jueves, 30 de mayo de 2019

Juan Mosquera Candal

  Se unha virtude tivo Juan Mosquera foi a da persistencia (e a da lonxevidade). Era un home dos de antes da guerra e, no seu caso, non só da Guerra Civil senón da "Gran guerra" (a 1ª GM), pois naceu o de 3 xuño de 1913 en Santa Cruz de Montaos.
  Era fillo de Juan Mosquera Iglesias (1874-1943) e de Concepción Candal Mosquera (1876-1963) que tiveron unha ampla familia de 8 fillos (cousa moi habitual naqueles tempos) dos que el era un dos maís novos. José (1902-1986) e Ricardo (1910-1999) traballaron en Obras Públicas o mesmo ca el, que, a pesar de ter poucos estudos, chegou a capataz.

  Juan casaría con Marcelina Lestón Simal (1918-2003) coa que tivo un fillo, Juan José (que morrería antes ca el), e con quen viviría en Santa Cruz na Igrexa Nº 29.

  Juan era moi activo e, ademais do seu traballo en Obras Publicas, comezou a colaborar co Servizo Meteorolóxico Nacional (agora AEMET) a petición do mestre de Pereira, en agosto de 1948, e dous anos despois, en 1950, tamén empezou a mandar informes fenolóxicos.
  Todos os días ás 8 da mañá recollía os datos dos pluviómetros, anemómetros e cataventos que tiña na súa finca. Os datos enviábaos a Madrid mensualmente por correo. Tamén saía co seu coche a recoller datos fenolóxicos que servían para estudar a relación entre o clima e o ciclo biolóxico das especies. Era moi coñecido na zona polos paisanos a quen lles preguntaba polas aves que avistaran, especialmente polo cuco e as andoriñas.
  Os seus datos foron moi valiosos para a investigación e o seu nome aparece citado mesmo en teses de doutoramento. Era tan recoñecido o seu saber no campo da meteoroloxía que nunha ocasión foi chamado a un xuizo por mor dun accidente de tráfico en Ordes, para testificar cos seus datos a choiva que caera ese día.

  Os anos foron pasando e Juan rematou por ser o máis veterano colaborador dos 3.000 que tiña a AEMET. Isto valeulle aparecer varias veces na prensa e que a entidade lle rendera unha gran homenaxe en marzo do ano 2016 en Madrid, dentro dos actos conmemorativos do Día Meteorolóxico. Tiña nese momento 102 anos.
  Ese mesmo ano xa non renovou o carné de conducir e deixou de dar os seus habituais paseos a bordo do seu Peugeot 206, pero continuou recollendo os datos pluviométricos ata que o corpo aguantou.
  Morreu o 21 de abril de 2019 aos 105 anos de idade.

  Podes ver aquí un vídeo onde o entrevistan.

miércoles, 29 de mayo de 2019

Festas e visitantes en 1927

  Nos anos 20 a xente traballaba acotío moi duro e tiña poucas distraccións, así que aproveitaba as varias festas relixiosas que había ao longo do ano. Os propietarios mais adiñeirados custeaban moitas veces as misas e a música para alegría dos veciños.

  Unha das festas que tiña moita importancia era a de Corpus en xuño. Ese ano no de Ordes houbo unha misa solemne celebrada polo coadxutor Domingo Barbeito Veiras*. A procesión foi unha vez máis unha demostración de quen estaba no máis alto da pirámide social: as varas do palio foron portadas por Jacobo Amor del Río, Manuel Astray Mato, Benigno Concheiro García, Joaquín Varela Tojo, César Antonio Sánchez Paniagua e Domingo A. Moar Veiras. O estandarte foi portado polo xuíz de instrución José Sánchez Guisande acompañado polo actuario José Medina e o forense Antonio Concheiro Rodríguez. Cantouse unha panxoliña na Capela de Lourdes. Pola tarde amenizou a festa a coñecida Banda da Garabanxa custeada por Andrés Martínez Castro (o patriarca dos "Martís" do Casal).
 
