martes, 29 de marzo de 2022

O apelido Liñares


   O apelido Liñares non é especialmente abundante, pois só hai pouco máis de 3.100 portadores en Galicia. Pero a súa distribución é unha proba da importancia que tivo na nosa comarca o cultivo do liño (liñar era un campo cultivado con esa planta). O apelido Liñeira tamén ten o mesmo significado aínda que é moito máis escaso, pois non chega aos 350 portadores, dos que 48 están en Oroso e Ordes.
  Como podemos ver na imaxe, aínda que o concello con maior número de Liñares en termos absolutos sexa Santiago, os dous con maior porcentaxe, Tordoia e Cerceda, pertencen á nosa comarca, e os concellos de Trazo, Ordes e Oroso tamén están entre os 10 primeiros.
  Non é de estrañar por tanto que con esta bagaxe teñamos nas Terras de Ordes numerosos Liñares destacados, entre eles varios alcaldes.
 
 
  Remontándonos moito no tempo o primeiro personaxe coñecido foi Gumersindo Liñares Iglesias (m.1929), alcalde de Trazo durante 18 anos, e patriarca da familia Liñares que viviu no cruce de Ordes fronte ao Nogallás. Esta familia, á que pertenceu o mítico Bar Liñares, tivo outros dous alcaldes pero xa non de Trazo senón de Ordes: o seu fillo Juan Liñares Iglesias (1885-1951) e o seu neto Juan Liñares Castro (1909-1969). Outros destacados membros desta familia foron o médico Francisco Liñares Iglesias (m.1941) e o bailarín Juanjo Linares, famoso a nivel nacional durante os anos 50 e 60.

  
Sen relación con eles, na parroquia de Buscás viviu José Iglesias Liñares, que foi presidente da Sociedade Agraria de Ordes e concelleiro por Izquierda Republicana na última corporación da 2ª República.
  Tamén de Buscás foi Cesáreo Liñares Vilariño (1927-1991), coñecido como Cesáreo da Rúa, fillo de Ignacio Liñares Regos e Ramona Vilariño Sánchez, que foi un dos integrantes do famoso cuarteto Airiños de Buscás.
  Moi recordada na vila de Ordes é Concepción Liñares Seoane (1945-2010), máis coñecida como Chita, que rexentou o restaurante O Túnel, un dos máis importantes do lugar, fundado polo seu pai Antonio Liñares Rama e a súa nai Concepción Seoane Noya.
  En Ardemil tamén hai Liñares, por exemplo a familia formada por Manuel Liñares Barreiro e María Rosende Presedo. A cuarta e última filla, Anabel Liñares Rosende, é moi coñecida en todo o norte do concello por ser conserxe do CEIP Mesón do Vento desde hai máis de 30 anos.
  

  En Tordoia, o concello con máis porcentaxe de Liñares, tamén houbo dous alcaldes con este apelido. Manuel Liñares Vázquez (1889-1963) foi o proxenitor dunha extensa familia de Bardaos e o cuarto dos seus dez fillos foi o alcalde e presidente da Cámara Agraria de Tordoia Marcelino Liñares Regueiro (1921-1983). Moito máis recente foi Antonio Pereiro Liñares (1959-2019), que gobernou o concello desde 1999 ata a súa morte.
 
  En Cerceda durante a 2ª República Juan Liñares García foi o vicesecretario da Sociedade Agraria Adiante das Encrobas e José González Liñares o Ferreiro de Xesteda foi o principal dirixente da fronte Popular no concello, polo que debeu vivir escondido varios anos en Compostela despois do Alzamento.
  Pero moito máis coñecido é o alcalde José García Liñares (n.1950) con orixe tamén na parroquia de Bardaos, que sucedeu no cargo ao lugués Fernando Martínez e que gobernou con man de ferro o concello desde 1995 acadando sete! maiorías absolutas ata que tivo que dimitir por problemas legais.
 
