sábado, 25 de junio de 2016

Antonio del Río y Castro

  Naceu o 13 de marzo de 1846 en Ferrol dentro dunha familia acomodada. O seu pai, Antonio del Río y Leira, era interventor da Administración de Rendas (recaudador de contribucións). Do seu matrimonio con Benigna de Castro y Jaureguiberry tivo 8 fillos, dos que Antonio foi o terceiro.
  El tamén traballou na Administración de Rendas no distrito de Ordes a onde chegou no ano 1871 con 25 anos. Despois dun breve matrimonio con Elisa Núñez y Prego (morreu moi nova en xuño de 1876) casou con Elena Carnota Pérez, irmá do famoso xornalista local Vicente Carnota. Con ela tivo 7 fillos (5 na vila, un deles Leandro del Río).

  Tamén foi axente do Banco de España en Ordes, o que, unido ao feito de que o seu irmán maior Ángel José del Río Castro (1842-1897) fose alcalde do concello, deulle un gran prestixio e influencia.
  En 1878 publica "El Fomento" un xornal que se caracteriza pola denuncia da situación do país e polos seus ataques ao poder do clero. Isto último ocasiónalle un par de suspensións ata que en 1880 outra longa suspensión engadida a unha excomuñón do propio cardeal Payá remata con el.

  Nese momento comezou seriamente na política e durante 10 anos sería o home forte do distrito. En 1884 entrou na Diputación Provincial e en novembro de 1885 conseguiu a presidencia -durante menos dun mes-, o que é o punto máis alto da súa carreira política nesta fase. Foi un fiel seguidor de Romero Robledo, político conservador na órbita de Cánovas.
  As eleccións provinciais de 1888 supuxeron o comezo do seu declive. A pesar do poder que tiña nos concellos do partido, quedou 5º e non logrou praza para a Deputacion.
  En 1890 fixou a súa residencia na Coruña, despois da súa perda de influencia en Ordes como quedou demostrado novamente nas eleccións de 1891: O seu protexido, o tamén romerista Luciano Puga só logrou uns 300 votos fronte a Manuel Linares Astray, logo popular escritor. En Ordes había xa un novo xefe, o cacique por excelencia: Saturnino Aller.

  Pero Romero Robledo, agora ministro de Ultramar, noméao en 1892 gobernador da provincia de La Unión. Volveu a España en 1893 coincidindo coa morte da súa nai. En 1898 outra vez en Filipinas, sendo gobernador de La Laguna, viviu a derrota española. Formou parte, xunto co comandante de Estado Mayor D. Enrique Toral, da comisión que negociou a devolución dos prisioneiros co mesmo Emilio Aguinaldo, xefe dos insurrectos filipinos, que lle regalou unha bandeira como recordo (logo exhibida orgullosamente na Coruña). A súa intervención nestes eventos tróuxolle bastante celebridade. En abril dese ano volveu a España.

  En 1900 recibe unha homenaxe dos seus partidarios en Ordes onde seguiu manifestando a súa adhesión a Romero Robledo.
  No ano 1903 volveu ás Filipinas por motivos persoais e alí morreu de febres tifoideas en xaneiro do ano 1907. Está soterrado en Manila, a capital.
  Ordes dedicou a fonte da Alameda á súa memoria.
 

lunes, 20 de junio de 2016

Partidas carlistas

  De todos é coñecido que o século XIX estivo marcado polas guerras carlistas. Pero o impacto foi moi diferente nas diversas rexións españolas: moi alto no País Vasco, Navarra, o norte de Cataluña e o Maestrazgo e menos importante no resto.
  O carlismo en Galicia nunca conseguiu despegar porque, ao non ter o sustento foralista que tiña noutros lugares, non logrou o apoio dos mariñeiros ou campesiños. As "Carlistadas", como eran denominadas despectivamente polos liberais as levas carlistas, só lograban agrupar cregos extremistas e fidalgos de 2ª categoría. As partidas así creadas remataban indefectiblemente por derivar en grupos de bandoleiros que perxudicaban máis que axudaban á causa que supostamente defendían.

