
En 1958
continuaba a Guerra Fría. Ademais de explotar bombas atómicas de proba, as dúas
superpotencias levaban os seus preitos ata o espazo. Os USA lanzaron en xaneiro
o seu 1º satélite, o Explorer.
Logo, despois dun par de fracasos (Atlas e Pioneer) lanzarían o Vanguard e o Score (1º
satélite de comunicacións). A URSS contraatacaría co Sputnik 3. En Cuba
continuaba a rebelión castrista contra o ditador Batista, en Venezuela era
derrocado Marcos Pérez Jiménez, comezando a
etapa democrática, e en Arxentina era elixido presidente Arturo Frondizi. En Oriente medio
Exipto e Siria uníronse formando a RAU que duraría só 3
anos. Como reacción Xordania e Iraq crearían a Federación Árabe que non chegaría
a durar nin ese ano. En África continuaba a descolonización e aparición de
novos países: Guinea, Malí, Senegal, Chad, Gabón, Congo, Dahomey, Alto Volta...
mentres na metrópole francesa comezaba a Vª República con Charles de Gaulle. 1958
tamén será recordado pola morte de Pío XII e a chegada
ao papado do cardeal Roncalli, Xoán XXIII, que supuxo
unha gran renovación na Igrexa Católica.
Igualmente foi
o ano en que apareceron o 1º chip, o velcro e as pezas Lego de plástico. As
novas máis impactantes foron o accidente de avión onde morreron 8 xogadores do
Manchester United, o secuestro do piloto Juan Manuel Fangio polos rebeldes
castristas, a vitoria dun Bobby Fisher de 14 anos no Campionato USA e o repudio
da princesa Soraya Esfandiary
polo seu marido, o Sha de Persia.
No campo
deportivo tivo lugar o Mundial de Suecia onde gañou o Brasil do refulxente Pelé
e o Real Madrid acadou a súa 3ª copa de Europa con gol de Gento na final.
En España
a pesar do aumento da produción a inflación subira moi por riba dos soldos e a
situación era dura para os traballadores. O país estaba ao borde da
bancarrota cunha falta de divisas alarmante. Neste contexto volveu a haber problemas
nas minas de carbón asturianas. Ese ano estalou o Conflito de Ifni:
en febreiro e marzo houbo choques armados que concluiron definitivamente en abril co Acordo de Cintra. Franco promulgou
a Ley de Principios del Movimiento Nacional moi de cara á galería porque na
realidade nada cambiou nas dinámicas políticas que comezaran en 1957. Outras noticias dese ano foron a morte en prisión do dirixente comunista Joan Comorera e o -naquel momento desapercibido- nacemento no País Vasco de ETA, unha organización que co tempo causaría moita dor.
En Galicia eran tempos difíciles, pero houbo grandes
avances: co tramo Carballiño-Santiago (inaugurado por Franco en setembro) rematou a rede ferroviaria galega. Tamén na provincia
de Ourense comezou a desecación da Lagoa de Antela. En Sarria (Lugo) creouse a fábrica
de Cementos Oural. Na Coruña apareceu en xuño o primeiro supermercado público,
inaugurado polo mesmo Franco no mercado de San Agustín. A finais de ano habería
outro en Vigo pero xa privado. A Coruña tamén gozou de máis melloras en
setembro coa inauguración da Fábrica de Armas e a obtención de 44 millóns de
pesetas para ampliar Alvedro. Por 1ª vez en toda a década baixaron de 20.000 os emigrantes a América, destino que remataría sendo substituído por Europa (Alemaña e Suiza principalmente). No ámbito político fundouse en Madrid o grupo Brais Pinto.
Noticia destacada foi en novembro a morte do alcalde da Coruña Alfonso Molina en Río de Janeiro. O
enterro corverteuse nunha gran manifestación de dó e os seus restos mortais ata San
Amaro foron acompañados por unhas 100.000 persoas. A nivel
cultural naceu en febreiro a "Revista de Economía de Galicia" e Eduardo
Blanco Amor publicou "A esmorga"
en Buenos Aires.
Ordes engadiu ese ano un
"rañaceos" ao seu horizonte, a casa Carril, e xa estaba proxectado o
logo desaparecido edificio do Frente de
Juventudes a carón da Alameda. Tamén naceu Ciudad Jardín, creada por 7 familias moi pobres que construíron elas mesmas as súas casas.
XANEIRO: Morreu en Leira
Manuel Mata García aos 70 anos.
FEBREIRO: O Órdenes perdeu 0-3 co Orense. Un dos camións da fábrica de
queixos chocou violentamente contra unha casa en Sigüeiro. Os tres ocupantes
(ningún de Ordes) resultaron feridos. Morreu en Mercurín Lorenzo López Boga aos 62 anos.
MARZO: A causa da neve,
tiveron un accidente de coche preto de Ordes o bispo chileno Eladio Vicuña e o
seu acompañante. Voda de Suso de Calvo (da
ferraxería) con Juana Mosquera en Santa Cruz. Púxose á venda o serradoiro
de Manuel Regos Caramelo. Morreu en Poulo Mª Angélica Viqueira Figueira, muller
de Manuel Carrera Veiras. En Santiago faleceu Sila González Tuñón, da familia Álvarez (farmacia de abaixo).
ABRIL: Seguía en venda
o serradoiro. Gran mes para o equipo de fútbol de Ordes que gañou 5-1 ao
Ponteareas.
MAIO: Coroación da imaxe da Virxe dos
Milagres. Morreron en Ardemil Manuel Vilariño Veiras aos 44 anos, en Beán
Andrea Patiño Castro, e en Leira Manuel Varela López.
AGOSTO: Accidente de
motocicleta de dous veterinarios de Ames: Felipe Carballo Manteiga (condutor) e
Juan Marcos Tourino (paquete), este último moi grave. Festas patronais coa orquestra Los
Trovadores. O 24 morreu Jesús Mira Gómez en Beán.
SETEMBRO: Volveu ao
xulgado Enrique Pérez Ardá, despois dunha licencia. Morreron María Liñeira
Ramos aos 73 anos en Barbeiros, María Liste Veiras aos 59 anos en Beán, e
Manuel Boquete Becerra aos 79 anos en Leira.
OUTUBRO: O día 6 faleceu Ramón Cores
Marzoa, comerciante da Pontraga de 56 anos casado con Jesusa Liste
Remuiñán e pai de Aurelia, Estrella e Maruja Cores. O 16 morreu José Fernández o Picho, patriarca dos Pichos do Recreo.
NOVEMBRO: Voda de Jesusa Areoso
Villaverde con Manuel García Varela do Casal. O empregado do Banco da Coruña
Emilio del Río Sánchez afortunado con 13 acertos na quiniela. Faleceu en
Oleiros Carlos Troche Rivas,
veterinario de Ordes a principios do século XX.
DECEMBRO: O día 21
morreu en Sabadelle (Chantada) Balbino del Valle González, propietario da
Casa Grande de Parada. O 23 morreu Jesusa Cosmede en Poulo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario