domingo, 26 de noviembre de 2017

Acción Gallega

  AG naceu no ano 1909 en Madrid na cafetería "Excelsior", lugar de reunión dun grupo de intelectuais preocupados pola situación do agro galego como Alfredo Vicenti, Manuel Portela Valladares e varios máis. Entre eles estaba un descoñecido sacerdote ourensán, Basilio Álvarez, que se encargaría da dirección da revista Acción Gallega (xaneiro de 1910).
  Nas eleccións xerais de maio de 1910 presentaron tres candidatos: Rafael Carvajal por Mondoñedo, Alfredo Vicenti por Becerreá e Portela Valladares por Fonsagrada. Foron os primeiros mitins de Basilio. Vicenti non logrou o escano polas trampas dos caciques pero Portela Valladares conseguiu un éxito resoante. Fonsagrada converteuse nun fortín para os agraristas.

  O primeiro que fixeron, xa en xuño de 1910 foi poñerse en contacto co Directorio Antiforista de Teis presidido por Julián Estévez para formar un gran partido agrarista. Así naceu a Liga Agrario-Redencionista con 3 directores: Portela, Vicenti e Eduardo Vincenti. O seu programa limitábase á redención foral, que ocupaba a metade do breve manifesto redactado por Portela Valladares, pronto erixido no líder principal. Contaban tamén co apoio dos lerrouxistas e os republicanos pontevedreses e unha certa simpatía do Partido Liberal, en especial do seu líder, o ferrolán José Canalejas.
  Unha intensa campaña de axitación encabezada por Portela Valladares, con mitins por Pontevedra e Lugo, expulsou aos liberais debido aos duros ataques contra Montero Ríos. Isto foi o principio do fin: en agosto de 1910 desapareceu Acción Gallega e en setembro rematou a campaña. Canalejas desactivou a Portela Valladares nomeándoo gobernador civil de Barcelona e a Liga desintegrouse. En 1911 perseguidos os seus tres históricos líderes (Jacinto Crespo, Manuel Lago Martínez e Arturo Prieto) polas denuncias xudiciais tamén desaperecería o Directorio de Teis. Era o tempo de Basilio Álvarez.
 
  En xullo de 1911 Basilio abandona a dirección do xornal madrileño "El Debate" e acepta a petición do bispo de Ourense de ser párroco na difícil freguesía de Beiro (o anterior cura fora asasinado). Grazas a este traslado, Álvarez pode estar en contacto co seu grupo e lideralo sobre o terreo. 1912 e 1913 serán os anos máis activos. 
  En agosto de 1912 apareceu o "Manifesto de Ourense" que se centraba en 3 ideas: redención dos foros, anticaciquismo e rexionalismo (xa máis político que cultural, pero preferindo o termo agrarismo).

  Despois comezou un programa de mitins por terras sobre todo pontevedresas e ourensás (tanto en distritos conservadores -bugallalistas- como liberais -riestristas-). O número de asistentes foi espectacular e causou conmoción, pero tamén a extrema violencia verbal do carismático Basilio que provocaba a éxtase da audiencia. Aparte de inquietudes locales como o "matute" (viño foráneo que se facía pasar por ribeiro), o público escoitaba frases como "la hoz debe servir para algo más que cortar hierba" ou "¡que corran regueros de sangre desde la montaña al valle!" e entraba en delirio. Non había ideas complexas nin un proxecto realista, senón a clásica chamada á loita dun pobo (co se identificaba o orador coma "home dese pobo") contra o opresor (xa fora o cacique, os representantes do goberno ou os comerciantes sen escrúpulos).

  Basilio Álvarez moveu masas (nun mitin na Estrada en 1912 a asistencia foi de máis de 10.000 persoas) pero fracasou nos seus obxectivos: nin logrou a hexemonía do agrarismo, sobre todo pola pouca influencia no norte, nin conseguiu éxitos electorais porque non tiña unha estrutura coherente. As sociedades agrarias simpatizantes seguían mantendo a súa independencia e actuaban de acordo a intereses propios, ás veces contrarios ás directrices da organización. Por exemplo en Ourense o inimigo eran os conservadores de Bugallal mentres que en Padrón ou Negreira apoiábanos contra os liberais e en Redondela apoiaban aos reformistas contra os liberais de Riestra.
  Non logrou tampouco o sostén efectivo das comunidades emigrantes. En abril de 1913 marchou a Cuba pero só obtivo boas palabras e apoio moral.

