sábado, 24 de diciembre de 2022

Escudos de Parada

  O lugar do Pazo, na parroquia de Parada, debe este nome á denominada Casa Grande. Pouco sabemos dela agás que a principios do século XX o propietario era Balbino del Valle González (m.1958) de Carraltravesa, parroquia de Sabadelle (Chantada), casado en 1914 con Carmen Vázquez Mariño coa que tivo 11 fillos, un deles, José, foi alcalde de Santiago, procurador en Cortes e gobernador civil de Lugo. Balbino del Valle tiña 9 lugares con caseiros en Parada. A Casa Grande foi herdada polo seu fillo Francisco e hoxe é propiedade da súa viúva que a visita coas dúas fillas do matrimonio. 
 

  A casa conta cun par de escudos nunha fachada que da a un patio interior, polo tanto os paseantes non poden velos a menos que sexan invitados a entrar por alguén da familia. Están bastante desgastados (moito máis que nestas fotos que datan dos anos 80 do século pasado) porque esa fachada da ao sur. 
 
  O primeiro escudo ten tres cuarteis. No que ocupa a metade dereita vemos o piñeiro e as dez lanzas da familia Caamaño, moi importante na comarca e que aparece noutros escudos como os do pazo do Bidueiro, o da capela de Codeseda, ou o da igrexa de Santa Cuz. Na primeira partición está a cabeza de lobo dos Moscoso
  Debaixo hai dous lobos que moi probablemente representen á familia Osorio. Preto do pazo había unha casa moi antiga (tristemente desaparecida hoxe) da que está documentado por escrito que pertencía aos Osorio, Torrado e España.

  Non obstante o moi experto Carlos Martínez Barbeito no seu libro "Torres, pazos y linajes de la provincia de La Coruña" di que son os lobos e a estrela dos Lobeira. É posible, pero nin a forma do rabo é a mesma nin son quen de ver ningunha estrela e ademais moitas veces o escudo da familia Lobeira tiña un só lobo, mentres noutros casos aparecían ondas de auga debaixo dos lobos. En todo caso apuntadas quedan as dúas posibilidades.
 
  No segundo escudo aparecen na parte superior tres emes, a do medio, cunha coroa enriba, que representan aos Montenegro. O escudo desta familia era habitualmente unha M de prata (branca) cunha coroa de ouro en campo de sinople, pero ás veces era unha simple M de sable (negra) en campo de prata. Na parte baixa do escudo aparecen dous dragóns como dragantes dunha faixa, representando á famosa familia Andrade. Están en posición horizontal e aparecen os corpos semellando serpes coas colas retorcidas. Isto non é nada común, porque habitualmente só aparecen as cabezas e formado unha liña diagonal.
 
 
  Para máis información sobre heráldica de familias galegas:

sábado, 17 de diciembre de 2022

Concursos de patacas


  Na dura posguerra pasábase fame e o país tiña necesidade de alimentos, así que o estado tentaba potenciar e mellorar a produción agrícola por todos os (escasos) medios ao seu alcance. 
  En Galicia a pataca era esencial, de modo que cara á metade dos anos 40 fixéronse habituais os concursos con premios á produción e á calidade de patacas. 
 
  Nos concursos de produción había que presentar a colleita obtida nunha extensión de polo menos un ferrado. En 1944 recibiron premios sete labradores ordenses. Destaca o feito de que a maioría eran do Bidueiro, lugar evidentemente moi fértil. 
  Fernando Conde Recouso* dos Condes do Bidueiro, obtivo un primeiro premio de 500 pesetas porque logrou producir 51.250 Kg por hectárea. José Mariño García dos Lagartos foi o segundo con 250 pesetas de premio e unha produción de 41.250 kg por hectárea. Un terceiro premio de 150 pesetas correspondeulle a Manuel Varela do Bidueiro con 36.250 kg. Dous cuartos premios de 100 pesetas cada un tamén foron a parar ao Bidueiro, sendo adxudicados a Jesús Gómez del Río e a Manuel Ríos Villaverde ambos os dous con similar produción de 36.250 kg por hectárea. Manuel Mariño Vilela logrou 26.250 kg e con eles un quinto premio de 75 pesetas, mentres Antonio Ferreiro Pérez Antón de Xan Ferreiro tívose que conformar cun accésit de 25 pesetas polos seus 18.250 kg. 
 
  O primeiro concurso de calidade de patacas destinado aos agricultores de Ordes tivo lugar o domingo 29 de outubro de 1944 no Pavillón do Paseo da Ferradura en Santiago, sendo un dos actos programados dentro do Congreso Agrícola de Galicia e contando coa presenza do subsecretario de Agricultura. 
  Os agricultores debían presentar lotes de polo menos 25 kg de patacas dunha soa variedade. Había 6 premios e 10 accésits. O primeiro premio era de 200 pesetas, o segundo de 150, o terceiro de 125, o cuarto de 100, o quinto de 80, o sexto de 60 e 10 accésits de 25 pesetas cada un. 
  O primeiro concurso celebrado na vila de Ordes baixo o patrocinio da Cámara Oficial Agrícola tivo lugar o domingo 4 de novembro de 1945 na Alameda e puideron participar todos os agricultores do partido. As bases e os premios foron os mesmos do ano anterior. Nese concurso tamén se entregaban os premios do de produción. 
  Eses concursos tiñan lugar normalmente algún domingo de novembro (algunha vez en decembro) ata que nos anos 50 deixaron de celebrarse porque a necesidade que os orixinara desapareceu. 
 

*En 1952 tamén levou un premio de 500 pesetas nun concurso de fomento de gando selecto con participantes de toda Galicia, porque unha vaca súa chamada "Roja" produciu 4.597 litros de leite en 382 días con 5,6 % de riqueza graxa.

domingo, 11 de diciembre de 2022

A familia Conde (Bidueiro)

 
   Sabemos que na segunda metade do século XIX naceron varios irmáns apelidados Conde Barreiro: Juan, Marcelino (que emigrou e do que nunca máis se soubo), Manuela a Conda que viviu en Parada, Generosa que foi veciña de Buscás, e Estrella que casou con José Viqueira Martínez e foi a matriarca dos Viqueiras do Casal. 
 

  Pero o que quedou no Bidueiro na casa familiar foi José Conde Barreiro. José traballou as terras dos propietarios do Pazo do Bidueiro (que a principios do século XX eran Francisco López Rioboo e logo a súa viúva Sara López Tenreiro) e coidaba do lugar nas súas prolongadas ausencias. Tamén foi concelleiro en 1928, un ano antes do seu falecemento. Casou con Josefa Recouso Calvo (1861-1945) de Parada, irmá de Manuel, de Antonio e de María Recouso Calvo (matriarca dos Barreiros do Casal). Con ela tivo polo menos 10 fillos: Marcelino, Fernando, Esperanza, Juan, José, Ricardo, Generosa, Estrella, Manuela e Jesús Conde Recouso. 
  De Ricardo sabemos que morreu bastante novo (antes que a súa nai), dos demais, que a maioría emigraron a América. José casou con Dolores Ferreiro*. Jesús, o máis novo, volveu nalgunha ocasión á vila porque tiña propiedades nela e no Mesón do Vento. 
 
  Esperanza Conde Recouso (n.1904) casou con Jesús Recouso Viqueira e instaláronse na Coruña na rúa Cordelería. A única e non boa noticia é que en 1933, cando tiña 29 anos, enfadada cunha veciña, atacouna cun coitelo feríndoa na fronte. 
  Os dous irmáns que quedaron en Ordes foron moi coñecidos. 
 

  Marcelino Conde Recouso estableceuse no Recreo onde montou unha panadería. Casou con Elvira Ferreiro del Río, a terceira filla de Antón de Xan Ferreiro, e con ela tería 6 fillos: José, Josefa, Marcelino, Antonio, Elvira e Estrella Conde Ferreiro. 
José Conde Ferreiro (1923-2019) marchou para Madrid e alí viviu e morreu. 
Josefa (n.1925) casou co funcionario municipal Laureano Iglesias del Río (1920-2004) co que tivo catro fillos. 
Laureano era fillo de Laureano Iglesias García (m.1945), comerciante que tivo un bar e no mesmo lugar a administración de Castromil en Ordes, e de Dolores del Río Caramelo (m.1925), irmá de Dominga e do comerciante e fiscal municipal Pedro del Río Caramelo, represaliado nos primeiros anos do franquismo.
Marcelino (1926-1984), coñecido como Calilo, casou con Elena Blanco Fuentes (1930-1994) e non tiveron descendencia. 
Antonio (1930-2019) casou con Genoveva Ferreiro Gasamáns, filla do fogueteiro da Sionlla. Con ela tivo catro fillos: José Antonio, Dolores, Marisa e Eva Conde Ferreiro. 
Elvira Viruca, casou con Eugenio González Corbelle Eugenio de Parente (1924-1996), co que viviu en Alfonso Senra, preto da Caixa de Aforros, e con quen tivo dous fillos: Eugenio, que foi xerente de Ordestar e faleceu en novembro de 2013, e Salomé. 
Estrella Conde Ferreiro (1935-2001) casou con Jesús Losada Prado (1931-1988), coñecido como RENFE por traballar para esa empresa pública. Con el tivo catro fillos, dos cales a segunda, Malena, xa faleceu aos 36 anos de idade. 
 
  O fillo que quedou na casa do Bidueiro era Fernando Conde Recouso (1901-1973). Foi un dos labradores máis recoñecidos do concello. En 1944 obtivo un premio de 500 pesetas por colleitar máis de 50 toneladas de patacas por hectárea e en 1952 outro pola produción de leite dunha das súas vacas chamada Roja. 
  Casou con Josefa Sánchez Queijo (1904-1999) dunha coñecida familia de Trazo, coa que tivo 6 fillos: Josefa, María, Estrella, Esperanza, José e Jesús Conde Sánchez. 
Josefa Pepiña de Conde (1924-2012) tivo unha filla de solteira, Flora, que casou con Fernando Corbelle, e que abriría a tenda "La Oca Verde". 
María casou con Pedro Villaverde dos Villaverdes do Piñeiro, co que tivo 4 fillos. Estrella morreu en 2003. Esperanza estableceuse na Coruña. 
Os dous últimos fillos foron varóns: o benxamín, Jesús, morreu moi novo aos 28 anos de idade. O que quedou na casa foi José Conde Sánchez (1933-2021), casado con Concha Gil dos Gil de Poulo. O seu fillo Fernando Conde Gil deixou o traballo na construción para facerse cargo da granxa paterna e segue o legado dos Condes.
 

*Dolores Ferreiro Recouso era filla do meu bisavó Juan Ferreiro Franqueira dos Ferreiros do Norte, e por tanto tía avoa miña. Na súa mocidade tivo un episodio de loucura e o seu pai levouna ao Corpiño. Ía completamente desequilibrada ata o punto de poñerse dúas medias nunha perna e ningunha na outra. A lenda familiar di que ao saír da igrexa xa estaba curada e cando chegaron a Santiago meteuse nos aseos dun bar a colocarse as medias correctamente.

domingo, 4 de diciembre de 2022

Refráns dos meses do ano

  O primeiro mes do ano acostuma ser frío, con fortes xeadas e bastante seco. É común a expresión "Xaneiro xiadeiro". Advírteno moitos refráns como No mes de xaneiro pon os pés no braseiro. A choiva non se considera beneficiosa neste tempo: Cando chove en xaneiro non hai bo prado nin bo lameiro ou tamén Moita chuvia en xaneiro, pouca anada no cabaceiro. 
  Cos ceos tan despexados a lúa chea é espectacular: Coa lúa de xaneiro vese a formiga no carreiro. Amor, o primeiro, lúa a de xaneiro. 
  Neste mes plantábanse os allos e as verzas, podábanse as árbores froiteiras e collíanse os grelos. En xaneiro pon o alleiro. Verzas en xaneiro saben coma carneiro. 
  As datas sinaladas son San Xian (día 9) e San Vicente (día 23). Polo San Xian medra o día un pasiño de can. Polo San Vicente perde o inverno un dente. Polo San Vicente planta os nabos da semente.

 
Normalmente é un mes frío, aínda que ocasionalmente haxa sol. Os refráns déixano claro: Abrígate por febreiro con dúas capas e un sombreiro. Acostuma ser o mes menos chuvioso do inverno, pero a auga é ben recibida: Auga en febreiro, mellor que en xaneiro ou Auga en febreiro enche o cabaceiro. Tamén hai algunha discrepancia: Se chove en febreiro, nin trigo nin centeo.
  Na terra na que se colleran os grelos podíanse plantar patacas (patacas de cedo) e tamén se collían os nabos para que as vacas desen bo leite.
  A data máis sinalada é a Candeloria (día 2) -cando segundo o saber popular casaban os paxariños- e logo San Brais (día 3). Cando a Candeloria chora, a metade do inverno vai fora. Que chore, que deixe de chorar, a metá do inverno está por pasar. Por San Brais, dúas horas máis.
 
  Destaca pola súa inestabilidade: Marzo marzolo, trebón e raiolo ou Marzo marzán, pola mañá cariña de rosa e pola tarde cara de can. Algún non está de acordo: Marzo é enganador, un día malo e outro peor.
  A finais de marzo plantábanse as patacas e arábase a terra para sementar o millo. Comezan a verse aves: Entre marzo e abril sae o cuco do cubil.
  A data máis sinalada é o San Xosé (día 19).
 
  Aínda que na nosa comarca abril non chega aos 100 litros por metro cadrado e hai ata seis meses de maiores precipitacións, nos refráns ten fama de moi chuvioso: Abril, augas mil ou Chuvia de abril enche carro e carril. Ademais esta chuvia considerábase moi beneficiosa: Chova por abril e maio e non chova en todo o ano ou Xaneiro xiado e abril mollado enchen o faiado. Aínda é un mes fresco: Os aires de abril fan meter ao porco no cubil.
  En abril preparábase a terra para sementar o millo, plantábanse as patacas de tarde e sementábase o liño.
  Unha data sinalada é o San Marcos (día 25): O millo polo San Marcos nin no saco nin nado. Se ves a cobra antes de San Marcos aínda verás neve nos campos.
 
  Os refráns inciden en que aínda é un mes fresco: En maio aínda a vella queima o tallo ou tamén En maio aínda a vella quenta o saio. Non chove demasiado pero se hai chuvia é beneficiosa: En maio augas catro e esas que cheguen ó barro. Cando en maio hai lama aínda algo se gaña. Para moitos era o tempo ideal: Maio é o mellor mes do ano.
  Era o mes no que se sementaba o millo, fabas, garavanzos, chícharos, melóns... En maio colle os bois e o arado.
  Unha data sinalada e a Santa Cruz de maio (día 3): Pola Santa Cruz de maio o lobo e o corvo nado e o raposo medio criado.
 
  É o mes do solsticio de verán, así que: En San Xoán as 9 con día dan. No mes de San Xoán secan as fontes e arden os montes.
  Neste mes sachábanse as leiras de millo (fabas, etc) para quitar as malas herbas.
  A data máis destacada era San Xoán (día 24) preto do solsticio: De San Xoán a San Pedro cinco días van no medio. Tamén están o San Paio (día 26) e San Pedro (día 29), moi populares no concello por ser patronos de Buscás e Ardemil. Día de San Paio, a cegoña nos prados.
 
