lunes, 14 de julio de 2025

O ano 2010


  No ano 2010 o mundo continuaba en crise, aínda que en Dubai se inaugurase o Burj Khalifa, o edificio máis alto do mundo. En xaneiro tivo lugar un terrible terremoto en Haití con máis de 250.000 vítimas. Nos Estados Unidos comezaba o "Obamacare", un cambio no seu sistema sanitario. En Uruguay chegou ao poder José Mújica e en Brasil iniciaba a presidencia de Dilma Rousseff, mentres en Chile era Sebastián Piñera, o primeiro político de dereitas desde Pinochet, que ostentaba a presidencia. Neste último país tivo lugar o suceso máis rechamante: un accidente nunha mina na que quedaron atrapados 33 mineiros a máis de 600 metros de profundidade. Despous de dous meses foron rescatados con vida, evento que conmoveu a todo o planeta. O ano finalizou cun incidente aparentemente insignificante: a detención do vendedor ambulante Mohamed Bouazizi de 26 años nunha localidade tunecina.
  2010 foi tamén o ano en que Steve Jobs presentou o iPad e naceu Instagram.
 
  2010 comezou co gran éxito "Tik Tok" de Kesha, continuou con "California Gurls" de Katy Perry e o bombazo mundial do "Waka Waka" de Shakira. Na época dourada das series de TV, Lost chegou ao seu decepcionante final. A película máis influínte foi Inception de Nolan. Tamén vimos The Social Network e animacións como How to Train Your Dragon e Despicable Me coa aparición de Gru e os Minions.
 
  En España, despois do socavón que significou 2009, houbo unha lixeira recuperación do PIB, pero o ano seguiu sendo malo. En marzo ETA matou por 1ª vez un xendarme francés e agudizouse o problema catalán. En xullo houbo unha gran manifestación en Barcelona contra a resolución do TC contra o Estatut, logo en novembro CIU gañaría as eleccións autonómicas despois de dúas lexislaturas de tripartito, chegando á presidencia Artur Mas. O ano rematou cunha folga de controladores aéreos que ocasionou a declaración do estado de alarma, por 1ª vez na época democrática. Outro cambio significativo foi o apagón analóxico e o comezo da TDT en abril.
  En cambio foi un ano excepcional no deportivo co 1º triunfo da selección española de fútbol no Mundial de Sudáfrica, gañando a Holanda na final. En novembro España gañou os 3 campionatos e os 3 subcampionatos! de motorismo de velocidade en Cheste.
  En Galicia gobernaba Alberto Núñez Feijoo do PP con políticas de recortes e austeridade que provocaban protestas da oposición pero que non lle afectaron o máis mínimo. O feito de ser Ano Xacobeo trouxo moitos máis visitantes á comunidade, sendo un alivio para a crítica situación económica.
 

  Ordes, que ese ano chegou aos 13.000 habitantes, empezou 2010 coa última nevada de importancia e un temporal de vento que deixou 150.000 euros en perdas.
  O goberno de Manuel Regos seguía forte a pesar dalgunhas dificultades como a sentenza de ter que pagar case 50.000 euros ás orquestras contratadas por Martino en 2007. Os que estaban en crise eran os seus socios do PSOE. En xaneiro Ana Mª Álvarez deixaba a Corporación por razóns "estrictamente persoais", sendo substituída por Xesús Pampín, que tamén sería cesado en xuño por criticar o excesivo gasto do concello en festas en prexuizo dos servizos sociais. Isto propiciou unha rectificación do goberno que, aínda que en principio o negou, presentou logo uns orzamentos "de austeridade" de 16,7 millóns de euros. Pola súa banda o PP rematou coa época "martinista". Estrella Vázquez Varela foi nomeada presidenta da comisión xestora, apostando pola integración das distintas correntes, pero a partir do verán chegou o novo líder, ex-membro do partido de Gozález, pero validado polo propio don Manuel Fraga: José Luis Martínez Sanjurjo Martís sería quen dirixiría o asalto ao poder, aínda que xa antes de comezar atopou un pequeno atranco na deserción de Díaz Hermida con motivo da edificación da nova Casa Consistorial.
 
 
  O máis significativo para a vila foi o comezo das obras da 1ª fase da Ronda Leste en marzo e as da 2ª en outubro. O 16 de xaneiro inaugurouse o Museo do Traxe e en novembro a actual biblioteca. Ademais iniciouse a construción do novo constistorio e antigas unitarias como a de Poulo e outros edificios como a reitoral de Beán transformáronse en locais sociais.
  A pesar da crise as festas de todo tipo seguían a tope. En marzo o bispo Julián Barrio visitou a vila para asistir á coroación da Virxe das Dores. En abril houbo nova edición de Expo Ordes con visita do presidente da Deputación Moreda e o día 30 a 3ª Gala contra o cancro coa recordada caída de Isabel Pantoja. En xuño volveu o Revoltosa Rock. En xullo Parada non quixo quedarse atrás e pagou á Panorama e á París de Noya! En agosto chegou unha nova edición de Brincadeira con Siniestro Total e a Orquesta Mondragón, logo o 1º certame de Desordes Creativas con aquel mítico mural de Liqen Jakkala, e finalmente as festas patronais que contaron con orquestras de 1º nivel e a actuación da parella cómica Nucha e Mucha. En setembro Poulo tamén contou con Bámbola e Olympus.
  Contrastaba este auxe festeiro coa decadencia da Movida que ademais viu como no sábado 23 de xaneiro un mozo compostelán de 16 anos morría diante do pub Cómic (por causas naturais). O traspaso do Pub Scoita (polo que pedían 40.000 €) sería impensable uns anos atrás.
  Os personaxes máis destacados foron o cardiólogo nado en Vilar, Alberto Bouzas Mosquera (que entón tiña só 33 anos), premiado pola revista The Lancet e o empresario Ramón Carro Romero que foi nomeado "Fillo Predilecto". O deceso máis notable foi o do avogado Jaime de Castro.
  Outras novas foron a sentenza favorable ao Concello contra a construtora Chofricas e o inicio do PXOM. Máis anecdótico foi a chegada dos parrulos ao paseo fluvial que gañou así o seu nome popular de "Paseo dos patos". E o máis divertido foi a cruenta guerra en Internet da entón moi activa asociación Foucelhas contra Ordessiete e un tal Varuspoulos, que nos trouxo momentos e frases memorables.

No hay comentarios:

Publicar un comentario