  Igual que os antiforalistas, AG contara en principio coa benevolencia dun sector do Partido Liberal. Os mitins eran permitidos polos gobernadores civís revocando decisións das autoridades locais. Esta semi-inmunidade durou ata a morte de Canalejas en novembro de 1912, pero aí mudou a dinámica.

  A violencia de AG era máis ben retórica, de feito o incidente máis grave nun dos seus mitins -o da Estrada- foi unha pelexa entre mozos de dúas parroquias enfrontadas que rematou cun morto (cousa moi habitual por aqueles tempos). A pesar diso era difícil desvincular a oratoria desatada de Basilio Álvarez dos incidentes que sucedían despois nos lugares dos seus mitins.

  Comezaron entón as persecucións xudiciais aproveitando eses episodios de violencia no agro. El Heraldo Gallego (un xornal que aparecera en novembro de 1913) e o seu director, Manuel Lustres Rivas, caeron baixo o peso das denuncias.
  Logo veu a desbandada: Portela Valladares e Vicenti apartáronnse descontentos coa liña seguida por Basilio, máis tarde, abandonan os ourensáns: López Aydillo, primeiro, e Lustres Rivas, mais tarde. Finalmente, en novembro de 1914 o bispo Ilundáin retiroulle a condición sacerdotal a Basilio Álvarez (non só polas ideas políticas, tamén pola súa vida persoal), así que marchou a Madrid e o movemento quedou aletargado.

  Basilio seguiu tendo presencia na política galega nas dúas décadas seguintes, pero nunca volveu a ter a forza deses anos 1912 e 1913. O agrarismo seguiu presente entre os campesiños galegos en forma de múltiples asociacións de diversos tipos, algunhas moi radicalizadas, pero nunca deron o paso de unirse e actuar como un todo.  
  Paradoxalmente sería a ditadura de Primo de Rivera quen lles daría acceso ao poder local e provincial a cambio da moderación na solución do pleito foral.

lunes, 20 de noviembre de 2017

Carta dun emigrante ordense


  Velaquí unha carta que o meu bisavó Juan Ferreiro Franqueira escribiu á súa muller Manuela Recouso del Río, nada menos que en 1912! cando estaba emigrado en Arxentina. Só está corrixida a ortografía e a puntuación.

  Buenos Aires, febrero de 1912.
  Apreciable esposa: como no sé si has recibido la primera, te vuelvo a escribir estas letras porque ya sé que estarás deseando saber mi paradero. Yo también estoy deseando de saber las novedades de esa. Siempre hablarán mucho de mi.
  Pues Manuela, tenme cuidado de todo lo que quedó en el baúl, que no se pierda nada, principalmente los papeles. Si te pagan algún dinero, lo cobras y le das su papel y ten cuidado de no dar trocado uno por otro.
  Pues apreciable esposa, a los 7 y 8 días de encontrarme en esta de Buenos Aires, todos los de esa que supieron que yo estaba en esta me vinieron a visitar y la mayor parte me ofreció dinero y que hablaríamos. A los 11 días, estando en la fonda, llegó tu sobrino Juanito y nos encontramos casual sin buscar uno al otro y hemos estado un buen pedazo de noche juntos. Y al otro día me vinieron a buscar los dos, José* y él, para la casa que viven ellos y ahora estamos juntos, por en cuanto de forma que estoy muy agradecido de todos ellos.
  Pues le dices a nuestros queridos hijos que trabajen bien y que se guíen por ti y hacer bien por Babila*, que yo he de hacer lo que pueda también, pues yo no debería de hacer lo que he hecho, pero si todos miramos por la vida entonces marcharemos bien. Yo lo que pido es a Dios salud, después no tengo miedo por mi pellejo. Ya es como Ginés.*
  Pues me dirás si José de Farruca escribe, tengo ganas de saber de él. Me dirás si Faya le dio el cemento a la casa y si hicieron la muralla de Rapela* y quien la tuvo que pagar o si han tenido alguna cuestión por ella.
  Pues por ahora no te molesto más nada sino recuerdos para todos mis hermanos y para todos los tuyos y para todos los cuñados y cuñadas. Y se los das a Faya y a Lola y le dices a Ricardo que estamos juntos y se los das a Antonio Ferreiro Pérez* y para toda la familia.
  Y de por parte para mi madre y para mis queridos hijos y tú los recibes, a medida de tu deseo, de tu esposo que te quiere y aprecia hasta la muerte, que lo soy: Juan Ferreiro

* José: o seu fillo maior (20 anos) tamén emigrado. Babila: a súa filla menor (7 meses).  Rapela: a importante familia Iglesias Rapela. Ginés: Non coñezo a referencia. Antonio Ferreiro Pérez: o seu curmán Antón de Xan Ferreiro. 

sábado, 18 de noviembre de 2017

O correo en 1900-20

  Para un mozo de hoxe afeito a mirar continuamente o seu teléfono móbil e a comunicarse instantaneamente con calquera parte do mundo, a situación dos anos 90 do século XX, unicamente con teléfonos fixos nas casas, xa lles parece algo do pasado. Se falamos entón de principios do século XX iso xa pode ser inconcibible para eles.

  Para empezar nada de teléfono, nin móbil nin fixo. Si, é certo que xa fora inventado na década dos 70 do século XIX, pero aínda que chegou con bastante rapidez a España a súa difusión foi lenta: en 1910 só había 1,14 teléfonos por cada 1.000 habitantes e a maioría nas grandes cidades.
  A Ordes (vila) non chegou ata 1927! pero non se estendeu realmente ata os anos 60, e, aínda así había moitísima xente nos 70 que non o tiña.

  Había outro sistema xa desaparecido que os mozos non chegaron a coñecer: o telégrafo.
  O telégrafo transmitía mensaxes por medio de impulsos eléctricos. Ao ser inventado moito antes que o teléfono, chegou tamén antes a Ordes. A estación telegráfica inaugurouse en xuño de 1892 con gran xúbilo e bombas, aínda que o servizo tivo ao principio dificultades porque algúns campesiños remisos derrubaron varios postes.
  Pero o telégrafo distaba moito de ser popular porque os seus prezos só eran aptos para a clase máis acomodada. Incluso os comerciantes non o usaban con frecuencia e para a clase baixa (a inmensa maioría) era absolutamente prohibitivo. En 1912 un telegrama doutra estación na mesma provincia custaba 50 céntimos se tiña 15 palabras e 5 céntimos máis por cada palabra engadida. Se o telegrama era doutra provincia eses prezos aumentaban ata 1,05 pesetas as 15 palabras e 10 céntimos por cada palabra máis. Por suposto, os prezos eran máis altos desde Canarias e desde o estranxeiro.
  Non é estraño que os telegramas quedasen reservados para casos urxentes, como o anuncio dunha defunción. Case sempre que un pobre recibía un telegrama era por unha mala noticia.

  Así que o que quedaba para a maioría da xente era o correo de toda a vida que tiña uns prezos máis accesibles. A finais de 1912 unha carta de 20 gramos custaba mandala 5 céntimos a proximidades e 10 a España. Tamén as postais (moi populares naqueles tempos) custaban 5 céntimos -as sinxelas, non as dobres que pesaban máis-.
  Outros produtos como mostras, medicinas ou xornais tiñan prezos máis baixos.
  Por tanto as noticias de familiares que estaban lonxe recibíanse en cartas escritas nun papel finísimo (o peso era fundamental) e con aquelas marabillosas fórmulas de cortesía xa esquecidas como "Espero que al recibo de la presente te encuentres bien de salud, yo bien gracias a Dios".
  Pero o tempo que tardaba o correo nada ten que ver coa actualidade. Unha carta de Madrid a Santiago tardaba uns 4 días (e viceversa) en chegar. A vila de Ordes era un lugar privilexiado ao ser cabeza de partido xudicial e ter cartería: o correo desde Santiago era diario. Pero en lugares apartados da comarca o tempo de espera aumentaba.

  Un exemplo era Portomouro, vila que dista uns 15 km de Santiago (polo que se tardan 3 horas andando en chegar). Pois ben, como Val do Dubra (naqueles tempos "Ayuntamiento de Buján") pertencía ao noso partido xudicial, o seu correo viña a Ordes. Na vila podía estar 2 días, logo, por uns camiños malísimos chegaba a Bembibre, capital municipal, a 6 Km de Portomouro, onde tiña que ser recollida polo destinatario. Resumindo, a carta viaxaba 45 km desde Santiago e tardaba uns 4 días (con sorte) máis os que lle levara chegar a Santiago.