  Ordes non foi unha zona especialmente afectada, pero houbo accións puntuais. 
  Na 1ª guerra carlista constituíuse unha partida entre Sobrado e Arzúa ao mando do ex-oficial do exército Antonio López Ramos e na que participaban Ramón Ramos (Aiazo, Frades), o seu irmán José Ramos e o sacerdote Ramón Duro (Pasarelos, Oroso). Aínda que o territorio das súas correrías era o triángulo Melide - Arzúa - Sobrado, pasaron algunha vez por Ordes para asaltar dilixencias ao seu paso polo Mesón do Vento (14-08-1835) e Santa Cruz de Montaos (18-12-1835) -lugar ideal por estar á mesma distancia dos destacamentos de tropas de Leira e Sigüeiro e pola costa que ralentizaba a velocidade dos vehículos-, tender unha emboscada a forzas do exército en Senra - Oroso (1837) ou atacar Carballo (14-01-1838).

  Entre Mesía e Barbeiros creouse en 1835 outra partida ao mando de Frei Saturnino Enríquez do convento da VOT de Melide. Realizou correrías por Ordes aínda que a súa zona de actuación preferida era Abegondo. Era temido polos seus arrebatos de furor. Nunha acción na parroquia de Viós matou a 16 paisanos aos que acusou de espías do exército regular.

  A batalla máis importante na comarca volveu ter lugar en Montaos.
  No mes de novembro de 1938 foi feito prisioneiro o coronel carlista Andrés Areas, coñecido por don Juan Feás. Os carlistas decidiron atacar un convoi cristino para coller prisioneiros cos que negociar un rescate, así que o 30 de novembro marcharon desde Fao ata Santa Cruz de Montaos, apostándose para sorprender ao convoi que pasaría o día 1 de decembro. Nesta operación participaba o chamado Escuadrón de la Constancia, mandado polo tenente coronel Enríquez. O movemento do escuadrón alertou aos cristinos e avisaron ás forzas destacadas preto de Ordes.
  No medio dun forte temporal, a cabalería de Enríquez atacou o convoi, custodiado por forzas do terceiro batallón do rexemento de Castela ás ordes do capitán Víctor Velasco. O convoi tivo que deterse e defenderse pero pronto chegou a socorrelos un destacamento de cabalería mandado polo capitán Juan Antonio Cobián, conseguindo que o convoi seguise a súa marcha a pesar dos ataques carlistas, ata que recibiu preto xa de Sigüeiro o auxilio doutra columna mandada polo capitán Juan Santos Jiménez.
  Os carlistas tiveron que abandonar o ataque no que morreu, entre outros, o capitán José Taboada, comandante do cantón de Melide. Pouco despois Andrés Areas sería fusilado polos cristinos.
 
  Na 3ª guerra carlista, en novembro de 1874, tivo lugar o incidente máis notable: unha partida de arredor de 25 homes, ao mando de José Mª Andrade Portas, un mozo de 19 anos da zona de Arzúa, chegaron de noite a Ordes, foron ao edificio onde se recaudaban as contribucións, disparáronlle á porta e roubaron un pouco máis de 7.000 reais e tres escopetas. Iso si, como non se consideraban ladróns, deixaron un recibo pola cantidade exacta. Logo foron á Administración de rendas onde roubaron outros 19.000 reais e un montón de cigarros (queimando ademais os que non puideron levar). Remataron por ir á Casa do Concello onde queimaron o Rexistro Civil. Marcharon ás doce da noite e separáronse de contado (supostamente, despois do reparto).
  Saíron ao día seguinte dúas columnas de Santiago para atrapalos. Informaron á prensa que pronto estaría apresada "esa pandilla latro-facciosa" (palabras textuais), pero ... a cousa non foi tan rápida.
  En principio foi detido Andrés Aller, administrador de estancadas, por suposta connivencia cos carlistas, para ser liberado máis tarde.

 Andrade continuou coas súas incursións pero a súa sorte cambiou: A pesar de librarse polos pelos de ser detido en Sigüeiro en xuño de 1875, en agosto foi pillado en Santiago despois dunha persecución de película polos tellados da cidade. 

sábado, 18 de junio de 2016

O Río Lengüelle


  Nace na parroquia de Queixas (concello de Cerceda) no lugar onde conflúen o río Portigo de Vilasenín -que marca a fronteira de Cerceda con Ordes- e o río de Tourío.
  Discorre en dirección norte-sur e no seu percorrido duns 27 Km (ou 36, se contamos tamén o Tourío) recolle augas de moitos regatos. Os seus afluentes máis importantes son o río Cabrón pola marxe esquerda e o río da Pontepedra, logo convertido no Bustelo, pola marxe dereita.
  Serve de fronteira natural entre os concellos de Tordoia e Ordes no seu curso medio, e, posteriormente, entre os de Trazo e Oroso no baixo. Gran parte do seu curso discorre paralelo á vía do tren.
  Finalmente, a uns 400 metros ao sur das Ventas (Trazo) desemboca no río TAMBRE.
  A súa cunca é duns 328 Km2, o que supón o 43 % da comarca de Ordes, e o seu caudal chega aos 11 m3/s.


  A pesar do seu escaso tamaño e importancia dentro de Galicia, foi honrado (ou insultado?) por Eduardo Pondal, o inmortal bardo de Ponteceso, que lle dedicou un poema:

lunes, 13 de junio de 2016

Ordes 1946

  En 1946 (e tamén en 1956) os avións militares estadounidenses sacaron fotos de todo o territorio español por motivos cartográficos -e por suposto militares-. Esas fotos están agora dispoñibles na páxina web fototeca.cnig.es e, aínda que non teñen unha gran calidade, son ideais para contemplar a evolución dun lugar ao longo dos anos.
 

  Como non, o 1º lugar que observamos (despois de premer na foto para vela un pouco máis grande) é a vila de Ordes e podemos notar:
1: O cemiterio vello. A súa parte sur estaba aínda a campo e usábana os rapaces para xogar ao fútbol.
2: O Regato da Fraga. Só hai prados e montes.
3: O Casal. Unha aldea pequena, separada da vila.
4: A canteira: Un enorme burato do que se sacaba toda a pedra das construcións da vila. Os terreos pertencían á familia Vieites.
5: A Rúa "Generalísimo" sen ningún edificio. Ao lado a casa dos Concheiro.
6: O Campo da Feira. Cheo de plátanos de sombra como a Alameda.
7: A 2ª rúa máis importante da vila, o Recreo, entón "José Antonio".
8: A 3ª rúa, Os Lagartos, entón "Calvo Sotelo".
9: A pequena aldea de Vilar.
  Despois deste pequeno exercicio de nostalxia podedes premer aquí e veredes que grandes cambios sufriu -nunca mellor dito- a nosa vila.

domingo, 12 de junio de 2016

Antonio Castro García


  Antonio Castro naceu en Ordes pero toda a súa traxectoria vital estivo ligada a Santiago. O seu pai, Ignacio Castro Iglesias era membro da rica familia Castro de Oroso (o seu tío, Francisco, era xuíz municipal dese concello nos anos 20 e propietario do Pazo de Meimixe nos Ánxeles).
 Ignacio foi médico en Ordes máis de 15 anos, por iso os 7 fillos que tivo do seu matrimonio con Mª Josefa García Rodríguez, naceron na vila. Trasladouse a Santiago en 1925 e con el toda a familia, polo que Antonio, que era o menor de todos (nacido o 23 de marzo de 1925) non viviu nin un ano en Ordes. 
  Estudou a carreira de Dereito en Santiago e alí traballou como avogado e xuíz. Casou con Filomena Carballal Lema coa que tivo tres fillos: Antonio (químico), Mª José (avogada e funcionaria) e Mª Teresa (funcionaria).
  Durante 5 anos -de 1974 a 1979- foi alcalde de Santiago. Coa chegada da democracia afiliouse a Alianza Popular (logo PP) e aquí estivo cerca de tocar a gloria porque no ano 1981 formaba xunto con Clemente González Peón e Xerardo Fernández Albor a terna de posibles candidatos do partido ao posto de 1º presidente da Xunta. O desenlace é de todos coñecido: Albor foi finalmente o elixido.
  Logo sería Director Xeral de Xustiza da Xunta de Galicia. No ano 1987 converteuse en presidente do Consello de administración do Grupo Correo Gallego. Tamén foi presidente do CB Obradoiro e da Sociedade de Tiro Olímpico.