 
  En Oroso, que eu saiba non houbo alcaldes, como moito o presidente do equipo de fútbol, o Sigüeiro FC, Antonio Liñares Nouche (n.1959).  

sábado, 26 de marzo de 2022

As festas dos anos 40

   Luciano Concheiro García (1919-1972) foi o 11º e penúltimo fillo de Pedro Concheiro e Juana García. Como case toda a familia dos de Carballo era de esquerdas, o que o levou a colaborar cos guerrilleiros de Manuel Ponte. En 1946, aos 27 anos de idade, escapou de España cara a Estados Unidos vía Portugal. Grazas a unha organización de cuáqueros puido ir a México desde NY. Alí se estableceu xunto a dúas irmás, Ascensión e Estrella, que estaban casadas cos tamén exiliados Francisco Comesaña e Alonso Puente. Casado con Elvira Bórquez de la Fuente, foi pai de Luciano (n.1953), José Luis e Elvira Concheiro Bórquez e avó do filósofo Luciano Concheiro.
  En 1958 despois dunha amnistia regresou a España e viviu durante un tempo en Ordes, pero non quedou contento e volvería a marchar para México. Nesa época escribiu este artigo publicado o 14 de agosto de 1960 en La Voz de Galicia onde fala das festas dos anos 40. O que se pode sacar en conclusión é que as mellores festas sempre son as da nosa xuventude. Podo imaxinar a algún mozo actual dicindo dentro de 30 anos que as festas de agora si que son boas e non as dese lonxano futuro.
 
A morriña d'aquelas festas
[...] Por eso lo que yo diga en esta modesta colaboración tendrá tan solo el valor de estar dictado por la fuerza de los recuerdos, esos recuerdos alegres pero teñidos por la nostalgia.
 
  Aquellas fiestas tenían un sabor especial, eran producto del esfuerzo de un puñado de jóvenes animosos, que llevaban a Órdenes en el alma, se disfrutaba del ambiente festivo muchos días antes. Aquellas comisiones, formadas con el único interés de hacer las fiestas cada vez más alegres, más populares, mejores, se reunían allá por el mes de julio y empezaban a actuar: como no hay fiestas sin música, se contrataba a la de Arca o Corme, luego era también imprescindible la participación "do fogueteiro da Sionlla"; y ya tomadas estas medidas preliminares empezábamos a estar tranquilos "polo menos o ruído xa non nos faltaba". Pero para que nuestras fiestas pudieran llevarse a cabo, era necesario eso que se llama dinero, y entonces pertrechados con una lista de todo el pueblo, allá nos íbamos por las puertas a pedir la colaboración a cada uno en la medida de sus posibilidades, y todos daban; algunos decían, y no sin razón (era la época del racionamiento), "vides pedir, pero non traedes o aceite"; otros repetían "lambós, como se nota que vós comedes, que tedes ganas de festas". Pero a pesar de estas explosiones, por otra parte muy naturales, no faltaba ayuda de nadie, todos ponían su granito de arena, el deseo común era que hubiera fiestas y "unhas boas festas".
 
  Para poder darle más brillantes, el elemento juvenil, alma de estas fiestas, colaboraba y así se montaba una tómbola, se representaban "funciones teatrales" que además de fuente de ingresos, lo era de regocijo popular; jugábamos al fútbol, colocábamos las luces, el palco, todo; allí estaban siempre dispuestos Laureano, Galán, Mariño, Astray, Mundito..., gente joven y con deseos de que "este ano as festas foran mellores que nunca". Y la verdad es que con todos estos preparativos disfrutábamos ya tanto como con las mismas fiestas.
 
  Hoy, sin embargo, y eso dicho sin ánimo de crítica, todo es muy distinto, más impersonal, un besalamano trata de solucionar todo, la juventud no interviene para nada, es un elemento pasivo, todo se lleva a cabo por un medio menos comunitario y desde luego mucho menos efectivo y claro, debido a este nuevo sistema aún teniendo en cuenta la evolución natural que todo ha sufrido, las fiestas populares de los pueblos están en baja forma. Junto con una serie de cosas hoy día desterradas, ha desaparecido nuestro folklore, ¿qué es de nuestras gaitas?; el sabor gallego se ha perdido. Todo es más frío y protocolario, podríamos decir que las fiestas ya no son "del pueblo", sino, y esto con bastante benevolencia, para el pueblo, lo cual es bastante distinto. Son ahora unas fiestas organizadas a capricho de "unos pocos" de la generación anterior, y el pueblo no tiene casi noticias de ellas hasta que un día la "charanga" y la "orquesta" -ritmos extranjeros- recorren las calles con su eterno pasacalles.
 
¡Aquellas fiestas, nuestras fiestas ...! Recordar es vivir.
Luciano Concheiro García

martes, 22 de marzo de 2022

San Pedro de Cestaños


   A capela de San Pedro está en Cestaños (parroquia de Parada) a uns 60 metros ao sur das casas. A súa situación á beira dun carballo e no medio das leiras fai que, se non fose por unha pequena cruz cumial, puidésemos confundila facilmente cun alpendre.
  É unha pequena e encantadora construción, non moi antiga, de apenas 9,50 metros de lonxitude por 4,50 de anchura (ou sexa uns 42 metros cadrados), aínda que a nave ten só uns 30 correspondendo os outros 12 a un soportal aberto na zona oeste. Isto fai que sexa a máis pequena do concello. Destacan as dúas grosas columnas feitas con grandes pedras e as trabes de madeira.
 Este formato de nave con soportal é habitual en moitas ermidas do rural. Na parroquia de Vilamaior a capela do Socorro, moito máis grande, é lixeiramente similar. 
 

  Os muros son de cachotería revocada e pintada de cor branca. A cuberta é a dúas augas con tella do país. Ten só unha xanela, máis ben un angosto respiradoiro, no muro sur, aínda que a nave goza de bastante luz porque a porta ten zonas acristaladas. 
  No interior (con só catro bancos para os fregueses) hai non unha, senón dúas figuras de San Pedro, perfectamente recoñecibles coas súas chaves nas mans. Tamén dúas figuras de Santa Aia -ou Santa Eulalia- coa palma do martirio, outra mártir moi venerada na Galicia rural.
  Para coñecer outros templos do concello preme en Igrexas e capelas de Ordes.
 

miércoles, 16 de marzo de 2022

Carta de doación de Alfonso VII

   Velaquí unha sufrida, e espero que bastante correcta, tradución ao galego (o orixinal está en latín e sen maiúsculas) da carta de doación que o Rei Alfonso VII fixo á Igrexa galega no ano 1124. Nela aparecen nomeados numerosos lugares da comarca, varios facilmente recoñecibles e outros que non sei identificar.
 

  No nome de Cristo: Eu, Alfonso, pola graza de Deus Rei de España, a vós, don Diego, arcebispo da Igrexa do benaventurado Santiago e Legado da Santa Igrexa Romana ou aos señores cóengos, así presentes como futuros promovidos en Cristo, prosperidade firme e perpetua.
  Sendo como é razoable deixar compendiada por escrito a noticia dos feitos para coñecemento da posteridade; por iso, Eu, o antedito Alfonso, fillo do Conde Ramón e da raíña Urraca; non movido de lixeireza nin de volubilidade de xuízo, senón de pura e íntegra deliberación; adxudícovos a vós, xa mentado Arcebispo e a os vosos sucesores a metade de todo Montaos, do cal xa tiña entregado un terzo ao benaventurado Apóstolo, en ofrenda das miñas armas que tomei do seu altar: mais agora para axuda das 40 marcas que entregastes para armar comigo aos meus cabaleiros, demárcovos a devandita metade:
 
"Determino vobis illam medietatem sicut incipit per illam stratam de ponte sequarii et ducit at quercum sancti Michaelis, et inde ad intercrucelandam desuper santo thome et vadit per stratam de Beiam et inde inter Beiam et Villamonte et pertingit ad Mulas de Recouso et recta starta dirigit ad incruzelatam desuper Anseriz et inde ad furcam de Barbeyros et per cautum de Flaminianos, et per illam heremitam de Ramalonga, deinde hec divisio fiat per suos antiquos terminos, scilicet, per pausaduram de Sumio et per lacunam de Ialo, et per pedem de Mula, et per campum concagatum e per Spinicam et per Pignam de dominio Caesario et per lamas campeianas e per memoriale de domina Visclavara et per catadorium de casale de Genio et per congostum de Covas et per illam parameiam et per VII arbores et per palmam Kagare et per saldoirum et per patronem de Taix et per lamam.
Spent continuatur cum terminis vestris de Dubria et corrigimus superiores terminos de illa furca de Barbeyros ad Villam Maiorem et per portum de Adrian et per covas de Ladrones et ferit in heremitam de Ramalonga".
 
  Demárcovos a devandita metade que comeza pola estrada da ponte de Sigüeiro e leva á aciñeira de San Miguel (posiblemente a Gándara), e de alí á encrucillada por enriba de Santo Tomé (posiblemente Vilamaior), e segue pola estrada de Beán, e desde alí, por entre Beán e Vilamonte (Marzoa) chega ata Mulas de Recouso (tamén Marzoa), e por camiño dereito diríxese á encrucillada de máis enriba de Anxeriz (Tordoia), de alí á forca de Barbeiros e polo coto de Faramilláns (Buscás) e pola ermida de Ramalonga (Bruma).
  Dende aquí fágase esta demarcación polos seus antigos términos, a saber: por Pousadoiro de Sumio (Carral) e pola lagoa do Xalo, e por Pé de Mula e por Campo Cagado e pola Espenuca e pola Pena de don César e polas terras lamacentas (?) e polo memorial de dona Visclavara e polo cazadeiro de casal de Xenio e polo fondal de Cobas e por esa parameira, polas sete árbores, e por Palma de Cagar (?), Saidoiro e por Patrón de Taix (?) e por Lama. Continúa (a demarcación) polos vosos términos de Dubra e corriximos os límites arriba sinalados daquela forca de Barbeiros ata Vilamaior e por porto de Adrián e por covas de ladróns (Caboladrón en Mesos, Frades) vai rematar na ermida de Ramalonga (Bruma, Mesía). 
 
  Este Señorio, pois, entrégovolo (delibero) agora e para sempre, a vós e a vosos sucesores, para que o posuades e dispoñades del como fose de voso agrado. A outra parte do mesmo segundo está contida nas escrituras, a cal aínda reteño para Min, porque a necesito, entregaréivola (deliberabo) coa axuda de Deus sen falta canto antes poida, así como prometín e deixo escrito. Se algún contraviñese esta Escritura da miña ofrenda, páguevos mil libras de ouro (exolvat vobis auri mille libras) e esta Escritura permaneza firme perpetuamente. Feita a Escritura na era I. C. LXII, a 31 de marzo. O Rei Alfonso, que mandou facer isto, confírmoo.

sábado, 12 de marzo de 2022

Anos 40 (vida cotiá)


  Na década dos 40 a comarca de Ordes era un lugar aparentemente tranquilo, cheo de xente conformista, que o único que quería era vivir en paz. O recordo da guerra e os mortos nas cunetas aínda estaba ben presente pero tentábase esquecer como fose aquela catástrofe.
  O novo réxime era aceptado por case todos: uns poucos acollérono con xúbilo pero a gran maioría recibiuno coa mesma indiferenza coa que recibiran a República, como outra imposición máis "dos de enriba". Unha idea quedou impresa a lume na mente de varias xeracións: “É perigoso meterse en política”. Así que a xente procuraba ter a boca pechada e traballar arreo para saír adiante.
  Os que non o aceptaron, e non remataron mortos ou exiliados, foron poucos. Vivindo nos montes e librando unha desigual batalla, estes guerrilleiros na nosa comarca recibiron o mesmo nome que o alcume do seu xefe: os Foucellas. Para enfrontarse a eles viñeron a Ordes numerosos gardas civís bastante novos, coñecidos como “jaimitos”, que viviron na vila e algúns deles como Valentín Beltrán ou José Perdomo casaron con mozas da localidade.
 
  Había moito temor, tanto aos Foucellas como aos gardas, pois calquera podía ser vítima dunha bala perdida ou por un malentendido gañarse as represalias dun dos bandos. Aínda así non todos o tomaban tan a peito. Na casa da miña avoa Babila alugaron unha habitación o garda Franco e a súa muller, ambos os dous da vila onubense de Chucena. Pois ben, a pesar de coincidir o seu apelido co do glorioso Caudillo, Franco enfrontaba o seu traballo con bastante calma e, en frase feita, era tan vago como a súa chaqueta. Cando tiña que patrullar de noite, pedía á miña avoa que deixase a cancela aberta, volvendo ao cabo dun par de horas para durmir na súa habitación. Se tiña que ir a algunha parroquia, buscaba antes pola vila por se atopaba a algún aldeán para que lle asinase un recibo de que o vira naquel lugar.
 
  Pero como diciamos, a gran maioría fuxía de problemas e bastante tiña con sobrevivir porque a situación era moi dura. En plena posguerra, illada España internacionalmente, había unha enorme penuria. Un xornaleiro agrícola cobraba por un día enteiro de traballo (se o atopaba) unhas 20 pesetas, mentres un ferrado de millo (uns 15 kg) custaba 200.
 Existían cartillas de racionamento que limitaban a adquisición de alimentos (para os que os podían pagar, claro) e outros produtos como xabón ou tabaco, ata o punto que fumadores compulsivos liaban follas secas de pataca. Os campesiños vían controlada a produción de trigo, que debían vender ao estado por catro perras (había un almacén preto da tenda de Fernanducho). Floreceu o mercado negro porque os prezos oficiais eran irrisorios e grande a tentación por gañar algo máis que unha miseria, pero cando os estraperlistas eran atrapados as multas eran altas, superando ás veces as 1.000 pesetas (Benito Veiras de Poulo en 1941 chegou a pagar 15.000 pesetas, cando unha casa e os seus aveños estaba valorada nunhas 40.000). Para completar a postal á entrada das cidades como A Coruña e Santiago había fielatos que aínda cobraban máis impostos aos campesiños ou viaxeiros polos alimentos que levaban consigo, aínda que polo menos tamén exercían un certo labor sanitario.
 
  Todo o mundo na comarca vivía do campo, excepto os profesionais liberais e comerciantes da vila, e aínda case todos estes -menos os Liñares e Astray- tamén tiñan leiras e animais que eran coidados por algún membro da familia ou por criados. Os chamados “caseteiros” non tiñan terras e ás veces tampouco casa e traballaban como xornaleiros.
  Era un traballo sumamente duro e as xornadas eran practicamente de sol a sol. Plantábase trigo, millo, patacas, legumes, verzas, liño e ata toxo que apenas se deixaba medrar porque se necesitaba como abono para alimentar as leiras. Non había ningún tipo de maquinaria agraria mecánica, só carros, arados e outros apeiros movidos por unhas famélicas vacas que traballaban tanto como os seus propietarios.
  Os veciños xuntábanse solidariamente para moitas faenas agrícolas como as mallas ou as esfollas, que aproveitaban mozos e mozas para cantar, bailar e relacionarse. Esta solidariedade non quitaba que houbese inimizades e discusións, case sempre por problemas de lindes, que moitas veces remataban violentamente.
 

  A pesar da dureza da época, sempre nos caracterizou o gusto polas festas, que se seguiron celebrando á máis mínima ocasión. E por suposto era o momento que moitos mozos aproveitaban para desfogarse e organizar multitudinarias pelexas cos doutras parroquias por calquera nimio motivo.
  A práctica relixiosa estaba moi estendida. Case todas as mulleres, moitos homes e todos os nenos asistían a misa os domingos. Ademais rezábase o Ángelus e o rosario e eran frecuentes novenas e outras celebracións relixiosas como o Santísimo Sacramento, o Corazón Délfico, etc.
  A Semana Santa era especialmente solemne: eran días de rigoroso loito, nos que case non se podía sorrir nin cantar. Asistíase ás celebracións litúrxicas e á procesión do Venres Santo. A excepción era o Domingo de Ramos onde os mozos competían por ver quen levaba o ramo máis longo e acostumaban xogar con eles. Tamén era importante o feito de que esa semana recollían a auga bendita, imprescindible para botar por casas, leiras e cortes dándolles divina protección.
 
  As casas eran de pedra, frías e húmidas no inverno pero frescas no verán. Evidentemente non tiñan auga corrente e a maioría tampouco aseo. Usábase ouriñal polas noites e unha almofía polas mañás para lavar a cara e as mans. Para facer as necesidades empregábanse as cortes das vacas ou saíase ao exterior (cagar entre o millo).
  Por suposto non había lavadoras e as mulleres tiñan que ir ata o río ou a algún lavadoiro como había na Fonte Estrei. Co fría que estaba a auga, especialmente no inverno, era un traballo moi duro, pero tamén un pequeno escape porque era un momento de charla e murmuración.
  Na vila houbo desde 1922 luz eléctrica, que se lle pagaba a Fernanducho, e estación telefónica desde 1927 pero case non había teléfonos. No rural seguíronse utilizando candeas e candís.
  Tampouco había coches particulares, agás os dalgún veraneante como o avogado José Mª Méndez ou o oculista coruñés Manuel Sánchez Mosquera, pai de Manuel Sánchez Salorio.
  Só as familias máis ricas da vila tiñan radio, na que podían escoitar o inevitable Ángelus ás doce, coplas, radionovelas e as noticias que aprobaba o réxime. Se o aparello era bo tamén se podía sintonizar Radio España Independiente (La Pirenaica), emisora clandestina que atacaba a Franco, ao que denominaba "El Caimán del Pardo", ao tempo que enaltecía a Stalin.
 

