domingo, 29 de julio de 2018

Festa da Árbore en 1921

  A década dos 20, sobre todo durante a ditadura de Primo de Rivera, foi un momento de auxe das festas patrióticas e, especialmente, da Festa da Árbore.
  Aínda que oficialmente era obrigatoria desde 1915, non parece que a maioría dos concellos fixesen moito caso desta lei, cousa que cambiou nos anos 20. En Ordes pasou máis ou menos o mesmo: non temos constancia de que houbese ningunha ata 1921, pero ese ano, baixo a alcaldía de Manuel García Bermúdez celebrouse a Festa da Árbore con bastante boato na vila.

  O evento, que foi custeado polo alcalde e o seu xenro Pedro Concheiro Rodríguezfoi bastante brillante. Celebrouse en marzo e contou con moitos escolares e público en xeral. Primeiro reuníronse as autoridades locais cos nenos, nenas, pais e nais, e logo foron todos en cívica procesión ata o lugar da plantación, o paseo que conducía ao entón novo cemiterio do Piñeiro (que hoxe xa é o vello).

  Unha vez alí, cantaron o himno á árbore que con "gran maestría había sido ensaya­do por el culto vecino y propietario don Julio Pol y Caamaño, agradando a todos por lo afinados que estuvieron".
  Logo chegaron os discursos. Comezou o mestre Nicolás del Río explicando o alcance da festa e facendo ver con entusiasmo as vantaxes da repoblación forestal para non necesitar importar madeiras. Tamén o avogado José García Barros leu un discurso. Os dous oradores foron moi aplaudidos.
  A plantación "con un orden admirable" foi feita polos nenos (aínda que parece que pronto empezaron a picarse por ver quen cavaba máis rápido). Ás nenas, que levaban pequenas regadeiras adornadas de cintas, tocáballes de tarefa a rega das novas plantacións.
  O mellor para o final: repartíronse merendas a nenos e nenas, e para que a festa fose completa, obsequiouse tamén ás señoras con pastas e aos cabaleiros con habanos.
  Por último, o procurador García Rivas tomou fotografías de todos os concorrentes.
  Segundo La Voz de Galicia: «Todas las señoras y señoritas de este pueblo contribuyeron con su presencia a hermosear la fiesta. Allí estuvieron doña Juana García de Concheiro, doña Asunción I. Rapela, doña Mercedes Salgueiro, doña Concha I. Rapela, doña Josefina Carballido, doña Josefa García de Castro, doña María Castro de Linares y las señoras de los jefes de Telégrafos y Correos; y entre las señoritas, Maruja Concheiro, Pilar Astray, Maruja y Piedad Carnota, Encarnación Castro, Amalia Concheiro, Julia, Paca y Carmen Pol, Celia del Río, Asunción Concheiro y otras no menos bellas, que sería prolijo enumerar.
  Un aplauso sincero al entusiasta alcalde don Manuel García Bermúdez y a don Pedro Concheiro, mantenedores de la fiesta.»


  En abril houbo unha segunda festa -máis modesta- no Mesón do Vento (Ardemil), organizada polo xuíz do partido, Marcial del Río Díaz, que trouxo persoalmente as árbores desde A Coruña. A Junta Protectora del Arbolado fíxose cargo dos gastos, librando así ao concello de ter que botar man do seu orzamento.
  Aínda que a asistencia de moitos escolares era unha das características habituais da festa polo seu obxectivo de concienciar ás futuras xeracións da necesidade de promover o arboledo, non foi así neste caso: só dous alumnos acompañaron ao mestre, Sr. Figueira (é posible que o resto tivese outras ocupacións máis transcendentes).
  A falta de escolares, Marcial del Río e os seus acompañantes falaron ao númeroso público adulto asistente no campo da feira da Adina sobre o alcance e as intencións da festa. Como dicía El Ideal Gallego: "Siendo de aplaudir tan feliz iniciativa y de esperar un feliz éxito".

jueves, 26 de julio de 2018

Entroido en 1921

  O Entroido de 1921 permítenos apreciar unha vez máis a división en clases do Ordes daqueles tempos: mentres o pobo se entretiña polas rúas, os VIPs da vila organizaban un baile exclusivo (narrado por La Voz de Galicia) e os comerciantes e industriales -a 2ª categoría- outro diferente.