 
É un mes de verán: En xullo arder e as patacas coller.
Por moito que xullo queira ser, pouco ha de chover.
  Era un mes de moito traballo coa sega dos cereais (trigo, avea, cebada) e a recollida das patacas. Tamén era o momento de sementar nabos: Para coller moitos nabos, por Santiago sementalos. Polo Santiago seméntase o nabo.
  A data máis sinalada é Santiago (día 25) patrono de España, Galicia e da parroquia de Vilamaior. Pero hai varias neste mes: San Cristovo (día 10): Chuvia de San Cristovo co seu cobo. Polo San Cristovo xa o millo lle tapa a ala ó corvo. o Carme (16): No Carme todo o mundo come carne. Santa Mariña (18): Santa Mariña, froito na arquiña. San Lorenzo (21), a Madalena (22): Pola Santa Madalena a abelá xa está chea. e Santa Ana (día 26).
 
  É o mes de verán por excelencia, fai moita calor pero os días xa son algo máis curtos. En agosto o sol corre coma o lostro. En agosto secan os montes e en setembro as fontes. En agosto sol posto, noite connosco.
  Agosto era o mes en que se mallaba o trigo, collíanse as fabas e segábase a herba seca.
  As datas máis sinaladas son a Santa María (día 15) e San Roque (16), días de festa na parroquia de Ordes.
 
  É un mes aínda caloroso pero xa se nota algo de fresco: En setembro non hai vella que non trema. A choiva xa supera na comarca os 100 litros por metro cadrado pero é moi variable de ano a ano por iso un refrán di: Setembro, ou seca as fontes ou leva as pontes.
  Noutras zonas de Galicia era o tempo da vendima. Na nosa comarca era o momento de arar a terra do trigo para sementar os nabos e as coles, pero tamén para gozar das colleitas e os produtos da estación: En setembro come e bebe, pero non sexa tanto o comer e o beber que non deixes para vender.
  Datas sinaladas son San Mateo (día 21): Polo San mateu cada un vendima o seu, e San Miguel (29): Polo San Miguel uvas e mel. Polo San Miguel sabe o touciño a mel.
 
  Baixan as temperaturas e aumentan as chuvias: En outubro non molesta o lume. Outubro quente trae o demo no ventre. Non hai acordo sobre o beneficioso das precipitacións: Auga de outono mata ó seu dono. Auga en outono non lle convén ó xornaleiro nin ó seu dono. Outubro chuvioso, ano copioso. Outubro chuvioso torna ó labrador venturoso.
  Nese mes recollíase o millo e íase ás castañas.
  Hai varios días sinalados: San Francisco (día 4), San Froilán (5), o Pilar (12), os Remedios (2º domingo), San Lucas (18) e San Simón (28). Outono outonán, mes de San Lucas e máis de San Froilán. Por San Simón e San Xudas collidas as uvas.
 
  É un mes chuvioso e frío: De Santos a Nadal inverno carnal. De Santos a Navidá inverno de verdá. De Santos á Ascensión non quites o mantón. Cando Santos remata o inverno empeza.
  Era o tempo de arar a terra onde estivera o millo, sementar o trigo, a cebada, a avea ... pero sobre todo era o momento da matanza do porco. Polo San Martiño mata ó teu porquiño.
  As datas sinaladas son Santos (día 1) e Defuntos (2), San Martiño (11) que da nome ao mes, Santa Catarina (25) e San Andrés (30): Ditoso mes que empeza en Santos e acaba en San Andrés. Pola Santa Catalina neve na cociña.
 
  É o mes máis chuvioso e moi frío. As chuvias de Nadal non fan mal. No Nadal inverno a fartar.
 Rematábase de sementar o trigo, pero o máis do tempo había que estar dentro da casa. No mes de Nadal a carón da lareira vaite sentar.
  Días sinalados eran a Concepción (8), Santa Lucía (día 13), Santa Baia (14), e Santo Tomé (21), ademais de Noiteboa e Nadal. Pola Santa Lucía mingua a noite e medra o día. Polo Santo Tomé agarra o cocho polo pé.