  Morreu o 9 de outubro de 2011 aos 86 anos de idade.  

sábado, 11 de junio de 2016

O crime dos caldeireiros

  Era o 4 de decembro do ano 1882 cando Ordes espertaba estarrecido. Na parroquia de Leira, no lugar entón chamado Cano da Vila (o que hoxe é o final sur da recta onde está o restaurante Chaussy II) atopouse o cadáver dun home cuberto de lama e sangue.
  Cando se limpou o corpo, que estaba acribillado a puñaladas, foi identificado como José Viqueira Vázquez, un veciño de Poulo entrado en anos que volvía cara á súa casa despois de ter ido á feira das Travesas.
  Varias persoas vírono durante esta última viaxe en compañía de catro veciños seus que tiñan o oficio de caldeireiros e, por ese motivo, eran coñecidos como os "caldeireiros de Poulo". Algúns oíran a José Viqueira discutir con eles na feira e no Mesón do Vento, polo que se converteron nos sospeitosos máis lóxicos.
  Pero, instruído o sumario e consultadas moitas testemuñas non se chegou a ningunha conclusión clara e houbo que ditar auto de sobresemento.

  Así pasaron seis anos e o crime parecía que ía quedar impune cando houbo un novo golpe de efecto: no ano 1888 dous presos do cárcere de Cartagena, Constantino López e Manuel Andrés Rodríguez, ambos os dous da zona de Ordes e cuns 17 anos no momento do crime, escribiron ao fiscal imputando aos caldeireiros e explicando que non declararan antes polo temor que lles tiñan.
  Abriuse de novo o precedemento, oíronse novas testemuñas, algunhas das antigas cambiaron lixeiramente ou bastante as súas declaracións e resultou que había motivos para deter aos catro sospeitosos: Andrés Suárez Gómez, Ramón Suárez Gil, Ceferino Martínez Bernardo e José Varela Galán.
  En xullo de 1889 tivo lugar o xuízo. Foron defendidos con elocuencia polo avogado Alfredo Vilas, pero o fiscal Buenaventura Plá de Huidobro tiña mellores naipes. Quedou demostrado que José Viqueira, con bastante alcol no corpo, viñera discutindo cos acusados ata que nun momendo dado o apuñalaron (ata 19 veces!). O fiscal pediu 20 anos para eles, pero finalmente foron condeados a 14 anos, 8 meses e un día.
  Unha das testemuñas que os exculpara, Andrea Corbelle, tamén levou unha pena menor.
  Curiosamente no ano 1890 marcharon a cumprir a súa pena á prisión de Cartagena.

  Durante moitos anos unha cruz á beira da estrada N-550 marcou o lugar onde morreu José Viqueira. Co tempo perdeuse a memoria do crime e a xente pensaba que estaba alí posta por un accidente de tráfico. Coa remodelación da estrada tamén desapareceu a cruz pero non o lugar. Descansen en paz todos eles.

sábado, 4 de junio de 2016

O Río Samo


  O río Samo nace na parroquia de Cabrui (Mesía) nos Montes da Tieira, a só 400 m do límite con Cesuras, Curtis e Vilasantar. Discorre serpenteando en dirección oeste uns 19 Km ata recibir ao seu principal afluente pola dereita, o río Traveso, que baña o oeste do concello de Mesía. Logo continúa en dirección suroeste facendo fronteira entre Frades e as parroquias orientais de Ordes (Vilamaior e Barbeiros). Os últimos 11 km viaxa cara ao sur polo leste de Oroso, tocando tamén a parroquia de Beán en Ordes.