  «FIESTAS CARNAVALESCAS: Fueron brillantes este año, singularmen­te los bailes celebrados en el amplio salón de la escuela nacional de niños, converti­do en un verdadero jardín merced al es­fuerzo y al exquisito buen gusto de las lindas señoritas que tomaron parte en el festival alegrísimo.
  Los cultos abogados D. Juan Amigo y D. Manuel y D. Ramón Astray, constitu­yeron la que pudiéramos llamar junta or­ganizadora, y su entusiasmo fue coronado por el mejor éxito.
  Durante los tres días de Carnaval se ce­lebró un vistoso baile infantil, por la tar­de, luciendo bonitos disfraces las encanta­doras niñas Marinita, Estrellita y Concha Concheiro, María Luisa y Sofía del Rio, Maruja Castro, Carmen Mariño, Marina y Elisa Pol, Carmiña Astray, Pilarita Lina­res, Aurora Cubeiro, Carmen Viqueira, las cuales iban aparejadas con los niños Gumersindo y Juanito Linares, Nico­lás del Río, Ángel y José Concheiro, Manuel Amor, Manuel García, Javierito Castro, Fer­nando García, Jesús Cubeiro, Arturo Viqueira y Gabino Amor, todos los cuales dieron una nota alegre y juvenil al festival, sien­do obsequiados con confites y refrescos.
  Por la noche fue tal la afluencia de lin­das señoritas, que es difícil reseñar cum­plidamente tan atrayente festival. Entre las innumerables jóvenes disfrazadas, recuerdo a las siguientes: Pilar Astray y Maruja Carnota, traje de noche; Pie­dad Carnota, molinera; Rita Castro, diablo; Maruja y Maura Amor, niñera y chula; En­carnación Castro, chula madrileña; Amalia Concheiro, pastora: Maruja, Antoñita y Concha Amigo, colombina, paisana y pri­mavera; Ángeles y Babila Iglesias Rapela, colombinas; Asunción Concheiro, cantine­ra; Carmen Blanco, barcalesa; Carmen, Ju­lia y Paca Pol, mariposa, gitana y monta­ñesa de los Alpes; Isabel, Sara y Celia del Río, sultana, húngara y florista; todas las cuales rivalizaron de un modo admirable, bailando las selectas piezas del escogido repertorio de una afinada orquesta, contra­tada al efecto.
  En cuanto a los jóvenes que las acompa­ñaron incesantemente, recuerdo, además de la entusiasta Directiva citada, a D. Jacobo Amor del Río, abogado, y los escolares Ce­lestino Amigo, Antonio y Celestino Conchei­ro, Jaime y Manolo I. Rapela, Benigno Con­cheiro y Santiago Astray; y a los comer­ciantes Ezequiel Astray, Manolo Concheiro y Manolo Mariño, y al oficial del Juzgado Alfonso García, no citando a los forasteros, por orden expresa.
  Igualmente, concurrieron autorizando a las muchachas sus padres y amigos D. Ce­lestino Amigo Oreiro y señora, D. Domingo Moar y señora, D. Juan Linares y señora; D. Julio Pol, D. Ricardo Amor del Rio, don José Carnota, doña Isabel Castro, doña As­censión I. Rapela, doña Juana García Mouriño, doña Pepita Bóo, D. Manuel I. Rapela, médico afamado de Oroso y señora, y otros que omito por no ser demasiado pro­lijo.
  En fin, una fiesta que dejará imperecedero recuerdo.»

  Aquí a segunda festa segundo noticia de El Ideal Gallego:
  «Resultó muy concurrido y divertido el festival celebrado el domingo último en la casa del industrial D. Ramón Faya, al que han concurrido, entre otras muchas personas, las Srtas. Flora Pereira, Celia y Obdulia Abeijón, Maruja Villar, Paca, Moncha, Maruja y Purita Franqueira, Lola Amado y Pilar Romero, y los jóvenes Jaime Veiga, Manolo y Francisco Patiño, Emilio Sánchez, Ramón Abeijón, Manolo Caramelo y Pepe Maceiras, estando la dirección de la orquesta a cargo del inteligente Ramón Abeijón.»

lunes, 23 de julio de 2018

Alfonso Noya Bermúdez

  Como pasa con outros moitos ordenses o seu nome e apelidos non nos dirán nada, pero se mencionamos que o seu alcume -en realidade o de toda a familia- era Cachorro entón xa todos os maiores saben de quen falamos: o primeiro policía municipal de Ordes. Logo houbo outros como Francisco Casal Cajiao Francisco de Betanzos, Manuel Gago Noya da Fraga da Galiña ou Manuel Villaverde Mosquera da Espenica, pero el foi o primeiro.