  Xa non falemos do estranxeiro e especialmente de América onde había unha nutrida colonia de emigrantes galegos. Como as liñas aéreas non empezaron ata 1919 (e non se popularizaron ata décadas despois cos seus sobres de bordos vermellos e azuis), o correo viaxaba en barcos que tardaban como mínimo un mes en chegar, 3 semanas nos anos 20 e 2 semanas xa nos 50-60. Así que a unha aldeá da nosa comarca a carta escrita polo seu marido emigrante podía chegarlle máis de 40 ou 50 días despois de ser enviada.
  Que tempos aqueles!

lunes, 13 de noviembre de 2017

Tempos duros, tempos salvaxes

  1912 foi un ano pródigo en altercados violentos no concello de Ordes (doutra banda nada fóra do común naqueles tempos). O de maior gravidade acabou coa morte de Lorenzo Iglesias (Leira) e a detención de Antonio Gómez Calvo, José Gestal Louro, Manuel Silva, Jesús Candal, Manuel Gestal e Manuel Vilariño Souto (Ardemil).

  Na parroquia de Ardemil tiveron lugar a maioría de sucesos. Juan Candal Gómez feriu gravemente ao seu veciño José Ramos Gómez e José Botana xunto con Manuel Louro mallaron solidariamente a José Garaboa de volta da feira da Adina.
  Incluso as mulleres recorrían á violencia como demostrou en "Horta do Chan" a moza de 17 anos Casilda Gómez quen, en compañía doutra moza da mesma idade, apedrou a Cecilia Bello Uzal. Esta non fuxiu ante o ataque (cabe deducir que a puntería das mozas non era boa) pero si a agresión a distancia foi inefectiva, non ocorreu o mesmo coa de proximidade: Casilda colleu a fouce de Cecilia e atacouna con ela producíndolle un gran corte no antebrazo. Claramente, en Ardemil en 1912 podía cantarse "Las chicas son guerreras" con toda a razón do mundo.

  As leas de veciños non quedaban en meras discusións. José Gaudeoso viu como a noite do 27 de maio ardía a súa casa e o seu horto de repolos, trigo e patacas quedaba coma se lle pasase por enriba unha manda de búfalos. Foron detidos varios veciños de Ardemil: Pedro Rosende, Andrés Gómez, Manuel Noya e Bernardo Couto (entre outros).

  Quizais o suceso que involucrou a máis cantidade de xente foi unha pelexa que houbo en Leira o domingo 21 de abril.
  Resulta que había unha duradeira inimizade entre mozos de Leira e de Carral, así que estes últimos fixeron unha "quedada" (sen necesidade de ter whasap!) e presentáronse na festa que había ao final dunha tasca de liño na casa de Antonio Candal, no lugar de Castro, convenientemente equipados de armas (paus, pedras, coitelos e mesmo pistolas).
  A pelexa foi feroz, practicamente unha batalla campal grazas ao gran arsenal despregado. Oíronse tiros, voaron pedras e choveron golpes e coiteladas. Parece que Jesús Veiras Vázquez, por parte de Carral, e Lorenzo Iglesias Barral, por parte de Leira, dirixían as operacións. Á fronte das súas tropas (como os antigos caudillos) recibiron a maior parte dos golpes. 
  Ao final, cando se considerou que xa estaba suficientemente defendido o honor (parroquial) patrio e as hostes abandonaron o campo de batalla, quedaron alí tendidos os líderes acompañados de Manuel García Calvo e Andrés Mosquera Liñares.
  Chegadas as noticias a Ordes, viñeron o xuíz accidental D. José García Barros, o oficial D. José Sánchez e o médico Antonio Concheiro Rodríguez (un dos grandes beneficiados economicamente destes conflitos), máis a consabida parella da Garda Civil.
  Foron detidos Jesús Veiras Vázquez, José Garaboa e Jesús García.
  O número total de feridos foi imposible de saber porque a maioría curáronse secretamente nas súas casas para evitar o indesexado contacto coa xustiza.

sábado, 11 de noviembre de 2017

A familia Prado Carnota

  Os Prado-Carnota, familia moi relacionada co mundo do motor (moitos varóns traballaron de condutores de camión ou autobús), proceden do veciño concello de Frades, concretamente da parroquia de Santaia de Moar. Alí casaron no século XIX José Prado e Juana Carnota que tiveron 7 fillos. Dous deles, Ramón e Rogelio, instaláronse en Ordes e foron prósperos empresarios na 1ª metade do século XX.

  Ramón Prado Carnota (1900-1956), chamado Ramón da Ponte porque a súa 1ª casa no Recreo estaba a carón da ponte, casou cunha moza de Aiazo (Frades), Encarnación Meijide López (1901-1991), filla de José Meijide e Canuta López. O matrimonio acabou instalándose no que hoxe é Recreo 40 onde estableceron unha tenda, mestura de colmado, ferraxería, mercería, fonda, etc. Tamén unha liña de autobuses en Carral lles pertencía. Tiveron 4 fillos.
Plácida (1921-2016 Coruña), a maior, casou con Ramón da Fábrica e marcharon á Coruña. Tiveron dous fillos: Domingo e Mª de la Fe.
Ramón (1922-1971) casou con Mercedes Pardo (1931-1972). Era camioneiro e morreu nun choque con outro camión preto de Carballo. Deixou 3 fillos.
Ángel Nonito tivo 4 fillos do seu matrimonio con Nieves Franqueira da Castiñeira (1931-2019) e logo emigrou a Guatemala. Os 2 fillos varóns, moi parecidos fisicamente, xogaron na súa xuventude na SD Órdenes. Ramón morreu moi novo en 1984, pero xa cun fillo de igual nome ca el.
Luisa (1935-2023), a filla menor, casou con Toñito do Cotovío (1934-2014) da outra familia da vila con negocio de autobuses. Ela foi a que seguiu na casa familiar e a gran dinamizadora do negocio que incluíu salón de baile, papelería, tenda de modas... Tivo 6 fillos pero 3 deles morreron sendo moi nenos (Luisa Fernanda, Francisco Javier e Ángeles). A 6ª e máis nova, Brígida "Bris", faleceu en 2012. Quedan o maior, Toñito (da notaría), e Gonzalo.


  Rogelio Prado Carnota (1902-1966) casou con Dolores Iglesias Ferrer (1904-1952). Instalouse nas aforas do pobo (hoxe Alfonso Senra 7) e fundou a coñecida compañía de autobuses "Rogelio". Morreu precisamente nun accidente de autobús. Tivo 7 fillos: Ovidio, Dosinda, Encarnación, José, Dolores, Rogelio e José Antonio.
Dosinda e Dolores Lola (1932- 2016) emigraron a Uruguay. Dosinda quedou alí pero Dolores volveu casada co carpinteiro José Fontán Fariñas (1934-2021) e viviron en Alfonso Senra 37 onde durante un tempo ela tivo unha peluquería. A súa filla, Esther Fontán, chegou a ser concelleira de Santiago nos anos 90 polo PSOE.
Encarnación (1930-2017) non casou e foi quen levou a casa familiar desde a morte da súa nai. O seu fillo, Carlos, foi camioneiro.
Ovidio (1927-2005), o maior, casou con Rosa, a filla do Chocolateiro, e traballou no coñecido negocio do sogro e rexentando o "Oriental Cinema" pero non abandonou de todo o mundo do motor, vendendo repostos e reparando tractores. Tiveron dous fillos: Mª Teresa e Francisco Prado Vilar, prestixioso profesor de Historia da Arte.
José Pepe (1930-2003) casado con Carmen Vaamonde (1932-1989) viviu no Recreo 74 e, como non, tamén foi camioneiro. Tiveron 5 fillos.
Rogelio Xelo (1933-1979), que era o condutor da liña da Pontraga, morreu moi novo.
Finalmente José Antonio Tonecho -e na súa xuventude Hoss-,o fillo máis novo con gran diferenza de anos cos demais, foi o que herdou a casa e o negocio familiar. Casou cunha das fillas do Vinculeiro de Aiazo (Frades), Esther López Botana, que codirixe a empresa. Os seus fillos, Manuel e María, traballan nela mentres a filla mediana, Yolanda, vive en Gran Canaria. 

