lunes, 22 de agosto de 2016

Eleccións no século XIX

  Na historia do parlamentarismo español sucedéronse distintos modelos electorais. En tres etapas (De 1846 a 1854, de 1856 a 1865 e de 1870 a 1923) a representación política fíxose por distritos electorais que coincidían normalmente cos partidos xudiciais. Nos demais períodos a representación foi, como agora, provincial.
  As primeiras eleccións foron en 1810, en plena guerra contra os franceses, para elixir os deputados das Cortes de Cádiz. Nesta ocasión só puideron votar os varóns maiores de 25 anos. Nas seguintes eleccións que se celebraron en 1813 e logo no trienio liberal (1820 e 1822) a idade de votación baixouse aos 21 anos.
  No reinado de Isabel II (1833-1868) o sufraxio era censitario: só podían votar os maiores contribuíntes e os membros dos concellos (máis ou menos un 20 %).

  Desde o ano 1846, momento en que se comezou a votar por distritos, ata 1862, o de Ordes foi representado case perennemente por Fernando Calderón y Collantes, político do que o autor anónimo de "Semblanzas de los 340 diputados a Cortes" da unha imaxe bastante negativa. En todo este periodo só entre 1853-1854, foi vencido unha vez por Manuel Sanjurjo y Pérez.
  No ano 1862 o deputado por Ordes, substituíndo ao seu pai, foi o avogado coruñés Pedro Calderón Herce Marqués de Algara de Gres (1836-1891). Só 4 anos despois, en 1864, resultou elixido o avogado Manuel Batanero Montenegro, veciño da Coruña, que representaría ao distrito 3 anos, pasando logo ao de Santiago.

  No Sexenio Revolucionario (1868-1874) os representantes do distrito ordense foron D. Joaquín Hernández Rodríguez, D. Juan de Dios Bernuy Jiménez de Coca -Marqués de Benemají-, D. Manuel de Ciria y Vinent -Marqués de Corvera- e D. Francisco Palacios Sevillano. Todos eles eran "cuneros", e dicir, persoas sen ningunha relación co lugar que representaban.   

No hay comentarios:

Publicar un comentario