viernes, 25 de noviembre de 2016

Alfonso Senra Bernárdez

  Alfonso Sebastián Senra Bernárdez naceu en Tui (Pontevedra) o 7 de xuño de 1877. Sendo aínda neno a familia trasladouse a Vigo onde o seu pai, Ricardo Senra Fernández, foi alcalde en dúas ocasións. Estudiou Dereito en Madrid e tamén colaborou desde moi novo coa prensa. "El Imparcial", "La Prensa Universal", "La Época" e "La Nación" son xornais nos que escribiu ao longo da súa vida. Así mesmo entrou en política militando no partido liberal.
  Fixou a súa residencia en Madrid e casou con Asunción Díaz Ramírez, filla de militar, coa que tivo unha ampla familia de nove fillos.
  En 1913 publica a obra "Laicismo y neutralidad en los hospitales". En 1915 pertenceu á Deputación Provincial de Madrid.


  En 1916 (cando tiña 39 anos) comezou a súa relación con Ordes e co cacique comarcal Saturnino Aller. Ambos leváronse moi ben e formaron un gran equipo, ata o punto de que o partido liberal presentou a Senra durante 5 lexislaturas seguidas polo distrito de Ordes (cousa non demasiado habitual). Na primeira foi o único candidato e as outras gañounas por maiorías aplastantes.
  Aller encargábase da maquinaria electoral e Senra, hábil nos corredores do congreso, de acadar dotacións para obras que mellorasen a zona (e, segundo a oposición, o peto do cacique). Así logrou subvencións para un cuartel da Garda Civil, para obras nas estradas de Carballo e Trazo, 4000 pesetas para mellorar a igrexa (á que a súa muller doou o cristo que está nun lateral) e, sobre todo, o adoquinado da "Calle Real" en 1923, tan ben feito que foi retirado en 1980 aínda en perfecto estado.
  Isto valeulle o agradecemento do pobo. A corporación que presidía o alcalde Manuel García Bermúdez decide nomealo "Fillo adoptivo" e poñerlle o seu nome á rúa arranxada grazas a el. Tamén O Recreo recibe o nome de "Saturnino Aller" (pero no ano 1936 será cambiado polo de "José Antonio", o fundador da Falange).

  Alfonso Senra autodefiniuse como "un deputado de terceira" pero sempre se preocupou do seu distrito e visitouno numerosas veces, indo moito máis aló do que os deputados "cuneros" habituais.
  Nesta etapa, entre 1916 e 1923,  baixo as ordes do ministro madrileño Rafael Gasset Chinchilla, ocuparía Senra a súa secretaría ministerial e posteriormente a Dirección Xeral de Minas. Tamén formaría parte do equipo do ministro lugués Manuel Portela Valladares durante o seu paso polo Ministerio de Fomento.

  En setembro de 1923 a ditadura de Miguel Primo de Rivera remata co espírito da Restauración e, de paso, coa relación de Senra e Ordes. Cesou nos seus cargos públicos, pasando a refuxiarse na súa profesión de avogado e articulista de prensa en xornais como "La Nación", onde se especializou en crónica de tribunais de xustiza. Ingresou na Unión Patriótica, o partido que apoiaba a Primo de Rivera. Foi nomeado vicepresidente do Ateneo de Madrid e volveu á cámara baixa das Cortes, rebautizada polo novo orde como Asamblea Nacional Consultiva nas lexislaturas 1927-28 e 1928-29. Tamén en 1927, un buque inglés chamado orixinalmente Blue Cross vendido á Naviera Celta foi rebautizado co seu nome. Co tempo, o barco quedaría durante a guerra civil baixo control republicano, pero sería capturado pouco despois e transformado en barco mercante artillado ao servizo da Mariña nacional.
  En outubro de 1928 levou un gran disgusto familiar: un dos seus fillos, Alfonso Senra Díaz, asasinaba a súa noiva, Dolores Polo, porque a rapaza o enganaba con Enrique Meleros, director da revista "Cosmópolis", publicación na que a víctima colaboraba como xornalista.   
   En 1933 publicou o seu 2º libro "Del 10 de agosto a la Sala 6ª del Supremo".


  Despois da Guerra Civil integrouse no réxime franquista e foi membro do Tribunal de Responsabilidades Políticas.
  Morreu en Madrid o 10 de decembro de 1951 aos 74 anos de idade.

  Alfonso Senra foi outro gran descoñecido da historia ordense, a pesar de que o adoquinado que el conseguiu foi a imaxe da vila durante 60 anos. No ano 2000 unha publicación do "Obradoiro da Historia" aportou algo de luz sobre a súa figura. A súa controvertida colaboración co franquismo permitiu que a rúa principal de Ordes conservase o seu nome, pero non é a única a el dedicada: comparte ese rasgo a rúa principal de Guadarrama, vila madrileña próxima á capital.  

martes, 22 de noviembre de 2016

La Tribuna

  O terceiro xornal publicado en Ordes foi "La Tribuna" que apenas ten relación cos seus politizados predecesores ou sucesores porque era o proxecto persoal do seu director Jaime Iglesias Rapela, nese momento xuíz municipal de Ordes.
  Jaime, pertencente á adiñeirada familia da casa grande de Vilar de Abaixo en Deixebre  (Oroso) emparentada con todas as familias importantes da época (Amigo, Castro, Concheiro, Liñares ...) estudou dereito, pero sempre tivo inquietudes literarias e artísticas. De feito xa sacara en Coruña a revista "Claroscuro" en xullo de 1900 co notable debuxante Román Navarro como director artístico. Aquella publicación, na que participou mesmo Emilia Pardo Bazán, durou só un par de números pero foi comparada en calidade coa revista madrileña "Blanco y Negro".
  Xa en Ordes decidiu publicar "La Tribuna" que, na súa cabeceira declarábase "independiente, científico y literario".
  Comezou a publicarse en xuño de 1902 con 4 páxinas, a última destinada a anuncios. Algunhas seccións eran: Noticias Generales, Noticias locales e Revista de tribunales onde se incluían informacións sobre o Xulgado Municipal, Rexistro Civil, nacementos, defuncións e matrimonios.
  Imprimíase na "Imprenta y Papelería La Gaceta" de Santiago e saía os domingos. O exemplar custaba 10 céntimos.
  A súa dirección, redacción e administración estaba na "Rúa Real" (Alfonso Senra), sendo o seu administrador Guillermo Díaz, axente en Ordes da compañía de seguros "La Mutual Life".
  Jaime Iglesias Rapela morreu 15 anos despois, en 1917.

sábado, 19 de noviembre de 2016

O crime de Numide

  Pequenos incidentes poden ter consecuencias fatais a longo prazo como demostra esta historia que sucedeu no lugar da Paínza, parroquia de Numide (Tordoia), a principios do século XX.

  Os protagonistas foron Joaquina Obelleiro Torres, unha muller solteira e acomodada de 33 anos, sobriña do defunto párroco de Numide (do que fora herdeira), e Francisco Liste Areosa, un mozo campesiño duns 23 anos, ex-soldado na guerra de Cuba, que arrastraba unha reputación pouco fiable pero que traballaba como xornaleiro para ela.
  Un día el solicitoulle unha leira en arrendo. Joaquina meditouno pero ao final rexeitou a proposta e acabou por arrendarlla a outro veciño. 
  Este detalle tan banal tivo tráxicas consecuencias.

  Liste, un deses homes que non soportan unha afronta (real ou imaxinaria) decidiu vingarse, así que a noite do 23 de marzo de 1902 entrou no alpendre de Joaquina e rouboulle a carne que ela tiña nun baño de sal.
  Segundo os cotilleos do pobo, despois do roubo, Joaquina celebrou un ritual que consistía en botar un cuartillo de aceite na lámpada do Santísimo para que, a medida que o aceite se consumise, tamén se consumise o seu descoñecido ladrón. Liste, que se enterou diso e que cría totalmente nesas supersticións, só tiña dúas opcións: pedirlle perdón para que desfixese o maleficio ou matala.