  A súa lonxitude total é duns 44 km debido ás pronunciadas curvas do seu curso. Non obstante a súa cunca é duns 140 Km2 (menos da metade do Lengüelle) porque apenas ten afluentes de entidade.
  Sempre tivo fama de río moi troiteiro. Nos anos 20 chamábanlle "río millonario" porque o número de capturas era enorme (segundo relatos daquela época pescar 100 troitas no día era normal e algúns chegaban ás 200), pero xa nos anos 60 La Voz de Galicia referíase a el como o "ex-millonario". Non é que non houbera peixes, senón que os "goxeiros" (veciños que pescaban con cestos) e os "gancheiros" (os que deixaban os anzós polas noites) remataban con troitas adultas e crías polos altos prezos que lles pagaban por elas.
  Obviamente a situación actual xa non ten nada que ver con aqueles tempos. Hai unha zona libre de pesca que está no concello de Oroso e exténdese desde a parroquia de Calvente ata a de Ánxeles.
 

 Unha curiosidade: no século XIX chámabanlle Río Marzoa, como podedes observar neste mapa do Partido Xudicial de Ordes de 1849. Premede na imaxe para velo un pouco máis grande.

viernes, 3 de junio de 2016

Manuel Astray Rivas


  Manuel Astray naceu no ano 1924 no seo dunha das familias VIP de Ordes. Os seus pais foron Manuel Astray Mato, avogado, deputado provincial, xuíz municipal e, finalmente, encargado do Rexistro da Propiedade en Ordes, e Clara Rivas Marzoa, irmá do médico de Cerceda D. Luis Rivas.
  O matrimonio tivo 3 fillos varóns -Manuel, Antonio (tamén avogado) e Luis (oficial do Rexistro)- e dúas mozas -Clarita, alcumada a Cabra porque era moi extravagante para aquela época, e Josefina Finita-.
  Vivían nunha casa que estaba no que hoxe é a Clínica Concheiro.
  Manuel seguiu a senda familiar e tamén estudou dereito. Rematou por ser subdirector da Oficina da Administración Pública de Ordes. Casou en xullo de 1952 con Mª Ángeles Mariño Iglesias (1925-2016), máis coñecida como Marujita, coa que tivo dous fillos: Ángeles e Manuel.

  Pero a súa verdadeira vocación foi a literatura. Colaborou nas páxinas de "La Noche", onde compartiu espazo con xente da talla de Otero Pedrayo, Cunqueiro, Risco ou Fernández del Riego. Posteriormente seguiría escribindo en El Correo Gallego e en La Voz de Galicia. Converteuse no erudito oficial de Ordes. Cando había que facer unha guía ou un pregón aí estaba. Escribiu un libriño autoeditado, "Caída programada", sobre o chileno Salvador Allende, e unha inédita obra teatral, "A Pouleira", traxedia sobre o mundo rural galego. Pero a súa obra máis coñecida foi "Síndrome del 36: la IV agrupación del ejército guerrillero de Galicia"  (Edicións do Castro, 1992), unha memoria persoal da actividade guerrilleira da posguerra na comarca de Ordes.

  Morreu dous anos despois, o 1 de febreiro de 1994 aos 70 anos. 
  O seu fillo Manuel "Nel" Astray Mariño, tamén avogado, é moi coñecido na vila por ter sido un dos dirixentes do PSdG-PSOE de Ordes ata o 2007, ano no que abandoa esa formación. Foi concelleiro en varias ocasións.
 
  Manuel Astray estaba moi orgulloso da súa poesía e, aínda que nunca publicou unha recopilación, hai varios poemas soltos espallados por "La Noche". Unha pequena mostra: