Unha das obras artísticas ao aire libre que
hai no concello de Ordes é o monumento ao emigrante. Está situado na parte
norte do Parque da Constitución, a uns escasos 12 metros da Casa Consistorial nova (que non existía cando se erixiu o monumento, polo que o
espazo que quedaba ata o Consistorio vello era de polo menos 30 metros).
Está case integramente feito de granito.
Consta dunha base cadrada de 1,30 metros de lado e unha altura aproximada de
30 centímetros.
No lado leste (o que da á Casa Consistorial) aparece gravada a inscrición "Al emigrante".
Do centro da base emerxe unha especie de penedo
irregular onde están tallados de forma rústica e simple catro símbolos da
cultura galega: no norte un hórreo, no sur unha gaita, no leste un cruceiro e
no oeste un carro.
Ese penedo está bordeado nas esquinas da base
por catro columnas de preto de 1,80 metros de altura. Teñen forma de tronco de
pirámide pois son máis anchas na parte baixa (uns 35 centímetros) que
na parte alta (18
centímetros) e non están verticais senón caendo cara ao
interior, de forma que o monumento parece máis alto e esvelto do que é en
realidade.
As catro columnas están sostendo unha esfera
de aproximadamente 90
centímetros de diámetro que representa ao globo
terráqueo e apegadas a el varias andoriñas feitas de metal, que obviamente simbolizan
aos emigrantes galegos espallándose polo mundo.
Todo o conxunto ten uns tres metros de altura.
O monumento ao emigrante foi realizado nos
anos 80, nunha época de bonanza económica na que moitos concellos tiñan cartos
para gastar e a emigración era un tema que nos afectaba moito a todos, polo que
agora hai un deles en case calquera lugar de Galicia.
Ordes foi un dos primeiros concellos en
erixir ese monumento e a ocasión foi o primeiro "Mundialito de la Emigración" un macroevento deportivo no
que participaron seleccións de fútbol formadas por descendentes de emigrantes
de 16 países e que moveu... unhas 6.000 persoas!
Dentro das celebracións asociadas ao torneo
estivo a inauguración do monumento o domingo (non estou 100 % seguro) 23 de maio de 1982.
A partir dese momento, nas festas patronais o
día 16 de agosto (San Roque) pasou a estar dedicado tamén á emigración e
comezou a tradición de que as autoridades municipais organizasen e participasen
nunha ofrenda diante do monumento pero deixando o protagonismo do acto a unha
parella de emigrantes.
Un ano despois do terrible atentado de Madrid
en marzo de 2004, colocouse unha placa apenas a un par de metros do monumento,
así que cando se efectúa unha homenaxe ás vítimas tamén se emprega o mesmo lugar.




No hay comentarios:
Publicar un comentario