lunes, 6 de noviembre de 2017

O Camiño por Oroso

  A  parroquia de Oroso ten 11,7 km cadrados con pequenos núcleos de poboación e unha gran vila, Sigüeiro, centro comercial e industrial que medrou espectacularmente no século XXI grazas á súa condición de "cidade-dormitorio" de Santiago.
  Antigamente formaba parte da xurisdición de Folgoso. Segundo o "Diccionario geográfico estadístico" de Sebastián de Miñano -non demasiado fiable- en 1928 tiña unhas 80 casas e 400 habitantes. O "Diccionario de Madoz" en 1848 segue a mencionar as mesmas 80 casas pero cunha poboación de 800 habitantes. Producía centeo, trigo, millo, patacas e legumes. Había gando vacún, mular e lanar, caza de perdices, lebres e xabarís, e, por suposto, xa se pescaban troitas nos seus ríos. Como industria, aparte da agrícola, mencionaba dous fornos de tellas, 6 muíños fariñeiros e carboneo de carballo.
Neste século a parroquia sufriu a actuación dalgunhas partidas carlistas e Sigüeiro  viviu unha cruenta batalla en 1846 entre o exército rebelde do liberal Miguel Solís e o do gobernamental Puig Samper.
  No século XX a vila de Sigüeiro comezou a ter cada vez máis poboación, en detrimento de Oroso, a capital parroquial onde está a igrexa de San Martiño. En 1975 trasladouse a capitalidade a Sigüeiro (aínda que a actual Casa do Concello inaugurouse en abril de 1984, 9 anos despois).
  En febreiro de 2005 a zona da Foca (pouco máis de 55 Has e 80 veciños) deixou de pertencer a Santiago e uniuse ao concello de Oroso.



   Despois de pasar por Deixebre, o primeiro lugar habitado da parroquia de Oroso que cruzaba o Camiño era Vilalbarro de Arriba ao oeste da AP-9. Se cruzamos ao leste temos outro mínimo núcleo (Vilalbarro) e uns 300 metros ao sur o Castro de Vilalbarro, que pasa dos 290 m. de altitude e conta cunha croa e un foso bastante ben conservados. Era unha rica fonte de lendas de mouros e tesouros ocultos. Posiblemente as "mámoas" que menciona Frei Martín Sarmiento nos seus escritos foran este castro e o de Vilares.
  Antes do castro de Vilares estaba o Campo da Malata, agora cuberto polo asfalto. Malata é un topónimo relacionado coa terrible enfermidade da lepra. Era un "lugar de leprosos" porque estes non podían vivir nas aldeas e tiñan que habitar en chozas ao lado dos camiños onde pedían esmola aos viaxeiros.
  Xa preto do polígono industrial de Sigüeiro podemos ver o Castro de Vilares, apenas recoñecible. A uns 200 metros ao leste da autoestrada está Oroso Pequeno (ou tamén Oroso de Arriba), antiga aldea que conserva algunha casa tradicional.
  Logo de bordear o polígono industrial chégase á Avenida Álvaro Cunqueiro onde está o novo colexio de primaria de Sigüeiro, axeitadamente chamado "CEIP Camiño Inglés". Uns 100 metros antes tómase a senda que atravesa o Parque do Carboeiro.
  Antigamente nesta zona había dos lugares habitados: Ulloa de Arriba e Ulloa de Abaixo (Ulloa era "fonte" ou "rego de auga"). Hoxe queda a Ponte Ulloa, mencionada por Sarmiento como illoa (que significa "lugar entre ríos" co que ten bastante sentido que tamén se lle chamara así). Hai anos reconstruíuse a ponte con sinxelas travesas da vía do tren pero actualmente remozouse e embeleceuse completamente para goce dos peregrinos e paseantes do parque.


  O Camiño córtase con algunha nova rúa de Sigüeiro e hai que bordear un pouco ata chegar á "Rúa Real" e logo desembocar na N-550 ao lado da Praza da Foca.
  A poucos metros queda a histórica ponte sobre o Río Tambre que deu nome á vila. Construída no século XII ou XIII, ten 6 arcos, 5 deles románicos (os dous centrais con dobradura) e un, o máis próximo a Santiago, gótico oxival porque foi feito no século XIV nunha reparación ordenada por Fernán Pérez de Andrade.
  Esta ponte, o único monumento interesante da vila, é tamén o final do Camiño Inglés pola comarca de Ordes. Unha vez cruzado comeza o concello de Santiago.
 