  Alfonso naceu en Parada en 1921. Os seus pais eran o legoeiro José Noya Boquete Cachorro (1892-1981) e Antonia Bermúdez Couselo (1893-1985), matrimonio que tivo 8 fillos varóns: Manuel, Ramón, Antonio, Alfonso, Pedro, José, Ramiro, e Horacio. Tamén tiveron dúas fillas, unha falecida aos 3 anos e outra, chamada Rita, que morreu nova en 1949.
  Nos anos 40, como a maioría dos mozos, tivo que cumprir coa obriga dun longo servizo militar de 44 meses. Á súa volta, en 1946 xa con 25 anos de idade, Alfonso, que era delgado pero moi alto para a época, foi contratado polo alcalde Genaro González como policía municipal. Comezou cobrando 165 pesetas mensuais. 

  Era unha "autoridade" e Cachorro tomaba iso moi en serio. Xa xubilado comentaba como lle doían as actitudes irreverentes: "O corpo xa non é o que era. Aos municipais agora tómanos de coña en todas partes". Claro, iso nos 80, porque nos 50 case ninguén ousaba enfrontalo. A súa soa presenza infundía respecto e temor, ata tal punto que unha vez meteu no cárcere a 50 persoas que volvían dun Teresa Herrera "por facer augas menores na vía pública" e estivo con eles nunha habitación (era o encargado do depósito de presos, que primeiro estivera no Edificio Ramos e logo na súa casa da Rúa do Muíño 6).
  Alí vivía, despois dun breve matrimonio con Rosa Caramelo (irmá do becerreiro Venturilla), coa súa segunda muller, Elvira Viqueira Veiras (1930-1997), procedente de Trazo e a irmá máis nova de Juan Viqueira, o propietario do coñecido "Bar Juanito". Con ela só tivo unha filla, Victoria. Ambas as dúas atendían unha tenda de flores.
  Durante a súa carreira Cachorro estivo ás ordes de 5 alcaldes: Genaro González, Manuel Verea, Juan Liñares, Antonio Concheiro e Manuel Viqueira. Gardaba o mellor recordo de Liñares e Concheiro, porque "naqueles tempos a vila estaba máis organizada".
  Nunha homenaxe que recibiu en agosto de 1989 tiña claro que era alguén que non lle gustaba a todo o mundo: "Creo que haberá xente agradecida polo meu traballo, pero seguro que moitos estarán contentos de que me xubilase".
  Apenas 3 meses despois, o 18 de novembro de 1989, aos 68 anos, faleceu e foi soterrado no cemiterio da súa parroquia natal, Santa Mariña de Parada.

viernes, 20 de julio de 2018

1921-22: O desastre de Annual

  A década dos 20 é coñecida como "Os felices 20" ou "Os tolos anos 20" pero esta percepción de felicidade vén dos gañadores da Gran Guerra, especialmente os Estados Unidos (aínda que non estaban exentos de problemas como demostrou o masacre de negros ocorrida en Tulsa en 1921).
  En moitos outros lugares non foron felices en absoluto. Por exemplo Alemaña, no medio dunha crise enorme despois da derrota, vía en xullo de 1921 como un tal Adolf Hitler se convertía en líder do entón minoritario Partido NacionalSocialista e pouco despois, en novembro, formaba as súas propias tropas de choque, as SA ou Sturmabteilung.
  A URSS non sabía o que lle quedaba por sufrir pois en 1922 chegaba ao poder Iósif Stalin que gobernaría 30 anos o país con man de ferro.
  Tampouco o RU gozaba da paz pois estaba inmerso no problema irlandés. A partición da illa en dous territorios non acabou coa violencia e comezou unha guerra civil onde morreu Michael Collins en 1922, ano onde o tamén irlandés James Joyce publicou o aclamado "Ulises".

