domingo, 28 de abril de 2019

Juan Liñares Castro

  Juan Liñares Castro naceu en 1909 no seo dunha das familias máis ricas e influentes de Ordes: os Liñares. Foi o segundo dos dez fillos de Juan Liñares Iglesias (1885-1951) e María Castro Bao (1887-1961).

  Juan Liñares Iglesias era un dos maiores empresarios da vila, banqueiro e xerente dos autobuses "El Noroeste" e da "Eléctrica de Órdenes". Politicamente estivo vinculado durante as dúas primeiras décadas do século XX ao Partido Liberal -como a inmensa maioría da elite ordense- o que lle permitiu ser xuíz municipal aínda que non tivese título de avogado. A ditadura de Primo quebrou o poder liberal e "don Juanito" buscouse a vida: en 1930 foi brevemente alcalde e coa chegada da República militou no Partido Republicano Radical de Gerardo Abad, para logo pasar sen problemas ao bando franquista.

  Juanitiño, tamén alcumado o manco dos Liñares por ter o brazo dereito case inútil (cousa que non lle impediu facer actividades físicas como xogar ao fútbol no equipo daquela época) foi un mozo guapo e de bo porte. Alumno aplicado, acadou en 1927 o título de bachiller. Logo estudou dereito na USC e rematou a carreira en 1931.
  Comezou o seu labor de avogado. Nesa época, segundo denuncia de Domingo A. Moar, Juan fai as presentacións dos mitins do seu pai e comparte as ideas republicanas. Co estoupido da Guerra Civil toda a familia alíñase (que remedio!) co bando nacional.
  Juan convértese en secretario da FET y de las JONS e preside en outubro de 1938 a  Junta de Subsidios pro-combatientes.
  Neses anos comezou a relación con Ángela Stolle Ramos, mestra en Visantoña (e posteriormente en Frades), unha das fillas do xefe de telégrafos Pastor Stolle García, que morreu en outubro de 1937. En 1938 casan nunha cerimonia íntima porque ela estaba de loito pola morte do pai.
  O matrimonio viviu en Alfonso Senra, en fronte da carpintería de José da Calzada (logo ultramarinos do seu fillo Higinio) e tivo dez fillos: Mª Jesús, Juan Pastor, Julio Mario, Gemma, Ángel, Mª del Pilar, Ángeles, Manuel, Antonio e Rosa María.

  Juan, despois duns anos exercendo a avogacía, pasou en 1940 a ser xuíz de Ordes interino e desde 1945 con praza en propiedade. En 1950 pediu a excedencia para volver dedicarse á avogacía, actividade máis fácil de compaxinar coa de alcalde.
   Seguindo a tradición familiar (o seu avó Gumersindo fora perenne alcalde de Trazo) Juan Liñares comezou na alcaldía de Ordes a finais de 1950 e ostentou o cargo (que tamén implicaba ser xefe local do "Movimiento") uns 18 anos.
  Foron tempos aínda duros pero xa lonxe da miseria de posguerra. Construíronse a Casa Consistorial e o campo de fútbol e a vila foi medrando pouco a pouco. En 1965 creouse o Círculo Cultural y Recreativo do que foi primeiro presidente.
  Nesta época tamén foi deputado provincial ata máis alá de 1970 (ano en que de paso tamén estivo na xunta directiva do Colexio de Avogados).

  1968 foi un ano clave na súa vida: en outubro morreu a súa muller Ángela, aos 55 anos, e deixou a alcaldía na que foi substituído polo seu familiar (era curmán do seu pai) Antonio Concheiro.
  Nos anos seguintes abandonou a avogacía e volveu á xudicatura como xuíz de distrito, sendo Ribeira o seu último destino. Faleceu en Sevilla o 10 de marzo de 1989.
  Está soterrado no cemiterio vello de Ordes xunto á súa muller na tumba do seu sogro Pastor Stolle.
  Só un dos seus dez fillos, Julio Mario (avogado desde 1967), seguiu a carreira paterna, e só tres fillas (Mª Jesús, Gemma e Pituca) permanecen en Ordes.

 
  Segundo o tamén avogado Jesús Varela Fraga, Juan Liñares "era un avogado que lle daba a todos os paus na súa profesión pero ao que lle gustaba especialmente o dereito civil. Era un extraordinario orador que tiña o don da palabra e ao que era un pracer escoitar no estrado. Era bo e xeneroso axudando e no seu bufete os humildes atopaban comprensión e axuda".
  Igualmente ben valorada é a súa figura en Ordes. Manuel Moar recórdao como "eterno colaborador desinteresado en todo o relacionado coa nosa vila [...] un home sinxelo, humilde, equitativo e xusto [...] e o do que gardo unha profunda admiración e respecto".

miércoles, 24 de abril de 2019

Redención dos foros

  O principal acontecemento na Galicia rural de 1926 foi o Decreto-lei de redención forzosa de foros que puxo fin á "interinidade legal" na que estaba instalado o réxime foral desde a provisión de 1763. O decreto regulaba os procedementos para que os foreiros puidesen redimir as súas rendas forais, é dicir, para que as terras que estaban gravadas con elas quedasen libres desa carga nun prazo máximo de 10 anos.

  Galicia (e outros lugares como Asturias e León) atopábase a finais do século XIX inmersa no sistema foral, o que ven significar que unha amplísima cantidade de terras pertencían a xente que non as traballaba: os foristas, aos que Vicente Risco denominaba despectivamente "o señorío"*. Estes arrendábanas aos que realmente as traballaban, os foreiros, que anualmente lles pagaban unha renda (normalmente en especie) por elas.
  Este sistema de propiedade compartida de orixe medieval dificultaba fortemente a modernización do campo, precisamente en momentos de gran competencia ultramarina, e provocaba o descontento social. Xa a finais do século XIX era evidente a necesidade dun cambio, a pesar da oposición dos grandes propietarios. O Partido Liberal especialmente deu pasos nese sentido pero nunca se concretou nada.
  A sociedade foi por diante dos políticos e moitas terras foron compradas co diñeiro que achegaron os emigrantes (era unha das moitas razóns da enorme emigración galega).
 No século XX floreceron as sociedades agrarias para as que o tema foral era o seu principal cabalo de batalla. A axitación campesiña que chegou a extremos violentos a principios dos anos 10 non logrou, non obstante, avances na lexislación.

  Nos anos 20 a necesidade do cambio xa era perentoria, tanto por motivos económicos como de estabilidade social. Había dúas posturas: a abolicionista (dar as terras aos foreiros sen ningunha compensación aos propietarios) e a redencionista (os foreiros tiñan que "redimir" a terra, é dicir, pagar unha compensación aos foristas). A primeira, máis radical, era a defendida pola CRAG (aínda que bastantes dos que a desexaban xa sabían que era unha utopía). A segunda era a tendencia maioritaria, especialmente apoiada polo sindicalismo católico, pero dada a diversidade sociolóxica dos seus compoñentes, discrepaban grandemente sobre as cantidades a pagar pola redención.

  A solución que deu a ditadura de Primo non foi improvisada. Desde 1924 o Réxime promoveu a realización dunha enquisa encargada aos Rexistradores da Propiedade, co obxecto de dispoñer dunha estatística precisa dos foros e dereitos análogos existentes en Galicia. Os resultados revelaron que a contía destas rendas non era moi elevada (uns 6 millóns e medio de pesetas), pero que aínda constituían un grave problema para a organización do sector agrario galego, pois eran centos de miles de hectolitros de cereais e de viño os que os labradores debían destinar ao pago das súas obrigacións cos foristas. Con todos estes datos na man, en xuño de 1926, viu a luz o decreto de redención, de carácter obviamente moderado. Vicente Risco afirmou seis anos despois que "la cuestión foral había sido ganada recientemente por el señorío cuando había temido seriamente por su pérdida".
 
EL PUEBLO GALLEGO 25-06-1926
LA REDENCIÓN DE FOROS    LOS TIPOS QUE SE FIJAN
  Madrid.- El Decreto relativo a la redención de foros en Galicia, Asturias y León quedó aprobado y se ha redactado sobre las bases de la ponencia que nombró el Directorio, si bien con algunas, aunque pequeñas modificaciones.
  En dicho decreto se fijan los tipos del 4 1/2, 5 1/2 y 6 1/2 por ciento como máximo y se nombran tribunales mixtos, casi paritarios, presididos por el juez de la localidad respectiva.
  Estos tribunales se formarán con el registrador de la propiedad, un notario, un forero, un forista y un representante de cada una de las Cámaras Agrícolas y de Comercio.
  En el decreto se exceptúa del auxilio del Estado a los foros pobres, para que se rediman mediante préstamo que les facilitará el Crédito Agrícola.  
 
  Non houbo abolición e as compensacións eran bastante altas, pero polo menos o decreto tivo a virtude de acabar coa indecisión dos gobernos anteriores (os da Restauración) e de dar forma legal ao que na práctica viñan facendo de forma privada pagadores e perceptores de rendas.
  Así, a pesar de cambios políticos posteriores, o réxime foral quedou liquidado, aínda que a súa morte legal aínda tardaría medio século coa Compilación do Dereito Civil de Galicia, que fixou o ano 1973 como última data para admitir preitos sobre materia de foros.
  Pero o problema quedou eliminado naquel ano de 1926 e foi a principal razón que explicaba o entusiasta apoio que o mundo rural deu á ditadura de Primo de Rivera.
 
* Non era exactamente así. Os foreiros eran na maioría dos casos labradores pobres, pero tamén había propietarios acomodados e clases medias urbanas. Os foristas eran xeralmente rentistas fidalgos ou burgueses pero tamén propietarios de mediano rango. Incluso algúns labradores xuntaban as dúas condicións.

jueves, 18 de abril de 2019

A familia Pol

  Unha das familias máis ricas e importantes de Ordes foron os Pol. Tiñan unha enorme cantidade de terreo que ía desde a parte norte de Alfonso Senra (61-65) ata máis alá da Rúa Nova e da Rúa do Camposanto.

  O patriarca da familia no século XIX foi o extravagante e famoso notario Florencio Pol Ramos (1824-1902). Do seu matrimonio con Francisca Caamaño y Quiroga (1822-1892) tivo 10 fillos: Carmen, Sofía, Clotilde Elisa, Pastora, Rita, Julio, Carlos, Aurora e dous Florencios (mortos novos) que, en xeral, herdaron as ideas progresistas e republicanas dos pais e participaron en loxas masónicas.
  Varias das fillas morreron novas e solteiras. Carmen Pol Caamaño, en cambio, casou en Santa María de Vigo con Felipe Romero.
 
  Sofía Pol (m.1918) casou co farmacéutico José Mª Carballido Liñares (1854-1919) e serían os pais de Augusto (m.1920) e Josefina Carballido Pol (m.1926). Esta última casou en 1912 con Santiago del Río e herdarían a farmacia de arriba.

   Carlos Pol (n.1862) casou con Josefa Crespo Puente (irmá de Carmen -muller do seu irmán Julio- e de Dolores, a muller de Vicente Carnota). Con ela tería varios fillos: Julio, Pastora, Ramiro, Lucila e Pablo, todos nacidos en Ordes. Carlos foi todo un personaxe: procurador, mestre laico, escritor, xornalista e fundador da loxa masónica de Ordes en 1891. Emigrou a Arxentina en 1906 e alí viven os seus descendentes.

  O outro fillo, Julio Pol Caamaño (1860-1941), foi un dos personaxes máis importantes da historia ordense durante os primeiros anos do século XX. De mozo compartiu as ideas republicanas do seu pai, ás que engadiu certo grao de galeguismo. Foi membro dunha loxa masónica, militar -foto- (aínda que pronto se retirou do exército), fiscal municipal, escritor e gran debuxante. Tanto colaborou co semanario republicano "La Libertad" ou a revista "Estudios Gallegos" como impulsou nos anos 10 a creación de asociacións agrarias na comarca, pero tamén deseñou o novo cuartel da Garda Civil e a capela do cemiterio do que foi un dos artífices (parte del estaba nos terreos familiares). 

  Progresivamente suavizadas as súas posturas políticas coa idade, chegou a ser alcalde en 1924 e cabo do Somatén na época da ditadura de Primo de Rivera e conviviu co franquismo sen problemas.
  Casou dúas veces, a primeira con Carmen Crespo Puente (irmá de Josefa e de Dolores). Con ela tivo un fillo varón, César, e tres mulleres: Julia, Francisca e Carmen. Logo casou con María Amor del Río coa que tería 3 fillos máis: Horacio, Marina e Elisa -que morreu bastante nova-.

  Carmen e Francisca viviron en Santiago e non casaron.
  Julia Pol Crespo (m. 1963) casou co mestre Lisardo Castro Amor (1896-1986) o Peseta, fillo do médico de Trazo Julián Castro Amor e de Ascensión Amor del Río. O matrimonio tivo 4 fillos: Alfonso, Pastora, Julio e Francisco Javier, que pasaron os primeiros anos de vida en Cedeira.
  Alfonso, que casou en 1960 con Mª del Pilar Cristín Pérez, vive en Francia e Francisco Javier, médico, en Canarias. Pastora (m. 2011) permaneceu na vila e non casou. O 3º fillo é o avogado, moi coñecido por traballar moitos anos de profesor de bacharelato, Julio Castro Pol, casado con Concha Murga López. Unha das súas fillas, Marta (tamén avogada), casou con Benedict Stutt, o profesor de inglés da Hammersmith School.
  Marina Pol Amor, a filla máis nova, casou con Mariano del Amo Algara, director de institucións penitenciarias na época republicana e profesor en Ordes (e tamén irmán do famoso director de cine Antonio del Amo). Viviron en Alfonso Senra 65, pero logo venderon a casa a Manolo de Prado e marcharon á Coruña. A súa única filla, Ofelia del Amo Pol, propietaria dunha farmacia en Monelos, foi presidenta durante unha década do Colexio de Farmacéuticos.

 
En canto aos irmáns varóns, César Pol Crespo (n.1892), que empezou sendo carpinteiro e do que anecdoticamente sabemos que medía 1,69 metros), despois de marchar a Arxentina e retornar, viviu en Alfonso Senra 1 (na que logo foi a casa de García o zapateiro) e tivo unha filla que casou para Carballo.
  Horacio Pol Amor (1904-1993), xefe de telégrafos de Ordes, casou con Mª Socorro Louro Parada (filla do que fora secretario do Concello de Ordes José Antonio Louro e de Mª Dolores Parada -de importante familia conserveira de Porto do Son-). O matrimonio tivo 4 fillas: Mª Dolores, Amalia, Marina e Mª José.
 
  As tres maiores marcharon de Ordes. Mª Dolores Mariola (1934-2010) casou cun prestixioso avogado de Santiago, Evaristo Nogueira Romero, co que tivo 3 fillos: Evaristo (tamén avogado), Miguel e Bernardo.  
  Amalia (1935-2022) casou con José Bispo Encisa e tiveron dous fillos: Fernando e Marta. Marina Nenuca con Antonio Nieto Noya co que tivo 9 fillos!
  A menor, Mª José Pol Louro, é a única que quedou na vila. Do seu matrimonio con Alfonso Souto Souto tivo cinco fillos (Alfonso, Horacio, José, Mario e Martín), case todos moi loiros, alcumados na súa xuventude os Poles ou os Horacios. De todos eles os máis coñecidos son Horacio, profesor de Educación Física no instituto de Ordes, e José Souto Pol que actualmente vive en Canarias pero que rexentou un famoso pub na vila.

martes, 16 de abril de 2019

A voltas co tren

  A liña férrea que había entre Santiago e Coruña no século XX foi construída despois da Guerra Civil e inaugurada en 1943. O que poucos saben é que houbo un primeiro intento de construción durante a ditadura de Primo de Rivera, concretamente en 1926, cando naceu o Plan Guadalhorce que buscaba mellorar a rede ferroviaria e de paso reducir o paro obreiro a través das obras públicas.

  Cando se difundiu a noticia e se coñeceu o trazado* previsto, a preocupación dominou aos ordenses. Do mesmo xeito que en 1920 con aquel proxecto de tranvía que non chegou a callar, a liña afastábase moito da vila, o que supoñía un durísimo golpe para ela.
  Así que, como cinco anos atrás, unha comisión de notables ordenses achegouse á Coruña para tentar reverter a situación. Máis de 30 persoas (a práctica totalidade das "forzas vivas"), encabezadas polo alcalde Manuel García Rivas, viaxaron en maio de 1926 á cidade. Alí entrevistáronse co gobernador civil que era o tenente coronel de Infantería José Pérez García Argüelles (levaba só un día no posto), o presidente da Deputación provincial xeneral Aquilino Caruncho Crosa, o enxeñeiro do Estado Antonio Hernández e finalmente o enxeñeiro José Fernández-España Vigil (o autor do proxecto).
  A comisión ordense expresoulles que para a zona era unha cuestión "de vida ou morte", pois de non pasar o novo ferrocarril polas súas inmediacións Ordes viría quedar illada dos dous principais centros urbanos da provincia e, por tanto, en inferioridade de condicións con respecto aos poboados que atravesaría a nova vía de comunicación.
  Os interlocutores escoitaron "atentamente" e consideraron "viable" un cambio de trazado, aínda que non esconderon que iso aumentaría o custo.
A comisión entrevistouse despois co alcalde da Coruña Manuel Casás Fernández e cos directores dos xornais locais para solicitar o apoio ás súas aspiracións.
  Regresaron a Ordes ese día "moi satisfeitos coa acollida e dispostos a perseverar".

Os integrantes da comisión eran:
Alcalde: Manuel García Rivas.
Concelleiros: Jacobo Amor del Río e Manuel Calvo Pérez.
Secretario municipal: José Antonio Louro Louro.
Párrocos: Nemesio Morgade (Ordes) e Antonio Duro (montaos).
Xuíz municipal: Ramón Astray Mato. Xuíz municipal suplente: Manuel Pérez.
Notario: Pablo de Torres.
Avogados: Domingo A. Moar Veiras e Antonio García Leyra.
Procuradores: José Carnota Pérez e Manuel Astray Mato.
Fiscal municipal: Pedro del Río Caramelo.
Médico municipal: Francisco Liñares Iglesias.
Farmacéuticos: Santiago del Río Seoane e Manuel Álvarez del Río.
Veterinario municipal: Manuel Castro País.
Industriais: Manuel García Bermúdez, Antonio Viqueira, Fernando Liste, 
José Romero, Ezequiel Astray, Manuel Mosquera, Ramón Faya, José Mariño, 
Antonio Verea, Manuel Franqueira, Manuel Castro e Manuel Castro Liste.
Acompañaba o patriarca dos Liñares, Gumersindo Liñares.

* En Ordes sempre se pensou que houbo escuros intereses nese trazado lonxe da vila pero era bastante lóxico, tanto para unha prevista posible conexión con Carballo como para evitar da mellor maneira as altas terras do Mesón do Vento.

sábado, 13 de abril de 2019

Aves acuáticas

  Ata os anos 80 do século XX a presenza de aves acuáticas na comarca de Ordes era moi escasa. Isto cambiou cando se erixiu a Central Térmica de Cerceda. Para abastecela de auga construíronse dous encoros, o de Vilasenín (1979) e o de Vilagudín (1981).
  Estas masas de auga de 38 e 162 hectáreas (2 km2 de superficie en total) comezaron a atraer unha gran cantidade de aves acuáticas.
  Hoxe é posible ver alí centos de gaivotas especialmente patiamarelas e escuras. Outras especies de gaivotas son menos numerosas (aínda que para un profano son todas moi parecidas e difíciles de distinguir agás a gaivota chorona que é case branca). Fóra da época de cría usan os encoros como lugar de descanso e limpeza da súa plumaxe.
  Da mesma orde que as gaivotas son a avefría que se alimenta de insectos e moluscos, a píllara dourada e o moito menos abundante mazarico.
  Os anátidos ("forma de pato") son tamén frecuentes, especialmente os lavancos e, en menor medida, as cercetas.
  Abundan os mergullóns e son cada vez máis comúns os corvos mariños e as garzas.

(Larus Michahellis)
gaviota patiamarilla
(Larus fuscus)
gaviota sombría
(Larus argentatus)
gaviota argéntea
(Larus canus)
gaviota cana
(Chroicocephalus rudibundus)
gaviota reidora
(Vanellus vanellus)
avefría europea
(Pluvialis apricaria)
chorlito dorado
(Numenius arquata)
zarapito real
(Anas platyrhynchos)
ánade real, azulón
(Anas penelope)
ánade silbón
(Anas crecca)
cerceta común
(Aythya fuligula)
porrón moñudo
(podiceps cristatus)
somormujo lavanco
(Ardea cinerea)
garza real
(Fulica atra)
focha común
(Phalacrocorax carbo)
cormorán

  O número é algo maior, porque tamén se teñen visto (pero en escaso número) especies como o bilurico ou o pato rabilongo e outras non acuáticas como a andoriña dos penedos, o picafollas ibérico, o miñato queimado e, ocasionalmente, a aguia peixeira.

 
  É difícil facer un catálogo exacto de especies porque as aves son animais moi móbiles que poden establecerse nunha zona (ou marchar dela) en relativamente pouco tempo. Tal feito sucedeu coa rula turca que non existía na comarca antes dos anos 90 do século pasado e que agora é moi abundante.

  Unha especie que está penetrando na comarca é a cegoña. En 2012 unha parella estableceuse en Olas (Mesía). Un veciño do lugar, Manolo Blanco, declarou que logo volveron ano tras ano e confirmou que había tres niños máis noutros lugares. Tamén foron avistadas máis recentemente en Abellá (Frades), en Xesteda e en Andoio (Tordoia) que pode ser o lugar máis occidental de Galicia onde atopalas.

  Contra o que puidese parecer non é o quecemento do clima o que as impulsa, senón fundamentalmente a dispoñibilidade de alimentos. Tampouco é certa a querenza polos campanarios: prefiren árbores ou unha estrutura natural, pero se non a teñen é cando buscan construcións humanas.

lunes, 8 de abril de 2019

Novas dos anos 20

  A década dos 20 foi pródiga en sucesos, algúns habituais como as liortas, outros tristes e algúns bastante curiosos (polo menos aos nosos ollos).

  En maio de 1922 a desgraza ocorreu na parroquia de Buscás. Manuel Martínez Viso, un neno de 11 anos, pasaba a noite dentro dun hórreo cheo de palla que se incendiou (probablemente porque estaba fumando). O corpo apareceu totalmente calcinado.Tamén en 1922 os irmáns José e Manuel Bascoy Pereira acabaron no cárcere por prenderlle lume a un palleiro de don Vicente Monteagudo, párroco de Vilamaior, e ademais romperlle varios cristais. Claramente tíñanlle pouco aprecio. 
  Desgraza bastante peculiar foi a de Manuel Villaverde Mosquera que morreu aos 38 anos de idade en xuño de 1922, aparentemente de infección producida pola picadura dunha mosca que antes picara a un fermoso boi (comprado na feira da Ascensión de Santiago). Segundo El Ideal Gallego "el buey también murió al propio tiempo que su amo y dando terribles rungidos".
  Algún xornalista previsor advertía ese ano 1922 dos perigos do tráfico queixándose da "velocidad vertiginosa" á que pasaban os autobuses das distintas liñas pola vila de Ordes.

  En 1924 houbo un roubo, cousa nada sorprendente. O curioso é a lista de obxectos roubados polo veciño de Froxil (Ardemil) Andrés Louro, de 36 anos nesa época, ao veciño de Ordes José Picos, e que consistían nunha saba, un mantel, unha camisa de home, outra de neno, un caldeiro de zinc e ... uns calzóns*.
  En decembro de 1926, Ramón López, un zapateiro viúvo con 7 fillos ao seu cargo, afogouse nunha gabia de 3 metros de profundidade chea de auga polas abundantes choivas invernais. Segundo La Voz de Galicia o buraco era un pozo para un depósito de fariña no campo da feira. El Pueblo Gallego, en cambio, sostiña que o pozo era para instalar un chafariz mecánico de gasolina. Pouco lle debeu importar iso ao infortunado zapateiro de quen se comentou que quizais ía un pouco cargado de viño cando tivo o accidente.
  En setembro de 1928 a desgraza, por partida dobre, tivo lugar no Bidueiro. Manuel Veiga de 46 anos e Rufino García de 27, naturais de Marzoa (Oroso) estaban a cortar castiñeiros nun monte dos López Rioboo e quixeron gorecerse dunha choiva torrencial baixo unha pila de troncos. O resultado foi morrer aplastados por eles.
  Menos tráxica foi a historia de Dolores García Pérez, unha moza de 28 anos de Ordes que servía de criada en Coruña e que foi vítima do "timo do casamento". Deulle a Luciano Sánchez, o seu presunto futuro marido, 815 pesetas pero pasaron os meses e a voda non chegou, así que rematou por denuncialo á policía.

  Por suposto o número de pelexas e liortas seguiu sendo alto e só mencionaremos algunhas delas.
  En agosto de 1921 José Suárez Sánchez levou unha puñalada de parte de Antonio Regueiro Mandayo. Tamén en agosto (época de festas) de 1923 Andrés Méndez Calvo de Ordes acabou no hospital con fractura de parietal dun certeiro estacazo propinado polo mozo de Pereira Manuel Souto.
  En 1926 houbo unha gran pelexa na romaría de Ardemil. José Carmelo Lozano, Juan Ramos Botana, Juan José Garaboa Gende e Manuel e Antonio Moar, veciños dás Encrobas mallaron aos veciños de Ardemil José e Jesús Bouzas Benito.
  Finalmente, en decembro dese mesmo ano, na taberna de Maximino Rey del Río en Montaos, houbo máis que palabras entre os mozos Antonio Rodríguez Vázquez de 24 anos e José García Varela de 29. Maximino, vendo que a cousa se poñía mal, botounos á rúa, onde comezaron a pelexarse. A muller do taberneiro, Manuela Moure Gómez, menos intelixente ca el, foi separalos e levou un cuchillazo na cara cortesía de José García. Logo, este pretendeu facerlle o mesmo a Antonio pero un paraugazo* na cabeza freou os seus ímpetos. O caso, como non, chegou ao xulgado.

* A pesar do que digo arriba, os roubos de roupa tendida para secar eran bastante frecuentes.
  Os paraugas daquela época "de 7 parroquias" non se parecían en nada aos que agora se poden comprar nos bazares chineses. Macizos e pesados, aparte de protexer da choiva, ben usados eran un arma case tan efectiva coma un garrote.
 

sábado, 6 de abril de 2019

Escudos no Bidueiro

  Os escudos do pazo do Bidueiro son bastante antigos e moi interesantes porque axudan a coñecer a historia da súa familia propietaria. O escudo principal está situado na fachada oriental do pazo e hai outro, máis pequeno e sinxelo, na fachada da capela.

  Desde a construción do pazo no século XVII ata mediados do XVIII, os propietarios foron os Becerra, que procuraron, mediante vodas con parentes, manter unidas as súas propiedades e que non se perdera o apelido. Tiñan no seu escudo heráldico dúas becerras de goles en campo dourado. No escudo de pedra do pazo a familia está representada por 8 becerras que van de esquerda a dereita por unha bordura que rodea os 8 cuarteis centrais.

  O primeiro cuartel (unha torre con dous leóns rampantes) representa aos Torre. O segundo (a cabeza dun lobo) representa aos Moscoso, unha poderosa familia que tivo a súa orixe na parroquia de Ardemil, concretamente nunha fortaleza (hoxe desaparecida) que había a escasos 300 metros de onde agora está o restaurante Chaussy II.
  No terceiro cuartel hai unha especie de taboleiro de xadrez -o que en heráldica se denomina xaquelado- que representa aos Bermúdez, unha familia tan importante na historia da comarca que tamén forma parte do último escudo do Concello de Ordes, o que se utiliza desde o ano 2008.

  No cuarto podemos observar un piñeiro con 10 lanzas, 5 en cada lado, que representan á familia Caamaño.
  No quinto cuartel hai 7 círculos -roeles* en xerga heráldica- representando á familia Castro, que descendía segundo a lenda do propio rei García. O roel do medio pode ser unha liberdade creativa do canteiro porque o escudo dos Castro só tiña 6 roeles. Quizais fixo o mesmo co sexto cuartel que representa aos Villardefrancos, quen habitualmente tiñan no seu escudo só un brazo cun estandarte, pero aquí vese un cabaleiro completo con espada e unha torre detrás.
  Ademais do sexto, o sétimo e oitavo cuartel representan o novo sangue que chegou a mediados do século XVIII cando Mª Esclavitud Becerra casou con Bernardino José de Rioboo. Así a torre rodeada dunha silva representa á familia Rioboo e as barras diagonais aos Varela con quen estes estaban emparentados.

  O escudo da capela é unha copia máis pequena e simple (e tamén está en peores condicións de conservación, probablemente porque está nun lugar máis sombrío).
  Segue habendo 8 becerras pero hai unha curiosa diferenza: mentres as 3 de arriba manteñen a mesma dirección que no escudo grande, as outras 5 "marchan" en dirección contraria. Os 8 cuarteis quedan reducidos a 6, eliminándose as familias Castro e Villardefrancos.
 
 
* Non hai unha tradución exacta de roel ao galego. En portugués denomínase arruela ou roundel.
Para máis información sobre heráldica de familias galegas:

jueves, 4 de abril de 2019

1926: Tempos de redención

  1926 foi un bo ano. Claro que gobernaba Stalin na URSS e Mussolini en Italia pero en xeral non houbo demasiada queixa.

  En España o réxime de Primo de Rivera (agora Directorio civil) estaba no seu mellor momento. Había pouco que rematara a guerra en Marrocos co que se solucionara un dos máis graves problemas que tivera a nación durante a Restauración. Ese ano, en xuño, o goberno apuntouse un novo tanto co Decreto-lei de redención de foros (unha das reivindicacións bandeira dos agraristas desde finais do século XIX). A alegría que sentiron os campesiños foi tal, que décadas despois aínda moitos recordaban con gratitude a figura de Primo de Rivera.
  Non obstante non todo foi festa. A caótica política militar do goberno levou ao primeiro intento de golpe de estado, tamén en xuño (motivo polo que foi chamado a Sanjuanada).
  En setembro Primo realizou un plebiscito informal, demostrando así que contaba co respaldo popular, para presionar ao rei e que este aceptase a súa proposta de convocar un parlamento non elixido. Alfonso XIII resistiuse pero acabaría asinando en setembro de 1927 a convocatoria da Asamblea Nacional Consultiva, que tentaba ser a peza crave da institucionalización do réxime.
 
  Fóra do ámbito político, en 1926 a figura máis destacada en España foi un Franco (pero non Francisco, aínda que chegase a ser o xeneral máis novo de toda Europa aos seus 33 anos) senón o seu irmán Ramón Franco que efectuou a principios do ano un histórico voo co avión "Plus Ultra" que o converteu -xunto a toda a súa tripulación- nun heroe nacional. En 1927 sería o norteamericano Charles Lindbergh quen, co seu "Spirit of St. Louis", realizaría o primeiro voo transatlántico sen escalas, que tamén lle trouxo aparexada unha fama mundial e tristes consecuencias na súa vida familiar (o seu fillo morrería secuestrado).

  Para Ordes non foron malos tempos tampouco, aínda que houbo un importante susto cando parecía que ía suprimirse o xulgado, cousa que afortunadamente non sucedeu. O ano 1926 comezou cun visitante ilustre: o novo arcebispo Julián de Diego García de Alcolea. Chegaron novos funcionarios á vila como o notario César Antonio Sánchez Paniagua que permanecería 7 anos nela ou o secretario do xulgado José Medina Pérez que só estaría 3 anos. Tamén foi nomeado (e con polémica) médico do 2º distrito Francisco Liñares Álvarez, da coñecida familia Liñares, e o mestre Valeriano B Martínez. Pedro del Río Caramelo inaugurou o "Café bar Pedro" e Manuel Calvo Malé (da ferraxería) converteuse en representante da Compañía alemá "Sud-Americana", vendendo pasaxes aos emigrantes.
  Non foi tan bo ano para as farmacias: morreron Santiago del Río Seoane, o propietario da farmacia de arriba, e Ángel Álvarez del Río, médico que vivía en Santiago, da familia da farmacia de abaixo. Tamén morreron o panadeiro Manuel Castro Liste* (sogro de Juan Liñares e do ex-secretario do Concello Jesús Cubeiro), José Villaverde (irmán de Pedro do Piñeiro), o neno Roberto Bascoy Liste (fillo do mestre de Trazo), María Veiras Pérez (1873-1926, irmá do patriarca dos Veiras de Pardiñas, casada con Jerónimo Villaverde e nai dos Veiras da Espenica?), e o carteiro da vila, Pedro del Río Recouso, sendo substituído polo seu fillo Manuel del Río Pampín (que xa exercía pero sen cobrar desde 1923). Este último, avó do profesor de tecnoloxía do instituto Manuel del Río, sería un dos fusilados en Boisaca en 1936.
  Como curiosidade, a principios de 1926 os xogadores do Deportivo concentráronse en Ordes para aproveitar o seu "salutífero clima de montaña" e (suponse) afastarse das tentacións da Coruña ante un transcendental choque co Celta de Vigo (que, á súa vez, concentrouse en Gondomar). Sexa que Ordes non era tan bo como Gondomar, ou que sinxelamente o Celta era mellor (era perenne campión de Galicia), o partido, xogado o 7 de febreiro, acabouno gañando 4-2.
 

  En 1927 (o ano da 1ª película sonora) a gran noticia foi a inauguración dunha estación telefónica na vila, pero tamén houbo lugar para festas e para visitantes ilustres como Millán-Astray ou os propios reis. Antón de Simón, que xa tiña casa de hóspedes, tamén montou un bar de comidas. Manuel Mirás Gómez casou no mes de xuño en Calvente (Oroso) con Mª Josefa Blanco, filla do industrial Gregorio Blanco. José Prego Gestal de Ardemil acadou unha pensión de 150 pesetas e outros beneficios por lograr ter 9 fillos. Morreron o comerciante Buenaventura Caramelo Paz (que vendía El Ideal Gallego), María García Garaboa, viúva de Iglesias, o rico propietario de Barbeiros Pedro Pérez Souto (o patriarca dos Peres) e Manuel Figueira Bello de Parada. O ano rematou co establecemento da oficina central encargada do traballo das obras do ferrocarril (que non chegarían a bo porto). 

* No ano 1904 queimouse un almacén de leña propiedade do deputado provincial Celestino Amigo causando danos por valor de 1.500 pesetas. Os seus veciños, cos que se levaba mal xa os que tiña denunciado por usurpación de propiedade, Manuel Castro e a súa muller Emilia Bao foron os principais sospeitosos pero non se demostrou nada.