martes, 27 de febrero de 2018

A carta da discordia

  O 18 de outubro de 1916 o nome de Ordes volveu soar nas Cortes de Madrid. Alejandro Lerroux fíxose eco dunha carta que lle mandou -supostamente- o xuíz de primeira instancia do noso distrito. Esta carta, publicada logo nalgún xornal, dicía así:

  «Ignoraba yo que la política en Galicia sirviera para encubrir asesinos y estafadores. Pero en esta región existe un caciquismo tan intolerante, tan altanero, tan despótico, que todo funcionario público que no esté de acuerdo con la política de baja estofa al uso del país se expone a ser trasladado o denunciado. Esto me pasa a mi, QUE POR NO PRESTARME A PONER A LOS ASESINOS EN LIBERTAD y descubrir en un sumario por asesinato que un cacique había estafado 13.000 reales a Domingo Viqueira, encartado en la causa, con el pretexto de que interponiendo su influencia saldría en libertad, aquel ruin cacique, al ver frustrados sus maquiavélicos planes, sufrió tal perturbación, que comenzó, con voces estentóreas y en plena Calle Real de esta villa, a decir que el juez de primera instancia, refiriéndose a mi, era un albañil pagado por el Estado. Le procesé por injuria, y para evitar que le sentara la mano telegrafió al diputado a Cortes por este distrito (Ordenes-La Coruña), y, no contento con esto, me denunció buscando un asalariado, y aquí tiene usted nombrado juez especial para Ordenes, todo por cumplir con mi deber, por no prestarme a contubernio con esos miserables.
  Otro de los motivos que impulsaron a denunciarme a esas alimañas ha sido que al celebrarse un baile público en la Calle Real de esta villa el día 17 del pasado por la noche, como no tenían el correspondiente permiso, trató el sargento y dos guardias civiles del puesto de esta villa de disolverlo, y al verificarlo, el juez municipal, don Domingo A. Moar Veiras*, cacique político de aquí, y el fiscal municipal, don Juan Liñares Iglesias, hijo del famoso cacique de Trazo, don Gumersindo Liñares, indujeron a los concurrentes al baile a que insultasen y agrediesen a la Guardia Civil, como así se verificó, instruyéndose sumario, en el que interviene la autoridad militar.
  El juez municipal antecitado, señor Moar, para echar tierra al asunto, ha confesado a medio de acta que se hallaba embriagado, y pidió perdón al sargento por su criminal actitud en la noche de referencia. Mucho me temo que estos perversos, poniendo en juego toda su influencia política, conviertan en agua de borrajas todos los actos punible por ellos realizados y paguemos los vidrios rotos el sargento de la Guardia civil, don Policarpo Galán, este ya trasladado, y un servidor de usted, como juez de primera instancia.
  Ahora se abrirán las Cortes, y ustedes, portavoces de la opinión pública, representantes del país, en quienes encarna la soberanía popular, hablarán claro al ministro de Gracia y Justicia y al de Guerra de las brutalidades cometidas por estos odiosos caciques, cuya tiranía nos degrada y envilece, y sin cuya desaparición no habrá honradez ni sosiego para el honorable ciudadano».

  Juan de Alvarado, que apenas levaba unha semana como ministro de "Gracia y Justicia", respondeulle que investigaría o tema pero que o xuíz non seguiu o procedemento axeitado nesa queixa. Lerroux contestou entón que non garantía que a carta recibida fora escrita polo xuíz e protestou contra a ameaza implícita nas palabras de Alvarado, que por suposto negou tal ameaza e engadiu que "La justicia se hará sin atender a más que a que la verdad resplandezca".
  Ao día seguinte contraatacaba o recente deputado por Ordes, Alfonso Senra, manifestando que o xuíz, expedientado polo Tribunal Supremo, revolvíase airado contra todos, así que esixía que ese expediente fose tramitado con celeridade, que se cesase ao xuíz e ao escribán e que se revisase a súa actuación anterior para constatar que non houbera outras irregularidades.

 Foi enviado a Ordes o xuiz José Morandeira Rico, pero ignoramos como rematou a súa investigación porque sorprendentemente o tema, un mes despois, xa non lle importaba a ninguén. Misterios da política! 

* Domingo Antonio Moar Veiras (1871-1939), avogado, foi alcalde en 1910 e 1917 e xuíz municipal. Gran referente da dereita máis dura en Ordes. A súa afección pola bebida era notoria.

viernes, 23 de febrero de 2018

A Capela de Lourdes

  A capela de Lourdes foi a igrexa parroquial de Ordes ata o século XIX. Logo de ser substituída comezou un lento deterioro que rematou coa súa desaparición.


Cando se construíu?
  Supoñemos que no século XII ou XIII foi edificado un pequeno templo no camiño que ía de Poulo ao Casal, que se convertería na primeira igrexa parroquial de Ordes. Quizais xa había algunha casa pero probablemente iríanse construíndo outras á beira e serían o xerme da actual vila.
  Sabemos que a principios do século XVIII (ano 1725) o núcleo da aldea estaba formado pola igrexa, a reitoral e as casas de Xan Ferreiro e Vieites. Unha fonte a carón da corredoira vella daba servizo aos veciños.


Onde estaba?
  Como podedes ver nas fotos (nunha distínguese a vella reitoral que aínda existe), estaba a carón da rúa Alfonso Senra entre as dúas entradas á Rúa da Fonte.


Como era?
  Tiña unha nave de planta rectangular e unha pequena ábsida. Na fachada (que como na maioría das igrexas daba ao oeste) estaba a porta principal enmarcada nun arco de pedras de cantería. Sobre o arco había unha xanela cega que acubillaba unha imaxe moi erosionada. Na cara sur había outra porta (que era a que se empregaba habitualmente) e unha xanela que lle daba luz á ábsida. A cornixa sobre a que repousaba o tellado estaba suxeita por unha ducia de canzorros a cada lado.
  O campanario estaba na cara leste. Probablemente non era o orixinal, senón que se fixo despois de 1764 (cando comezou a construción do "Camiño Novo", actual N-550) co fin de encarar a Igrexa coa entón denominada "Calle Real". 

Cando pasou a ser Capela de Lourdes?
  A finais do século XIX.
  Coa construción do Novo Camiño Real a partir de 1764 a vila de Ordes foi medrando pouco a pouco, crecemento que se reforzou cando foi nomeada cabeza do seu propio partido xudicial. En 1852 o párroco don Manuel Bérmudez informa ao Arcebispado de Santiago do mal estado e das reducidas dimensións da igrexa. Solicita que se constrúa unha nova e comunica que os fregueses comprométense a colabarar transportando pedra e barro. As obras son aprobadas, inícianse en 1864 e rematan en 1879, ano en que é aberta ao público a actual igrexa de Santa María.
  A partir deste momento o vello templo medieval pasa a ser Capela de Lourdes e esta virxe a patroa do barrio do Recreo.
  Varias imaxes (os retablos da Virxe do Rosario e da Virxe do Carme e as figuras de San Xoán, San Isidro e San Roque) foron trasladadas ao novo templo. Posiblemente tamén a pía bautismal e algún confesionario.

Cando desapareceu?
  Desde principios do século XX comezou un lento pero imparable proceso de deterioro. Uxío Carré Aldao na "Geografía General del Reino de Galicia" di: «En Órdenes hay dos iglesias, la primitiva, en mal estado [...] conserva tan solo de la obra románica los hastiales y algunos canecillos». Algunhas familias adiñeiradas como os Valdés e os Liste movéronse para intentar unha restauración pero sen resultados.
  A chegada a Ordes en 1956 do párroco don José Fernández Fuentes é o principio do fin. Decide ampliar a igrexa parroquial e, para sufragar os gastos, vende o terreo da capela e do cemiterio. Aquí chega o seu punto e final preto de 1960.
  Dos restos da capela aproveitáronse para a actual igrexa varias pedras de cantería, o arco da pedra principal que agora enmarca a porta do baptisterio (á esquerda do vestíbulo) e cinco canzorros que se colocaron para adornar dito vestíbulo.
  O resto desapareceu: imaxes e madeira en mal estado queimáronse, a figura da fachada estivo tirada e rematou de rebo para facer un recheo e a terra do cemiterio mesturada cos ósos dos defuntos foi parar á leira do igrexario e á beira da fonte.


Foi un caso único?
  Tristemente non. Outros templos da comarca desapareceron por diversas causas. Por exemplo, a vella igrexa parroquial de Deixebre (a carón do Camiño Inglés) foi trasladada aos Carballos. No noso concello, na parroquia de Ardemil, había no século XVIII dúas capelas (unha onde se cruza o Camiño Inglés coa estrada a Buscás, da que non quedan restos, e outra, preto da Edra no lugar chamado a Capela, que pertence agora a un particular).
  Pero o caso da Capela de Lourdes pola súa situación e proximidade no tempo é o máis indignante e aflitivo, pois a súa destrución foi o maior atentado ao patrimonio artístico sufrido ao longo da historia en Ordes.
FONTE: "Obradoiro da Historia" 2002

lunes, 19 de febrero de 2018

Aller & Senra SL

  En 1916 comeza unha etapa en Ordes marcada polo binomio Aller - Senra. O dominio que Saturnino Aller exercía no distrito era xa implacable sen ningunha oportunidade para os opoñentes. Europa podía estar en guerra e España podía estar continuamente en crise e cambiar de goberno cada dous por tres, pero Ordes, como un estado medieval, estaba rexido con man de ferro polo seu señor feudal.
  En 1916 mándanlle como candidato a un avogado vigués de 39 anos, miope e de pequena estatura: Alfonso Senra. O entendemento entre ambos é total. Senra é activo coma un esquío, móvese con soltura na xungla de ministerios, delegacións e comisións. Escribe libros de dereito, presenta propostas, contesta alegacións ... e o máis importante, acada dotacións para obras no distrito. A iso engádeselle que non ten inconveniente en achegarse a Ordes todas as veces que é requirido, sexa para un acto electoral, para encabezar un banquete ou unha procesión ou simplemente para conferenciar con Aller.
  En 1916 na maioría da provincia, agás Betanzos, Corcubión e Ferrol, non houbo eleccións pois, ao haber un único candidato, pasaba a aplicarse o Artigo 29. Alfonso Senra e os demais conseguiron a acta en abril.

  Una anécdota: Saturnino Aller trouxo a Ordes en agosto  daquel ano a Alfonso Senra (e a Ramón Fernández Mato) e para celebralo axeitadamente tamén trouxo -supostamente a cargo do seu propio peto- a máis de 200 nenos e nenas do hospicio coruñés, acompañados de varias monxas (Irmás da Caridade), á banda do hospicio e ao director Sr. Santaló. Despois da inevitable misa "cantada admirablemente por las niñas acogidas" os rapaces tiveron un xantar ao aire libre e moita diversión. O fotógrafo Ksado deu testemuña deste día cunha foto de grupo diante da casa de Aller (hoxe o Bar Nogallás). Como dicía "La Voz de Galicia": «Es alabado en cuanto vale el altruismo del Sr. Aller, y así lo expresaron los tiernos invitados y el público con sus aplausos».
  

  Nas eleccións de 1918 houbo 4 candidatos por Ordes, 2 de recheo (o inevitable Aller, que tamén se presentaba por Padrón, e o futuro alcalde de Santiago Felipe Gil Casares) e outros dous que loitarían (ben pouco) pola vitoria e que eran Alfonso Senra -nese momento "gassetista"- e o maurista Luis Harguindey. Aller procuroulle a Senra o 73 % dos votos (uns 4.400 de 6.000).
  En 1919 enfrontouse a Jacobo Varela de Limia Menéndez, que foi o opoñente máis duro: Senra obtivo "só" o 64 % dos votos (4.200 de 6.500).

  Os resultados das eleccións seguintes son de chiste, sen ningunha preocupación de parecer verosímiles. En ambos os dous casos Senra obtivo máis do 99 % dos votos. En 1920 foron exactamente 5.181 de 5.201 (o seu opoñente, outra vez Jacobo Varela, tivo 20 votos) e en 1923 foron 5.331 de 5.333 (o opoñente, Francisco Vázquez Enríquez, agrario que só se presentou para evitar o artigo 29, tivo ... 2 votos!!!).

viernes, 16 de febrero de 2018

Vellos alcumes de Ordes (3)

  Josefa Vázquez Aude (1893-1960) era unha muller que vivía onde hoxe está o Banco de Santander e andaba nas feiras vendendo froita. O seu alcume era un dos máis famosos de Ordes: a Tarula (ou Terula).
  Os seus fillos poñían as tarimas na feira. Un deles, Germán da Tarula, era tan forte que era capaz de descargar os sacos de mineral (que entón pesaban 100 kg, que non era ningunha broma). Curiosamente dos varios fillos que tivo, dous deles, Manuel e Germán, casaron tamén con dúas irmás, as Trapeiras, chamadas así porque nos tempos da miseria tiveron que cambiar todo tipo de roupa por comida -unhas medias e un mandil, por exemplo, a cambio de millo- para subsistir.
  Outra filla, Josefa López Vázquez (1922-2010), Fina da Tarula, casou co viúvo Manuel Fuentes Villaverde (1938-2014) maís coñecido como Bernabé, que fóra revisor do Cotovío e tamén vendía correas e cintos. O seu fillo maior, Manuel Fuentes, que vive en Penelas no camiño ao rego Mercurín, é coñecido como Bemba.

  Antonio Álvarez Mosquera (1888-1963), naceu en Abellá (Frades) e veu a Ordes desde Cuba cun forito co que iniciou a súa coñecida empresa "Autos Álvarez". Pero ninguén lle chamaba así: eran os coches do Cotovío -alcume que non lle gustaba-. Supoño que tería que ver co seu caracter inquedo, similar ao da cotovía (alondra en castelán).
  O seu sobriño José Álvarez Mosquera que traballou na súa empresa e que despois emigrou a Brasil era Pepe o Cozo.
  Rogelio Prado Carnota (1902-1966), o propietario da outra empresa de autobuses, veu de Santaia de Moar (tamén en Frades). O seu 4º fillo, José Prado Iglesias (1930-2003), era coñecido nos seus anos mozos como Dicholas. O 6º e máis novo, Antonio "Tonecho", grazas á súa fortaleza física era alcumado na súa xuventude Hoss, polo seu parecido cun personaxe da serie "Bonanza". Agora moitos rapaces do Mesón o identifican polo nome da empresa, Rogelio.

 Relacionado co motor estaba Jesús Castro Castro (1896-1977), o fundador de "Talleres Castro SL" de Santiago, que casou con Carmen da Fábrica. Era unha familia rica e construíron un chalé moi luxoso a finais dos anos 60 na Rúa Coruña. O seu alcume era o Padre Benito.
  Un dos seus irmáns, José Castro Castro, -non tan afortunado economicamente- era zapateiro e vivía nunha casiña (que aínda se conserva) no Paraíso. Era coñecido como Pachiro.
  Seguindo co apelido Castro, Jesús Castro, mecánico do Recreo, casado coa segunda das Ramechas, Carmen, tivo tres fillos: Mª Carmen, José Manuel (Malelo) e o máis novo, Jesús (Suso), pero a este último todos lle chamaban Codechas. Morreu moi novo, aos 39 anos, de accidente en León.

