sábado, 15 de abril de 2023

O ano 1947

  En 1947, ano no que apareceu "Un tranvía chamado Desexo", o mundo camiñaba inexorablemente cara á Guerra Fría. En marzo o presidente norteamericano nun discurso ao Congreso proclamou a "Doutrina Truman": era imperativo deter ao comunismo axudando economicamente aos países en perigo. Para iso creouse o Plan Marshall, chamado así polo seu secretario de Estado. Por certo, que en maio tamén foi creada a tristemente famosa CIA.
  Comezaba tamén a descolonización. Lord Mountbatten foi nomeado vicerrei e administrador na India que en agosto sería partida en dúas nacións independentes: India (hindú) e Paquistán (musulmá), evitando unha posible guerra civil.
  Palestina converteuse noutro problema. A ONU decidiu partir ese territorio en dous estados, un xudeu e outro palestino. Os árabes non aceptaron nunca esta partición e pronto empezaría un conflito que dura ata hoxe.
  En outubro Bélxica, Holanda e Luxemburgo crearon unha unión aduaneira, xerme da futura UE.
  A tecnoloxía avanzaba para o bo e o malo: en novembro na URSS completouse o desenvolvemento do AK-47, uns dos primeiros rifles de asalto, e en decembro en USA apareceu o transistor, unha dispositivo miniatura que revolucionou a electrónica no século XX.
 
 
  Para España, que ese ano superou os 27 millóns de habitantes, 1947 foi bastante mellor que 1946. Seguía illada das potencias occidentais pero contaba co apoio arxentino que se fixo patente coa visita de Eva Duarte en xuño e que incluíu a Galicia. Tivo un recibimento apoteósico e non era para menos pois viña acompañada dun crédito de 750 millóns de dólares para adquirir trigo arxentino.
  A estratexia de Franco era aguantar a toda costa esperando que as tensións da Guerra Fría aumentasen e xogasen ao seu favor. Por unha parte tentou lexitimar dalgún xeito o seu réxime promulgando en marzo a Ley de Sucesión en la Jefatura del Estado (sometida logo a referendum en xullo) que o convertía en "rexente" dun futuro monarca, mentres por outro lado mantiña un férreo control interno co Decreto Ley sobre represión del bandidaje y terrorismo en abril. Porque a guerrilla seguía sendo un problema en 1947 con máis de 1.500 accións armadas, aínda que realmente nunca foi un grave perigo para o Réxime.
  Tamén volveu a axitación obreira, esta vez en Bilbao, que o 1º de maio viu ata 50.000 traballadores participando en folgas. O exército tomou a cidade, detivo unhas 4.000 persoas e volveu a restablecer a orde.
  D. Juan de Borbón publicou en abril o Manifesto de Estoril, rexeitando o franquismo. Os monárquicos descontentos co caudillo negociaron cos socialistas moderados: houbo unha reunión en outubro de Gil Robles con Indalecio Prieto. Este xa lograra que o PSOE deixara en xuño o goberno no exilio que así perdeu a pouca influencia que tiña. En xaneiro acabaría a presidencia de José Giral e en xullo a do seu substituto Rodolfo Llopis.
  En novembro viuse que a estratexia franquista daba resultado. Os Estados Unidos, a pesar do odio de Truman a Franco, opuxéronse na ONU a unha nova condena a España e a impoñer máis sancións, e 4 meses despois xa en 1948 Francia reabriría a fronteira.
  Houbo que lamentar ese ano 1947 unhas inundacións catastróficas en Sevilla en marzo e o estoupido dun depósito de explosivos en Cádiz con máis de 150 mortos, pero a nova que maior conmoción causou ao país foi a tráxica morte do toureiro Manolete na praza de Linares. Doutra banda foi o ano en que se compuxo "A Rianxeira" e no que Machín triunfou cos seus "Angelitos negros".
  En Galicia foi importante que ese ano, en plena autarquía, saíu o decreto que lle concedeu a Zona Franca a Vigo, a 3ª despois de Barcelona e Cádiz, pero aínda terían que pasar algúns anos para que se fixeran realidade os soños de despegue económico. Na Coruña comezaba a etapa na alcaldía de Alfonso Molina e a de Enrique Mariñas como director da emisora de RNE nesa cidade. O Ferrol, pola súa banda, vía nacer a empresa Bazán.
 
