En 1954
continuaba a Guerra Fría en todo o seu esplendor e xurdiu como consecuencia a
"Teoría do dominó". A URSS inaugurou a primeira central nuclear en Obninsk
e Estados Unidos detonaba continuamente bombas atómicas e de hidóxeno cada vez
máis potentes ademais de botar o submarino Nautilus, o primeiro a propulsión
nuclear. Internamente en cambio comezou nese país unha etapa máis liberal coa
caída en desgraza do senador McCarthy e os inicios da batalla contra a
segregación racial.
En Asía, chegada a paz a Corea, agora o conflito
estaba en Indochina coa rendición en maio das tropas francesas en Dien Bien Phu.
Os acordos de Ginebra crearon Laos, Camboya e Vietnam. Este último dividido en
dous, cun norte comunista ao mando de Hồ Chí Minh e un sur con Bao Dai de
emperador. Tamén Indonesia se desvinculou dos Países Baixos.
En América do
sur Alfredo Stroessner chegou á presidencia de Paraguay na que duraría ata
1989! En África Nasser sería primeiro ministro de Exipto e comezaba o FNL
arxelino a súa guerra de liberación contra Francia.
1954 foi un
ano de grandísimas películas como "La strada" de Fellini, pero destacou no apartado musical polo nacemento
oficial do Rock and Roll coa canción "Rock around the clock" de Bill Haley & His Comets e
o primeiro disco, "That's All
Right", do futuro ídolo Elvis Presley. Na literatura JRR Tolkien
publicou "The Fellowship of the Ring", primeiro da súa triloxía de fantasía. Tamén foi o ano no que
naceron a UEFA, a linguaxe Fortran, o CERN e Télé Monte Carlo, o primeiro canal
de TV privado en Europa.
En España 1954
foi un ano bastante bo, aínda que o tempo golpeou duro cunha nevada histórica
que branqueou lugares tan insólitos como Huelva, Sevilla ou Málaga. Quizais por
iso ese ano tamén se inaugurou a estación de esquí Valgrande-Pajares.
A economía
melloraba lenta pero consistentemente, como exemplo fundouse Barreiros Diesel
SA cun capital inicial de 10 millóns de pesetas e comezaba a prestarse atención
ao turismo na Costa del Sol. A conflitividade social era baixa e a oposición ao
Réxime iniciou unha lenta introdución na OSE aproveitando que ese ano deixou de
ser obrigatorio estar afiliado á Falange
para participar nas eleccións sindicais. Pero non todo o monte era ourego: en
xullo modificouse a Ley de vagos y maleantes para dar entrada nela aos homosexuais.
Continuaron
mellorando as relacións internacionais co envío de armas estadounidenses para
España, a cesión do dragaminas Nalón, e en abril a emotiva chegada do buque
Semíramis no que a URSS mandaba de volta 286 soldados da División Azul.
Galicia, que tamén sufriu de inicio
fortes nevadas e temperaturas na montaña ourensá de -12ºC, viviu de novo un ano
xacobeo cheo de peregrinos, entre eles un moi ilustre: o cardenal Roncalli,
futuro papa Xoán XXIII, que visitou a cidade de Santiago en xullo. A economía melloraba con lentitude e ese ano emigraron
22.600 persoas. Abatido o guerrilleiro Pancho en Pontedeume.
E que pasaba en Ordes?
XANEIRO: Un profesor de
arte de New York estivo na vila para ver na igrexa a estatua de San Bieito do
imaxineiro santiagués Ferreiro. Nomeado rexistrador da propiedade Emilio Durán
Corsanego, fillo do director da Escola de Comercio Antonio Durán Cao.
FEBREIRO: O domingo 7
celebrouse a Festa da Árbore. O Ordes, derrotado polo Arenal 0-2, perdeu o seu
1º partido oficial. Morreu en Leira Pedro Vieites López aos 60 anos e en Ordes Manuela
Iglesias García, muller de Mingos e nai de Javier Alfonso.
MARZO: O cardeal Quiroga Palacios estivo en Ordes para
confirmar a máis de 1000 persoas. 3 nenos santiagueses escaparon de casa e
apareceron en Leira. Morreu en Buscás José Botana Ríos aos 79 anos e en Pereira
Antonio Pedrouzo Pazos aos 73 anos.
ABRIL: Morreron en Buscás
Manuela Boga Rey aos 64 anos e en Leira Manuela Villasenín Reboredo aos 63
anos.
MAIO: Comezou a
"Copa Federación" na que o equipo de Ordes remataría 2º.
XUÑO: Nomeado
recadador da zona de Ordes Mario Tizón Vázquez. Morreu o día 26 Vicente Corral Rey o Culero, propietario dun bar no Recreo, aos 55 anos.
XULLO: Tráxica morte do mozo ordense de 24 anos José Abeijón Amado afogado no Río Tambre en Negreira. Impresionante manifestación de dó no seu enterro.
AGOSTO: Partidos de
fútbol nas festas patronais contra o
CD Marte e Español SD. Faleceu en Berreo aos 78 anos o ex-alcalde de Trazo Ricardo
Viqueira Regueiro, patriarca da familia do Nogallás.
SETEMBRO: Inauguración
solemne da Casa Consistorial. Nunhas
maniobras do Tercio Norte morreu atropelado o soldado Eugenio Yáñez Pedreira. Peregrinación conxunta dos
arciprestados de Berreo de Arriba e de Abaixo. Morreron Encarnación Golán
García aos 43 anos e Manuel Castro del Río aos 52 anos. Tamén morreu en Leira María Llamas de Navia, viúva de Díaz Varela e
propietaria do pazo de Codeseda.
OUTUBRO: Lamentable
estado da rúa da Igrexa e do campo da feira pola choiva. O equipo do celta
parou a comer en Ordes. Promoción da Caixa de Aforros doando libretas aos rapaces máis aplicados e de bo comportamento. Morreu en Ardemil José Gómez Candal aos 63 anos e en
Leira Manuel
Vieites López (pai de Doroteo, José, Florentino, María e Manuel
Vieites García) aos 72 anos.
NOVEMBRO: Visto un OVNI en Deixebre. Polémico partido
entre o Arenal e o Ordes en Santa Isabel. Morreron en Leira Melchor Presedo
Rodríguez aos 96 anos e Andrés Reboredo Couto aos 66. En Ordes faleceron María Galán Benito, media irmá de Ramón e José Galán, e Elena López pérez, avoa de Javier Veiga, aos 85 anos.
DECEMBRO: O equipo de
fútbol comezou o mes como líder da súa categoría con 22 puntos despois de 13
partidos, seguido a 3 puntos polo Brigantium (que o acabaría superando).
No hay comentarios:
Publicar un comentario