  Ser FUNCIONARIO, sobre todo se é de cara ao público, garante ser un personaxe coñecido ás veces en todo o contorno. Tal foi o caso de Alfonso Noya Bermúdez (1921-1989), o primeiro garda municipal que houbo no concello. todos o coñecían como Cachorro, alcume que herdaron el e os seus irmáns do pai, José Noya Boquete (1892-1981), o legoeiro de Parada.
  Non menos coñecido, grazas ao seu bo caracter e afección ao bo vivir, foi Ramón Abeijón Amado (1927-2021), Kilé, alcume que herdou o seu fillo Juan F. Abeijón Casas, propietario dun pub (lugar moi frecuentado nos anos 80-90) e logo locutor da radio municipal.
  Por certo que parece que ese alcume púxollo Ramón da Fábrica, aínda que ignoramos o seu significado. Nalgún xornal desa época aparece escrito como Quilet que era parecido ao nome da enciclopedia Quillet moi popular en Hispanoamérica pero non sei se ten relación.
  Habitualmente dos sacerdotes falábase con respecto antepoñendo o don ao seu nome, pero José Fernández Fuentes (1905-1990), párroco de Ordes nos anos 60 e 70, non era especialmente querido e recibiu o alcume de Pepe Farias pola súa afección a esta marca de puros.
Continúa en Vellos alcumes (4).

martes, 13 de febrero de 2018

Renda da comarca (2013-2015)

  2015 foi un bo ano en termos económicos. Segundo a estatística de declarantes do IRPF publicada pola Axencia Tributaria, o 85% dos case 3.000 municipios españois de máis de 1.000 habitantes viu aumentar a súa renda bruta media per cápita respecto ao ano anterior (cifras que non inclúen os concellos vascos e navarros por ter transferidas as competencias fiscais).
  O dato indica unha importante mellora respecto ao ano anterior, cando a metade destas localidades sufriu un descenso da renda bruta media respecto de 2013. Dito doutro xeito: a estatística pon de manifesto como a crise económica comezou a amainar nese ano.

  O descenso da renda media notouse especialmente en municipios de Lugo, Ourense, León, Cantabria e o territorio fronteirizo das provincias de Badajoz e Ciudad Real. En cambio, a inmensa maioría dos municipios da franxa mediterránea, desde Cádiz ata Girona, viron aumentar a súa renda per cápita.

  Pero o mapa nacional de distribución da riqueza apenas cambiou: as cidades dormitorio de Madrid e Barcelona (Pozuelo de Alarcón, Boadilla del Monte, Majadahonda, Sant Fruitós de Bages, Matadepera, Sant Just Desvern…) seguen copando os primeiros postos na clasificación dos municipios máis ricos, con rendas medias superiores aos 50.000 euros anuais por habitante. No outro lado da balanza atópanse varios municipios de Lugo, Ciudad Real, Jaén, Cáceres e Badajoz, provincia na que se atopa o municipio máis pobre de España, Zahínos, con 10.577 euros de renda bruta media, case sete veces menos que os 69.177 euros de Pozuelo de Alarcón.
  Por provincias, só seis territorios dos encadrados no réxime fiscal común sitúanse por encima dos 25.582 euros da renda bruta media española: Madrid, Ceuta, Barcelona, Melilla, Zaragoza e Baleares. Pola contra, Jaén é a única provincia que queda por baixo dos 19.000 euros de renda per cápita.


  A comarca de Ordes tamén evolucionou positivamente desde o ano 2013 no seu conxunto pero soben os desequilibrios: os tres concellos máis ricos (Oroso, Cerceda e Ordes) aumentan a súa renda media e o mesmo sucede con Frades e Trazo, pero Mesía e Tordoia (os dous concellos máis pobres) sofren unha baixada que os empobrece aínda máis.

viernes, 9 de febrero de 2018

O ano 1916

  1916 foi un ano aciago. Nel tiveron lugar algunhas das batallas máis devastadoras da historia: en xaneiro ingleses e franceses conclúen a catastrófica incursión en Galípoli, en febreiro comeza a batalla de Verdún (700.000 baixas) que durará 11 meses e en maio a contenda chega ao mar coa batalla de Xutlandia. En México son os tempos da revolución e Estados Unidos manda 12.000 soldados para combater a Pancho Villa, mentres os patriotas irlandeses atacan a Oficina Postal e as sedes do goberno británico en Dublin (os "Levantamentos de Pascua"). En Rusia é asasinado Rasputín e en Viena a morte de Francisco José I presaxia o fin do Imperio Austrohúngaro.