lunes, 7 de marzo de 2022

Cruceiro da Rúa (Buscás)


   Este estilizado cruceiro de pedra, no lugar da Rúa, está á beira da casa rural Dona María e a uns 80 metros ao norte da igrexa de San Paio.
  Probablemente data da segunta metade do século XIX, porque no pedestal hai unha inscrición onde aparece claramente o nome da persoa que o encargou: "A espensas del señor don Francisco del Río y García, canónigo y comisario de Sto Payo?", de quen sabemos que desenvolveu a súa carreira eclesiástica por aqueles tempos
 

  O primeiro que chama a atención é unha base de cachotería que a principios deste século foi cuberta con placas de granito, ao tempo que se rebaixou o terreo circundante. Deste xeito esa base ten agora uns 110 centímetros de altura, o que ocasiona que todo o conxunto se achegue aos 6 metros e sexa inusualmente alto. 
  Enriba da base hai unha plataforma de 3 graos e o pedestal cuadrangular da inscrición cunha roda moldurada enriba.
  O varal circular remata nun capitel toscano. A forma circular tamén é bastante destacable pois non é moi habitual. De feito os dous únicos cruceiros do concello con esta catacterística están na parroquia de Buscás, sendo o outro o chamado "Cruceiro agochado" ou "cruceiro escondido".
  A cruz, de brazos con chafráns e remates de forma potenzada, ten dúas figuras: un Cristo crucificado cara ao leste (ao que le caeu o seu brazo dereito) e unha Virxe Dorosa sobre unha peaña coas mans unidas en acto de oración e cunha longa espada cravada no corazón.
 

  Se queredes ver algunha foto máis, a súa ubicación en Google Maps ou unha vista en Google views, premede en CRUCEIRO da RÚA da excelente web Todos los cruceiros de Galicia.

viernes, 4 de marzo de 2022

Cambio climático en Galicia

  É evidente que nos últimos tempos o clima cambiou en Galicia. Non só son opinións de persoas maiores, senón que están respaldadas polas cifras. Este cambio non foi radical porque a influencia do Océano Atlántico garante a presenza de borrascas. Pode haber secas intensas e persistentes, pero máis tarde que cedo acabará chovendo. Isto é algo que non poden dicir outras zonas do mundo como o Mediterráneo, nun proceso de desertificación preocupante. Con todo o incremento da temperatura media global está a alterar claramente os nosos patróns meteorolóxicos.

 

Temperatura
  Desde 1962 mediuse un aumento de 0,19ºC por década. Isto provocou un incremento dos días nos que as máximas superan os 25ºC. En Ourense o crecemento foi de 11,4 días por cada dez anos, en Vigo de 4,4, en Lugo de 11,4, en Santiago de 5,3 e na Coruña de 3,1. Os veráns son máis longos, ata 150 días no caso de Ourense. Nótase a mesma tendencia nos días con polo menos 30 graos, que agora chegan dous meses antes que a mediados do século XX.
  Os días calorosos son máis e os xélidos menos, non de forma tan intensa, pero si o suficiente como para que se perciba un cambio nos valores climatolóxicos desde 1950. Os días con temperaturas por baixo dos 0ºC son cada vez máis tardíos e o último día de xeadas rexístrase máis cedo. Esta situación é máis significativa en Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo.
  Preme nas imaxes se queres ver as gráficas a maior tamaño.

 

Precipitacións
  Contrariamente á temperatura, nas precipitacións non se observa ningunha tendencia clara no que se refire á cantidade. Galicia segue recollendo os seus 1.200 litros de auga cada ano. O que se ve é un cambio importante no patrón de choiva, cada vez máis torrencial. Neste sentido, xoga un papel fundamental o fenómeno do río atmosférico (transporte de humidade tropical cara ás latitudes medias). Galicia está moi exposta aos seus efectos e por cada grao que aumente a temperatura global estes roteiros transportarán un 7 % máis de humidade.