  Para España o ano 1921 foi catastrófico. O 8 de marzo foi asasinado o presidente de goberno Eduardo Dato e apenas un mes despois tamén o líder cenetista Evelio Boal. Pero estas mortes quedaron en nada cando o 22 de xullo se produciu o desastre de Annual
  A guerra de Marrocos levaba anos desgastando os gobernos da Restauración pero esta derrota foi un golpe inmenso que desacreditou completamente ao réxime e sumiu ao país na amargura e o pesimismo. A ditadura de Primo de Rivera sería consecuencia directa deste suceso. Paradoxalmente o momento de gloria dos rifeños foi o preludio da súa caída: Abd el-Krim encoraxouse e atacou tamén aos franceses. Unha coalición franco-española derrotouno en 1925 e en 1926 rendeuse aos franceses, o que lle permitiu salvar a súa cabeza.  
  1922 continuou sentindo os efectos do desastre. En marzo caeu o goberno Maura-Cambó, que foi substituído polo de José Sánchez Guerra. Unha das súas medidas foi disolver as Juntas Militares de Defensa e prohibir que os militares se asociasen. Tamén as augas baixaban revoltas na esquerda: en novembro de 1921 fundouse o PCE que celebrou o seu primeiro congreso en marzo de 1922 onde elixiu como secretario xeral a Antonio García Quejido.
  En Galicia 1921 foi o ano no que un atleta, Guillermo Moreira, gañou por primeira vez un título nacional. En 1922 destacou o manifesto vangardista Máis Alá e a morte en Sobredo de tres campesiños a mans da Garda Civil.

  Ordes tamén foi afectado polos dramáticos sucesos. A morte de Dato doeu dobremente porque era un político galego e coruñés, pero o desastre de Annual impactou terriblemente non só pola derrota senón porque había moitos soldados galegos e pola cruel morte que tiveron moitos deles. Unha onda de solidariedade respondeu á catástrofe e comezaron os actos para axudar ás tropas na fronte, así varias mozas da vila lograron recadar máis de 400 pesetas en decembro para enviar aos soldados da zona ou galegos. Igualmente, cando en 1922, pasou pola vila José Millán-Astray, entón un heroe nacional, o recibimento foi apoteósico.

  Pero a vida seguía. En Santiago naceu "Cantigas e Agarimos", e para Ordes foi un momento de grandes avances: en 1921 construíuse o cemiterio do Piñeiro que se estreou ao ano seguinte. Tamén en 1921 houbo novo cuartel para a Garda Civil construído polo mestre de obras Benito Regos (segundo plano do polifacético Julio Pol), pero 1922 viu o avance máis espectacular... chegou a luz eléctrica á vila!
  Saturnino Aller viviu a 1ª ameaza seria para o seu poder. Non foi ningún adversario senón a saúde pois tivo que someterse en 1921 a unha delicada operación aos seus 69 anos (idade avanzada entón). Houbo protestas e mesmo manifestacións campesiñas, os conservadores, agraristas e republicanos parecían gañar terreo pero logo nas urnas ninguén lograba desbancalo.
  E dentro das noticias de sociedade Ordes viu en 1921 a chegada dun novo párroco para Poulo, don José Mª Barreiro García (1878-1972), e novo rexistrador da propiedade, Antonio Ríos Mosquera. Houbo un par de vodas de nivel: Carmen Fraga del Río casou con Bernardino Edreira (secretario do xefe do asteleiro) e Estrella Concheiro García con José González Botas (fillo do alcalde de Conxo). 
  En 1922 chegaría para substituír a Marcial del Río Díaz un novo -27 anos- xuíz á vila, o compostelán José Mª Sánchez Guisande*, que estaría ata 1933. Os que pasaron polo altar foron Pedro del Río Caramelo e Manuela Calviño Fraga. Doutra banda faleceron un par de personaxes importantes: o rico propietario Jose Castro en 1921 e Pedro Concheiro en xaneiro de 1922 (o que lle valeu para estrear o novo cemiterio).
 
* José María Sánchez Guisande (1895-1959), dunha distinguida familia compostelá (que incluía ao médico Luciano e ao avogado Domingo -casado con Josefina Jack Caruncho-). José casou coa madrileña Mª Paz Caamaño Calderón (cuxa nai era Josefa Calderón de la Barca) e tiveron 7 fillos, dos que varios naceron en Ordes, vila onde botou 11 anos ata que foi ascendido en 1933 a xuíz de 1ª instancia do distrito da Audiencia da Coruña.