  España, como non, vive a enésima crise, así que o presidente (neses momentos Álvaro de Figueroa -Conde de Romanones- do Partido Liberal) convoca eleccións en abril que, por suposto, gaña como de costume.

  Galicia ve o nacemento do movemento nacionalista coa creación en maio, por parte dos irmáns Villar Ponte e outros intelectuais, da 1ª Irmadade da Fala na Coruña, á que seguen ese mesmo ano a de Santiago e varias máis. O movemento agrarista e as organizacións obreiras sacoden os cimentos do sistema político da Restauración. Algunhas protestas son duramente reprimidas (Nebra en Porto do Son).
  Pero tamén hai tempo para o lecer e para as novas modas como o deporte. Por exemplo ten lugar unha carreira ciclista entre Santiago e Coruña con ... 13 corredores! seguidos por 4 automóbiles. Nun día bastante chuvioso houbo que lamentar algún contratempo (como o atropelo dun porco por un dos ciclistas). O gañador foi o madrileño Ramón Valentín que fixo o percorrido de ida e volta en 5 horas e 18 minutos.

  Ese mundo turbulento contrasta coa apracible vida de Ordes. Si, os mozos séguense dando paus e acoitelando nas romarías, os campesiños poden estar descontentos "cos de arriba" e os fregueses cos seus párrocos pero poucos se queixan -excepto os xornais conservadores, claro-. O dominio de Saturnino Aller na comarca é total. Desde Madrid buscánlle un candidato a deputado vigués, Alfonso Senra, co que formará un equipo imbatible durante varios anos.
  Un dos que se queixan é o xuíz de primeira instancia, escribindo unha carta que chega a ser lida nas Cortes de Madrid. Despois de 1905, novamente Ordes chamando a atención nacional.

 
  A constitución da Xunta do censo electoral permítenos saber que os maiores propietarios de terras e gando eran Andrés Martínez Castro Martís do Casal, José Caamaño Gómez de Ardemil, Juan Mosquera Soneira e Fernando Liste Caramelo, o pai de Fernanducho. Os maiores industriais eran Ramón López Calvo, o farmacéutico José Mª Carballido e Andrés Villar Santos. Nesa xunta figuraban Manuel García Bermudez e Antonio Veiras Camba, como presidente e vicepresidente respectivamente, e Julio Pol Caamaño e Domingo A. Moar Veiras como vogais.

  Neste ano 1916, en maio, morreu o comerciante Ramón Calvo Vieites, patriarca da familia da máis coñecida ferraxería de Ordes.
  E tamén neste ano naceron as festas do Recreo. O rico propietario Ramón Abeijón Sánchez e a súa muller Emilia Sánchez Somoza y Patiño quixeron agradecerlle á Virxe de Lourdes que o seu fillo maior Ramón (o pai de Kilé) volvera san e salvo da guerra de Marrocos sufragando todos os gastos da festa, cousa que fixeron durante varios anos máis.

  Ademais vivimos por 1ª vez na historia un concurso gandeiro en Ordes. Non tivo moita participación e varios dos premios foron declarados desertos, pero os comezos sempre son difíciles. Algúns dos gañadores foron Antonio Vázquez (Montaos), Antonio Moar (Buscás), Manuel Viqueira (Barbeiros), Vicente Monteagudo (Ordes), Cándido Castro (Ordes), Manuel García (Ordes), Juan Varela (Ordes), Manuel Suárez (Abellá), Pedro Sánchez (Xanceda) e Gumersindo Liñares (Trazo).
  Ah! E había premios tan curiosos como este a "los paradistas que mejor lleven las anotaciones en los libros de saltos" que por certo gañou o ordense Ricardo Fernández.

domingo, 4 de febrero de 2018

A familia Fuentes (pan)

  A mediados do século XX había na vila de Ordes un bo número de panadeiros, algúns dos cales estaban emparentados entre si, por exemplo os de Luis en Alfonso Senra, Che na Fonte Estrei e Rosaria no Paraíso que eran familiares e procedían de Herves (Carral). No Recreo estaban o Ramecho e Conde. En Alfonso Senra Antón do Túnel, a panadería dos Fleira (onde hoxe é o comezo da Rúa República Argentina) e na outra man a de Gaudeoso o Loreta, (na rúa que vai aos parques -literalmente, porque foi derrubada para anchear a rúa cando se edificou a Casa do Concello-). Quedaban os Fuentes, tamén emparentados, pois ambos os dous, José e Victoriano, eran irmáns e procedentes de Menlle a escasos 150 metros da igrexa de Leira.

  José Fuentes Brandariz casou con Juana Noya Candal (1879-1965), tamén de Leira, da Casa de Amor (da máquina de mallar) de Codeseda. Establecéronse en Ordes e a súa panadería estaba no que hoxe é o comercio de roupa  de Amalia de Pazos. Alí naceron os seus 7 fillos: Mercedes, María, José, Pura, Manuel, Antonio e José María Fuentes Noya.
  O matrimonio separouse e José, acompañado da súa filla Pura, marchou para Santiago onde montou outra panadería. Juana, agora alcumada Juana do Forno, quedou cos outros fillos en Ordes.
  Pero todos, agás José, acabaron por marchar de Ordes: José María, o máis novo, morreu na Guerra Civil na batalla de Brunete e Antonio tamén morreu moi novo na Coruña. Mercedes marchou a Madrid, María a Buenos Aires, Pura xa estaba en Santiago e Manuel o Bolichero (1913-2002), alcumado así porque tiña unha fábrica de gasosa ("boliches") na Rúa dos Lagartos, rematou por establecerse en Curtis e foi quen acolleu á súa nai Juana nos últimos anos, por iso os dous están soterrados alí.
  José Fuentes Noya Pepe de Juana (1910-1983) vivía diante do médico Antonio Concheiro, pero este comproulle o terreo e despois estableceuse no que agora é a Rúa Nova. Alí el mesmo edificou a 1ª casa da rúa porque, despois de que a Fiscalía lles pechara o forno familiar, dedicouse a construción. De feito el tamén foi quen comezou o que actualmente é o barrio do Piñeiro asociándose con Modesto Fernández Vázquez (1916-1989), o creador da "Funeraria la Milagrosa" -hoxe "San Isidro"-. Compraron os terreos á familia de Xan Ferreiro e logo Modesto facía a carpintería e el o traballo de albanel -coa axuda dos seus fillos-. Así construíu as tres primeiras casa do barrio máis próximas á vila.
  Logo, aproveitando que a súa muller Estrella Garaboa Méndez (1915-2002), unha moza procedente da Calle de Poulo, aprendera o oficio de panadeira, precisamente co seu sogro en Santiago, volveu ao negocio familiar e montaron a panadería na casa da Rúa Nova. O matrimonio tivo 5 fillos: María de la Cruz, Francisco, Carmen, Isabel e José María Fuentes Garaboa.
  O menor, José Mª, foi o único que quedou na vila. Carmiña estableceuse en Bilbao e os outros tres marcharon para Venezuela, aínda que a maior, Maruja e o seu marido, Toniño de Faya, retornaron a Ordes.
FONTE (nunca mellor dito): Isabel Fuentes

 Victoriano Fuentes Brandariz, máis coñecido como Vitorio, foi aprender o oficio lonxe. En 1919 traballaba nunha panadería en Présaras (Curtis). Despois dalgún atranco coa lei, estableceuse na Rúa dos Lagartos onde montou a súa propia panadería. Volveu ter novas leas nos duros anos de posguerra (multárono con 4.000! pesetas da época por ocultación e transporte clandestino de trigo).
  Casou con Jesusa Villaverde Franqueira (1897-1992) coa que tivo 3 fillos: Francisco, Manuel e José Fuentes Villaverde.
  Francisco (1919-1997) tamén montou unha panadería na Rúa República Argentina (a que hoxe é a "Panadería Milagros"). Casou con Isabel Garea Gestal. Os últimos anos de vida tivo trastornos mentais ata o punto de atacar gravemente á súa muller. O seu único fillo, Mario, tivo unha droguería en Alfonso Senra fronte ao "Nogallás".
  Manuel (1932-2019), a quen tamén lle chamaban Vitorio ou Manolo de Vitorio, foi o que continuou na casa paterna. Casou con Flora Rey Figueira, unha moza das Casillas (filla de Manuel Rey e Modesta Figueira). O seu fillo Manuel continúa a tradición panadeira.
  José (1939-2013) instalouse na parroquia de Queixas (Cerceda) e casou con Mª del Carmen Queijas Martínez.