*Domingo Barbeito Veiras: Nacido en Poulo. Estivo de coadxutor en varios lugares como San Estebo de Paleo, Sísamo e Goiáns, ata que veu para a parroquia de Ordes en febreiro de 1927. Viviu a carón da maquía fronte á casa de Pérez. Tiña un horto e deixaba ás rapazas subir a coller froita para mirarlles as pernas. Era un pailaniño pero era o preferido dos rapaces porque as confesións eran fáciles. Non lle gustaba a esaxerada devoción aos santos e dicía: "Todos andan con San Antonio para aquí, San Antonio para acolá. San Antonio sen Dios é merda!".
 
  Ese ano tamén temos noticia do Corpus de Buscás. O funcionista foi Vicente Cancelada Villaverde (1886-1975) do lugar do Carballedo, tío do futuro conserxe do colexio Castelao -que aínda non nacera-. A igrexa foi adornada polas mozas da Rúa, María e Jesusa Martínez Rodríguez, axudadas pola súa nai. Nese momento inauguráronse as lámpadas de araña que aínda perduran. A misa solemne foi cantada polo párroco Manuel Martínez Iglesias. A procesión deu unha volta pola Rúa deténdose para cantar unha panxoliña diante do cruceiro. Tamén amenizou esta festa a banda da Garabanxa. O funcionista do ano seguinte sería o veciño do Pumariño, Antonio Santos.

  En xullo o entón xeneral de brigada Millán-Astray volveu facer unha parada en Ordes como xa fixera cinco anos antes, en 1922

  Tamén en xullo o Sagrado Corazón foi patrocinada coma sempre por Mercedes Salgueiro de Álvarez (farmacia de abaixo). Oficiou a misa o coadxutor don Domingo Barbeito e contou co xesuita Padre Cuesta para o sermón.
  Segundo El Correo de Galicia "en la misa tomaron por primera vez el pan de los ángeles los angelicales niños Olimpio Liñares Castro y Joaquín Verea Remeseiro, y las preciosas niñas Encarnación del Río Barros y Ángela Concheiro García, habiéndose acercado también multitud de fieles a la Sagrada Mesa".
  Non faltou un "afinado coro de virtuosas señoritas": Carmen del Río Barros, Carmen e Paca Pol, Sara Rivas, Aurora Castro, Celia del Río, Encarnación Sánchez Paniagua, Maruja Faya, Rosita Platas, Julia Salgueiro e Pilar Romero. Foron acompañadas ao armonio polo seminarista Manuel Romero.
  En Barbeiros, parroquia da que era sacerdote don Jesús Freiré Furelos, a festa fo Carme foi amenizada pola banda dos "Valdeses" e unha "afinada gaita del país"

  Antes das festas patronais houbo unha representación no salón da Casa Consistorial para recadar fondos. A velada comezou co monólogo "El duro" por parte da "encantadora" Marina Concheiro Iglesias. A continuación a comedia "Contra soberbia, humildad" polas fermosas nenas Pilar Liñares Castro, Eda Tomé Castellanos, Angelita Stolle Ramos, Marina Concheiro Iglesias e Mª Verea Fandiño. Esta última logo interpretou a copla "Me llevan a la guerra". Aínda houbo unha 2ª representación, agora unha comedia, "Un examen de grado", na que actuaron Eda Tomé, Ángela Stolle, Clotilde Viqueira Ramos, Pilar Liñares, Marina Concheiro e María Gil Álvarez. E por último todas coa adición de Carmen Astray Troche, Encarna del Río Barros, Elvira Stolle e Consuelo Nine cantaron "inspiradas poesías gallegas". A ovación foi longa e prolongada. Carmen del Río Barros, que naquel tempo era profesora do colexio María Inmaculada, foi a apuntadora e Encarnación Sánchez Paniagua, irmá do notario, fixo de traspunte (encargada das entradas e saídas de personaxes).
  As festas de agosto estiveron como sempre cheas de bulicio. A comisión organizadora estaba formada nesta ocasión polo comerciante Calvo Pérez e os avogados José García Barros e Antonio García Leira
  O día 14 houbo unha animada verbena que durou ata as dúas da noite.
  O día grande comezou coas habituais dianas nas que a banda e as gaitas do país percorreron a vila. O gran momento dese día foi a inauguración da estación telefónica ás 11 da mañá na casa de Ricardo Amor do Río. Logo tivo lugar a solemne función relixiosa e ás dúas da tarde a procesión que percorreu as "principais" rúas (realmente só había 4). Pola tarde celebrouse un partido de fútbol onde o "Órdenes FC" machucou por 7-0 a unha selección de mozos forasteiros. Despois do partido houbo un paseo con música e pola noite a consabida verbena. O 16, San Roque, continuou a diversión.

  En Poulo remataron ese ano as obras de restauración da igrexa. O Sacramento tivo de funcionista a José Vilariño de Senra que non "escatimou gastos" e contratou á "afinada banda" de Boado (Mesía). Na festa da Mercé tamén en Poulo, a misa foi custeada polo matrimonio Paramés (Manuel Paramés e María Veiras Suárez) que estaban emigrados en Arxentina. Igual que en Buscás, a procesión detívose diante do cruceiro onde se cantou un motete. E, unha vez máis, a ubicua Banda da Garabanxa amenizou a romería pola tarde e a verbena nocturna realizada diante da casa do industrial Andrés Veiras Suárez, encargado de facer a función pola súa irmá e cuñado ausentes.

  E tamén en setembro Ordes recibiu unha importante visita: os mesmos reis Alfonso XIII e Victoria Eugenia de Battenberg

  Dentro dunha viaxe oficial a Galicia visitaron A Coruña. Ao día seguinte, o domingo 25, ás 10 da mañá saíron en dirección Santiago e chegaron a Ordes ás 11. Na vila pararon diante da Casa do Concello. Alí foron recibidos polo alcalde Manuel García Rivas, o xuíz de primeira instancia José Sánchez Guisande, o secretario xudicial, o clero parroquial, os alcaldes de todo o partido, todos os profesores de primeiro ensino cos nenos das escolas da vila con bandeiras e numeroso público, que segundo o xornal El Compostelano dedicou unha "delirante ovación" aos reis. 
  Alfonso XIII conversou amablemente coas autoridades e manifestou o seu recoñecemento pola agarimosa recepción da vila. Despois dun descanso de media hora, continuaron a viaxe. Pasarían case 50 anos ata que outros reis pisaran de novo a vila.

jueves, 23 de mayo de 2019

Rúa Nova e Rúa de Galicia

  Antes da Guerra Civil Ordes era unha pequena vila, apenas un cruce de camiños. A antiga Calle Real foi empedrada en 1923 e pasou a ser a Avenida Alfonso Senra. Cruzábase coa Saturnino Aller (O Recreo) e coa Rúa dos Lagartos. Tamén había a Calle del Directorio (actual Rúa Rosalía de Castro) pero nada máis. Necesitábanse con urxencia novas rúas para medrar.

  Arturo Pérez Loureiro, ferrolán, fillo do oficial de Infantería de Mariña Manuel Pérez Otero, seguiu os pasos paternos. Sendo primeiro tenente do Rexemento Zamora casou en abril de 1903 cunha moza da alta sociedade coruñesa, Gloria Romero (filla de Luciano Romero e de Consuelo Corral Aller) coa que non tivo descendencia. Na súa carreira militar chegou ao grao de tenente coronel.
  Desde 1930 pasaba temporadas en Ordes por problemas de saúde. Cando comezou a Guerra foi nomeado Delegado Civil (e posteriormente alcalde en 1937) para manter a orde e reprimir a guerrilla. Residíu na actual casa da familia Calvo, ao lado da entón Casa do Concello.
  El foi quen decidiu abrir a Rúa Nova. Aproveitando o poder que tiña, por mor daquelas excepcionais circunstancias, non lle tremeu o pulso á hora de trazala porque cortou as fincas das familias máis poderosas da vila (cousa que ninguén antes ousara) como os Mariño, Liñares, Pol, del Río (farmacia de arriba) e Stolle.
  Así mesmo obrigou aos campesiños dos arredores a traballar un día gratis transportando pedra nos seus carros para a nova rúa. Logo os xornaleiros (estes si, cobrando por cada metro cúbico) picábana cunha marra. Fíxose famosa a Cartuxeira de Vilar da que dicían que era tan recia que marreaba tanto coma calquera home.
  As árbores da parte norte foron plantadas polos nenos da escola de D. Nicolás del Río o Día da Árbore e procedían da Alameda.
  Tamén se fixo a Rúa de Galicia, ampliando unha corredoira xa existente. Don Arturo adoitaba controlar as obras desde a súa propia casa. Esta rúa chamaríase General Mola.

  A 1ª casa edificada na Rúa Nova comezouse arredor de 1946 e foi a do panadeiro José Fuentes Pepe de Juana en terreos comprados á familia de Daniel. Pouco despois a rúa foi denominada Generalísimo e así foi coñecida durante 5 décadas. Houbo, iso si, varios anos en que o último tramo sur -a unión coa Rúa dos Lagartos- permaneceu pechado e a xente usaba o patio da casa de Ramas.

 
 
  D. Arturo seguiu vivindo na vila, da que era concelleiro. Tamén foi Deputado provincial en 1949. El e a súa esposa morreron en 1950 e están soterrados na zona NO do cemiterio vello de Ordes.

  En setembro de 1997 o pleno municipal a instancias do portavoz do BNG, entón Gonzalo Castro, cambiou o nome franquista de 4 rúas. A Rúa General Mola converteuse na Rúa de Galicia e a Rúa Generalísimo pasou a ser coñecida oficialmente como Rúa Nova, co paradoxo engadido de que nese momento era unha das más antigas da vila.

viernes, 17 de mayo de 2019

Os Mosqueiras de Vilaverde

  Vilaverde é unha aldea dunhas 15 casas que está a uns 1.300 metros ao noroeste da vila de Ordes. A pesar do seu pequeno tamaño alí naceron personaxes como Manuel Lois (o soldado Lois) ou Manuel Viqueira (o gaiteiro de Vilaverde) e máis recentemente o inclasificable Manolo de Xaniño.

 Alí naceu tamén obviamente o apelido Villaverde que na actualidade é levado por case 400 persoas no concello de Ordes. Outro apelido con destacada presencia na aldea é Mosquera (máis de 500 portadores en Ordes). Estas dúas familias, os Mosquera (na fala é máis habitual usar a forma galega Mosqueira) e os Villaverde, tiñan moitas terras e padeceron unha gran endogamia cruzándose entre si moitas veces para aumentar as posesións.

 
  O primeiro Mosqueira en Vilaverde foi Antonio Mosquera Bermúdez (1815-1883) procedente da Pedreira (Leira) que casou con Ángela Agustina Carballido Liñares (1811-1892) dunha rica familia de Vilaverde. O herdeiro, Francisco Mosquera Carballido (1837-1919), casou con María Barreiro del Río (1844-1918) do lugar de Campomaior -onde está o colexio-. O matrimonio tivo entre 1865 e 1885 oito fillos: Ángela, Mª Josefa, Manuel, Antonio, Manuela, Dolores, Cándido e Generosa.

  Ángela (1865-1941) casou con Pedro Villaverde do Piñeiro, Manuela (1875-1955) co pai de Fernanducho e Generosa (1885-1977) con José Barreiro Recouso (1888-1963) o patriarca dos Barreiros do Casal. Maripepa (1868-1942) e Dolores (1879-1939) quedaron solteiras.
  Antonio (1874) morreu con poucos meses, Cándido (1882-1955) foi durante moitos anos sacerdote en Abellá onde comprou bastantes terras que, á súa morte, volveron á familia. Finalmente Manuel Mosquera Barreiro (1871-1938), o maior dos varóns, herdou a casa paterna e foi o patriarca dos Mosqueiras do século XX.
  Manuel casou con Mª Josefa Villaverde Gómez (1874-1933), unha moza da Espenica, coa que tivo 9 fillos: Manuela, Francisco, Ángela, Manuel, Cándido, María, José, Dolores e Mª Josefa Mosquera Villaverde.

  A maior, Manuela (1894-1952), bautizada cos apelidos da nai por nacer antes do matrimonio, casou en 1914 con Manuel Villaverde Mosquera, curmán seu (era fillo de Pedro Villaverde e de Ángela Mosquera) dunha familia rica do Piñeiro -unha irmá estaba casada co empresario de obras públicas Pedro Pardo Fandiño-. Con el tivo catro fillos -o máis coñecido Pedro do Piñeiro- e logo, cando enviuvou, tivo unha filla con Antonio Ferreiro (un dos fillos de Antón de Xan Ferreiro). 
   María (1896-1959) casou con José Villaverde dos Veiras da Espenica (irmán de Manuel, o pai das Veiras dos Lagartos) e tiveron sete fillos.
  Francisco (1896-1977) foi o que herdou a casa familar que hoxe segue en mans dos seus netos. Ángela (1899-1988) quedou solteira pero tivo un fillo, Manuel (vendedor de patacas), que xa morreu.
  Manuel (1900-1959) traballaba na Eléctrica de Fernanducho, ao igual que o seu fillo Suso, que morreu nun transformador do Mesón do Vento en 1957. O seu neto varón, Jesús Javier Reboredo Sito, é enxeñeiro técnico agrícola e guitarrista da banda Kastomä.
  Cándido (1904-1992) casou cunha veciña, Milagros. Segundo os cotilleos locais non estaba moi convencido e foi ameazado polo seu sogro "Monte". A súa filla, Josefa, casou con José García Amado, fillo de Pepe de Betanzos, o da carnicería do lado da igrexa.
  José (1909-1991) foi policía en Madrid. Parece ser que cando estaba en aduanas facilitou o exilio a varios guerrilleiros condenados. Dolores (1912-1979) tivo un fillo, Roberto (1936-2023), de solteira. Ao igual que Ángela, vivían na casa principal antes de facer as súas.
  A última, Mª Josefa (1915-1995), casou co perito Benjamín del Río (nacido no Mesón de Deus) e tiveron unha ampla familia. Todos os fillos estudaron, en parte grazas as propiedades dela.
FONTE: Julio Lino Mosquera Ríos
 

lunes, 13 de mayo de 2019

Produción láctea de Galicia


  Galicia é unha potencia en produción láctea. En 2018 bateu o seu récord histórico ao producir máis de 2,764 millóns de toneladas de leite, practicamente o dobre que hai 25 anos. Iso a pesar de acumular máis de dez anos sendo a comunidade que rexistra as peores cotizacións en orixe de toda España. Como puido seguir medrando nun escenario tan pouco favorable?
  Principalmente, grazas á modernización dos seus sistemas produtivos, a optimización dos cultivos ou a mellora xenética do gando pero sobre todo grazas á redución e redimensión do número de explotacións. Porque agora hai menos explotacións pero con máis animais cada unha, e máis eficientes. Se a principios dos noventa unha explotación media contaba con 25 cabezas de gando e 8 hectáreas de terreo, agora as cifras medraron ata os 55 animais e as 18 hectáreas de superficie agraria útil.
  En 2002 había máis de 26.000 granxas, en 2018 quedan 7.550, é dicir: desapareceron máis de 19.000 explotacións nese tempo (o 73%!). Rechamante tamén resulta a evolución experimentada polas vacas, que, en pouco máis de dúas décadas, pasaron de producir 6.300 litros de leite ao ano a superar con facilidade os 8.500 litros.

  Esta gran produción colócanos á cabeza europea e mundial. As granxas galegas conseguen alcanzar a tonelada de leite anual per cápita, só superadas polas da Bretaña francesa con case 1.500 litros de leite por persoa e polas rexións de Waikato e Canterbury, en Nova Zelandia que é a primeira potencia mundial exportadora de lácteos.


  Pero non todas as comarcas producen igual. De feito hai unha gran diferenza con respecto á Galicia dos anos 80 con preto de 70.000 explotacións repartidas case equitativamente por toda a súa superficie. Hoxe a maior parte do leite é producido en só 5 comarcas: A Terra Cha, Lugo, Ordes, Deza e Xallas. Nesta última está Mazaricos que é o primeiro concello da lista con máis de 110 millóns de litros producidos.
  As comarcas de Lugo son imbatibles grazas á súa especialización. Ambas as dúas xuntas teñen un total de 54.500 hectáreas de terreo dedicadas a cultivos forraxeiros. Detrás delas aparece Ordes que, coas súas 28.500 hectáreas, xa deixou atrás á comarca do Deza con 20.500. A comarca do Xallas baixa ata as 18.300 hectáreas.
  A comarca de Ordes, non obstante, tampouco ten unha produción homoxénea. Neste caso a súa alta posición débea aos seus concellos periféricos: Frades (79,3 millóns de Tm de leite) é o primeiro da comarca e o 6º con máis produción de Galicia, seguido de Mesía (53,9 millóns, 13º), Trazo (53,7 millóns, 14º) e Tordoia (43,9 millóns, 20º).

viernes, 10 de mayo de 2019

Aló, aló

  En 1927 Ordes conseguiu un novo avance: o teléfono.
  Instalouse unha central telefónica na vila. Para os máis novos, naqueles tempos do cuplé aínda non se podía chamar dun teléfono a outro individualmente, había que comunicar cunha central telefónica onde unha operadora conectaba ao primeiro usuario con outro do mesmo lugar ou cunha central doutra cidade. Tamén se podía ir ata a central e chamar desde alí se non se dispoñía de teléfono propio (obviamente antes da instalación da central ningún veciño tiña teléfono). Por certo que, aínda que non debía, a operadora podía escoitar as conversacións dos clientes, o que facía este servizo non tan privado como (en teoría) é hoxe.

  A solemne inauguración tivo lugar o día grande (o 15 de agosto) das festas patronais. A ela acudiron o xefe-administrador do servizo telefónico interurbano da provincia Sr. Santos Blasco e o xefe da estación de Santiago don Ramiro Castro. Ambos os dous reuníronse na Casa do Concello co alcalde Manuel García Rivas á fronte da maioría da corporación, o xuíz de primeira instancia José Sánchez Guisande, o xuíz municipal Manuel Astray Mato, o notario César Antonio Sánchez Paniagua e outras personalidades como o secretario municipal, o rexistrador da propiedade, o xefe do posto da Garda Civil, comerciantes e industriais varios. Por suposto, non podía faltar o párroco don Nemesio Morgade, encargado do importante labor de bendicir as instalacións.
  Ás once a cívica procesión percorreu os escasos metros que separaban a Casa do Concello da de Ricardo Amor del Río* que se achaba xusto fronte á igrexa (hoxe no lugar está o Bar San Roque). Esta casa fora de Policarpo Rivas Godoy e herdouna a súa filla Adolfina, muller de Ricardo. Alí foi instalada a Central telefónica da que sería encargada a súa filla maior María Amor Rivas.

  Despois da inevitable bendición, o alcalde deu un discurso onde eloxiou o invento do teléfono e á Compañía Nacional de Teléfonos, o que obrigou ao señor Blasco a responder agradecendo os eloxios. O alcalde inaugurou o servizo enviando "telefonemas" (palabra que afortunadamente non se popularizou) a diversas personalidades como o presidente do Goberno! o director xeral de Comunicacións, o reitor da USC, o vigairo Capitular, algúns outros alcaldes e a varios xornais como El Eco de Santiago.
  Veu despois un espléndido xantar servido polo acreditado Bar Pedro e custeado pola compañía que prometeu que o servizo, que de momento estaba limitado ata as dez da noite, sería mellorado converténdoo en permanente se fose necesario.
  E así deu comezo a era da telefonía en Ordes.
 
* Ricardo Amor del Río: recadador de contribucións, pertencía a unha adiñeirada familia. Tiñan moitas terras ao sur da Fonte Estrei, tantas que o lugar era chamado o "Agro de Amor". Era un dos fillos menores do médico -e tamén alcalde e secretario municipal no século XIX- Jacobo Amor Labrada (m.1885) e Melchora del Río Liste (1914). Outros irmáns eran Clotilde (mestra casada con Francisco Gil Prieto), María (muller de Julio Pol), Ascensión (casada co médico de Trazo Joaquín Castro Amor), Generosa (muller do mestre Pedro Álvarez Villaverde), Eduardo (médico), Enrique (sacerdote), Jacobo (avogado que tamén foi concelleiro), Eliseo (celador de telégrafos), Vicente ...  
Ricardo casou en 1900 con Adolfina Rivas Durán (1873-1947), filla de Policarpo Rivas Godoy, coa que tivo dous fillos, Gabino (1906-1947) -que tamén sería recadador- e Manuel, e varias fillas que quedaron solteiras: Mª Carmen (1900-1990), Josefa (1902-1991), Maura (1903-1990) e Claudina Amor Rivas (m.1967). Elas fixéronse cargo do comercio de Ezequiel Astray, cando este morreu, e da Central telefónica. O herdeiro actual é Juan Manuel Amor Bouza, director durante moitos anos do colexio Galaxia de Santa Uxía de Ribeira.
 
  Unha anécdota: na época da fame había unha señora de Merelle moi relixiosa chamada Dominga a Freitosa. Sempre que volvía da misa aproveitaba para roubar algunhas verzas no Agro de Amor, cousa que non debía ir contra as súas crenzas, ou ben a fame apretaba o suficiente para esquecelas.

lunes, 6 de mayo de 2019

Informe meteorolóxico 2018

 O ano 2018 foi moi convulso. Desde xaneiro foron sucedendo toda clase de fenómenos extremos que acabaron cunha seca histórica. A pesar de que a primavera e o verán presentaron anomalías negativas de temperatura (valores por baixo da media) as ondas de calor de agosto e un setembro extremadamente cálido provocaron que o 2018 pase á historia como un ano cálido e húmido.

TEMPERATURA
  2018 arrincou con temperaturas altas en Alaska e con neve en Florida (había trinta anos que iso non sucedía). En Galicia foi un mes máis cálido do normal.
  En febreiro rompeu o vórtice. A rotura do cinto de ventos que confinan o aire xélido no extremo norte do planeta xerou unha invasión de frío polar nas latitudes medias que conxelou Estados Unidos e Europa mentres en Galicia as borrascas empezaron a golpear sen descanso. Febreiro foi o máis frío dos últimos 12 anos, pero marzo superouno: foi o máis frío dos últimos 34 anos! 
  Ese mesmo mes visitounos Félix, outro ciclón bomba procedente de Estados Unidos, que xerou un novo e forte temporal, de choiva, vento e neve.
  Abril e maio, a pesar das oscilacións, foron meses normais.
  Despois duns húmidos xuño e xullo, e cando os galegos daban o verán por perdido, chegou toda a calor de golpe. África liberou o aire que estivera retendo e provocou unha intensa onda de calor. As altas temperaturas ocasionaron a morte dun millón de pitos e miles de coellos nas granxas da comunidade. Agosto foi un mes moi cálido e setembro acadou marcas históricas, sobre todo no sur de Galicia. Foi o máis cálido dende 1985.
  Outubro e novembro foron máis ou menos normais mentres decembro volveu ser anormalmente cálido con máximas superiores a 20º en moitos puntos de Galicia. O ano rematou máis ou menos como empezou cun quecemento súbito da estratosfera que podería chegar a debilitar outra vez o vórtice polar.


PRECIPITACIÓNS
  Despois dun xaneiro nomal, febreiro foi frío e húmido, pero marzo superouno en todo. Co paso de sucesivas e profundas borrascas foi o máis chuvioso da última década. Nalgúns lugares do leste de Galicia, as precipitacións cuadriplicaron o promedio habitual!
  En abril algúns encoros que meses atrás agonizaban, comezaron a liberar auga. Maio, en cambio foi moi seco pero o aire frío de orixe polar provocou o día 12 unha nevada a partir dos mil metros de altura. Desde 1984 só unha soa vez nevara tan tarde.
  Seguindo cos cambios, en xuño o aire frío permanecía preto de Galicia, o que favoreceu a formación de pingas frías. O 1 de xullo as choivas torrenciais alagaron Coruña. O verán que non arrincaba en Galicia estaba no norte de Europa, en países como Suecia e Noruega.
  E novo cambio radical: despois dos húmidos xuño e xullo chegou a calor extrema e a falta de choivas. Agosto e setembro foron moi secos. Outubro tamén foi seco, aínda que o paso dos furacáns Leslie e Michael provocou chuvias intensas.
  Novembro, en cambio, foi máis húmido do normal con presenza de borrascas importantes como Beatriz e Ana. Decembro volveu ser un mes seco.

sábado, 4 de mayo de 2019

A peregrinación de 1926

  O xoves 13 de setembro de 1926 tivo lugar a peregrinación do arciprestado de Berreo de Arriba, aínda que moitos peregrinos xa chegaron a tarde anterior.

 A peregrinación estaba presidida polo arcipreste, que seguía sendo don Nemesio Morgade Portela, o párroco de Ordes, a quen acompañaban o alcalde Manuel García Rivas, o xuíz accidental Ramón Astray Mato, o secretario José Antonio Louro e o alcalde de Cerceda José Rodríguez.
  Alfonso Senra, moitos anos deputado polo distrito de Ordes, recibiu de novo o honor de portar o estandarte dos homes, igual que en 1920. Estaba flanqueado por Fernando Tojo Rendueles (fillo do propietario do Pazo do Peñasco) e Rafael Álvarez Salgueiro (o propietario da farmacia de abaixo) que debutaban levando as cintas.
  En cambio as portadoras do estandarte feminino seguían sendo as mesmas das dúas últimas ocasións: Carmen Mato (viúva de Astray López) xunto con Asunción Iglesias Rapela (muller de Antonio Concheiro) e Mª Josefa García Rodríguez (muller do tamén médico Ignacio Castro) levando as cintas.

  Como era costume, durante o seu percorrido desde Santa Clara á catedral, a Banda Municipal de Santiago acompañou musicalmente aos peregrinos que entoaban o himno do Apóstolo.
  Na porta do Obradoiro foron recibidos por D. Manuel Caeiro, D. Santiago Tafall e D. Fernando Peña.
  A misa foi celebrada polo ecónomo de Mercurín, don Diego Pedreira Varela, e dirixiu o rezo do rosario o sacerdote de Cerceda, don Juan Bueno.
  O Secretario de Cámara don Fernando Peña Vicente foi o encargado de saudar aos peregrinos de Berreo en nome do arcebispo e felicitounos pola fe que os levou ata alí.
   Non faltou o solemne voo do botafumeiro mentres os asistentes entoaban o Himno Xacobeo acompañados polo órgano. Logo saíron pola Porta Santa despois de abrazar a imaxe de Santiago.
 Para concluír o Secretario de Cámara recibiu máis tarde ao arcipreste, sacerdotes e autoridades aos que felicitou pola brillantez da peregrinación e a organización da mesma. 
 
   Ademáis da peregrinación, en 1926, como sempre, houbo numerosos actos e festas. 
  En abril tivo lugar a Semana Santa que rematou coa procesión do venres, sendo o calvarista Manuel García Rivas, acompañado polo farmacéutico Santiago del Río e o rexistrador da propiedade Jesús Zerios Martín. Asistiu unha gran cantidade de xente e toda a corporación municipal, presidida polo tenente alcalde Nicolás del Río
  En abril na Casa do Concello celebrouse unha velada teatral para recadar fondos con destino á festa que as Fillas de María celebraban en maio. Actuaron as señoritas Carmen Pol, Rosita Platas, Celia del Río, Lola del Río e os mozos Gumersindo Linares e Luis Linares. As comedias eran “La fórmula tres es tres”, de Muñoz Seca, e “Hay entresuelo”. Foron dirixidas polo avogado e xuíz munici­pal Ramón Astray
  En xuño houbo unha misión en Poulo na que predicaron os capuchinos padres Mariano e Tadeo, que foi custeada por Juana Figueira Varela
  En xullo visitou Ordes o Cadro de declamación de Carral dirixido polo farmacéutico Gregorio Pomar que realizou unha representación do drama bíblico "La cuna del niño Dios", a peza cómica "Noticia fresca", un monólogo en verso titulado "¡Callad... que no se despierte!" e "La canastilla". O diñeiro recadado foi para as damas da confraría do Cristo da Agonía.
  Non faltaron as festas patronais de agosto co seu habitual bulicio. 
  O 18 e 19 de setembro houbo as festas do Recreo -ou como dicía a prensa "el Paseo del Puente"-, sendo o presidente da comisión Manuel Vázquez Pombo. Contaron con carreira de bicicletas e partido de fútbol inaugurando o novo campo. 
  O 24 de setembro tiveron lugar a festa das Mercedes en Poulo, sendo funcionistas Manuel Veiras Rey e Benito Veiras Suárez de Lavandeira, e as de Santa Eufemia en Leira e Barbeiros.