martes, 17 de julio de 2018

Ordes 1921-1935


Faise o cemiterio do Piñeiro. Manuel García Bermúdez alcalde. Voda da súa neta Estrella Concheiro con Fernández Botas. Morre José Castro, rico propietario.
Instálase a Central eléctrica e maquía. Manifestación de labradores da comarca na Coruña e mitin agrarista de Calvo Sotelo. Fúndase en Buenos Aires a 1ª asociación de emigrantes ordenses. Voda de Pedro del Río Caramelo con Manuela Calviño Fraga. Morre Pedro Concheiro.
Obras na igrexa e na "Calle Real" (o adoquinado que durará case 80 anos). Benito Regos alcalde. Morren Saturnino Aller, o industrial José Castro Bao e o avogado José García Barros. Inicio da ditadura de Primo de Rivera.
Julio Pol alcalde. Gran Festa da Árbore. Visita de Primo de Rivera. Nova rúa en Ordes: Directorio (Rosalía Castro). Estrea da imaxe de Sta Lucía en Mercurín. Morre Emilio Sánchez Somoza. UP en Ordes. Somatén.
Gran Homenaxe a Vicente Carnota e inauguración da súa estatua. Morren o notario José Gª Álvarez (accidente de tráfico) e Dolores del Río Caramelo, nai do funcionario municipal Laureano Iglesias.
Decreto de Redención de foros. Morren o médico Ángel Álvarez del Río e o farmacéutico Santiago del Río.
Inauguración da central telefónica. Curta visita do rei Alfonso XIII. Restauración da igrexa de San Xian de Poulo e da casa reitoral. Comezos da liña férrea. Morre o patriarca dos Peres de Barbeiros Pedro Pérez Souto.
Inauguración do Cine Troche. 1º taxi en Ordes (Antonio Verea). Autorizadas 3 feiras por mes. Homicidio en Poulo. Epidemia de ántrax. Morre Laureano Varela Ferreiro de Poulo.
Morren o ex-alcalde Juan Barreiro Ríos e Gumersindo, ex-alcalde de Trazo e patriarca da familia Liñares. Gran temporal de auga.
Goberno de Berenguer. Alcalde Juan Liñares. Inaugúrase a "Fábrica de Chocolates". Voda de Manuel Concheiro con Elena Barreiro. Morren Josefa Villaverde, muller de Pedro Pardo e Balbina Patiño de Sánchez Somoza.
2ª República en España. Leas municipais. Eleccións municipais: Antonio Concheiro Iglesias alcalde. Abren 2 sucursais bancarias en Ordes. Creación da Banda de Música. Mitin de Matos. Voda de Teresa Romero e Julián Marcos. Morren o sacerdote Nemesio Morgade e Fernando Liste, pai de Fernanducho.
Inicios da República. Conflitiva primavera. Morre o sacerdote Manuel Vázquez. 4 novas escolas no concello. Constitúense varias asociacións agrarias. Mitin de Castelao. Debuta a Banda de Música. 1º autobús de Rogelio. Abre a tenda de Pazos.
Crime nas Encrobas. Ramón Mosteiro novo párroco. Tilita Viqueira (irmá de Mundito) elixida "Miss Órdenes". Axitación agraria. Atentado contra a casa de Domingo Moar. Germán Doval mestre no Canedo. Morre José Romero, patriarca da familia dos de Julián.
España alterada. Inauguración do "Nogallás". Crime de Beán. Destinada a Ordes a mestra Concepción Moar Vázquez doña Conchita. Morren a mestra de Buscás Isabel Castro Amor (tía de Julio Castro Pol), Manuela Fandiño (nai de Pedro Pardo), Antonio Amado e Ezequiel Astray.
Voda de Rafael Mariño con María Franqueira. Crime en Vilamaior. Morren o mestre Antonio Lesta Cernadás (25 anos), o médico da beneficencia provincial Luciano Romero Quiroga e o ex-deputado provincial Celestino Amigo.

sábado, 14 de julio de 2018

A moda en 1920

  Nos 20 anos que van de de 1900 a 1920 a moda cambia vertixinosamente. Precisemos, iso si, que nos estamos referindo á moda feminina e, por suposto, ás clases medias e altas.
  O campesiñado, a gran maioría da poboación en Galicia, seguía vestindo de forma parecida e canto máis pobre e illado era un lugar, máis posibilidades había de atopar pezas de roupa similares ás do século XIX. 


  Tampouco a moda masculina experimentou grandes cambios. Os homes de boa posición vestían sempre traxe e sombreiro, que se quitaban no interior -e para saudar a un coñecido ou a unha muller- como mostra de boa educación. En verán os máis modernos substituían o sombreiro de feltro por un panamá.
  Non era barato ser un cabaleiro: un traxe custaba en 1920 sobre 250 pesetas, unha camisa 25, as botas 60 e un chapeu podía valer 30 pesetas.


  A moda feminina que a principios de 1900 aínda mantiña as formas do século XIX sufriu un enorme cambio. Na década dos 10 buscouse a verticalidade na figura feminina. Abandonouse así o corpiño (corsé), que fora durante anos obxecto de innumerables críticas por parte dos médicos, e pasouse a usar unha faixa ou corpiño recto que non marcaba nin a cintura nin o peito. A silueta era así máis fluída con talle imperio, axustado baixo o peito, de corte recto (xa de moda na época napoleónica) inspirado no orientalismo que irrompeu na Europa do momento a través da versión de Scherezade de 1910 dos Ballets Rusos.
  A tendencia cara a liñas máis soltas e verticais era ata antes de 1914 (1ª GM) unha cuestión fundamentalmente esteticista, mentres que a partir da finalización da contenda en 1918, buscouse ademais a comodidade para adaptarse ao novo modelo e aos novos papeis que lle tocaba desempeñar á muller, o que desembocaría xa nos anos 20 (anos de liberación da muller e rachadura co pasado) nun estilo máis sport e un pelo máis curto, ao garçon.   
  A comodidade primaba ante todo e o longo das saias foise acurtando desde o nocello ao xeonllo. 


  Por suposto todo isto causou grandes reticencias en amplos sectores (sobre todo os máis relixiosos). Así unha asociación de damas asturianas clamou contra os escotes esaxerados e a curtidade das saias, propoñendo que só usasen saias polo xeonllo as nenas de ata 14 anos e a partir de aí baixala ata media perna, pero non parece que se lles fixese moito caso.
  Na igrexa de San Agustín de Tarragona un xesuíta negouse a dar a comuñón a 18 mulleres pola súa forma de vestir. El Regional non se sorprendía por iso: «La noticia hasta aquí no tiene mayor singularidad pero lo sabroso es la coletilla: la actitud del jesuita le originó un incidente con el marido de una de aquellas señoras [...] Bien está -vamos al decir- que por las exigencias del mercado mundano, las jóvenes usen de tales y cuales licencias, descubran parte de sus naturales encantos; pero que una mujer casada haga lo propio, y más con el asentimiento de su marido, es como para devanarse los sesos pensando cosas raras.»

  Outros, como este xornalista de La Correspondencia de España, rendíanse ao inevitable: «Una cosa es censurar las modas exageradas y otra muy distinta creer que las señoras dejan de ser señoras por no atreverse a divorciarse de la moda. ¡No es lo mismo! [...] La moda es la tirana, el déspota de la mujer. Quien crea que la mujer tiene más o menos pudor por seguir tal o cual moda, no conoce a la mujer. Si mañana es moda llevar falda escoba que barra las calles, no habrá una sola que enseñe el tobillo. Y si es moda ir al teatro con gola holandesa, ni una sola enseñará el cuello. Pero si un modisto impone el vestido a lo Eva, Eva serán casi todas. Por eso se debe atacar a la moda exagerada, sin incurrir en el error de creer que las esclavas de la moda sean merecedoras del infierno.»
  Como vemos, no substancial, pouco cambiaron as cousas.
 
  E, de propina, un anuncio do ano 1918.
 

miércoles, 11 de julio de 2018

A familia Viqueira (Trazo)

  Dentro do sector da restauración e hostalería en Ordes algúns dos negocios máis importantes tiveron como común denominador a presenza de membros da familia Viqueira.
  Procedentes de Berreo (Trazo) onde estaba a casa familiar, os Viqueira descendían do matrimonio formado por Ricardo Viqueira Regueiro (1876-1954) e a súa muller Jesusa Veiras Pérez (1887-1965). Ricardo Viqueira foi un home importante no concello de Trazo: rico propietario e principal impulsor da construción da ponte das Telleiras sobre o río Lengüelle. Tamén ocupou o cargo de xuíz municipal na época de Gumersindo Liñares e chegou a ser alcalde na década dos 30 e 40. En 1903 casou con Jesusa, da rica familia dos Veiras de Pardiñas, pois era filla de José Veiras Camba e de Josefa Pérez Souto (irmá do riquísimo Pedro Pérez Souto, patriarca dos Peres de Barbeiros).
  Desde 1904 a 1930 o matrimonio tivo 11 fillos, dos que máis da metade establecéronse en Ordes mentres os outros repartíronse entre Oroso e Trazo.

  A segunda filla, Mª Josefa (1906-1980), casou con Manuel Cancelada Villaverde (1889-1974) co que viviu no Paraíso. Non tiveron descendencia e as súas propiedades quedaron para a familia Nogallás.
  O terceiro, José Antonio (1908-1997), tivo 9 fillos. O quinto deles, Toribio Viqueira Otero, veu a Ordes para traballar no bar do seu tío e padriño Juanito e rematou por instalar no Recreo (entón José Antonio) unha coñecida fábrica de gasosa.

  María (1910-1984), a cuarta, casou con Rafael Moar Lata (1905-1979), un mozo procedente da Margarida (Buscás) que lle comprou a casa a Rita, a tía avoa de Juanjo Liñares e alí puxo unha taberna. Coñecido nos últimos anos polo alcume Tierra Tiembla, foi o pai do moi coñecido empresario hostaleiro Antonio Moar Viqueira, quen en 1974 montou a famosa sala de festas "Órdenes 2000".


  Mercedes (1915-2003), a sexta, casou con Ricardo Martínez Barros (1905-1975), un mozo de Vilacoba (Abegondo) que coñeceu nas festas da vila. No 1934 puxeron unha taberna con ultramarinos na que fora casa do alcalde García Rivas (e antes de Saturnino Aller). Grazas ao seu traballo e situación privilexiada o negocio foi vento en popa. O nome do local, Nogallás -que se convertería no alcume de Ricardo- procede do lugar de Nogalláns en Berreo. Tamén tiveron logo unha zapatería en Alfonso Senra 123 (no que hoxe é a pastelería).
  O matrimonio tivo 3 fillos: Lourdes, Josefa e Ricardo, que morreu sendo neno aos 6 anos (1951). Sendo xa maior Ricardo Martínez sufriu unha enfermidade mental e morreu aos 70 anos. Mercedes morrería case tres décadas despois atropelada ao cruzar a rúa
  Lourdes casou con José Franco Prego Corrubedo (1936-2021), un mariñeiro da zona do Barbanza co que tivo 8 fillos. Esta familia herdou o bar e a pastelería. Os fillos, cando eran novos, compaxinaban os estudos co traballo no local. Na actualidade o fillo menor, José Luis, é o que leva o negocio.
  Josefa (1934-2020) casou con Manuel Loureda Couceiro (1933-2019), un mozo de San Tirso de Mabegondo, fillo do propietario dunha sala de festas e irmán de José Luis Loureda -que comprou o bar da familia Liñares-.
  Josefa e Manuel tiveron 3 fillos: Ricardo (1960-1979), Manuel e Mercedes Loureda Martínez Chusca (1966-1885). O infortunio cebouse con esta rama da familia que quedou co restaurante e o hotel: o fillo maior e a menor morreron en diferentes accidentes de tráfico en Curtis e Santiago con 6 anos de diferencia. Manuel, o irmán sobrevivente, levou o peso do exitoso negocio pero enfermou e trasladouse a vivir a Levante, terra da súa muller, Estela Hernández Alcacer.

  Adolfina (1922-1975), a 9ª dos irmáns, casou con Evaristo Pampín Boquete, herdeiro dunha familia da aldea de Castenda en Parada, alcumados Os Burraxeiros por ter na época gran cantidade de bestas. Tiveron 8 fillos (seis mulleres e dous homes). Morreu aos 53 anos en Vigo por unha neglixencia médica.
  Unha das súas fillas, Lourdes, casou con Alberto Rama (da familia dos Albertes do Casal), máis coñecido como Alberto o barbeiro, xogador do Club de Fútbol de Ordes e barbeiro desde os 14 anos ata a súa xubilación en 2015. A súa peluquería estaba ao lado do que era Mobles Mouriño. Tiveron dúas fillas: Anxos e Rosa Rama.