jueves, 1 de febrero de 2018

Lorenzo Louro Raposo

  Lorenzo Louro Raposo naceu en 1917 na Fraga, parroquia de Ardemil, lugar ao que debe o seu alcume: Lourenzo da Fraga. Foi o sexto de 10 irmáns (4 homes e 6 mulleres), fillos do matrimonio formado por Lorenzo Louro Garaboa e María Raposo Campos (1882-1971).


  Era unha familia con afección á Musica: Manuel, o maior dos varóns, tocaba algo a gaita e Lourenzo aprendeu a tocar o clarinete. En 1935, cando acababa de cumprir os 20 anos, comezaron a tocar xuntos ata que marcharon para o servizo militar.
  A Guerra Civil interrompeu a súa incipiente carreira.
  Cara a 1940 todos eles crean o grupo de música Os da Fraga. Manuel tocaba a gaita, Lourenzo o clarinete, Ricardo o tambor, e Jesús o bombo.
  Achegáronse á festa de Mercurín e puxéronse a tocar. A xente quedou admirada da súa actuacción e iso foi o reinicio da súa carreira, pero pronto apareceron novas dificultades: Manuel sufriu unha grave enfermidade que lle impedía tocar. O grupo resolveu este tema botando man dalgún substituto como José López Bao (1927-2015), tamén de Ardemil, e Florentino Ruibal Flor da Maquía, de Buscás.
  A pesar da súa baixa estatura Lourenzo era bastante arroutado. Daqueles tempos duros e de máxima rivalidade, Flor recordaba que nunha festa de Poulo uns gaiteiros de Buscás, Os do Xulio, puxéronse a tocar tamén por alí "pisándolles o terreo" e Lourenzo fixo ademán de sacar unha pistola para dispararlles. Afortunadamente o sangue non chegou ao río.
  Arredor de 1945 Lourenzo formou parte doutro grupo, Os Gaiteiros de Buscás, xuntándose con Ramón Fuentes Uzal Ramón o Pelado tocando a caixa, Cesáreo Liñares Vilariño Cesáreo da Rúa ao bombo e Manuel Viqueira, o gaiteiro de Vilaverde (Ordes).

  
   A súa carreira tivo un novo parón porque Lourenzo, desafecto ao réxime franquista, participou, xunto co seu irmán Jesús e outros veciños de Ardemil, nunha acción onde os guerrilleiros sabotearon varios postes de luz no Canedo en abril de 1946. Isto supúxolles aos dous irmáns unha condena de 4 anos de cárcere.
  Lourenzo era un formidable clarinetista (segundo moitos o mellor da zona) e tamén tocaba ben a gaita, de maneira que chegou a formar parte da banda de gaitas do Ballet Galego Rei de Viana. Os da Fraga foron toda unha atracción na época. Arrasaban por onde pasaban sobre todo cando o irmán pequeno, Jesús, baixaba do palco e se poñía a cantar pasodobles, coplas ou tangos coas mozas ao redor del.
  Precisamente Jesús (1922-2015) foi o máis coñecido na vila porque rematou montando unha taberna na Rúa Reconciliación preto do Banco de Santander e vivindo na Casa do Cubo en Buscás, parroquia onde está soterrado.
  Lourenzo morreu o 29 de decembro de 1987 aos 70 anos de idade e está soterrado no cemiterio de Ardemil.
FONTE: "Vilaverde" (Os Viqueiras)
  De propina podedes oír unha peza musical que eles tocaban premendo aquí: Folkoteca Galega.