 Se queredes ver moitas fotos de toda a etapa desde Bruma, premede en Pilgrimage Traveler.

domingo, 5 de noviembre de 2017

Manuel Lois García

  Manuel Lois naceu en Vilaverde* (Ordes) o 22 de maio de 1912. A súa nai era Dolores Lois Villaverde que o tivo de solteira. O pai biolóxico foi José Franqueira Ferreiro, da Fraga da Galiña, preto de Ordes, que non o recoñeceu.
  Manuel viviu coa nai e o avó materno, José Lois García, de quen levaría os apelidos. Fronte ás afirmacións do historiador Carlos Fernández Santander de que era triste e analfabeto, sabemos que era un rapaz vital, que foi á escola ata os 12 anos e mesmo foi sancristán na igrexa de Santa Mª de Ordes.
  Aos 13 anos morreu a súa nai, que casara con Ricardo Robado Mayoral co que tivera 6 fillos: Rafael, José, Otilia, Elvira, Antonio e Ricardo Robado Lois.
  A penuria económica obriga a Lois a traballar de xornaleiro en varias casa labregas, primeiro na de Uzal de Gosende e logo, entre outras, na de Louro en Ardemil, Na de Martínez (Martís) do Casal, Juan Ríos (Rada) en Ordes e na de Manecho de Parada.
  A pesar de que moitas mozas non querían bailar con el pola súa pobreza e baixa estatura, en Cestaños coñeceu a Consuelo Moure Silveira coa que iniciou unha relación e tivo unha filla, Josefina, que morrería aos poucos meses en setembro de 1935.

  Manuel Lois fora excluído do servizo militar pola súa escasa talla (1,54 m), pero en tempos de guerra iso xa non importaba. Poucos días despois do Alzamento foi chamado a filas polo que tivo que deixar traballo e noiva. As súas pertenzas quedaron na casa da súa prima María Uzal Villaverde do Casal.
  O 14 de agosto de 1936 ingresou no Grupo de Infantería de Mariña de Ferrol. Despois dun breve período de instrución, embarcou no cruceiro "Baleares" ocupando o posto de telefonista ao pé do canón nº 4. Mentres estivo embarcado mantivo correspondencia coa súa moza, co seu primo Manuel Mariño Uzal do Casal e outros familiares.


  O 7 de setembro de 1937, preto de Argel, o "Baleares" enfrontou a un convoi da mariña republicana e recibiu dous impactos de 15,24 cm por parte do cruceiro "Libertad" que produciron graves danos.
  "Uno de los cascotes penetró por la parte alta de una caja de urgencia, situada a babor a la altura del cañón 2, que contenía tres ó cuatro hileras de chilleras con iluminantes, incendiando un cartucho de éstos cuyo proyectil hizo explosión en el interior de la caja, en cuyo momento, el soldado de Infantería de Marina Manuel Lois García, telefonista del cañón 4, con puesto inmediato a la caja, ve como sale humo de ella y se abomba por su parte posterior, y dándose cuenta del peligro que una explosión probable de los proyectiles iluminantes y de los de alto explosivo situados en las chilleras de debajo de aquellos puede acarrear, se dirige a la caja y zafa la única tuerca que tiene echada la puerta; al zafarse la tuerca, la presión interior abre la puerta con violencia y una llamarada grande, da de lleno sobre el cuerpo del soldado Manuel Lois que recibe en el pecho el paracaídas del iluminante que hizo explosión y no obstante empezarle a arder las ropas se apodera de un proyectil que tira al agua, después, corre hacia popa envuelto en llamas alcanzándole, a la altura del cuarto del cuarto del Oficial de guardia dos Marineros del trozo de auxilio de proa que lo despojaron de las ropas y lo entregaron al trozo de auxilio de popa. Conducido a la Enfermería y después de curado, fue evacuado en una camareta en la que falleció por la noche del día siguiente día”.

  A noticia da súa morte chegou ao Casal a través da Alcaldía de Ordes. Lois converteuse nun heroe do bando franquista e foi soterrado no Panteón de Mariños Ilustres de San Fernando (Cádiz). Meses despois, en maio de 1939 o Ministerio de Defensa concedeulle a Cruz Laureada de San Fernando (a maior distinción do exército español).
  Anecdoticamente o seu pai, que nunca lle fixera caso en vida, tentou acadar algún proveito económico despois da súa morte pero foi despedido agremente por D. Arturo Pérez cando se achegou a el a comentar o tema.

  Lois recibiu varias homenaxes en Ordes, pero a máis fastosa tivo lugar o 29 de xuño de 1965 cando os seus restos foron trasladados á vila para ser soterrado definitivamente no cemiterio do Piñeiro, onde repousa a carón do muro norte nun mausoleo cunha estatua do artista madrileño Fernández Navarro.