 


Estacións e ciclóns
  O efecto máis visible do cambio climático na meteoroloxía galega apréciase no esvaecemento das diferenzas estacionais e xa nos afixemos a pasar frío no verán e calor no inverno repetindo iso de que «o tempo está tolo». Tamén aumentou a frecuencia dos fenómenos extremos (ondas de calor e de frío) debido ao enfraquecemento da corrente en chorro que reparte o frío polar e a calor subtropical polo hemisferio boreal. Cando a parte ascendente abarca o Atlántico créase un anticiclón de bloqueo que impide que chova. Nos últimos 13 anos rexistráronse cinco secas: 2005, 2007, 2012, 2016 e 2017.

 

  Galicia sempre foi territorio de borrascas, ás veces moi potentes como Hortensia ou Klaus, pero agora tamén é terra de ciclóns e furacáns. A combinación dun Atlántico cada vez máis cálido coas ondulacións do jet stream están a modificar o roteiro habitual dos sistemas de baixas presións tropicais, que adoitan desprazarse de oeste a este impulsados polos ventos alisios. Desde o ano 2017 varios ciclóns e furacáns, como Ofelia e Leslie, estiveron desviándose cara ao norte e pasando preto de Galicia. O caso máis sorprendente produciuse en outubro do 2019. Pablo foi unha borrasca que descendeu máis ao sur do habitual. Alimentándose de augas quentes transformouse nunha tormenta tropical e, contra todo prognóstico, volveu ascender en latitude e a intensificarse fronte á costa galega ata transformarse nun furacán de categoría 1. Nunca se vira un evento desta natureza.
FONTE: Xavier Fonseca

martes, 1 de marzo de 2022

Liorta en Beán

   Xa temos dito que antigamente a xente era bastante incivilizada na nosa comarca e chegaba ás mans con moita facilidade. E non só ás mans porque todo valía nas pelexas: navallas, bastóns, paraugas "de sete parroquias" ou apeiros de labranza como nesta ocasión. A finais dos anos 40 tivo lugar unha multitudinaria pelexa entre mozos de Montaos e Trasmonte coñecida como a "Batalla do Cano" e pouco despois este suceso en Beán, narrado por Victorino Cores.

 

  Dous dos mozos de Queis, que participaron na liorta do Cano, foron unha noite a unha tasca* a Beán para estar con dúas mozas que tiñan comprometidas. Petaron á porta e mandáronos pasar. As tascadoras bailaban cos mozos ou unhas coas outras na ampla cociña e no corredor, ao son dunha pandeireta que tocaba unha muller xa maior.

 

  O dono da casa coñecía aos dous mozos e mandounos sentar nun banco de costas cara ao anllar. A trouleada seguiu e de alí a un pouco os dous mozos foron botar unha baila coas súa mozas e decatáronse de que a xente os ollaba rindo.

-Tes un papel prendido nas costas –díxolle un dos mozos ao compañeiro.

-Ti tamén o tes, cun burro mal pintado –respondeulle o outro mozo.

  Coma dúas feras rabiosas, remataron de bailar aquela peza  e abandonaron a casa entre as risas burlonas dos presentes.

 

  Ao saír pola porta, os mozos viron varias ferramentas de labranza colgadas no taboado do alpendre. Entón un deles detívose e díxolle ao compañeiro:

­-Ríronse de nos e non debemos fuxir coma dous covardes. Vamos coller cada un a súa legoña e chamámolos fóra. Segundo vaian saíndo mallamos neles coma no liño.

  Dito e feito, colleron as legoñas e puxéronse un en cada lado da porta, e segundo asomaban as cabezas mallaron neles coma dous tolos. Algúns dos feridos sangraban pola cabeza. Cando se cansaron de mallar, tiraron as legoñas e fuxiron.

  A dous dos agredidos quedáronlle cicatrices permanentes polas graves lesións que sufriron. Os dous mozos foron detidos e botaron oito meses no cárcere da Coruña.

 

  Pasados uns anos, eles os dous, que tan amigos foran toda a vida, tamén pelexaron entre si. Incluso un deles cortou ao outro cun coitelo nun brazo.
Victorino Cores Liste
 
* Tasca: era un dos traballos relacionados co cultivo do liño. As mozas xuntábanse e sentadas en bancos pasaban as estrigas polo fío do tascón repetidamente para poñer a febra o máis delgada posible. Os mozos ían a esta reunión para cantar e parolar coas mozas e logo bailar con elas cando remataban.