  Desgrazadamente a súa natureza violenta fíxoo escoller a segunda. Na tarde do 10 de abril de 1902 visitou a Joaquina, foron ás cuadras coa escusa de que quería ver un porco que ela tiña e alí golpeouna varias veces cunha macheta. Pola noite regresou á casa e roubouna, levando as cousas á súa propia casa en varias viaxes. Finalmente puxo uns toxos sobre o cadáver e plantoulle lume para queimar a casa e ocultar as pegadas do crime. 
  Co que non contou foi que, debido a que xa era moi de madrugada, o lume non tivo tempo de destruír a casa antes de que uns veciños espertasen e alertasen aos demais para apagar as chamas. Cando o lograron, descubriron o cadáver queimado pero coas feridas do asasinato ben á vista.

  Liste era o principal sospeitoso e naqueles tempos non se necesitaban ordes xudiciais. A garda civil e o alcalde de barrio entraron na súa casa e alí acharon restos do roubo da carne, pertenzas da morta e sangue. Liste confesou a súa participación no roubo aínda que achacou o asasinato a dous colegas seus: "Brincafacas" e Calviño.
  O suceso causou sensación e fíxose famoso a nivel nacional como "El crimen de Órdenes". Os supostos cómplices foron detidos rapidamente pero demostrouse que non tiveran ningunha participación.

  Ao ano seguinte tivo lugar o xuízo de Francisco Liste do que saíu bastante ben parado pero esta xa é outra historia.   

miércoles, 16 de noviembre de 2016

Ordes 1901-1920


Alcalde Francisco Gª Veiras. Inauguración da fonda "Restaurant Compostelano". Daniel López (Partido Liberal) deputado a Cortes. O posto da Garda Civil (na casa de Antonio del Río) trasládase á casa de Rosa del Río. Gran nevada en decembro. Tempo de emigración.
Aparece o xornal "La Tribuna" do xuíz Jaime Iglesias Rapela. Crime en Numide. Morren o mestre Julián Castro, Manuel Astray López e Florencio Pol. Grave liorta na romaría de Cestaños. Accidente dun autobús nos Carrucheiros.
José Gasset, irmán de Rafael Gasset, un dos líderes do Partido Liberal, deputado por Ordes. Voda do médico Eduardo Amor del Río coa viúva Josefa Boo. No Casal, Manuel Viqueira suicídase tirándose a un pozo. Sae "El Terruño".
Alcalde Antonio Rodríguez Riveiro. Incendio na casa do deputado provincial Celestino Amigo. Morre Juan Aller Carro, pai de Saturnino Aller. Isabel Castro Amor mestra en Buscás cobrando 500 pts anuais.
Sorpresa! Nas eleccións Saturnino Aller elixido deputado a Cortes por Ordes! Carmen Liñares Iglesias mestra en Vilamaior. Morre o procurador Juan Carnota Calvo.
Comezan a funcionar os autobuses "La Regional" entre A Coruña e Santiago. Saturnino Aller perde o poder na comarca. Voda de Juan Liñares con María Castro Bao. Morre o avogado J.M. Rivas Durán. Agrarismo: Unionistas  e Solidarios.
Eleccións. José Lombardero Franco (Partido Conservador) deputado a Cortes por Ordes. Nace a asociación agrícola "La Honradez" (impulsada por Julio Pol) que se adhire a "Solidaridad Gallega". Dada de alta por Antonio Santiago Taín unha mina de sulfuro de antimonio no Balado.
Alcalde Manuel Botana. Inauguración do 1º alumeado público de acetileno. Atentado agrarista en Frades.
O rei Alfonso XIII pasa pola vila. Incendio no comercio de teas de Andrés Mariño en Poulo. Pedro Concheiro, pai dos de Carballo, entra violentamente nun colexio electoral e rompe a urna. A finais de ano colle a alcaldía Antonio Moar. Traslado da Casa do Concello a outra, propiedade de Pedro Concheiro.
Epidemia de viruela. Lombardero gaña as eleccións en Ordes e Pontedeume pero tócalle ser deputado por Pontedeume. Hai que repetir eleccións en Ordes e gaña o liberal Joaquín Chapaprieta, signo de que na comarca volve mandar Aller. 3 alcaldes nese ano: Moar, Jose Faya Fernández e Juan Barreiro Ríos.
Gran nevada en xaneiro. Conflitivas eleccións á Deputación: o liberal Ventura Novoa Seoane elixido fronte ao conservador José Vázquez Otero. Comezan os anos máis activos de Basilio Álvarez e Acción Gallega.
A feira da Adina aumenta a 2 sábados cada mes. Crime na festa do Carme en Beán. Gran pelexa en Leira entre mozos da parroquia e outros de Carral. Vodas de Santiago del Río - Josefina Carballido e Pastor Stolle - Ángela Ramos. Volve á alcaldía Antonio Moar Veiras.
Guillermo Peinador xuíz de 1ª instancia en Ordes. Voda de José Fernández Uzal con Purificación Patiño. Sacerdote de Ordes D. Nemesio Morgade.
Eleccións: polo artigo 29 deputado a Cortes Alfredo Vicenti. Pasa por Ordes a Infanta Isabel la chata. Morreu en marzo Melchora del Río Liste.
Manuel Castro Viqueira mestre en Mercurín cobrando 312,5 pts anuais. Voda de Rafael Astray con Esperanza Troche e de Antonio de Salvador Guzman con Gumersinda Liñares. Morren Manuel Recouso Calvo de Parada e Mª Jesusa Veiras, matriarca dos Moar de Buscás.
Alfonso Senra (1ª vez de 5) deputado por Ordes polo artigo 29. Unha carta do xuíz de Ordes causa un debate nas Cortes de Madrid. Instálase na vila o mestre Nicolás del Río. 1ª Festa do Recreo e 1º concurso de gando. Morre o importante comerciante Ramón Calvo Vieites.
Atopado en Marzoa o "Tesouro de Recouso". Voda do médico Francisco Liñares coa moza do Mesón Concepción Ramos. Roubo no comercio de Juan Liñares. Falecen Manuel Álvarez Valdés, Jaime Iglesias Rapela, avogado, e Policarpo Rivas Godoy, recaudador e procurador
Alcalde Fernando Liste Caramelo. Alfonso Senra (2ª vez) deputado por Ordes. Epidemia de gripe "española". Constitúese un Sindicato Agrario Católico. Incendio no comercio de José Romero Faya.
Os autobuses de Castromil comezan a pasar por Ordes. Alfonso Senra (3ª vez) deputado polo distrito. Morre o farmacéutico José Mª Carballido.
Alfonso Senra deputado (4ª vez). Inicio do cemiterio do Piñeiro. Novo cuartel para a Garda Civil e arranxos na igrexa. Fernando Liste é substituído na alcaldía por Manuel Gª Bermúdez. Voda de Domingo A. Moar con Pura Viqueira. Morren o xornalista Vicente Carnota e o médico Augusto Carballido Pol. Varios casos de encefalíte letárxica.