 Juan Viqueira Veiras, o célebre Juanito (1925-2003), era o 10º irmán. Montou en Ordes o "Bar Juanito" en Alfonso Senra 125, local que pertencía ao seu sogro, Manuel Otero, e ao cuñado deste, Jóse Rodríguez Iglesias Carril do Bidueiro. Foi un dos locales punteiros da vila con 4 décadas de éxito. Como dicía o seu anuncio: "¡La alegría del pueblo la hallará aquí!". Por exemplo, foi o primeiro que tivo TV en color. Pechou a principios dos 90 por falta de relevo pois no tivo fillos no seu matrimonio con Carmen Otero Rodríguez, irmá de don Manuel Otero, o coñecido cura de Buscás.

  Finalmente a filla menor, Elvira (1930-1997), casou co garda municipal Alfonso Noya Bermúdez Cachorro (1921-1989) co que tivo unha filla, Victoria.

sábado, 7 de julio de 2018

O temporal de 1941

  Se preguntásemos á xente polos temporais máis duros que lembran, os máis novos seguramente mencionarían a Klaus e os maiores de 40 anos probablemente falarían do mítico Hortensia de mediados dos 80.
  Pero ningún deles é o maior dos últimos dous séculos. A medalla de ouro é para o gran temporal de 1941, sen nome (porque entón aínda non se bautizaban os fenómenos atmosféricos) e bastante descoñecido por dúas razóns: unha, porque España estaba a sufrir as consecuencias da posguerra e, no medio daquelas grandes penurias, esta pasou máis desapercibida, e dúas, porque os aliados castigaron ao noso país polo seu apoio á Alemaña nazi cun illamento en todos os ámbitos, incluído o meteorolóxico. Así deixaron de fornecer datos científicos, polo que hoxe é difícil atopar referencias e estudos sobre aquel fenómeno.



  O contexto climático xa era duro de por si: Europa enteira estaba a sufrir un trienio de invernos crudísimos desde o de 1939/1940. En xaneiro de 1941 gran parte de España xa soportara nevadas e temporais menores pero nada que ver co que se aveciñaba.
  Aínda que chegou a noite do sábado ao domingo 16 de febreiro de 1941, a borrasca naceu o día 14 nas Illas Azores cunha presión discreta de 990 milibares, pero no seu percorrido cara á costa oeste da Península Ibérica empezou a perder presión e 48 horas despois transformouse nunha potente borrasca de 955 milibares (as cifras máis baixas ata agora e propias dun furacán de categoría 3). E, máis importante aínda, tiña o seu centro de acción sobre Pontevedra, é dicir, estaba practicamente centrada en Galicia.


  Os danos que xera un ciclón dependen máis da súa posición que da presión mínima. Hortensia só rexistrou 985 milibares pero estaba o suficientemente preto para provocar caos e destrución. A presión de Klaus (964) foi menor pero estaba máis lonxe e afectou sobre todo á costa norte con refachos de vento por encima dos 200 quilómetros por hora. Pero a borrasca de 1941 atravesou literalmente a costa galega e cunha presión moito menor.
  Non obstante o contexto era moi distinto ao actual, cunha Galicia rural e bastante menos arborizada que agora. Aínda así os danos foron grandes, especialmente na costa pontevedresa onde varios barcos que estaban fondeados romperon as súas amarras e remataron afundidos ou con grandes danos. Tamén houbo que lamentar a morte de varios mariñeiros e un garda electrocutado na cidade de Pontevedra.
  O interior por suposto amenceu cunha gran cantidade de árbores derrubadas, algunhas sobre as estradas. Outra consecuencia foi a de quedar incomunicados, así La Voz de Galicia desculpábase o domingo por non poder ofrecer noticias de fóra da comunidade.

 En Portugal a situación foi peor: preto de 80 mortos, 20 deles en Lisboa onde chegou a haber ventos de 130 km por hora, aínda que en Sintra achegáronse aos 200 km por hora. Tamén foron esnaquizadas moitas embarcacións, 16 delas no Río Texo.
  Pero a peor parte levouna a cidade de Santander onde se produciu un terrible incendio. O lume comezou por un curtocircuíto ocasionado pola derriba duns cables de alta tensión e os ventos sostidos do sur axudaron a propagalo pola toda a cidade, que en cuestión de horas era pasto das chamas. Non se salvou nin sequera o edificio do concello ou a catedral. O incendio permaneceu activo nalgunhas zonas quince días. Unhas dez mil persoas quedaron sen fogar e a reconstrución prolongouse durante 25 anos.
FONTE: Xavier Fonseca