   Manuel Lois tivo unha vida moi dura pero o seu acto de valor converteuno no ordense máis distinguido. Concedéuselle a Laureada e a Medalla Naval máis as dignidades de ser Fillo Predilecto da Provincia da Coruña e Fillo Predilecto de Ordes (1988). Tamén levaba o seu nome un hospital de Huelva (xa desaparecido) e lévao a Alameda nunha placa, primeiro colocada na Casa do Concello e, desde agosto de 1988, nun curioso monolito na zona de aparcamento. Periódicamente o concello en colaboración co Tercio Norte da Armada fai homenaxes á súa figura.  
 FONTE: "Obradoiro da Historia"
 

* Ao leste do paseo do Río, a uns 250 m. de Vilaverde, hai unha fonte que, por estar preto da súa antiga casa familiar, aínda hoxe é chamada "Fonte de Lois". 

miércoles, 1 de noviembre de 2017

Autoestrada do Atlántico

  Unha das obras públicas máis importantes da historia en Galicia é a Autoestrada do Atlántico, ou AP-9, que percorre 178 km desde O Ferrol ata Tui.
  40 anos despois pode parecer incrible, non que se opuxeran a ela os campesiños aos que lles expropiaron as terras (cousa lóxica e normal), senón a esquerda nacionalista que lle chamaba “navallada no peito de Galicia” e que sostiña que suporía a ruína dos labregos afectados, un desastre ecolóxico, e que separaría fisicamente á xente dun e doutro lado. Ata se apelaba á "dignidade da vaca galega" que sería pisoteada ao ter que cruzar os túneles debaixo da autoestrada.


  En 1973 comezaron as obras na provincia de Pontevedra coa famosa Ponte de Rande como elemento destacado.
  O tramo Coruña - Santiago, do que uns 22 km pasan pola nosa comarca, foi o 2º que se construíu. As obras que comezaron no ano 1976 e coincidiron no tempo coas da Central Térmica de Meirama encheron Ordes de obreiros e supuxeron unha fonte de riqueza e un ambiente e animación nunca vistos antes na vila.
  3 anos duraron as obras dese tramo (un total de 900.000 xornadas de traballo) e a inversión foi duns 11.000 millóns de pesetas. Comezouse pola ocupación dos terreos, desbroce e construción de accesos á obra.
  Pronto chegaron os primeiros retrasos por problemas na ocupación e polas adversas condicións climáticas entre o outono de 1976 ata a primavera de 1977. Pero logo avanzouse con rapidez: xa nese ano 77 iniciáronse os viadutos do Mero e Tambre e os dous pasos sobre a N-550 en Sigüeiro.
  O inverno de 1977 supuxo outro parón nas obras, pero na primavera de 1978 volveu subir o ritmo e empezáronse a poñer as primeiras capas de firme. No verán fixéronse os postos de peaxe e en outubro extendeuse a última capa de firme. Quedaban xa cousas menores como sinalización, barreiras, valados, etc.
  Por fin en abril (case coíncidindo coas primeiras eleccións municipais da democracia), concretamente o 27 de abril de 1979 abriuse ao tráfico o tramo, aínda que a inauguración oficial esperou ata o 16 de maio e contou coa presencia do ministro de Obras Públicas e Urbanismo, Jesús Sancho Rof, e a do presidente da Xunta, Antonio Rosón Pérez.
  As tarifas, aínda que menores que outras autoestradas nacionais, non eran baixas. Distinguían entre cilindradas, así os coches pagaban 50, 60 ou 80 pesetas pola viaxe enteira segundo a súa cantidade de centímetros cúbicos.

   O temor dos hostaleiros ordenses a perder clientela nos seus negocios era infundado. A pesar de que a autoestrada foi sendo cada vez máis utilizada, Ordes non se viu especialmente afectado.

  Como anécdota curiosa, xa en 1980, precisamente no tramo ordense, a autoestrada tivo o seu primeiro nacemento. Faustino Taboada Pérez viaxaba no coche coa súa muller Teresa Mougás Martínez de camiño ao Hospital Militar de Coruña, cando esta sentiu as dores do parto. Faustino parou un coche e a solidaria condutora deste actuou de improvisada comadrona. Pouco despois a parella e o seu fillo chegaron ao hospital de Coruña sen maior problema.