 
  E en Ordes? Foi o ano máis sanguento da posguerra na comarca: ata 10 mortes violentas con motivación política tiveron lugar en 1947.
XANEIRO: Vendíase o Bar Viaño (con pista de baile) no centro da vila. Morreron Consuelo Rey Bello, muller de José Meijide Mosquera, aos 34 anos de idade en Souto (Beán) e Manuel González Romero o Capitán aos 69 anos de idade. Morte dos veciños Antonio Mosquera Aller e Manuel Sánchez Quindimil en Olas (Mesía) a mans do grupo de Foucellas.
FEBREIRO: Leite de Ordes hixienizado comezou a subministrarse a establecementos de Santiago: Hospital, Asilo, Hospicio, Casa de Maternidade, etc. Suntuosa voda en Leira entre a compostelá Isabel Otero Carreira e o madrileño Constantino Noya Vieites. Gran inundación en Sigüeiro. Morto polos Foucellas José Liñares Rama Pepe de Ramas. Morreu en Buscás Andrés Moar Gómez e, en Montaos, José Noya Boquete aos 53 anos.
MARZO: Festa da Árbore. Distribuíronse 20.000 piñeiros entre os labradores. Faleceu María Mariño Martínez, muller de José Mirás Gómez. Os Foucellas mataron ao zapateiro Evaristo Vidal del Río, natural do Balado pero residente en Visantoña.
ABRIL: Abatidos no Fontao preto de Abellá Manuel Ponte Pedreira, Manuel Díaz Pan e Manuel Rodríguez. Morreu aos 45 anos Antonio Vázquez Santiso, pai de Emilia de Pardo. Sancionados José Liaño Iglesias (12.250 pesetas), Balbino del Valle (10.000), Antonio Gª Varela (2.000), Rosario Gómez Gómez, Ignacio Botana Ramos e Melchor Presedo Rodríguez (1.000 a cada un) por non entregar o cupo forzoso de patacas e alubias na campaña do ano anterior.
MAIO: Morreu aos 68 anos nos Lagartos José Mariño, o patriarca dos Mariños. En Beán faleceu Carmen Mosquera Varela aos 46 anos. Creación da escola de Adrán (Vilamaior).
XUÑO: Morreu aos 41 anos Gabino Amor Rivas, marido da mestra Maruja Carreró. En Cerceda Felisa Rama Martínez de 23 anos gravemente ferida cunha fouce polo seu veciño Manuel Amor Estévez. Inauguración do cruceiro da fonte da Mercé preto da Calle.
XULLO: Morreron o concelleiro e secretario comarcal do "Movimiento" Ramón Galán López, fillo de Policarpo e irmán de José Galán, e aos 74 anos Adolfina Rivas Durán, muller de Ricardo Amor del Río. Detido na Coruña o guerrilleiro Pedro Rodríguez Pedro do Serrador.
AGOSTO: Por desprendementos preto de Coruña reduciuse a circulación ferroviaria e as mercadorías non pasaron da estación de Ordes. Casaron en México Estrella Concheiro García e o médico Antonio Alonso Puente. José Ríos Gómez morreu no pozo do cuartel da Garda Civil despois de ser torturado.
SETEMBRO: Bautizo de Rafael Alberto Serrano, fillo do entón tenente da Garda Civil Rafael Serrano e Blanca del Río Blanquita da Farmacia.
OUTUBRO: Morreu Domingo Candal Mingos, avó de Javier Alfonso.
NOVEMBRO: 3º Concurso de calidade de patacas o domingo 9. Os Foucellas mataron en Visantoña ao alcalde de Mesía José Candal Vieites, natural de Ardemil. 2 días despois a Garda Civil matou a Antonio Sánchez Uzal de Olas.
DECEMBRO: Voda de Balbina Casas con Alfonso Pérez Graña en Parada. Asasinada Elena Gómez Sánchez de 21 anos en Mesía por un pretendente frustrado. Manuel Piñeiro de Sigüeiro disparou e matou a Severino Ferro por opoñerse á súa relación cunha cuñada da vítima.
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario