no exceso. Eran habituais estragos, altercados e pelexas multitudinarias, o que ocasionou que en setembro aumentara o número de policías locais e gardas civís para intentar controlar a situación, cousa que non evitou unha agresión con arma branca a un mozo de Oroso en novembro.
  O ano rematou cunha merecida homenaxe ao atleta Herminio Rial Naveiro de 39 anos poñendo o seu nome á praciña colindante coa Casa da Cultura.
 
  2002 deu títulos cinematográficos tan interesantes como "The Pianist" e o musical "Chicago" pero é máis recordado pola primeira película de Tobey Maguire como "Spider-Man" e pola aparición do esquío Scrat en "Ice Age".
  Musicalmente foi o ano de Christina Aguilera, pero en España (e logo no mundo) bailabamos ao son das Ketchup co seu "Aserejé" e "Que la detengan" de David Civera e coñecemos aquel ano a Juanes cantando "A Dios le pido". 

No hay comentarios:

Publicar un comentario