En 1955
continuaba a Guerra Fría e Estados Unidos pasou o ano explotando bombas
atómicas en Nevada. Tamén o RU, que contemplou a dimisión de Winston Churchill,
anunciou plans para producir bombas de hidróxeno. Na URSS igualmente dimitiu o
primeiro ministro, Georgi Malenkov, substituído por Nikolái Bulganin. En marzo
Nikita Jrushchov foi nomeado secretario xeral do PCUS e en maio, como resposta
á unión da RFA á OTAN, apareceu o Pacto de Varsovia. Arxentina, despois dun
golpe de estado fracasado en xuño que causou máis de 300 mortos, viviu en
setembro outro levantamento militar exitoso -a "Revolución
liberadora"- que acabou co goberno de Perón, substituído polo militar
Eduardo Leonardi. En Asia o xeneral Ngo Dinh Diem deu un golpe de estado
apoiado pola CIA e proclamou a República de Vietnam do Sur en Saigón.
Iniciarían así as primeiras hostilidades da Guerra de Vietnam.
. Outras novas
foron o terrible accidente nas 24 horas de Le Mans que deixou máis de 80 mortos
e o xesto de Rosa Parks en Montgomery (Alabama) de non ceder o seu asento a un
home branco no autobús, fito na loita contra a segregación racial nos Estados
Unidos.
1955 foi un
ano de impresionantes películas como "East of Eden" ou "Rififi" e
de grandes baladas como "Only you" e "The great pretender"
de The Platters ou "Unchained Melody", pero tamén das roqueiras "Tutti Frutti" de Little Richard e
"See you later alligator" que levarían ao éxito Bill Haley & His
Comets. Ah! e tamén apareceu o Libro
Guinness!
Para España
1955 supuxo o último paso do recoñecemento internacional do Réxime coa entrada
na OCDE en xaneiro, a visita do secretario de Estado dos USA Foster Dulles en
novembro e finalmente a entrada na ONU
en decembro. Aparentemente había tranquilidade social pero o activismo estaba
penetrando nas universidades. Tamén a economía melloraba, pero ao mesmo tempo subían
os prezos e as condicións de vida seguían sendo duras. Unha pequena alegría foi
lograr o campionato mundial de hockey sobre patíns, o único deporte no que
destacabamos.
1955 foi o ano no que sorprendeu "El Jarama" de Sánchez Ferlosio,
unha novela de forte impacto no seu momento, aínda que agora estea esquecida.
Foi o ano da gran película "Muerte de un ciclista" de Javier Bardem na que aparecía unha escena de
protestas universitarias (como as que virían en 1956). Por suposto houbo máis películas de gran nivel como "Los peces rojos" e "Orgullo" e outras de maior
éxito comercial como "Historias de la radio" ou "Recluta con niño". Tamén foi o ano de "Matilde, Perico y Periquín", un serial radiofónico costumista patrocinado por
Cola-cao e onde aparecía a mítica canción promocional do negrito del África tropical.
Nunha Galicia na que emigaron en 1955 case 29.500 persoas, Franco recompensaba os servizos ao Réxime
do empresario Pedro Barrié de la Maza
creando o condado de Fenosa. Nese ano Fenosa absorbeu á Sociedad General Gallega de Electricidad e inaugurou o encoro de
Peares, inauguración protagonizada polo propio Franco, que repetiría co
Hospital Xeral de Vigo. Tamén había actividade industrial no Ferrol coa empresa
Bazán botando barcos de guerra como o Meteoro ou o Osado. Un pequeno fito
cultural foi que en marzo na Facultade de Filosofía
y Letras de Madrid creouse a cátedra Rosalía de Castro para o estudo da
lingua, literatura e historia galegas.
Ordes chegaba ese ano aos 11.800 habitantes de feito, dos que 2.100 vivían na vila. Foi un ano cheo
de acontecementos.
XANEIRO: Naceu a 1ª filla
(Emilia) do matrimonio formado por Mª Luisa Liñares Martiáñez (irmá do bailarín
Juanjo) con Emilio del Río Sánchez,
correspondente de La Voz en Ordes. O equipo do Ordes quedou en 2º posto na liga 54-55. Atropelados
por un camión cando saían dun bar Manuel Noya Liaño de 27 anos e José Mosquera
Liste de 17. Morreu en Beán Francisca Lata Pérez aos 87 anos.
FEBREIRO: Novo
adestrador para o equipo de Ordes: Antonio Villar Chao. O domingo 20 no inicio doutro torneo Rexional Serie A o equipo
de Ordes empatou 0-0 co de Viveiro (debutante na categoría) en Vista Alegre. Chegada da imaxe
da Virxe de Fátima.
MARZO: A raíz do
partido Órdenes - Eumesa, multado o
noso equipo por ser agredido o árbitro fóra do terreo de xogo. Voda en Pontevedra do médico ordense Pedro
Pardo Villaverde con Mª Jesús Pemán Couceiro.
Morreron Dorinda Reboredo del Río
aos 31 anos en Leira, e Francisca Pazos Boquete aos 76 anos en Lesta. Na vila
faleceu Manuela
Mosquera Barreiro, nai de Fernanducho,
aos 79 anos.
ABRIL: Solta de pombas
mensaxeiras en Ordes por columbófilos vigueses. Morreu o 9 de abril Piedad Carnota
Soto, presidenta da Congregación das Fillas de María, filla da
mestra doña
Juanita e sobriña de Vicente Carnota.
MAIO: Voda de Ramón
Liñares Castro. Morreu o día 4 Cándido Mosquera Barreiro, párroco de Abellá,
aos 73 anos e Francisco Bouzas García aos 77 anos en Ardemil. Numerosos
anuncios en prensa do Bar Antón (o Túnel).
XUÑO: Detida a parella
de ladróns ordenses Manuel Seoane García e Consuelo Rey N. Morreu en Buscás Andrea
Castro (da familia Cancelada Calviño) aos 81 anos.
XULLO: Incendio de 5
toneladas de palla no Parrote, propiedade do ordense Juan Ríos García Rada. Antonio Villar Chao deixou o CD Órdenes para
adestrar ao Juvenil da Coruña e sería
substituído por Neira.
Jesús Regos Candal (bailando con Jesusa Ríos Vidal?) obtivo o 2º premio nas
festas do Apóstolo en Santiago. O día 7 morreu José García Boquete, patriarca
dos Garcías do Casal.
AGOSTO: Visita do
Gobernador Civil a Mesía para inaugurar a Casa do Concello (do arquitecto
Reboredo). Visita do director xeral da Garda Civil Pablo Martín Alonso ao
cuartel de Ordes. Pasou a Volta a Galicia por Ordes con porto puntuable no
Mesón (que gañou José Molina) e meta voante en Ordes (que gañou Couceiro). Pedida
de man de Mª Mercedes Mariño. Festas patronais coa Banda de Arca e a Orquesta X ademais de partido contra o
Deportivo. Nas festas de Santa Margarida na Coruña o ordense Jesús Regos Candal
obtivo dous premios, un bailando coa ordense Jesusa Ríos Vidal e outro coa
coruñesa Maruja Ferreiro Lema.
SETEMBRO: Novo secretario
do xulgado Jesús
Cristín Castro (estaría ata 1971). Voda de Mercedes Mariño Iglesias
con Ramón Ríos Silva. Unha liorta ao volver da feira da Adina deu con tres
ordenses feridos no hospital. Morreu atropelada Encarnación Golán García.
OUTUBRO: Roubado -e
recuperado intacto ao día seguinte- na Coruña o taxi Plymouth (valorado en
75.000 pesetas) de José Ferreiro Recouso do Ramecho.
Homenaxe a Vicente Carnota polo centenario do seu nacemento. Morreu en Leira Domingo
Brandariz Fuentes aos 66 anos.
NOVEMBRO: Visita pastoral
do cardeal Quiroga á comarca de Ordes. Grave accidente de tráfico en Oroso cun
ferido atendido e operado no Sanatorio Concheiro polo doutor Baltar. Morreron
Antonio Iglesias Gómez en Ordes aos 40 anos e José Veiras Mosquera aos 75 anos
en Poulo.
DECEMBRO: Naceu Nel
Astray Mariño. Actuación da agrupación
"Aturuxo" e do humorista José Pérez Rodríguez "Eumedre" no
Salón Moderno. O equipo de Ordes derrotou en Vista Alegre ao Santiago por 5-1. Morreron
Ramón Gestal Fraga aos 75 anos en Leira e Jesús Carballido Noya, patriarca dos
Carballidos do Outeiro, aos 73 anos en Poulo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario