lunes, 1 de junio de 2026

Orquestra Cantábrica


  A principios dos anos 60 había varios salóns en Ordes que abrían os domingos e días festivos. Por tanto tamén había necesidade de orquestras para actuar neles. Con esta favorable coxuntura varios mozos de Ordes xuntáronse e formaron a Orquesta Cantábrica. A icónica foto que ilustra este artigo foi tomada por Riveira no Salón de Encarnación Meijide, viúva de Ramón Prado. Nese lugar tocaron moitas veces ao igual que nos outros salóns.
  Os seus 10 compoñentes eran: Martís, Cándido Fernández Rey Camel, dous Regos, Manuel Martínez del Río o Corveiro, Manuel Ríos Rodríguez (alcumado Buxán por ser de Val do Dubra), Manolo Recouso, Francisco Moure Paco de Xaquín e Juan e José Manuel Mosquera Franqueira, coñecidos como Juan e Manolo de Isolina*, que eran irmáns de Angelito das Correas*.
  Non durou demasiado tempo. No ano 1964 desapareceu, pero catro dos seus compoñentes (Martís, Camel, o Corveiro e Manolo de Isolina) continuaron co nome de Los Cantábricos durante un tempo. O seu teléfono de contratación (Nº 46) era o do Túnel.
 
 
DESFILE DE ESTRELLAS
  Foi un popular concurso radiofónico que houbo dos anos 50 aos 70 en varias emisoras de España. Na Coruña o escenario era o Teatro Rosalía Castro. Conforme as rondas ían avanzando a expectación medraba e o teatro estaba cheo a rebordar nas semifinais e sobre todo nas finais. Presentaban os moi poulares Marina de la Peña e Emilio Díaz.
  Ordes quedou paralizado con todas as orellas pegadas aos transistores cando Manolo de Isolina, o vocalista da Orquestra Cantábrica, participou no concurso. Non foi o único, pois tamén o fixeron Santiago Naveira, un albanel que viñera de Betanzos a Ordes para facer os lavadoiros do Recreo e que aquí casara cunha filla de Rey -un chófer do Cotovío-, e Esperanza Veiras Penedo, unha moza de Queis (Montaos).
  Cos anos Manolo de Isolina converteuse no "home para todo" do alcalde Martino. Andaba co coche de propaganda, organizaba festas (normalmente levaba o peso da do Champiñón) e, como non, recordando o seu paso por "Desfile de Estrellas", tamén organizou un "Festival da Canción" en Ordes.
 
 * Isolina Mosquera Franqueira foi unha muller que viviu en Vilar e que tamén cantaba moi ben. Tivo varios fillos de solteira (Julio, Esperanza, Milagros, Ángel, Juan, José Manuel e Jaime). De todos eles o máis coñecido foi Ángel.
Ángel Mosquera Franqueira (1939-2024) alcumado Angelito das Correas tiña un ultramarinos no Recreo 65 e tamén vendía nas feiras, onde destacaba pola súa voz estridente. Estaba casado con María Valiño Martínez coa que tivo dous fillos: Ángel Ramón e Antonio.