viernes, 28 de enero de 2022

O ano 2003


 
   Se hai que resumir o ano 2003 en dúas frases serían "Nunca máis" e "Non á guerra".
 
  O desastre do Prestige ocasionou o nacemento da plataforma cidadá "Nunca máis" que xa organizara unha histórica manifestación en Santiago no ano 2002. Continuou facendo oír a súa voz os primeiros meses de 2003. 100 días despois do afundimento organizou outra marcha na Porta do Sol de Madrid tamén multitudinaria, pero logo foise desinflando debido á que xente percibiu que unicamente servía aos intereses do BNG. O goberno reaccionou inxectando fondos aos lugares máis afectados polo chapapote e as eleccións municipais do 25 de maio deixaron ferida de morte a "Nunca máis" cando o PP aguantou e mesmo subiu o número de edís nos concellos da costa mentres o BNG baixaba.
 
 
  O outro gran tema mundial foi a Guerra de Irak que comezou o 20 de marzo pero que levantou unha onda de protestas xa desde principios de ano. O día 15 de febreiro houbo manifestacións nunha morea de países. Destacou a de Roma que reuniu uns tres millóns de persoas. En España calcúlanse entre 8 e 11 millóns os manifestantes que houbo nas diversas cidades aquel día. Segundo as enquisas un 90 % da xente estaba en contra desa guerra. Destacou tamén a oposición da xente da cultura.
 
  ORDES comezou o ano seguindo con atención o xuízo contra José Manuel Queijo (entón con 34 anos) polo asasinato de Manuel Gómez Ramos, un home de 51 anos, que aparecera morto con máis de 40 puñaladas o 31 de xuño de 1994 no chalé que coidaba en Fosado. Seis anos despois en xaneiro de 2001, Queijo, con problemas de esquizofrenia, autoinculpouse do crime. A razón que deu foi que o morto ao que compraba coellos "cobráballos moi caros". Relatou o crime con tanto detalle que a Garda Civil creuno. Logo retractouse e explicou que unha discusión coa súa nai e unha bebedeira posterior impulsárono a confesar ese crime que non cometeu e do que rematou por ser absolto en febreiro.
 
 Pero o que realmente empezaba a preocupar á maioría dos ordenses era o descontrol que estaba a afectar á movida. Eran habituais os botellóns e os actos vandálicos cada fin de semana. En febreiro tivo lugar unha tremenda pelexa entre uns 200 mozos do Birloque e Monte Alto que durou varias horas. A afluencia de mozos non baixou pero a movida quedou marcada. Os veciños do Campo da Feira proseguiron coas súas denuncias e lograron que o Valedor do Pobo investigase esa problemática. A Xunta Local de Seguridade reuniuse en decembro co subdelegado do Goberno, José Manuel Pérez Díaz, e tomouse o acordo de ampliar a vixilancia: dúas patrullas da Garda Civil acompañarían aos 5 axentes municipais. Os hostaleiros estaban moi molestos porque crían que os problemas da movida "estaban a esaxerarse" e que Ordes gozaba dunha das noites máis tranquilas de Galicia, pero ofrecían a súa colaboración. Por certo, tanto o alcalde Martino como o concelleiro de Seguridade Cidadá, Manuel Regos, tamén formaban parte do empresariado de hostalería.
  Non obstante a movida non só proporcionaba noticias negativas, tamén daba para algunha anécdota, como cando a noite do sábado ao domingo 2 de novembro unha parella quedou atrapada nos aseos do pub Planet e non puido saír ata o día seguinte.
   Outro punto de interese foron as eleccións municipais do 25 de maio que viron unha nova victoria de Martino e do PP que se achegaron ao 50 % dos votos.
 
ELECCIÓNS MUNICIPAIS en ORDES 2003
Censo
11.742
 
Partidos
Edís
Votos
%
Votos emitidos
8.331
PP
9
3.852
47,39
Abstencións
3.411
BNG
3
1.693
20,83
Votos en branco
102
PSOE
3
1.664
20,47
Votos nulos
100
CDI
2
920
11,32
 
  As festas de Ordes estreáronse ese ano co Festival Rock de Ordes. O cantante Loquillo (xunto ás bandas Marjory e Kastomä) atraeu a 5.000 visitantes.
  O ano acabou coa fortuna sorrindo ao Mesón do Vento. Os empregados da sucursal do Banco de Santander venderon uns 200 décimos do número premiado co gordo de Nadal que deixaron uns 40 millóns de euros na zona, aínda que as celebracións non foron ostentosas.
 
  2003 foi o ano en que coñecemos a Jack Sparrow en "Piratas do Caribe" e ao peixe Marlin "Buscando a Nemo". Tamén houbo filmes tan carismáticos como "Kill Bill" e tan interesantes como "Mystic River" ou "Te doy mis ojos".
  Musicalmente escoitamos a Beyoncé co seu "Crazy in love", a Dido coa súa fermosa "White Flag" e á simpática "Hey ya!" de Outkast, pero o premio á máis pegañenta foi sen discusión para O-Zone con "Dragostea Din Tei". 

martes, 25 de enero de 2022

Poboación da comarca 2021

 
   As cifras de poboación do ano 2021 foron as máis atípicas de toda a década. A causa? o COVID 19 que golpeou duramente o mundo no ano 2020.
 
  Contrariamente ao que sería de esperar, non houbo unha maior perda de poboación polos efectos da pandemia. O feito de que a maioría da comarca sexa unha zona con gran cantidade de pequenos  e dispersos asentamentos rurais dificultou a transmisión do virus e non houbo un gran aumento de defuncións con respecto aos anos prepandémicos.
 
   Polo contrario, algúns residentes en cidades e vilas grandes preferiron ese ano escapar do perigo na medida do posible establecéndose nas casas dos seus antergos, o que fixo que algún concello non só non baixase, senón que aumentase levemente.
  Así, a comarca quedou en 2021 con 36.203 habitantes, perdendo só 34, cando o habitual era restar máis de 200 ou 300 cada ano. O concello que máis caeu foi como de costume Tordoia, que aínda así non chegou ao 1% de perda cando outros anos estaba entre o 2 e o 3%. Outra novidade foi a lixeira caída de Oroso que habitualmente no último lustro era o único que estaba en números positivos.
  Sorprendente que os dous concellos que gañaron poboación fosen Frades e Trazo, cousa que non pasaba desde o ano 2002, nun contexto completamente distinto de gran fortaleza económica. Naquel ano Frades aumentara 13 habitantes e Trazo 46 (casualmente os mesmos que no 2021).
 
01: Vigo
283.837
 
11: Arteixo
32.894
02: A Coruña
245.468
 
12: Ames
31.993
03: Ourense
104.596
 
13: Carballo
31.414
04: Santiago
97.858
 
14: Culleredo
30.758
05: Lugo
97.613
 
15: Redondela
29.192
06: Pontevedra
83.114
 
16: Ribeira
26.839
07: Ferrol
64.785
 
17: Cangas
26.708
08: Narón
38.913
 
18: Cambre
24.616
09: Vilagarcía
37.545
 
19: Marín
24.248
10: Oleiros
36.922
 
20: Ponteareas
22.942
 
 No resto de Galicia houbo pequenos cambios. Os 20 primeiros concellos foron os que vedes na lista anterior. Ordes, no posto 46, era o único concello da comarca que estaba entre os 50 máis poboados.

sábado, 22 de enero de 2022

A elite ordense en 1940

   No ano 1940 o alcalde, que naqueles tempos por mor de vir da Guerra Civil, tiña un poder enorme (como se demostraría o ano seguinte cando cruzou as leiras das familias máis importantes de Ordes coa nova rúa Generalísimo), era o militar retirado Arturo Pérez Loureiro. O secretario do Concello era en 1939 Ángel Concheiro Iglesias, pero en 1942 chegaría o seu tío de igual nome, Ángel Concheiro Rodríguez, que se xubilaría en 1951. O xuíz de 1ª instancia era José Samuel Roberes García, secretario do xulgado Ubaldo Rivas Martínez, rexistrador da propiedade Jesús Pintos Vázquez Quirós. O notario era Salvador Freijedo Sáinz, que marcharía xa en 1941. En 1942 sería nomeado Alfonso Leirós Fernández, este si de longa traxectoria na vila.
 
  Julio Pol Caamaño, gran propietario e un dos personaxes máis importantes da historia de Ordes durante o 1º terzo do século XX, tiña 80 anos e morrería ao ano seguinte. Manuel García Bermúdez (m.1944), banqueiro e comerciante moi rico, tiña 83, pero no seu caso xa empezara a tomar o relevo o seu neto Manuel Concheiro García, director naquel momento do Banco Pastor e futuro fundador de Macoga. O outro banco que había, o da Coruña era dirixido por Segismundo Viqueira Mundito.
  Juan Liñares Iglesias, ex-alcalde, igual que Pol e Gª Bermúdez, era bastante máis novo (55 anos) pero pronto se marcharía para a Coruña. Un dos seus fillos, o avogado Juan Liñares Castro, era neses momentos secretario da Falange e sería alcalde no futuro.
  Completaban a nómina de avogados importantes da vila Juan Amigo Iglesias (familiar dos anteriores), Benigno Concheiro García (m.1944), Celestino e Jaime Concheiro Iglesias (m.1945), e Manuel Astray Mato (avó de Nel Astray).
  O médico forense era Antonio Concheiro Rodríguez (m.1942), de 64 anos. O seu fillo Antonio Concheiro Iglesias fora alcalde nos primeiros anos da República e volvería a selo no futuro. Da familia Liñares tamén era médico Francisco Liñares, que morrería ao ano seguinte.
  A propietaria da farmacia de arriba era Josefina Carballido (viúva de Santiago del Río) e Manuel Álvarez del Río (m.1949) era o da farmacia de abaixo.
  O mestre de maior antigüidade Nicolás del Río, xa con 66 anos, era moi respectado, en cambio non espertaba simpatía en moitos sectores o párroco Ramón Mosteiro Ferro, que de todos modos só botaría 3 anos máis na vila. En 1944 viría don Joaquín Andrade, que estaría ata mediados dos anos 50. 
  O maior empresario e comerciante era Fernando Liste Mosquera Fernanducho, entón con 39 anos e moita vida por diante. Outro moi importante pero xa maior (71 anos) era Ramón Faya Fernández (m.1945), o propietario da fábrica de curtidos. Pedro Pardo Fandiño, de 53 anos, tiña unha empresa de obras públicas pero case toda a súa actividade era lonxe da vila. Despois de traballar con el, en 1940 fundou a súa propia empresa Ramón Carro Fernández, pai do Carro fundador de RCR. Os transportistas principais eran Antonio Álvarez o Cotovío e Rogelio Prado Carnota que empezaba a súa decadencia pola presión que sufría dos Foucellas.
  Un dos comerciantes máis importantes era José Mariño García (m.1947) que xa tiña 60 anos e que a finais da década sería substituído polo seu fillo Manuel Mariño Vilela. Outro dos seus fillos, Rafael Mariño Vilela, establecido no Recreo, sería alcalde durante algún tempo. No norte da vila eran moi importantes Mariano Amado Ferreiro e os irmáns Juan e Manuel Calvo Pérez, herdeiros da ferraxería. Outros comerciantes naquel momento eran Antonio Verea Fandiño que tamén tiña un taxi, Ramón Prado, e en Alfonso Senra Manuel Barreiro Uzal (que pronto marcharía para a Coruña), Francisco Vilar o Chocolateiro, Julián Marcos Arenas e outros varios.

martes, 18 de enero de 2022

Ramón García Francos

   Ramón García naceu na parroquia de Olas (Mesía) no ano 1937. Os seus pais eran Andrés García Sánchez e María Francos Rodríguez (1912-1992), matrimonio que tivo 7 fillos: José, Ramón, Emilio, Pilar, Aurelio, Jesusa e María del Carmen García Francos.
  Ramón casou con María Gómez Mosquera, a maior dos tres fillos de Manuel Gómez Sánchez e Manuela Mosquera Uzal. O matrimonio tería dous varóns: Manuel e Sabino García Gómez. 

  

  Como tantos outros homes da Galicia rural Ramón emigrou, no seu caso á capital de Francia, Paris, no ano 1965. Alí estivo durante 11 anos e aprendeu o oficio de carpinteiro.
   Retornou a Galicia en 1976 e montou xunto á súa muller un pequeno taller a carón da súa casa en Campo (parroquia de Mesía) de apenas 90 metros cadrados. Comezou a facer traballos e reformas sobre todo na área da Coruña.
 
  Ata aquí era a historia tantas veces vista de emigración e retorno para montar un negocio co que vivir sen apertos ata a xubilación. Pero o seu destino cambiou a principios dos anos 80 cando estaba reformando un hotel coruñés. Comentáronlle que había un home que estaba buscando carpinteiros para montar varias tendas de moda. Aquel home era Amancio Ortega, o xefe de Inditex, e Ramón García foi quen aceptou aquel encargo.
  Da poderosa man de Inditex a pequena carpintería de Ramón foi medrando e aquel primeiro anexo rematou por converterse nunha gran factoría de 8.000 metros cadrados que acolle as diversas seccións de fabricación.
  Despois de facerse con Stradivarius en 1999, o grupo Inditex volveu a confiar en Ramón García. No ano 2004 recibiu máis encargos para abastecerse de traballos de carpintería e foi neste momento que naceu a 2ª empresa do grupo "M.C. Mesía SL".
  Neses anos, de 2003 a 2007, tamén foi membro  da Corporación Municipal de Mesía formando parte do grupo de goberno e colaborando a súa empresa economicamente cos clubs do concello e en xeral con todo tipo de eventos solidarios.
   No ano 2012, momento de crise económica, Ramón García anunciou que, sen abandonar Mesía, instalaríase tamén en Ordes, o que foi recibido como auga de maio no lugar. Efectivamente, pouco despois comezou a construción dunha nave de 22.000 metros cadrados que sería o seu centro loxístico.
 

  No ano 2018 a empresa inaugurou outra factoría no estado de Querétaro (México) desde onde atenden o mercado de América do Norte e do Sur. Alí traballaban 80 obreiros que, xunto aos 250 da comarca, sumaban un total de 330 empregados (hoxe xa son máis).
  A empresa diversificouse aínda que os seus principais clientes seguen estando dentro dos campos da moda e a hostalería. Nos últimos anos Manuel e Sabino García, que con 14 anos xa estaban axudando no taller, tomaron o mando, aínda que Ramón supervisou ata o último alento. 
  Gustáballe a gaita e a música de Los Satélites, visitar as plantas da compañía en Ordes e Mesía e ensinar aos visitantes algúns secretos do traballo de carpintería. Acostumaba rematar a visita con un «non sei como chegamos ata aquí» co que apenas lograba disimular o orgullo polo traballo dos seus dous fillos. 
 
  
  Morreu repentinamente o 25 de decembro de 2021 aos 84 anos de idade (curiosamente a súa nai tamén falecera polo nadal o 23 de decembro de 1992 en Olas). O seu enterro foi un dos máis concorridos da historia de Mesía.

viernes, 14 de enero de 2022

A movida: os anos 90

 A ERA DO "EPICENTRO"
  Se nos anos 70 triunfaba Órdenes 2000, os 80 foron dominados por Bariloche. En 1989 esta discoteca reinaba sen discusión na noite ordense, acompañada por Tebras, os pubs tradicionais e un par de novas incorporacións como Xanadú á beira do centro médico e sobre todo Bruxas*, que foi o primeiro dos novos pubs sen mesas e con pista de baile chea (aínda que a maioría só nos balanceabamos discretamente sostendo a copa).
  A movida era potente pero estaba circunscrita a Ordes e concellos veciños. Si, había xente de Santiago, Coruña e outros lugares pero era unha pequena porcentaxe, igual que había xente de Ordes que ía a outros lugares de cando en vez.
 
 O que ninguén sabía é que estaba a punto de ocorrer un descomunal terremoto. Os empresarios Manuel López Cernadas de Présaras e o nativo José Vázquez Becerra fixéronse cargo do local de Órdenes 2000. Sen apenas cambios abriron o 9 de febreiro de 1990 e o éxito foi total desde o primeiro momento. O que un par de anos atrás fora unha decadente sala de festas agora era "lo último" en macrodiscotecas. O seu novo nome: LP45.
 

  E ese éxito medrou semana a semana, tendo progresivamente máis xente. En ocasións eran tan longas as colas para entrar que só deixaban pasar 10 persoas de cada vez cando outros clientes saían. En 1997 LP45 cambiaría a un novo local propio apenas a 50 metros do antigo (que hoxe é o Eroski Center), local con 10 metros de altura, dúas plantas e varias salas con distintos tipos de música e ata una zona VIP. O cambio non a afectou  para nada e LP seguiu a súa marcha triunfal.
  A gran prexudicada foi Bariloche que languideceu un tempo ata que pechou mentres Tebras seguiu circunscrita ás últimas horas da noite.
 
  Pronto empezaron a aparecer moitos novos locais aproveitando ese privilexiado emprazamento que ofrecía o Campo da Feira coa súa gran superficie de aparcamento e a multitude de clientes, principalmente atraídos por LP, pero tamén dispostos a beber e a gastar noutros lugares. Naceu en 1991 O Matadeiro, que tiña dúas mozas de empresarias, e que pronto cambiaría de donas e de nome converténdose en Carpe diem*, un dos lugares máis alternativos. Na Rúa do Muíño aparecen o Papaluz (1992), Desórdenes, Bambú... e a clientela continuaba aumentando, así que seguiron nacendo intermitentemente outros locais tanto na Rúa do Muíño (A Bolera, o Tahití de Carlos Souto*) como na Rúa da Feira (Cervecería Zentrum, La Cabaña del tío Bob, Barmacia, Alta Tensión, Acero -este último foi o máis grande cos seus 540 m2-, Aqua...).
  Había algúns que non tiñan éxito, entón pechaban e ao pouco tempo volvían a abrir con outro empresario e outro nome.
  Así ata chegar aos 22 pubs (e moitos bares que tamén acompañaban) a finais dos 90. Segundo un traballador hostaleiro daquela época: "Los pubs eran los mejor decorados y cuidados de la provincia junto con los de Carballo y Laracha, pero a estos iba el pijerío coruñés y los porteros a veces se ponían tontos con la imagen. Los pubs de Ordes estaban muy bien montados con acero, madera, diseño, insonorización y buenos equipos de sonido".
  Ordes era ideal para esa gran movida, unha localidade céntrica na provincia cunha morea de locais concentrados en torno a unha enorme praza con fácil aparcamento, sen mala fama, sen grandes pelexas nin roubo de vehículos, en fin con "bo ambiente". Así que non é extraño que os sábados normais houbera 10.000 persoas que podían subir a 15.000 en días de festa ou mesmo chegar ás 30.000 nalgunha noite de fin de ano. 
 
  Que era do Mesón mentres tanto?  O ciclón LP barrera a Disil na Silva e a Bariloche en Ordes pero Josfer era incombustible. Nacida en 1975 como sala de festas, soubo adaptarse aos tempos e, a finais dos 80, deixou de contratar orquestras pasando a funcionar como unha discoteca máis. Nos 90 capeou como puido o temporal tendo como día forte os venres (que non funcionaba LP) pero abrindo tamén os sábados. Igual que pasara en Ordes, á súa sombra apareceron establecementos como El Junquito, Escala, Tres, Copeteo e ata un bar con estufa, o Mesón Vello. Os fillos do fundador, José e Fernando Gómez Gómez (con só 24 e 17 anos en 1990), que rexentaban agora o local explicaban a súa capacidade de resistencia: «Cando nos puxeron catro discotecas de golpe na zona tivemos que reaccionar rapidamente. Instalamos un raio láser dos mellores que había en Galicia. Custounos sete millóns de pesetas pero pasamos de non ter a ninguén a meter mil persoas pagando entrada» (naqueles tempos o prezo das entradas, con consumición, era de 700 pesetas para os homes e de 600 para as mulleres). Tamén eran moi críticos cos pubs: «Son os parásitos das discotecas. Nós traemos actuacións ou sorteamos un millón de pesetas. Eles non arriscan nada. Os clientes veñen atraídos pola discoteca, pero logo marchan a percorrer os pubs, que por enriba non cumplen os horarios e pechan ás sete, despois de nós, que temos que facelo ás cinco». 
 
  A finais dos 90 o panorama da movida ordense era luminoso pero xa se albiscaban algunhas nubes no horizonte. A principios da década cando ían nacendo os locais, cada un aportaba algunha novidade. Había distintos ambientes que cubrían gustos variados. Coa masificación, buscando gañar máis diñeiro, foron uniformizándose e dirixíndose só á clientela maioritaria e máis nova. Desapareceron moitas mesas e os lugares máis tranquilos, aumentou o volumen do son e a porcentaxe de música "chunda chunda".
  Se algún xa se cansara de escoitar centos de veces "What is love" ou "The Rhythm of the Night", a cousa empeorou nos últimos 90 coa "Barbie girl" de Aqua ou "We Like The Party!" de Vengaboys xunto con outras moitas insufribles cancións que aparecían nos Boleros Mix e recopilacións similares. Si, foron oídos moi castigados os daquela época ... e o que lles viña enriba!
  O cambio de local de LP foi visto por algúns como o inicio da decadencia da movida ordense en canto a calidade. A finais da década só había dous lugares realmente distintos: O Manisero coa súa música latina e La Cabaña del tío Bob ofrecendo reggae. O resto era todo máis ou menos o mesmo. Pero a xente continuou multiplicándose e enchendo Ordes durante outros 10 anos máis, tempos de movida descontrolada.
 
* Bruxas: Patrocinou e deu nome a un notable equipo de fútbol-sala nos anos 90.
  Carpe diem: Aínda cambiaría outra vez de nome, chamándose O Badulake.
  Carlos Souto García (1955-2007).