martes, 31 de agosto de 2021

A Ponte de Pereira

 
   A ponte máis antiga de todo o concello de Ordes está no antigo Camiño Inglés sobre o rego da Ponte Ribeira, afluente do río Cabrón, a uns 570 metros ao sur da igrexa parroquial de Pereira.
  A súa orixe é moi antiga, medieval (e non se descarta que romana, pois Pereira foi a parroquia onde máis se ve a súa influenza). Atopamos referencias dela desde o século XVI.
  Testemuñas chamadas a declarar a raíz do preito sostido entre o arcebispo don Pedro Sarmiento e o conde de Altamira, don Lope Osorio de Moscoso, entre os anos 1539 e 1543 sobre as freguesías da terra de Montaos que eran da casa de Folgoso, din que no lugar do Carballo de Poulo “no camiño francés” estaba a picota da torre de Folgoso e engaden que os presos eran conducidos desde o cárcere da torre que estaba preto, ata a ponte de Pereira e de alí ao Carballo de Poulo, para ser finalmente axusticiados. No mesmo preito, outras testemuñas declaran que "había unha picota na Pereira que estaba xunto á ponte Pereira no camiño real que vai de Santiago a Coruña".
 

  O aspecto actual do lugar data de 2016, ano no que a estrada estivo pechada ao público (o que provocou protestas dos veciños) e se construíu unha estrutura de formigón armado case tocando a ponte medieval. O custo das obras foi de 84.000 euros. 

viernes, 27 de agosto de 2021

Plantas de flores brancas

 
   Se nos pedisen que nomeásemos unha flor silvestre de pétalos brancos, creo que á inmensa maioría de nós a primeira que nos viría á cabeza sería a humilde margarida (Bellis perennis). Quen nos seus anos de infancia ou mocidade non colleu algunha e arrincándolle os pétalos recitou aquela cantilena de "quéreme ... non me quere ..."? É unha planta case universal que en inglés chámase daisy (si, a noiva do Pato Donald). De feito a nosa expresión sobre os mortos "criando malvas" en inglés tamén existe pero cambiando malvas por margaridas: "pushing up daisies" (empuxando cara arriba as margaridas).
  Non son tan frecuentes outras plantas parecidas a ela como a macela (Chamaemelum nobile), que en castelán é coñecida como manzanilla ou camomila, e que como estes nomes indican é a que se emprega para fabricar cosméticos e facer infusións. Máis raras son as margaridas xigantes, margaritón en castelán (Leucanthemum maximum ou Leucanthemum vulgare) que proceden dos Pireneos pero que se adaptan perfectamente ao noso clima.
 
 
  Nos mesmos prados das margaridas é moi común atopar o trevo branco (Trifolium repens), planta que ten unha folla habitualmente dividida en tres foliolos (de aí o nome) aínda que ás veces poden ter máis, cousa que supostamente trae boa sorte á persoa que as atopa.
  Igualmente moi abundante é a herba dos carpinteiros ou milfollas (Achilea milefolium), coñecida en castelán como milenrama ou perejil bravío, que se usaba tradicionalmente para lavar as feridas. Hai moitas outras plantas similares en aspecto como Oenanthe lachenalii, moito máis estilizada, Rouya polygama, Daucus carota, etc.
 
 
  Da familia das apiáceas -á que pertencen especies tan comúns como a cenoria e o apio- hai plantas con flores similares pero que alcanzan maiores alturas. Entre elas están a popular cicuta ou pirixel das bruxas (Conium maculatum), o pé de boi ou nabo del demonio (Oenanthe crocata) -ambos os dous velenosos-, a lampaza (Heracleum sphondylium) e a Oenanthe aquatica (milenrama de arroyos) que nace no cauce de moitos regatos. Tamén a beneficiosa Angelica archangelica, unha planta moi abundante nos nosos valos en primavera. Esta última é moi grande, podendo alcanzar ata os dos metros de altura, con talos ocos e un aroma moi característico. O seu uso medicinal está documentado desde a antigüidade. Ten unhas flores que normalmente son verdosas, pero que ao madurar chegan a ter cor branca. No resto de España é máis habitual a Angelica sylvestris.
 
 
  Outra planta cada vez máis abundante é a corriola (Convolvulus arvensis), correhuela en castelán. É tremendamente invasiva, medra con rapidez e estrangula a outras plantas -ata o intenta co millo- coas que pelexa pola luz e a auga.
  Tamén abundante nos bordos dos camiños e valados é a Silene latifolia, colleja en castelán. A súa flor parece ter 10 pétalos, pero en realidade ten 5 cunha especie de corte lonxitudinal.
 
 
  Non son especialmente abundantes pero si habituais Arenaria montana e Potentilla montana pero o seu pequeno tamaño fai que pasen practicamente despercibidas.
 

  Unha mala herba moi habitual nas leiras é a muruxa (Stellaria media), pamplina en castelán, que resiste mal a calor. Amiga de entornos húmidos como os regatos, a barraza (Helosciadium nodiflorum), berra ou berraza en castelán, tamén ten unhas pequenas flores brancas.
 
 
  Habitual por todas partes é a abrótega ou gamón (Asphodelus albus), una planta que para os antigos gregos tamén era abondosa na morada dos mortos. Pero para os rapaces galegos de antano tiña connotacións máis alegres porque cos seus froitos facíanse os proxectís dos tiratacos, unha arma que construían perforando un tronquiño de bieiteiro, e os seus fráxiles talos cando estaban secos servían para lúdicas competicións de esgrima.
  
  Para ver máis plantas silvestres (non necesariamente da comarca) que teñen flores de cor branca, podedes premer aquí: Plantas silvestres con flores brancas.

lunes, 23 de agosto de 2021

Víctor Maroño Pena

   Víctor Benedicto Maroño Pena naceu no lugar da Igrexa na parroquia de Calvente (Oroso) o 8 de xaneiro de 1935 (aínda que foi anotado no Rexistro Civil o día 10). O seu pai era José Maroño Sánchez, natural de Frades, e a súa nai María Pena Fernández, natural da parroquia de Calvos en Touro pero residente en Calvente. O matrimonio tivo 14 fillos! dos que dous deles, Víctor e Evaristo Antonio, seguiron a carreira relixiosa.
  Víctor viviu a súa primeira infancia ata os 6 anos e medio en Calvente, lugar que sempre recordaba con agarimo (a Casa de Vieiro, a escola na Casa de Ponte, don Vicente -o cobrador da contribución- ...).
 
   En 1955 obtivo unha bolsa que lle permitiu realizar os estudos de Filosofía e Teoloxía no Seminario Conciliar Compostelán. Tamén foi Graduado Social pola Universidade de Santiago de Compostela e licenciado en Dereito Canónico pola Universidade Pontificia de Salamanca. O 6 de marzo de 1959 nun solemne acto dedicado a Santo Tomás de Aquino e presidido polo Cardeal Quiroga Palacios presentou a súa tese que foi moi eloxiada.
  Diás despois, o 14 de marzo de 1959 foi ordenado sacerdote na igrexa de san Martiño Pinario. Comezou como ecónomo na parroquia de Santo Tomé de Piñeiro e logo pasou por San Vicente de Curtis (maio de 1960), o Divino Salvador de Meis (novembro de 1960) e Santa María de Mira en Zas (1961).
  En setembro de 1962 retornou á comarca de Ordes cando foi nomeado párroco de Santa María de Restande (Trazo) e 2 anos despois, en 1964 tamén exerceu de tenente de arcipreste de Berreo de Abaixo.
  En xuño de 1970 foi nomeado párroco de santa Mariña de Anxeriz (Tordoia). Desta época destacou o seu apoio á proposta de que o concello de Tordoia cambiara o seu nome polo de Cabaleiros, proposta que obviamente non saíu adiante. A partir de 1975, sen deixar Anxeriz, tamén se encargou de San Xinés de Entrecruces e impartiu clases de Educación Católica no Instituto de Carballo. Desde 1976 foi Arcipreste de Bergantiños, cargo que exercería ata 1981.
 
  En outubro de 1981 foi trasladado á parroquia de Ordes, cargo que sería definitivo ata a súa morte. En Ordes viña de xubilarse o párroco don José Fernández Fuentes (1905-1990) que tivera varios conflitos cos fregueses, así que a chegada de don Víctor foi moi ben recibida. En 1982 puxo en marcha o Fondo Común Diocesano de Bens, sendo o seu xestor no período 1983–1985. De 1984 a 1996 desempeñou o cargo de Vicario Episcopal Territorial de Santiago e ese ano foi nomeado Pro-Vicario Xeneral da Diocese Compostelá. O seu ascenso dentro da xerarquía eclesiástica ocasionou que tivese que vir en 1989 outro sacerdote a Ordes, don Jesús Codesido Ben, natural do concello do Pino, pero don Víctor continuou sempre residindo na vila e celebrando misa nas ocasións máis sinaladas.
  No século XXI o ascenso foi imparable. En decembro do ano 2003, tomou posesión como Cóengo da SAMI Catedral, sendo nomeado Cóengo Doutoral da mesma en xaneiro de 2006. Desde ese ano tamén exerceu como Vicario Xeneral-Moderador de Curia, dirixindo a sección administrativa da Curia. No 2010 foi membro da Comisión Diocesana do Ano Santo Compostelán.
  No ano 2014 recibiu a maior honra: o arcebispo de Santiago Julián Barrio entregoulle o título e a faixa de Capelán da súa Santidade, concedido polo Vaticano en recoñecemento da súa dedicación á diócese. Desde o ano 2017 tamén atendía a Capelanía das MM. Carmelitas de Santiago de Compostela.
 
  Morreu o domingo 22 de agosto de 2021 polas secuelas dun accidente doméstico no seu piso da rúa Víctor González Faya aos 86 anos de idade. O luns 23 tivo lugar o funeral na catedral. O seus restos repousan no claustro do templo. 
 

domingo, 22 de agosto de 2021

A morte de Eugenio Jack

   Desde a aparición do Camiño Novo (hoxe N-550) Ordes sempre foi un lugar propicio para os accidentes de tráfico. No ano 1937 o máis grave e moi comentado polo nivel social das vítimas foi o que tivo lugar en Leira o sábado 9 de outubro.
 
  O capitán de aviación Eugenio Jack Caruncho, un heroe do bando franquista que tivera unha destacada participación no Alzamento na Coruña, ía a esta cidade conducindo o seu automóbil, acompañado da súa esposa Carmen Folla, a súa nai Arminda Caruncho e unha sobriña de pouca idade, filla do procurador de tribunais Domingo Sánchez Guisande e da súa irmá Josefina.
  Xa en Leira o coche do capitán chocou violentamente con outro vehículo quedando practicamente esnaquizado. Eugenio Jack Caruncho morreu case instantaneamente, a súa nai quedou gravemente ferida e a súa muller e sobriña (unha perna rota) tiveron lesións de menor consideración.
  Inmediatamente achegáronse os veciños ao coche e pouco despois os médicos que atenderon ás mulleres feridas. O cadáver do capitán foi depositado no local que a Falange tiña en Ordes onde estivo acompañado por familiares e personalidades de Santiago. De aí foi trasladado ás 11 da noite ata ao seu domicilio en Xeneral Pardiñas 7. As súas acompañantes foron ingresadas no Sanatorio do doutor Baltar onde as atenderon.
  O solemne enterro tivo lugar ao día seguinte ás dez da mañá (hora moi corrente naqueles tempos) na Igrexa de San Francisco e a el asistiron todas as autoridades da cidade. O féretro foi levado ata o coche fúnebre por varios oficiais, milicianos de aviación e familiares. No dó participaban o alcalde de Santiago e diversos altos graos do exército. Tamén estaba o seu irmán Guillermo Jack, capitán de Artillería, procedende da fronte de Teruel. A comitiva foi desde Xeneral Pardiñas ata a Porta do Camiño desde onde partiu ata a Coruña onde sería enterrado.
 
  Non foron bos tempos para a familia Jack. Outro irmán, Carlos Jack Caruncho capitán de Enxeñeiros, fora feito prisioneiro na fronte de Madrid e fusilado ese mesmo verán e a súa nai Arminda Caruncho Pazos (viúva de Ángel Jack Ocampo), a pesar de que pareceu experimentar unha leve melloría, morreu o mércores 13 de outubro como consecuencia dese accidente aos 59 anos de idade.

viernes, 13 de agosto de 2021

A peregrinación de 1937

   A Igrexa foi unha institución moi atacada pola República, o que trouxo como consecuencia o seu apoio entusiasta ao bando franquista, cualificando a guerra como unha "cruzada" nos tempos modernos. Co novo réxime recuperou o protagonismo e a influencia que perdera.
  Sucederanse rogativas e novenas contra os "rojos impíos", nos muros das igrexas e cemiterios colocaranse placas en honra de José Antonio e dos caídos por "Dios y España" e o seguinte serían as misións de cristianización organizadas por Acción Católica.
 
  Dentro desta dinámica a Semana Santa foi moi espectacular, especialmente a procesión do Venres Santo onde portou o estandarte o avogado e secretario do Concello Juan Campos Fernández. Tamén se inaugurou un monumento construído polo tallista Adolfo Pérez Graña.
  Así mesmo, sendo 1937 Ano Santo, os distintos arciprestados organizaron peregrinacións (canto máis masivas mellor) a Santiago de Compostela. Nesta ocasión Berreo de Arriba (ao que pertencían 9 das 13 parroquias ordenses) efectuouna conxuntamente con Berreo de Abaixo (ao que pertencía Parada) o xoves 2 de setembro.

  Unhas 3.000 persoas, ou máis de 4.000 se damos crédito ao xornal El Compostelano, estaban pola mañá cedo en Santiago. A gran maioría viaxaran a pé (e en moitos casos toda a noite) para estar presentes. Segundo El Compostelano era a peregrinación máis numerosa ata ese momento e destacaba polo gran número de varóns, xa que era habitual que as mulleres superasen amplamente en número aos homes.

  Como era costume organizouse a comitiva en San Roque, diante de Santa Clara. Portaba o estandarte da sección masculina o secretario do Xulgado de Instrución Waldo Rivas e o da sección feminina Mercedes Salgueiro de Álvarez, ambos os dous debutantes nesta misión. Figuraban ademais outras bandeiras e estandartes. Outras personalidades eran os arciprestes, don Ramón Mosteiro Ferro e don Manuel Fernández, o alcalde de Ordes Julio Pol Caamaño con varios concelleiros, o xuíz de instrución Fernando Roldán e os alcaldes e concelleiros das principais localidades dos dous arciprestados. Alí foron cumprimentados por unha comisión de concelleiros de Santiago e por membros da Archiconfraría do Apóstolo. Despois do percorrido pola Algalia, Cervantes, Preguntoiro, Conga, Fonseca e Praza de España, entraron pola porta do Obradoiro, sendo recibidos polos cóengos Ruíz Rueda e Pío Gil.

  A continuación tivo lugar a misa solemne oficiada polo párroco de Meirama, mentres que o rezo do Rosario foi dirixido polo de Xesteda. Despois de funcionar o botafumeiro pasaron a orar diante da imaxe do Apóstolo e o seu santo sepulcro. Pola tarde moitos peregrinos efectuaron unha visita aos museos da catedral, regresando á tardiña aos seus respectivos lugares.
 

martes, 10 de agosto de 2021

Fusilamentos de Boisaca

   Despois do Alzamento veu a represión. O 31 de xullo de 1936 comezou a causa contra os veciños de Ordes que defenderan activamente a República.
  Obviamente, atendendo á legalidade, non cometeran ningún delito, pero o novo réxime deu unha viravolta xurídica. Segundo a súa opinión (que desgraciadamente era a que valía nese momento), desde o momento do Alzamento eles representaban a lei, por tanto todos os que se tiñan oposto a eles eran os criminais.
  Con esta premisa os avogados defensores tiveron pouco que facer, como moito intentar reducir a segura pena.
 
  A Causa 230/36 baseouse principalmente nos informes realizados polo garda civil de Ordes José Pérez Pérez, o do Delegado da Orde Pública e as declaracións dos acusados.
  Os procesados foron clasificados en dous grupos segundo o seu grao de responsabilidade na defensa da vila de Ordes (e dos combates na Coruña). Os de "maior influencia revolucionaria" que en principio eran 8 e remataron sendo 12 foron condenados á pena de morte.
  Eran: Ángel Jesús Caamaño Villaverde, Francisco Comesaña Rendo, José de la Iglesia Vilariño, José del Río Pampín, Manuel del Río Pampín, José García Fernández, Manuel Moure Rey, Andrés Nogareda, Paulino Pérez García, José Pérez Sanmartín, José Vazquez Mandayo e Benito Vilariño Liste.
  A pesar de ter sido condenado a morte, o médico Francisco Comesaña Rendo (o protagonista da historia de amor con Ascensión Concheiro na que se baseou "O lapis do carpinteiro") librouse da execución por ter nacionalidade cubana.
 
  Nun segundo grupo figuraron os que loitaron pero "non exerceron funcións directoras". Eran: Jesús Calvo Martínez, Pedro del Río Caramelo, Salvador Grela Veiras, Tomás Iglesias, Manuel Ponte Pedreira, Manuel Rego Ríos e Juan Ríos García Rada. Tamén estaba neste grupo Manuel del Río Botana para quen o fiscal pediu en principio 15 anos que quedaron en 12 e un día. Os outros sete foron condenados a cadea perpétua. Todos eles, despois do remate da guerra, saíron en liberdade condicional en 1941.
 
  O fusilamento tivo lugar en Boisaca o 8 de febreiro de 1937. Estas foron as 11 vítimas.
Ángel Jesús Caamaño Villaverde: Natural de Parada e veciño de Ordes. 27 anos, solteiro, fillo de Julio Caamaño e María Villaverde. Mestre en Toba (Cee). Cando era trasladado ao cemiterio saltou do camión e intentou fuxir polas rúas de Compostela, pero foi abatido. Xa morto, foi colocado aos pés dos outros fusilados.
José de la Iglesia Vilariño: Natural de Ardemil e veciño de Ordes. Fillo de Francisco de la Iglesia e María Vilariño. Casado, de profesión labrego.
José del Río Pampín: Natural de Ordes. 23 anos, fillo de Pedro del Río Recouso e de Josefa Pampín Bello. De profesión barbeiro, estaba vinculado ao Partido Galeguista.
Manuel del Río Pampín: Nartural de Ordes e irmán de José. Tiña 29 anos e estaba casado desde 1930 con Milagros Rodríguez Maroño, coa que tiña catro fillos: Manuel, Pedro, Aida e Julio del Río. De profesión carteiro, era un dos líderes do Partido Socialista e membro do Comité da Fronte Popular.
José García Fernández: Natural de Almería. 42 anos, casado, mestre. Era un dos dirixentes da Fronte Popular en Ordes. No cárcere era moi respectado entre os presos pola súa cultura e xenerosidade.
Manuel Moure Rey: Natural de Sar. 27 anos, fillo de Antonio Moure Gómez e de Carmen Rey Presedo. Labrego, solteiro, aínda que preparaba o seu casamento pois tiña unha filla chamada Concepción Viqueira.
Andrés Nogareda: Natural de Ordes. 21 anos, fillo de solteira de María Nogareda Gende.
Paulino Pérez García: Natural de Bilbao e residente en Ordes. 25 anos, mecanógrafo.
José Pérez Sanmartín: Natural de Noia e veciño de Ordes. 29 anos, latoeiro.
José Vazquez Mandayo: Natural da Espenica. 25 anos, fillo de Andrés Vázquez Vázquez e de Mª Josefa Mandayo. Solteiro, xornaleiro.
Benito Vilariño Liste: Veciño de Ordes. 27 anos, fillo de José Vilariño e Dolores Liste. Casado, traballaba de xornaleiro nun serradoiro.
 
 
  Coa chegada da democracia houbo numerosas homenaxes a estas vítimas do franquismo, a maioría por parte do PSOE. Tamén o Concello de Ordes colocou unha placa en recordo da súa memoria na parede do cemiterio. e no ano 2024 outra na Casa consistorial.
FONTE PRINCIPAL: "A guerra silenciada" de Manuel Pazos Gómez.

lunes, 9 de agosto de 2021

Plantas de flores rosadas

 
   Hai bastantes plantas silvestres con flores rosadas, se ben na maioría dos casos estas flores son pequenas e pouco rechamantes.
  Se descontamos as silvas que son arbustos e xa falamos delas noutro artigo, as plantas das que é máis fácil apercibirse son as malvas. Teñen unhas inconfundibles flores de cinco pétalos, grandes e de cor rosada pálida (malva, claro). Son tan habituais que se atopan ata nos cemiterios, de onde ven a expresión dos defuntos "criando malvas". A Malva sylvestris é a que chamanos malva común, pero tamén é numerosa a Malva tournefortiana. Non tan habitual, aínda que hai moitos exemplares a carón do colexio do Mesón do Vento que alcanzan bastante altura, é a Malva multiflora (ou Lavatera cretica), a popular malva loca castelá.
 
 
  Agora ben, nos cemiterios (polo menos no do Piñeiro) se atopamos unhas flores máis ou menos malvas no outono, pois resulta que non son malvas! Se nos fixamos máis, teñen 6 pétalos en lugar de 5 e son de forma lanceolada. Son plantas do xénero Colchicum. Hay dúas especies moi parecidas: Colchicum montanum e Colchicum autumnale, azafrán silvestre en castelán e cólquico en ambos os dous idiomas, non obstante o seu nome popular é quitamerendas.
  Pouco abundante é a Silene dioica, cabaciñas en galego e Red campion en inglés.
 
 
  Moi correntes son os xeranios que teñen flores bastante pequenas. Geranium robertianum (agulleira en galego, aguja de pastor ou geranio de San Roberto en castelán) e Geranium pusillum son comúns.
 
 
  Tamén da familia das Geraniaceae é Erodium cicutarium (agujitas ou pico de cigüeña en castelán), unha herba que medra por todas partes e que era moi querida polos rapaces do século XX porque se facía coas súas agullas un xogo (eran outros tempos!) moi divertido. Moi parecida é Erodium moschatum, chamada en castelán almizclera polo seu cheirume a almiscre.
  Ás labiadas pertence Clinopodium vulgare (calaminta ou néveda, clinopodio ou albahaca de monte en castelán) que destaca pola súa pilosidade.
 
 
  Fumaria officinalis (herba dona, sangre de Cristo en castelán) como rasgo máis salientable ten unhas pequenas flores rosadas que parecen rematar nunha pinga de sangue. Verbena officinalis (verxebán) tamén é moi común.
 
 
  Parecido a un trevo con follas estilizadas e acorazonadas é Oxalis latifolia, unha mala herba abundantísima no medio das fincas de millo e noutros lugares. Epilobium parviflorum como moitas outras plantas ten as flores tan pequenas que xa aparece esta característica no seu nome científico. En cambio Epilobium hirsutum (hierba de San Antonio en castelán) é unha planta de bo tamaño e con flores bastante grandes, ademais dunha pilosidade á que debe o seu nome científico. Rematamos falando de Lamium maculatum, unha planta moi abundante e con flores que parecen pequenas orquídeas. As súas follas parécense ás das ortigas polo que reciben o nome de ortiga muerta en castelán. Da mesma familia é Lamium album, só que esta última ten as flores brancas.
 

  Para ver máis plantas silvestres (non necesariamente da comarca) con flores rosadas e púrpura, podedes premer aquí: Plantas silvestres de flores rosadas.

lunes, 2 de agosto de 2021

Nomes dos concellos

   En xullo de 2021 un seminario encabezado polo filólogo Gonzalo Navaza Blanco publicou unha obra onde se pode consultar a orixe do nome dos 93 concellos da provincia da Coruña. Velaquí a explicación que ofrecen para os da nosa comarca.
 
CERCEDA
  O termo municipal Cerceda creouse en 1836 integrando o territorio das xurisdicións das Encrobas e de Meirama e a parte máis oriental da de Vilarprego, pertencentes no Antigo Réxime á provincia da Coruña. A denominación do concello tomouse do nome da parroquia onde se situou a casa consistorial. Como sucede noutros concellos rurais galegos, o nome non coincide co de ningún núcleo de poboación. A capital municipal é O Campo da Feira, parroquia de Cerceda.
  Na documentación medieval rexístrase o topónimo con variedade de grafías: sanctum Martinum de Serceda, ano 969; dono huic monasterio de Soandres [...] Sanctum Martinum de Cerzeda, 1032; en na eglleia de Zerzeda, 1419. Outros Cerceda galegos documéntanse igualmente por escrito desde datas moi antigas: sancti Iacobi de Cerceta, ano 745; ecclesiam sancta Eulalia de Cerceta, 897; in Cerceta, 969; sancti Iacobi de Cerceda, 969; Petrus Romarici de Cerzeda, 1215; Cerzeda, 1263...
  O Nomenclátor de Galicia recolle outras dúas parroquias chamadas Cerceda nos concellos do Corgo e do Pino; o correspondente masculino Cercedo dá nome a cinco localidades. É un fitotopónimo; un nome que fai referencia á vexetación, e procede dun étimo CERCÊTA, variante de QUERCÊTA, colectivo derivado de quercus "carballo".
 
FRADES
  O termo municipal de Frades creouse en 1836 en territorio pertencente ás antigas xurisdicións de Folgoso e Mesía, da provincia de Santiago. Tomou a súa denominación da parroquia onde se estableceu a casa consistorial: Frades (San Martiño). Como noutros concellos rurais, o nome non coincide co de ningún dos seus núcleos de poboación. Na actualidade a sede do consistorio é Cimadevila, na parroquia de Frades.
  Coñécense rexistros medievais, mesmo anteriores ao ano 1000, do nome dalgunhas parroquias de Frades (Gafoi, Galegos, Céltigos, Ledoira, Papucín...) mais a que motivou o nome do concello no se documenta por escrito, co complemento "de Frades", ata épocas tardías. Do uso dese complemento temos exemplos medievais noutras localidades da contorna (Bila Mayor de Frades, 1446) pero só rexistramos San Martiño de Frades no século XVI. Nos censos de Castela dese século figura como San Martino de Frades entre as freguesías do arciprestado de Barbeiros.
  O topónimo que dá nome ao concello contén o plural do substantivo común frade "monxe", resultado galego do latín FRATRE "irmán". O Nomenclátor de Galicia recolle outras tres parroquias do mesmo nome, unha delas coa mesma advocación de San Martiño, en Mondariz (documentada como S. Martini de Fratribus, século XII) e dúas con distinta advocación nos concellos da Estrada e de Sarria, ademais de varios lugares. É un topónimo que se repite noutras áreas do occidente da Península. Aínda que nalgún caso poida ter orixe nun sobrenome, polo regular o topónimo ven motivado por unha comunidade monástica que tivo presenza ou propiedades no lugar ou exerceu señorío nel. Aquí fai referencia aos monxes do mosteiro de Sobrado.
 
MESÍA
  O termo municipal de Mesía constituíuse en 1836 con once parroquias que no Antigo Réxime pertenceran á xurisdición do mesmo nome, da provincia de Santiago, máis a parroquia de Cabrui, que pertencera á xurisdición de Sobrado e á provincia de Betanzos. O nome do concello mantivo o da vella demarcación e non coincide co de ningún dos seus núcleos habitados. A casa consistorial mudou varias veces de lugar: desde o século XIX estivo na Pobra (Bascoi), na Vila (Castro), en Xanceda Vella (Xanceda) e novamente na Pobra. Desde o ano 1955 a casa consistorial está en Xanceda, lugar do Campo das Mentiras.
  En tanto que dos nomes doutras parroquias do concello dispoñemos de rexistros escritos desde datas ben antigas (Besantonia, 747, 897; Gruma, 1175; sancto Martino de Cabruno, 1173...), da que dá nome ao concello só coñecemos atestacións tardías, do século XIV e posteriores, como sobrenome toponímico: Diago Garzía de Mesía, escudeyro, 1339; Gonzalo Díaz de Mesía, 1402. En documentos anteriores atopamos Mesía non como topónimo senón como sobrenome persoal sen preposición: Petrus Missia, 1122; Petrus Arie dictus Messia, 1257; P. Arie dicto Missia, 1260; Petrus Fernandi Missia, 1300; Petrus Fernandi dictus Messia, 1303.
  A etimoloxía do topónimo Mesía é controvertida. Tense sinalado unha probable orixe prerromana e tamén a posibilidade de que garde relación co latín MENSA "mesa", quizais co valor de "chaira alta", por referencia á orografía do lugar. Tendo en conta as datas dos rexistros escritos, é verosímil que o topónimo tivese orixe no alcume duns señores locais, como sucede co que deu orixe ao nome do concello de Mazaricos. Parece un sobrenome creado a partir do nome bíblico Mesías "salvador".
 
ORDES
  O concello de Ordes constituíuse en 1836 integrando parroquias que no Antigo Réxime pertenceran ás xurisdicións de Folgoso e de Mesía, da provincia de Santiago. Recibiu o seu nome do da parroquia onde se estableceu a casa consistorial.
  O topónimo rexístrase como vila d'Ordiis, 1285; santa Maria d'Ordes, 1534, 1555; Ordes, 1566; santa maria D'Ordes, 1578; santa Maria Dordes, 1612; etc. Teñen o mesmo nome e advocación unha parroquia no concello coruñes de Toques e outra no ourensán de Rairiz de Veiga. Desta última coñecense atestacións máis antigas: sancta Maria de Hordines, 962, 1007; sancta Maria de Ordines, 1061.
  O topónimo foi interpretado como un plural do substantivo común galego orde (lat. ORDINE), de aí a forma castelanizada Órdenes, xa nas Memorias del Arzobispado de Santiago (1607), en ocasións coa grafía Hórdenes (Catastro de Ensenada, 1752). Nos nomenclátores oficiais o concello figurou tamén como Órdenes desde o de 1842 ata o de 1986.
  É topónimo de orixe e significado escuros. A maior parte dos estudos descartan a relación co substantivo común orde, que, non obstante, parece estar presente co significado de "orde relixiosa ou militar" no nome da antiga xurisdición de Terra da Orde, en Friol, e acaso no da parroquia de Ordes no concello de Toques. Tense proposto tamén para Ordes unha explicación a partir do latín hordeum ou ordeum "orxo, cebada", pero os rexistros históricos obrigan a descartala tamén. A opinión máis aceptada na actualidade considera que os distintos Ordes galegos son topónimos de orixe prerromana, emparentados con outros coma os ourensáns Ordelles e Vilar de Ordelles (Ordenelias, 1007; Vilar de Ordaelias, 1204) ou doutras áreas peninsulares (río Ordiso, Ordesa en Huesca...) formados a partir dunha raíz indoeuropea *ER- de significado hidronímico, relativo ás augas.
 
OROSO
  O termo municipal de Oroso creouse con parroquias que no Antigo Réxime pertenceran ás xurisdicións de Folgoso e de Mesía e ao chamado Couto do Deán, na provincia de Santiago. Coma noutros municipios rurais galegos, non tomou o seu nome da localidade onde se estableceu a casa consistorial senón do da parroquia. A capital municipal actual é Sigüeiro.
  Dispoñemos de abundantes rexistros do topónimo desde a Idade Media, que nas súas variantes ofrecen información acerca da súa orixe e significado: feliglisia sancti martini de eroso, 1214; sancti Martini de Heeroso, 1291; Herosso de Çima e de Fondo na frigresía de san Martino de Herosso, 1402; san Martin Doroso, 1594; san Martino d'Orosso, 1632; Oroso, 1752.
  Oroso é un fitotopónimo, un nome de lugar que fai referencia á vexetación, resultado alternativo de hedroso ou heroso, correspondente a un étimo HEDEROSUS, derivado de hedra (lat. HEDERA) e designou en orixe un lugar abundante  nesas plantas rubideiras.
 
TORDOIA
  O termo municipal, creado a partir do Real Decreto de 23-07-1835, constituírono parroquias que no Antigo Réxime pertenceran ás xurisdicións de Vilarprego, Montaos, Xallas e Rus e ao couto redondo de Arcai, da provincia de Santiago. Recibiu o seu nome do da parroquia destinada a acoller a casa consistorial, que tivo varias localizacións ata a actual da Pontepedra, na parroquia de Cabaleiros.
  Coñecemos poucos rexistros históricos do topónimo anteriores ao século XVI: Turduya, 1241; sancto Iohanne de Tordoya, 1272; san Juan de Tordoya, 1519; san Juan de Tordoya, 1553.
  Segundo o modelo dun topónio ourensán Mendoia, que se viña interpretando erradamente como continuación dun Nemetóbriga da Antigüidade, no século pasado propúxose para Tordoia un étimo céltico TURODÓBRIGRA, cun significado de "castro do pobo dos Turodos", pero desde o punto de vista fonético é unha evolución imposible. Hoxe admítese que Tordoia é efectivamente un nome prerromano pero de probable significado hidronímico, emparentado con outros topónimos galegos como Tórdea ou Turza, dunha raíz indoeuropea *TER- "frotar, atravesar", neste caso a partir dun hipotético étimo *TURDOIA.
 
TRAZO
  O termo municipal de Oroso creouse en 1836 con parroquias que no Antigo Réxime pertenceran ás xurisdicións de Montaos, Monzo e Restande e Budiño, da provincia de Santiago. O nome do concello non coincide co de ningún núcleo de poboación. A sede actual da casa consistorial é Viaño Pequeno, na parroquia de Campo.
  Posuímos rexistros escritos do topónimo desde o século IX: in Montanos sactum Petrum ad Venza, sancta Maria in Trazo, 830; in parrochia sancte Marie de Trazo, 1382; sancte Marie de Traço, 1382; Gonçalvo de Traço, 1419; santa María de Trazo, 1521, santa María de Traço, 1607.
  Trazo é un topónimo de orixe e significado descoñecidos, moi probablemente prerromano. Tense suxerido relación coa mesma raíz oronímica que da orixe ao substantivo común tarelo, que os dicionarios definen como "cotarro, relevo rochoso" a partir dun étimo hipotético *Taraciu ou *Toraciu. A igrexa parroquial de Trazo está situada sobre unha elevación que domina o lugar chamado A Baixa de Trazo.