sábado, 2 de septiembre de 2023

Samuel Mayo Méndez

 
Samuel Mayo, tamén coñecido como Saúl, naceu en 1924 en Santa María de la Vega, unha pequena localidade do norte de Zamora, case na fronteira con León. Era fillo de Gregorio Mayo e de María Méndez que
se instalaron sendo el moi novo no lugar de Mato de Arriba, preto da igrexa de Olas (Mesía). Era un mozo guapo e intelixente que aprendeu o oficio de canteiro e que daba clase aos veciños de Soutelo na butilla da igrexa polas noites cunha luz de carburo.
  De ideoloxía comunista, foi militante das Juventudes Socialistas Unificadas, e comezou a facer de enlace coa guerrilla, sendo en 1945 un dos enviados a Francia para asistir a cursos de formación.  
 
  En 1946 botouse ao monte e integrouse no Destacamento Santiago Álvarez co que participou nos atentados que acabaron coa vida de José Liñares Pepe de Ramas e do alcalde de Mesía José Candal Vieites en 1947.
  Trasladouse logo a Ourense onde, a pesar da súa xuventude, dirixiu a II Agrupación do Exército Guerrilleiro con Benigno Fraga Pita como comisario político. Con ela participou en numerosos asaltos e atentados. O 23 de agosto de 1948 mataron aos veciños de Piñor Montero Cid e Emilio Padrón Cuíñas. Mataron tamén ao alcalde de Coles José López Quiroga e ao veciño de Piuca (Maceda) Severo Rubín Pérez.
 
  A agrupación quedou desfeita o 20 de abril de 1949. No lugar de Repil, parroquia de Chavaga, no límite entre Monforte e Pobra do Brollón, a Garda Civil rodeou a "Casa do Facha" onde estaban ocultos os guerrilleiros. O enfrontamento rematou con varios deles mortos e a familia propietaria da casa detida. Fermín Gutiérrez Lada Segura foi ferido pero logrou fuxir. Saúl tamén fuxiu e no seu caso indemne.
  Despois da morte de Benigno Fraga oito días despois na serra de San Mamede, Saúl volveu á provincia da Coruña onde se incorporou á IV Agrupación.
  Pero non durou moito máis. O 31 de maio de 1950 chegou en tren á estación de Cesuras, ben vestido e cunha maleta. No lugar de Mangoño, parroquia de Mandaio, topou cunha parella de gardas civís e un cabo. Este pediulle que se identificase e a historia acabou cunha liorta onde Saúl foi abatido a balazos.
  Proba da fama de Saúl é que o suceso tivo eco na prensa. Velaquí a nova que apareceu no xornal La Voz de Galicia o día 4 de xuño:
 
  En la noche del día 31 pasado y por fuerzas emboscadas en Mangoño (Cesuras), después de una prolongada lucha a brazo partido con el cabo que las mandaba, de la que resultó herido de arma de fuego, fue muerto el que se titulaba jefe de bandoleros Saúl Mayo Méndez.
  Le fue ocupada una pistola ametralladora y en un maletín otra de 7 mm, abundante munición y bombas de mano.
  Este individuo se fugó de su domicilio cuando se le iba a detener como autor del corte de postes de una línea telefónica y voladura de una columna de tendido eléctrico del Tambre el día 16 de julio de 1946.
  El 22 de noviembre de 1947 tomó parte en el asesinato del alcalde de Mesía (La Coruña), don José Candal Vieites.
  En 1946 aparece como instructor de la partida de bandoleros existente entonces, denominada "Santiago Álvarez".
  El 11 de febrero de 1947 tomó parte en el asesinato del falangista José Liñares Rama en Órdenes.
  Más tarde se traslada a la provincia de Orense, donde toma el mando de los bandoleros que actuaban en aquella provincia, donde ordena y toma parte activa en infinidad de atracos y asesinatos, así como otros hechos vandálicos.
 
  A figura de Samuel Mayo esperta moita controversia. É sabido que desde finais de 1948 o Partido Comunista a "suxerencia" de Stalin decidiu deixar a guerrilla e apostar polo "entrismo" nas institucións. Isto levou a que moitos guerrilleiros que se negaron a deixar a loita armada morresen a mans dos comunistas. A fidelidade de Samuel ao PCE fixo que moitos guerrilleros tivesen moi mala opinión sobre el. Francisco Martínez López Quico escribiu que era un "infiltrado" e que homes coma el investidos de responsabilidade pola dirección do PCE eran uns traidores "tivesen ou non a confianza dos seus xefes". Manuel Zapico Terente o Asturiano, nas súas memorias, chamouno "traidor" con todas as letras e declarouno directamente responsable da morte de varios compañeiros.
FONTE PRINCIPAL: "A Guerra Silenciada" de Manuel Pazos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario