domingo, 23 de mayo de 2021

A Columna Sanfíns

  Velaquí un artigo escrito por Carlos Calvo Varela e que apareceu no xornal comarcal "Crónicas" en decembro de 2016.
 
 
A "Columna Sanfíns" en Ordes. 80ª aniversario
  Andan os amigos de Lousame a homenaxear e recuperar a memoria da Columna Sanfíns, que hai 80 anos pasou por Ordes na súa marcha pola liberdade. A CNT Galiza e a "Sociedade Histórica e Cultural Coluna Sanfins" veñen de publicar o libro de Lorena Cuevas e Eliseo Fernández "Breve Historia da Coluna Sanfins", que xunto coas investigacións de Manuel Pazos Gómez permite coñecer mellor a defensa de Ordes contra o golpe militar.
 
  A sublevación fascista de 1936 collera aos mineiros de Sanfíns, parroquia de Vilacoba (Lousame), moi ben organizados e dispostos a resistir. Na mañá do 20 de xullio ducias de traballadores reúnense no Chan da Mina para artellar a resistencia; requisan camións e autobuses e prepáranos para o combate, blindándoos e cargándoos de explosivos sacados das minas.
 
  Lideran a que se dará en chamar Columna Sanfíns os anarcosindicalistas Enrique Fernández, secretario xeral da Confederación Regional Galaica, e Alfonso Fandiño Ricart (irmán das famosas "dúas Marías" de Compostela). Tamén participou un mineiro natural de Ordes, Ramón Prego N., de Mañufe (Mercurín), que contaba 25 anos e era afiliado do Sindicato Mineiro da CNT.
 
  Despois de reunirse en Noia, a columna diríxese a Compostela, parando brevemente antes en San Xusto de Urdilde, onde o alcalde galeguista Ánxel Casal os recibirá na Praza do Obradoiro, que se enche de xente. Arengándoos desde o balcón co concello, Casal pídelles aos mineiros que partan inmediatamente para A Coruña, onde os militares apoian abertamente o golpe de Estado. Únense á Columna Sanfíns, en autobuses do Castromil, máis obreiros e antifascistas da cidade, entre eles un rapaz de 16 anos: Isaac Díaz Pardo. Saen de Santiago contra as 20h30, momento que os militares aproveitan para saír do Cuartel de Artillaría de Compostela e atacar, sen seren capaces de deter a Columna.
 
  Ao chegar a Ordes os mineiros encóntranse con xente reunida diante do concello. Na vila xa se formara un comité de defensa da Frente Popular no día 19, que contaba cunhas milicias populares dirixidas polo doutor Alonso Puente. Estas informan de que detiveran ao xeneral sedicioso Aureliano Sánchez Ocaña [realmente José Sánchez-Ocaña], e de que cavaran trincheiras defensivas en Vila Valdés. Neses momentos a Columna Sanfíns debátese entre levar as súas forzas á defensa de Pontevedra, organizada por Alexandre Bóveda e os comunistas, ou á Coruña, cidade de hexemonía anarcosindicalista. Vence esta última opción, e incorpóranse á Columna dúas camionetas con antifascistas ordenses, entre eles o xastre socialista Manuel Ponte Pedreira.
 
  Chegan á Coruña na madrugada do 21, e acampan xunto á fábrica de calzados de Ángel Senra. Ás 6 da mañá entran en combate, mais a situación xa era moi difícil. Non obstante, liberan as rúas até a Praza de Ourense, e algúns milicianos chegan aos arredores de María Pita. Finalmente a Columna ten que repregarse como pode. Enrique Fernández e Ramón Rodríguez Varela -quen pasará á historia como o guerrilleiro Curuxás- fanse cun camión co que cobren a súa retirada entre o Mesón do Vento e Santa Baia.
 
  Outro grupo regresa a Ordes onde fican colaborando na defensa da vila: colocan dinamita, soben aos tellados para vixiar, etc. Tamén incendian a secretaría do Xulgado -único incidente neses días- e requisan armas polas parroquias, nalgunhas xunto cos frentepopulistas de Mesía.
 
  Ían sumarse a eles os anarquistas de Trazo, que tomaron o goberno municipal e encheron un pequeno autobús requisado cunha vintena de homes armados, pero á altura da Pontraga parounos un mestre -seguramente Ángel Jesús Caamaño Villaverde de Parada- e díxolles que desen a volta: a República e a liberdade xa caeran en Ordes, vila ocupada polo exército golpista procedente da Coruña.
Carlos C. Varela

O Alzamento

  A sublevación militar iniciada en África o venres 17 de xullo de 1936 non se concretou en Galicia ata a mañá do luns día 20. Aínda que alcaldes e gobernadores civís trataron de prepararse, a confusión foi a nota dominante. As consignas tranquilizadoras de Casares Quiroga foron tomadas en conta e ata se xogou no estadio do Deportivo un partido de máxima rivalidade co Celta.
 
 Con todo nos cuarteis a conspiración desenvolvíase sen pausa e ao mediodía dese luns 20 foi declarado o Estado de Guerra. Na Coruña oficiais de mediana gradación entre os que destacaba o coronel P. Martín Alonso (o home de Mola en Galicia) tomaron o mando. Os dous principais mandos militares, os xenerais Salcedo Molinuevo e Caridad Pita, leais á República, foron detidos e logo fusilados. Na base militar de Ferrol, sucedeu o mesmo co xefe do Arsenal, o almirante Azarola, tamén fusilado. No resto de Galicia, diversos oficiais fixéronse co control da situación, aínda que na cidade de Vigo durante a lectura do bando do Estado de Guerra por parte do Capitán Carreró na Porta do Sol produciuse unha descarga contra a poboación que deixou máis dunha ducia de mortos.
 
  A resistencia, organizada polos gobernadores civís ou deixada nas mans das organizacións obreiras, foi breve e pode darse por concluída o día 25. O balance dos enfrontamentos foi dunha centena de mortos, producidos especialmente na Coruña, Ferrol e Vigo. Nalgunhas vilas, como Tui ou Viveiro, a resistencia foi notable pero tamén de curta duración. 
 
  En Ordes as forzas de esquerda organizáronse para a resistencia durante a fin de semana. O día 18 chegaron instrucións do Goberno Civil de requisar explosivos. Atendeunas o tenente de alcalde Pedro del Río Caramelo pola ausencia do alcalde Germán Doval. A Garda Civil colaborou e requisou o polvorín de Fernando Liste Mosquera. Posteriormente, en cambio, mantivo unha actitude neutra e negouse a entregar as súas armas ao Comité de Defensa que encabezaba o médico Alonso Puente.
  O domingo 19 tivo lugar un feito sorprendente: os defensores da República detiveron ao xeneral José Sánchez Ocaña ao pasar pola vila cando se trasladaba no seu coche oficial desde Pontevedra á Coruña. Sánchez Ocaña fora xefe do Estado Maior central do Exército e o 18 de xullo presentara a dimisión do seu cargo ao ministro de Guerra, fuxindo de Madrid a Galicia. Aínda que se falou de que estaba en conexión cos sublevados non recibiría posteriormente cargo nin honra algún dos triunfadores, pasando ao ostracismo máis absoluto. O seu caso continúa hoxe sendo unha incógnita.
 
  O día 20 antes de anoitecer chegou a Columna Sanfins, formada por mineiros de Lousame de ideoloxía anarquista. Despois de dubidar se ir a Pontevedra ou á Coruña, gañou esta 2ª opción, así que volveron marchar acompañados de dúas camionetas cun grupo de traballadores de Mesía entre os que estaban o seu alcalde e o xastre Manuel Ponte Pedreira. Na Coruña participaron nos combates pero sen opción de victoria. Un grupo volvería a Ordes para colaborar na súa defensa, vixiando, poñendo bombas e requisando armas polas parroquias.
  As armas proviñan das casas dos dereitistas como os Concheiro, Balbino del Valle González, o médico de Mesía Jesús Gómez Aparicio, o sacerdote Domingo Barbeito Veiras ou o guarnicioneiro Francisco López Cea (que anos despois tería a casa de comidas "La Arzuana" en Alfonso Senra). Tamén foron requisados seis vehículos de Domingo Vieites Álvarez (marido de Ramona Faya), Rogelio Prado, César Pol, Antonio Concheiro, Fernando Liste e un fillo de José Faya Fernández.
  O maior incidente durante eses días foi o incendio da escribanía do xulgado (no que hoxe é Alfonso Senra 78 e que logo foi propiedade de Francisco Concheiro), parece ser que con intención de que as chamas se propagasen á casa veciña polo norte que pertencía ao ex-alcalde Antonio Concheiro. Tamén houbo detencións (Ángel e Celestino Concheiro, e José del Valle, fillo de Balbino del Valle, o dono da Casa grande de Parada) aínda que algúns significados dereitistas como o propio Antonio Concheiro ou Domingo Antonio Moar deixaran a vila por precaución. Así mesmo foi ameazado o párroco D. Ramón Mosteiro, asaltada a reitoral e danado o cruceiro de Poulo (día 20).
  En gran parte destes incidentes levaron a voz cantante esquerdistas de Santiago como Francisco Comesaña (mozo de Ascensión Concheiro), os irmáns Luis e Jesús Pasín Noya, Adonis Morón e Juan Garea Cabanas Juancillo.
 
  O esforzo dos defensores acabou o venres 24, en que se coñeceu de maneira xeneralizada o bando de guerra ditado pola VIII División Orgánica que posicionaba todo o exército a favor do bando sublevado. Os militares entraron en Ordes sen oposición, sendo recibidos por uns poucos simpatizantes.
 
  Comezaría case inmediatamente unha dura represión contra os defensores máis activos da República que se cobraría numerosas vítimas.

  O sacerdote Manuel Silva Ferreiro na súa obra "Galicia y el Movimiento Nacional", publicado en 1938 (só dous anos despois dos feitos) describe co seu particular punto de vista os sucesos destes días en Ordes e Frades.

  El movimiento revolucionario adquirió en Órdenes gran intensidad y desarrollo, ya por el crecido número de militantes, ya principalmente por la organización.
  Las milicias rojas perfectamente equipadas -provistas de armas previamente requisadas a las personas de orden, e incluso de bombas elaboradas a este fin- eran mandadas y obedecían a jefes determinados.
  Los puentes en las carreteras de acceso a la villa se habían minado, y se construyeran trincheras que defendiesen al pueblo de un posible ataque por parte de las fuerzas del Ejército. Organización en una palabra, de carácter militar.
  Cuando el 19 de julio arribaron a Órdenes, procedentes de Santiago, un Teniente de Seguridad con varios números que obedecían todavía al Gobierno de Madrid, y un pelotón de paisanos de destacada significación revolucionaria, entre los que figuraba Francisco Comesaña Rendo, existía ya en aquella villa un Comité revolucionario del que, entre otros, formaba parte Germán Doval García, que asumiera las funciones de alcalde, el maestro nacional José García Fernández, Manuel del Río Mandayo, presidente de un sindicato comunista, y Manuel del Río Pampín.
  Este comité había ordenado la formación de milicias, invistiendo de la autoridad de jefe de las mismas al médico del Ayuntamiento de Órdenes D. Alonso Alonso Puente*, que gustaba de lucir ante ellas el uniforme de comisario rojo; dispuso también la requisa de armas y los registros en casas particulares, y llegó a proponer una visita a la Casa cuartel de la Guardia Civil, con la pretensión de que esta entregase las armas que tenía en depósito.
  Adonis Morón Silva -que saliera de Santiago al frente de un nutrido grupo de comunistas- llegó hasta Órdenes, y al ver allí tanto obrero parado, creyendo tal vez que en la Coruña había trabajo para todos, allá envió una buena parte de ellos, después de arengarlos convenientemente.
  En Órdenes quedaba con todo, gente suficiente para reducir a escombros la secretaría del Juzgado, así como todo el inmueble donde esta se hallaba emplazada; para asaltar en Santa Marina de Parada la casa denominada del Pazo, y para llevarse detenido e ingresarlo en la cárcel del partido, a un hijo del propietario de la misma, D. Balbino del Valle.
 
 DISTRITO DE FRADES 
  No por ser zona montañosa y completamente diseminada, se vio libre el distrito de Frades de las propagandas avanzadas de la revolución, que allí prendieron con la facilidad que prenden siempre en cerebros poco cultivados, y plasmaron en diversos sindicatos de carácter comunista, como los de Céltigos, Gafoy, Añá y Ledoira, de cuyos centros salieron las fuerzas auxiliares que aportó Frades a la causa roja.
  En la noche del 19 de julio, acudió a casa del médico señor Briones, una nutrida comisión de hombres armados, que, tras diversas deliberaciones, acordaron la detención de D. José Botana Sánchez, secretario del Juzgado Municipal de Frades; D. Benigno Cortés Quibén, párroco de Papucín; D. Félix Ruano Bello, secretario del ayuntamiento; la esposa y un hijo de este, y Salvador Iglesias Uzal, labrador de Ledoira. Todas estas detenciones se efectuaron en la misma noche del 19; y en la mañana del 20, después de haber permanecido los detenidos varias horas en el domicilio de Briones, fueron conducidos a Santiago, escoltados por 10 escopeteros, y presentados luego al Comité de obreros de aquella ciudad, que ordenó el rápido ingreso de los detenidos en la cárcel, donde habían de permanecer hasta que el teniente Quesada los pusiese en Libertad, a las cuatro de la mañana del día 21.
  No es esto sin embargo -con ser harto grave e ilegal- el principal testimonio de acusación contra los marxistas de Frades: tuvieron además, para su desgracia, la triste y lamentable ocurrencia de permanecer en armas después de declarado el Estado de Guerra, cortando la carretera de Curtis con trozos de madera, y cometiendo otros abusos, que habían de acarrear el infortunio de muchos y la desgracia irreparable de algunos.
  Eran miembros significados del sindicato, y tomaron parte activa en los hechos que acabamos de historiar, entre otros: Ramón Calvo Budiño, Victoriano Ferreño Sánchez "Furaño" y José Gestal Castro, vecinos de las parroquias de Añá, Céltigos  y Gafoy, respectivamente.

* O médico compostelán Alonso Puente tiña como nomes Alonso Antonio, polo que nalgúns lugares figura como Alonso e noutros como Antonio. Logrou pasar a Portugal e logo a México onde casou con Estrella Concheiro García.

lunes, 17 de mayo de 2021

San Paio de Buscás

 
   A igrexa de San Paio de Buscás é a máis importante artisticamente de todo o concello porque é a que conserva máis elementos da súa orixe románica.
  Construída no lugar da Rúa en pleno Camiño Inglés arredor do século XII, sería logo reformada nos séculos XVIII e XIX. Aparece nos escritos de Frei Martín Sarmiento que pasou por Buscás o día 11 de xuño de 1754 e mencionou que a campá estaba colocada nun carballo (probablemente o que está a carón da entrada ao adro). Se nos fixamos na fachada podemos ver que a espadana e a ventá son máis modernas que o resto e teñen o estilo barroco do resto das igrexas do concello.
 

  Cunha fachada de 7 metros de anchura e case 18 metros de lonxitude, ocupa algo máis de 130 m2. Hai unha nave rectangular coa sancristía pegada ao lateral norte da cabeceira. Case todos os muros son de cantería e  ten cuberta a dúas augas.
  Na fachada está a porta enmarcada por un arco de medio punto e arquivoltas da época románica. A ambos os dous lados placas en recordo de dous sacerdotes que "gastaron a súa vida" cos fregueses: don Manuel Martínez Iglesias, párroco de Buscás entre 1914 e 1969, e don Manuel Otero Rodríguez (entre 1968 e 2003).
  Diante da porta, segundo antigo costume, está a tumba do sacerdote anterior, don Eugenio Girón Murias, soterrado en 1913, e que se asegurou de estar perpetuamente preto dos seus fregueses.
 

  No interior hai non un, senón dous arcos de medio punto que nacen de catro monumentais capiteis ornamentais. Detrás do altar hai un retablo barroco con columnas salomónicas e fondo pintado de azul. No lintel da porta de acceso á sancristía pódese ler: "HIZOSE DENVEBO ESTA SACHRISTIA Y LO MAS DE ESTA YGLESIA SIENDO CURA RIEGO AÑO DE 1732". A ese sacerdote débense tamén dous retablos barrocos un pouco posteriores que están nos laterais do templo.
  Non obstante poucos dos peregrinos se achegan á fachada ou entran na igrexa. Habitualmente confórmanse con admirar a macabra imaxe que hai no peitoril da ventá da ábsida e que representa a San Paio no momento de ser degolado. Desta imaxe podedes ver máis fotos no blog Galicia pueblo a pueblo.
 
 
  San Paio é o patrono dos ósos. Era tradición que a xente acudira a el pedindo curación e xantar de campo. Tamén hai unha copla a el dedicada.
                                     
                                     San Paíño de Buscás
                                     ten os zapatiños brancos.
                                     As meniñas de Buscás
                                     van llos ver os días santos.
  
  Para coñecer outros templos do concello preme en Igrexas e capelas de Ordes.  

lunes, 10 de mayo de 2021

O Estatuto de 1936

   O triunfo da Fronte Popular nas eleccións de febreiro de 1936 propiciou a celebración do plebiscito sobre o Estatuto de Galicia.
 
  As aspiracións autonomistas (aínda que dun grupo bastante reducido de galegos) viñan de lonxe, pero adquiriron novos bríos coa proclamación da 2ª República, pois a Constitución de 1931 definía a España como un "Estado integral" pero non unitario. Non obstante a opinión maioritaria dos partidos republicanos (que aprenderan do exemplo de como o cantonalismo afectou á 1ª República) era pouco favorable ás autonomías rexionais. De feito as condicións eran bastante severas e esixían 4 pasos:
- Elaboración e aprobación dun proxecto de texto estatutario polos parlamentarios da rexión.
- Aprobación por parte da maioría cualificada de concellos.
- Aprobación por unha maioría de dous terzos do censo electoral (non dos votantes).
- Aprobación polas Cortes nacionais.
  Soamente Cataluña superou todos estes trámites en tempo de paz. O País Vasco xa vería o seu Estatuto aprobado en plena Guerra Civil.
 
  A defensa das teses autonomistas en Galicia recaeu en dous partidos:
  A ORGA de Casares Quiroga, aínda que este desde que logrou a súa praza de ministro no bienio azañista desentendeuse bastante do asunto. De todos os xeitos a achega do republicanismo de esquerda foi fundamental na organización do Comité pro Autonomía e para levar a cabo os dous primeiros requisitos do proceso, especialmente o da aprobación polos concellos, onde a ORGA gozaba de gran poder ao controlar as deputacións da Coruña e Lugo e algúns dos concellos máis importantes, comezando por Santiago onde tivo lugar a Asamblea de Municipios en 1932.
  O Partido Galeguista (PG), fundado en 1931 nun proceso de confluencia de moi diversas organizacións de carácter galeguista e nacionalista. No momento da súa fundación, o PG xa incorpora ás súas filas a dous deputados das Cortes republicanas como eran Otero Pedrayo e Alfonso D. Castelao. Outros políticos como Villar Ponte ou Suárez Picallo farano máis tarde. En tarefas de organización interna e no deseño da estratexia estatutaria desempeñou un papel decisivo o ourensán Alexandre Bóveda. As bases sociais do PG foron nos seus inicios a mesocracia urbana e os profesionais cultos, pero a partir de 1933 o número de afiliados aumentou, tendo presenza entre o campesiñado e clases baixas.
 
  A elaboración do texto do Estatuto comezou na primavera de 1931. En decembro de 1932 Santiago comandou o proceso de organización da Asamblea de Municipios que se celebrou nos locais da Universidade. O texto foi aprobado polo 77 % dos concellos galegos que representaban a case o 85 % da poboación. Figuras decisivas daquel proceso foron o alcalde compostelán Raimundo López Pol, o concelleiro conservador Enrique Rajoy Leloup e Bibiano Osorio Tafall. Un apoio externo fundamental foi o procedente das colectividades da emigración.
 
  O paso seguinte era a celebración do plebiscito, para o que se necesitaba autorización expresa do Goberno central. A pesar de estar Casares Quiroga á fronte do Ministerio da Gobernación esta autorización non chegou. Logo a vitoria de CEDA nas eleccións de 1933 postergouna indefinidamente.
 
  Finalmente a vitoria da Fronte Popular fixo posible a celebración do plebiscito. A campaña desenvolveuse durante a primavera de 1936 e destacou pola orixinalidade e beleza dos seus carteis. Os autores foron artistas consagrados como Castelao, Maside ou Camilo Díaz Baliño e outros máis novos como Luis Seoane ou un aínda adolescente Isaac Díaz Pardo.
  Non foron tan ben os mitins e actos de campaña que se celebraron fronte á hostilidade da dereita e a indiferenza das organizacións obreiras. 
  En Ordes o 19 de marzo tivo lugar no Cine Troche un mitin onde interviñeron os avogados Manuel García Gerpe e Ramón Astray Mato como representación local xunto ao xornalista Maximino Castiñeiras García "o poeta da Maía" e ao avogado nacido en Ames Juan Jesús González
  Este último foi o fundador da Unión Socialista Gallega, unha escisión do PSOE que defendía o socialismo marxista aplicado en Galicia (o que lle custaría o fusilamento pouco tempo despois). 
  O público asistente (os convencidos) vitoreou aos oradores e á República, pero o número non era alto.
 
  O plebiscito celebrouse o 28 de xuño de 1936 e asombrosamente, a pesar de que os centros de votación estiveron case baleiros, o resultado oficial foi que votou o 74 % do censo (cun 99 % dos votos afirmativos). Nin que dicir ten que houbo un masivo fraude electoral propiciado polo dominio que os partidos da Fronte Popular tiñan dos resortes institucionais. Só Avelino Pousa Antelo (a quen coñecín persoalmente) recoñeceu coa expresión "santo pucherazo" a realidade (ata Castelao a negou). Curiosamente a partir dese momento houbo unha especie de conxura de silencio e practicamente ningún historiador menciona o fraude ata xa entrado o século XXI. Como exemplo véxase o artigo da Wikipedia.
  Obviamente o estoupido da Guerra Civil significou o fin daquel proxecto. Habería que esperar ata a transición, despois da morte de Franco, para que Galicia volvera a ter outro Estatuto e gozar de autonomía.

martes, 4 de mayo de 2021

Plantas de flores azuladas

   Unha vez máis comezo lembrando que estes artigos están destinados a profanos. Para buscar conceptos complicados e precisión científica debedes picar nas ligazóns
 

  Quizá a planta máis habitual na comarca é o modesta pero bela Pentaglottis sempervirens, das boraxináceas, abundante nos bordos de camiños, sempre mesturada con outras herbas e plantas. Coñecida en castelán como buglosa ou lengua de buey
  En portugués en cambio chámanlle olhos-de-gato. En galego recibe os nomes de borraxa e tamén lingua de boi, pero non é a única especie así denominada, pois estes nomes son comúns a varias plantas moi similares. O nome latino pentaglottis vén dos cinco pequenos pétalos azuis das súas bonitas flores e o de lingua de boi débese ao aspecto rugoso das súas follas, similar á lingua do devandito animal.
  Glandora prostrata a pesar do seu pequeno tamaño é un arbusto e tamén pertence as plantas boraxináceas. En galego é coñecida como carqueixa, herba das doas ou herba das sete sangrías e en castelán como carrasquilla azul. É frecuente vela en zonas onde tamén hai uces.
 

   Tamén da familia das boraxináceas, é a Myosotis scorpioides (en castelán oreja de ratón ou nomeolvides de agua). Como o seu segundo nome indica, ten moita querencia á humidade, así que podémola atopar con facilidade nas marxes dos regatos, prados e lugares similares. Non obstante o pequeno tamaño das súas flores de cor azul celeste normalmente faina pasar inadvertida. No paseo do río Mercurín hai unha boa cantidade. Igualmente da mesma familia podemos atopar á bastante parecida Omphalodes verna (ombliguera en castelán) que ten en inglés o poético nome de Blue-Eyed Mary.
 
  De cor azul moi clara, pero esta vez das plantaxináceas, é a Veronica filiformis, unha especie procedente de Turquía e do Cáucaso e que parece ser a verónica máis común nos arredores de Ordes. En moitos casos comparte terreo coa coñecida (polo menos de nome) pimpinela escarlata (Lysimachia arvensis), que destaca máis polas súas flores -non escarlatas senón de cor laranxa-.
 

  Vinca major, coñecida en castelán como hierba doncella e en portugués como congoça, congossa ou congonha e un arbusto que se emprega habitualmente para facer valados nos xardíns pero tamén se pode atopar silvestre. Destaca pola suavidade das súas follas e por unhas flores de cinco pétalos (de forma pentagonal) de cor azulada ou púrpura. Moi parecida é a Vinca minor, que, como o seu nome indica, é de menor tamaño.
  Jasione montana, botón azul en castelán (en galego tampouco temos un nome mellor), é unha planta que se pode atopar con certa facilidade en lugares como o paseo do río Mercurín. Inconfundibles as súas flores que poden estar illadas ou en grupos numerosos e ter formas pouco convencionais ata chegar a parecer pequenas esferas.
 

  A abundante violeta, Viola odorata, ten flores (por suposto violetas) de cinco pétalos, pero dous deles erectos e os outros non, fcendo unha figura como de aspa. En Inglaterra danlle apelativos como violeta inglesa, violeta dos bosques ou dulce violeta.
  Prunella vulgaris, a brunela, herba do ferro ou das feridas (en castelán consuelda menor) é unha pequena planta medicinal, útil contra as diarreas e para a cauterización das feridas, habitual en lugares húmidos. As súas minúsculas flores teñen unha bonita cor entre azul e violeta e están agrupadas nunha espiga da que van caendo con facilidade. Aínda que poden alcanzar certa altura é máis habitual velas case a ras do solo.
 
  Hyacinthoides non-scripta, jacinto de los bosques en castelán, é unha pequena planta que ten unhas preciosas flores de cor violeta. En inglés denomínase Bluebell -campaíña azul- e son famosas nos bosques do país, ata tal punto que se considerou cuestión de estado a competencia que lle fai outra planta similar, Hyacinthoides hispanica (adiviñade de onde procede).
 
 
  Nigella damascena, coñecida como luceiros ou barbas de vello (e en castelán como arañuela) e unha planta que se cultiva como ornamental en xardíns, pero é fácil de vela tamén silvestre. Ten unhas preciosas flores cuns sépalos más grandes e bonitos que os pétalos. Por certo que a pesar da súa beleza é unha planta tóxica.
  Mentha suaveolens, o mentraste, é unha variante moi frecuente da menta de horta. Ten unhas follas rugosas moi características e ese recendo suave e inconfundible de todas as mentas.
  Ata a década dos 60 foi moi frecuente na comarca o cultivo do liño -Linum usitatissimum-, unha planta industrial que se usaba na artesanía téxtil e que ten flores azuladas. Hoxe ese cultivo desapareceu totalmente pero aínda se poden atopar exemplares silvestres illados (por exemplo en Merelle).
  Tamén raro é o Lupinus angustifolium (altramuz azul en castelán).
  E para os que vos interesen as plantas en xeral (non só as que son máis habituais en Ordes), quí tedes PLANTAS SILVESTRES con flores de cor azulada

sábado, 1 de mayo de 2021

O Regato Mercurín


   O regato Mercurín, un dos afluentes do Cabrón, é o río que pasa pola vila de Ordes.
  Ten o seu nacemento na parroquia de Mercurín, en dúas fontes que hai preto da aldea do Vilar. Os dous pequenos regos xúntanse ao leste de Guntín e avanzan cara ao sur. Este curso alto en Mercurín ten aproximadamente uns 2,5 km.
  Pasado Mañufe o regato Mercurín intérnase na parroquia de Ordes onde o seu curso será duns 5,7 km. Preto de Vilaverde ten un pequeno afluente, o rego da Fraga. Xa ten percorrido uns 5.400 metros cando chega á vila. Uns 900 metros despois pasa por baixo da N-550 e case dous km despois desemboca no río Cabrón, moi preto do Marisans. A súa lonxitude total é duns 8.300 metros.
  Nas súas marxes está o Paseo Ramiro Recouso e un roteiro de sendeirismo (opción longa e curta). Tamén hai ata 8 muíños, algúns restaurados e outros en bastante mal estado, pero ningún en funcionamento. 

  Anecdoticamente, como acostuma pasar cos ríos pequenos, houbo sempre moita confusión co seu nome. Na parroquia de Mercurín obviamente sempre lle chamaron río de Mercurín pero en Ordes antigamente era habitual chamarlle rego da Fraga ou río da Braña. Non obstante, tanto nos mapas como en documentos notariales de principios do século XX aparece como río Carboeiro. Nos anos 80 púxose de moda chamarlle río Mirón e a principios do século XXI era habitual confundilo co Cabrón.