sábado, 12 de noviembre de 2016

Eleccións provinciais de 1888

  As eleccións provinciais de setembro de 1888 foron significativas porque supuxeron un cambio de facho do poder político no distrito de Ordes: Antonio del Río foi substituído polo emerxente Saturnino Aller.

  Como non, as eleccións estiveron cheas de polémica: Os reformistas queixáronse de que un grupo de 8 interventores que se dirixían a Arzúa (naquela época o distrito era Ordes-Arzúa) foron interceptados en Pontecarreira por un grupo de homes "vestidos de encarnado y enmascarados" que lles impediron o paso. Así que alí en Gafoi, co alcalde de barrio Antonio Iglesias Liste exercendo funcións de xuíz, fixeron o seu propio reconto que logo non valería de nada. 
  Os fusionistas (liberais) replicaron que todo era unha elaborada invención, que ningún paisano viu a ese gran grupo de enmascarados que fixera retroceder aos interventores  reformistas e aos seus numerosos acompañantes (algúns deles armados con carabinas).

  Xornais coma "La Voz de Galicia" e "El Alcance" protestaron, pero non tanto nin de forma tan airada coma "El Clamor" (que se publicaba na Calle Real de Coruña), nada extraño se temos en conta que Antonio del Río era cuñado do seu principal redactor (e ás veces director).

  "El País Gallego" de Santiago, de filiación fusionista, tamén protestaba, pero neste caso polo irrelevante 6º posto acadado polo fusionista compostelán Santiago Gil Rodríguez, que lle impedía acceder á Deputación.

  Claramente debeu haber irregularidades nesa zona de Arzúa porque a comisión, que se creou despois das eleccións, declarou que "existen indicios vehementes y de manifiesta importancia para poner en duda la legalidad de los trámites electorales".
  Como acostumaba suceder, todo quedou en nada. Ramón Mosquera Montes, un dos candidatos gañadores, expresouno con claridade: "Las ilusiones del señor del Río se han desvanecido ante la verdad que, tal cual es, se presentó a sus ojos, haciéndole la demostración más evidente de que alguna vez había de cesar, por la voluntad del cuerpo electoral, en el desempeño del cargo de diputado, no obstante ser suya exclusivamente la organización de los ayuntamientos del partido de Órdenes".
  Así foron os resultados daquelas eleccións. Os 4 primeiros acadaron praza na Deputación Provincial. Entre os perdedores están os dous irmáns del Río, (o 2º, Ángel, era naquel momento alcalde de Ordes) e Gumersindo Liñares, xuíz municipal de Trazo e patriarca da familia Liñares, unha das máis ricas de Ordes.

José Vázquez Otero: 4.013 votos         Ramón Mosquera Montes: 3.731 votos 
Vicente Fernández Soler: 3.672            Saturnino Aller Rodríguez: 3.641
Antonio del Río Castro: 2.354               Santiago Gil Rodríguez: 1.253 
Marqués de Algara de Grés: 563          Gumersindo Liñares Iglesias: 470 
Antonio Varela Álvarez: 292                  Ángel del Río Castro: 178 
José Queijo: 1
  
  Como curiosidade queda ese solitario voto do tal José Queijo.

sábado, 5 de noviembre de 2016

La Dinamita

  "La Dinamita" foi o 2º xornal que viu a luz no pobo de Ordes (o 1º foi "El Fomento" en 1878) pero hai poucas certezas sobre el. Segundo a "Gran Enciclopedia Gallega" apareceu en 1811. Santos Gayoso en "Historia de la Prensa Gallega" sinala que apareceu no ano 1911. Pero ambos estaban errados.
  Naceu en febreiro de 1893 declarándose "defensor de las clases productoras". "El Eco de Galicia" di textualmente:
  Hemos recibido el primer número de La Dinamita, periódico semanal que ve la luz pública en Órdenes. A juzgar por la muestra, el fulminante promete causar destrozos.
  ¡Dios aplaque sus iras!
  Probablemente continuaba a misma senda de "El Fomento" de denuncia contra o caciquismo, aínda que non está claro quen eran os seus impulsores.
  En abril anunciaban a voda de dous septuaxenarios da vila: Santiago Caramelo e María Gómez.
  Nese mesmo mes o maxistrado da Audiencia Sr. Mendoza foi nomeado para procesar aos membros da "Junta de Defensa" (unha asociación galeguista) por unha alocución publicada nalgúns xornais. Isto gañoulles a adhesión de moita xente.
  En maio nunha viaxe da Ferro-carrilana ocupada case totalmente por estudantes coruñeses que ían a Santiago, ao parar en Ordes, puxéronse a berrar:
- ¡Viva LaCoruña! ¡Viva Galicia! ¡Viva "La Dinamita"! ¡Abajo Mosquera Montes! ¡Abajo Aller! ¡Mueran los traidores!
 En xullo un veciño de Ordes escribiu unha carta a "La Voz de Galicia" e a "La Mañana" onde dicía que non había motivo para censurar "La Dinamita".
  Probablemente foi pechado  pouco tempo despois porque non temos máis referencias del.

miércoles, 2 de noviembre de 2016

A familia Concheiro

  Entre as familias de alta posición "de toda a vida" en Ordes (os Astray, del Río, Liñares, Pol, Troche, Stolle...) os Concheiros ocupan sen dúbida o primeiro lugar por número e influencia.
  O patriarca do clan no século XIX foi o alcalde de Mesía, Benigno Concheiro Porto, que tivo catro fillos con Estrella Rodríguez Alonso: Esperanza, Pedro, Antonio e Ángel Concheiro Rodríguez.
  Os dous maiores, un procurador e outro médico, establecéronse en Ordes e pódese dicir que a zona central da vila desde o que hoxe son os supermercados Froiz e Gadis ata a Rúa da Canteira lles pertenceu (ou lles pertence aínda).

  O máis curioso é que, como se dunha novela se tratase, as dúas ramas da familia tomaron camiños totalmente opostos en política: mentres os Concheiro García maioritariamente foron de esquerdas, os Concheiro Iglesias sempre estiveron na dereita.


CONCHEIRO GARCÍA (os de CARBALLO)
  O procurador de tribunais Pedro Concheiro (1874-1922) casou en 1900 con Juana García Mouriño (1880-1969), filla do adiñeirado Manuel García Bermúdez (1857-1944), banqueiro -corresponsal do Banco de España e do Banco Pastor-, futuro alcalde (1920) e propietario de moitísimas terras e da afamada tenda de tecidos "Casa Carballo" (onde agora está o supermercado Froiz) á que deben o seu alcume. O matrimonio tivo unha gran cantidade de fillos e, ademais, criouse con eles Manuel García Gerpe, o lider da esquerda republicana en Ordes.
  Tanto el, como Estrella (casada con Alonso Puente), Ascensión (casada co comunista Francisco Comesaña) e Luciano (apoiou aos maquis despois da guerra) tiveron que exiliarse, en Arxentina Gerpe, e en México os tres irmáns. En cambio José -a ovella negra da familia-, morto aos 28 anos, era xefe da Falange en Pontevea (Teo), vila da súa muller.
  Do resto dos irmáns destacou Manuel, director da sucursal do Banco Pastor en Ordes, que tivo seis fillos varóns, entre eles Manuel María (empresario fundador de Internaco), Mario e Carlos (dirixentes de Macoga), Jorge (propietario do estanco) e Gonzalo Concheiro Barreiro (médico traumatólogo e ortopédico en Santiago).
 
  María casou co comerciante de Conxo José González Criado, Amalia casou co tamén comerciante compostelán Pedro Losa Bondad e Mª Ángeles (1917-1991) co médico coruñés Máximo Cortizo Justo.
  Benigno foi avogado e morreu novo en 1944. Francisco, casado con Concepción Varela Uzal e morto en 1973 traballou no Banco Pastor do que foi director despois do seu irmán. Pedro morreu en 1962 e Fernando, o fillo póstumo, foi médico e casou coa vilagarciana Mª Esther Aval Barral.

CONCHEIRO IGLESIAS   
  O médico Antonio Concheiro (1876-1942) casou en 1903 con Asunción Iglesias Rápela, irmá de Manuel Iglesias (outro médico de Ordes) e de Jaime Iglesias (avogado). 
 Viviron na casa que fai esquina coa Rúa da Canteira. Tamén tiveron varios fillos, a maioría avogados, pero o máis destacado foi Antonio, o referente da dereita na vila, alcalde e médico que fundou o "Sanatorio Concheiro". Á súa vez este tivo dous fillos, ambos os dous médicos, Antonio e Luis Concheiro Carro (destacado forense en Santiago).
  O segundo, Celestino (1906-1983), foi xuíz comarcal, concelleiro e presidente da mancomunidade. Casou con Consuelo Nine (1915-1999) coa que tivo tres fillos. 
   Jaime foi avogado. Morreu moi novo en 1945 despois de casar con Sofía del Río (da farmacia) coa que só tivo un fillo, tamén chamado Jaime (n.1937), recoñecido xurista, rexistrador da propiedade e colaborador do xornal La Voz de Galicia
  Ángel Concheiro (1908-1991) foi secretario do Concello de Ordes e desde 1970 a 1977 do da Coruña. Casou con Elena Blanco Abella e non tivo fillos. Asunción Concheiro casou en 1939 co interventor do Banco de España Enrique Sánchez. 
  Para rematar, aínda que non ven demasiado a conto, non me podo resistir a poñer este anuncio que aparece no "Ideal Gallego" no ano 1925 (preme para ver máis grande). Como cambian os tempos!

martes, 1 de noviembre de 2016

A Ferro-carrilana

  Como viaxaba un ordense a Santiago ou á Coruña no século XIX? 
  Se un deles nos puidese contestar, a resposta sería: "En carrilana", porque a compañía de dilixencias que cubría o percorrido chamábase a "Ferro-carrilana".
 
  Os servizos de dilixencias en España iniciáronse en 1816. A capacidade das carruaxes era variable pero podían transportar ata 22 persoas. O regulamento de "Mayorales de las Reales Diligencias", monopolistas do servizo na 1ª metade de século, establecía que toda dilixencia debería levar un escopeteiro, persoa que protexía aos viaxeiros e mercadorías, ao que estaba prohibido viaxar no interior da cabina de viaxeiros. Tamén en 1837 ditouse unha orde prohibindo que os choferes conducisen «durante más de 24 horas seguidas».

  A partir de mediados de século creba o monopolio e diversas compañías operan en todo o estado. En Galicia dominou a "Ferro-carrilana".


   Cando xa na maior parte de España había ferrocarril, os galegos seguiamos tendo que usar dilixencias. As condicións das viaxes non eran boas, a velocidade non superaba no mellor dos casos os 10 quilómetros por hora e os condutores non sempre eran de fiar pola súa capacidade ou sobriedade. 
  Nunha sociedade tan clasista non sorprende que houbese diferenzas entre os viaxeiros pero si que nun vehículo tan pequeno houbese ata 4 categorías (berlina, interior, primeiro e segundo cupé). Os prezos eran caros. En 1867, ir de Vigo a Pontevedra custaba entre 16 e 24 reais (mais tres por arroba de peso excedida na equipaxe) e ademais, investíanse catro horas no traxecto. 
  A dilixencia entre Coruña e Santiago tiña 3 asentos en berlina, 6 en interior, 4 en primeiro cupé e 4 en segundo. En total 17 viaxeiros que podían levar 15 quilos de peso de equipaxe cada un (máis 50 arrobas -575 kg- adicionais polas que debían pagar suplemento). Para transportar todo este peso necesitábanse ata 5 tiros de cabalos.
  A viaxe era lenta. Un tío avó meu, José Ferreiro Recouso, saíu andando desde Coruña e logrou chegar ao mesmo tempo que a dilixencia a Ordes porque compensaba nas costas e nas paradas nas casas de postas a desvantaxe en chairas e baixadas.
  Para o escaso número de viaxes que había (comparado coa densidade de tráfico actual) o número de accidentes era bastante alto. En Ordes, o xornal "El Fomento" queixábase da velocidade con que as carrilanas atravesaban a vila, o que supoñía un perigo para os transeúntes. 
  Os prezos eran caros. Aquí vemos as novas tarifas (en pesetas) que o propietario Pedro García García presentou no goberno da provincia no ano 1900.


  A Ferrocarrilana concitaba amor e odio a partes iguais. Acusábana de non cumprir coas normas, por exemplo de non levar persoal suficiente e, en cambio, de transportar máis viaxeiros do permitido. Nun accidente ocorrido en Leira, en 1879, levaba 20 pasaxeiros no canto de 17 e non había un "dianteiro" para guíar os tiros de cabalos, o que lle supuxo unha multa de 80 pesetas.
  Tamén a acusaban de tirar os prezos para afundir ás pequenas empresas independentes e logo, cando xa non tiña competencia, subilos ata 6 veces. A que me soa isto?

  Co século XX, chega o bus, da man de Antonio Sanjurjo Badía. A súa empresa de fundición, "La Industriosa", logra reconverter motores de vapor en gasolina e funda en 1906 "La Regional", compañía de autocares cuxa principal ruta é A Coruña-Santiago. Con ela desbanca á Ferrocarrilana. Mesmo implanta un novo invento, marca da casa, as «estacións telefónicas portátiles». Tratábase de postes de teléfono situados na ruta cada dez quilómetros. Así, en caso de avaría, o condutor podía pedir rapidamente que viñese outro vehículo. "O Habilidades" acababa de inventar os postes de emerxencia das autoestradas.  Amador Montenegro describe aquelas viaxes: "El servicio era regular y con buenos horarios, pero la falta de elasticidad de las direcciones, los neumáticos macizos y la falta de práctica, hacía que no pocas veces visitaran los prados lindantes, pero así y todo era un gran servicio que se consideraba seguro y rápido".