martes, 30 de julio de 2019

Un OVNI en Deixebre

  En 1947 un piloto estadounidense chamado Kenneth Arnold declarou ter visto 9 obxectos descoñecidos que voaban a unha gran velocidade. O xornalista Bill Bequette que o entrevistou  foi quen inventou un exitoso termo para describir estes obxectos: "flying saucers" (pratiños voantes). Tempo despois sería cambiado polo acrónimo UFO (OVNI en galego e castelán).
  A partir deste momento, especialmente na década dos 50 e 60, disparouse o fenómeno OVNI. Os avistamentos de supostas naves alieníxenas eran continuos e sucedían practicamente en todas as partes do mundo.

  A comarca de Ordes non podía ser unha excepción e tamén os OVNIS se pasearon por ela. O avistamento ocorreu o martes 2 de novembro de 1954 e foi recollido nun amplo artigo de La Voz de Galicia ese mesmo sábado.
  O protagonista foi Gonzalo Rubinos Ramos (irmán do RP Superior dos xesuítas da Residencia da Coruña) que, como resaltaba o xornal, era un home de gran seriedade, pouco amigo de bromas e bastante incómodo co fenómeno.
  O caso é que ese martes varios amigos volvían de Santiago á Coruña en dous coches cando o de Rubinos avariou ás sete e vinte da tarde no que entón se chamaba "a curva do obispo" na parroquia de Deixebre. Hoxe non existe esa curva porque a estrada sufriu modificacións posteriores e agora é unha recta, a costa do Cano.


  Os compañeiros de Rubinos marcharon todos no outro coche e el quedou alí á espera de que mandasen un vehículo para remolcalo. Xa era noite e naqueles tempos non había móbil para entreterse nin moitos coches que pasaran. Aburrido, mirou o reloxo moitas veces e saiu do coche para estirar as pernas.

  Ás once menos vinte por enriba da fraga que había á esquerda da estrada Rubinos notou con estupor un resplandor. Literalmente viu unha luz potentísima como a 200 metros e no seu interior "un gran bólido en forma de gigantesco kiosco, como el que está ahora en la Plaza de Orense, pero de mayor tamaño, bastante mayor"

  Tamén describiu o ruido que oira non como unha explosión senón como "el choque de dos ruedas pesadas o la salida de un potentísimo cohete".
  Rubinos asustado correu a meterse no coche e rezou varias veces o rosario. Así estivo ata as dúas da mañá en que chegaron de novo os compañeiros aos que lles contou a súa historia.
  Preguntado polo xornalista Eugenio Pontón, Rubinos non dubidaba nas súas conclusións: "o platillos volantes o un arma secreta en experimentación". Por certo que, a pesar da súa vaga descrición, o artista de La Voz debuxou a imaxe clasica dunha nave espacial parecida a un ioió.

  Como podemos ver no interesante blog de Juan Carlos Victorio Misterios del aire, concretamente na súa entrada titulada El platillo volante de Órdenes, este avistamento aparece en "El gran enigma de los paltillos volantes" (1966), "OVNIS: El fenómeno aterrizaje" (1978) e "Enciclopedia de los encuentros cercanos con OVNIs" (1987).
  Victorio analiza detidamente a experiencia e engade outras aportacións ao artigo de La Voz. Rubinos era amigo do ufologo galego Óscar Rey Brea que tamén o entrevistou e con este non foi tan categórico.
   «Rubinos me dice y se desdice. Vio algo y el resto jugó bastante la imaginación. El miedo, la distancia, la oscuridad, etcétera, incluso lo sorpresivo del fenómeno, le hicieron divagar bastante. De las veces que lo he interrogado, sus contestaciones han demostrado muy poca seguridad en cuanto a las características. Incluso no existe seguridad si vio elevarse algo. Lo concreto es que vio una fuerte luminosidad, con un chasquido y que los perros del contorno ladraron».
  A conclusión de Victorio é que Rubinos só viu un bólido moi brillante que tamén foi observado esa mesma noite no faro de Mera (A Coruña) e en Becerreá (Lugo).

jueves, 25 de julio de 2019

O Hórreo de Bello

  Na parroquia de Pereira, a uns 250 metros ao sueste da igrexa, áchase este hórreo do século XIX, chamado así por pertencer á familia Bello, a máis rica da parroquia (chegou a ter ata nove caseiros). 


  Nunha casa con tantas terras o hórreo estaba en consonancia, así que o primeiro que chama a atención son as súas grandes dimensións. Mide aproximadamente uns 9 por 4,5 metros e, aínda que hai varios máis longos no municipio, a súa anchura convérteo no de maior capacidade só por detrás do xigantesco hórreo da familia Del Valle da Casa Grande de Parada que ten uns 20 metros de lonxitude por case 6 de anchura (o que aproximadamente veñen sendo 120 metros cadrados de superficie).
  Hórreos de familias ricas do Casal como os Viqueira ou Martínez (Martís) podían albergar 500 ferrados de millo, mentres o de Bello supera os 800 ferrados de capacidade.
   A sustentación máis habitual nos hórreos antigos da comarca son dúas ou tres cepas transversais de pedra miúda, aquí en cambio hai un celeiro (unha base pechada) construído en pedra de bo tamaño e con perpiaños rodeando a porta. O tornarratos é de cantería, corrido, pouco sobresaínte e co seu perfil en talude.
  O corpo principal do hórreo está dividido lateralmente con cinco grandes bloques de granito, que deixan catro claros cerrados con balaústres da tradicional madeira de castiñeiro, reforzados por unha faixa disposta horizontalmente. Os penais teñen dous claros, situándose a porta no do lado sur. Curiosamente non coíncide, como é habitual, coa porta do celeiro que está nun lateral, seguramente porque a escaleira de cachotería impide esta posibilidade.
  O tellado orixinal foi substituído hai tempo por un de fibrocemento a tres augas que deixa un beirado bastante amplo sobre o acceso á cámara.

domingo, 21 de julio de 2019

Morte en Pereira

  En 1928 houbo de novo unha morte violenta na comarca. O suceso afectou a dúas das máis coñecidas familias do concello de Ordes, os Veiras de Poulo e os Bello de Pereira (que por certo estaban emparentadas entre si).

  A noite do domingo 21 de outubro Francisco Veiras Botana, de 26-27 anos, foi a Pereira á casa de María e Dolores García Varela. Francisco tiña unha relación sentimental con María e con ela estivo a falar en compañía de varios mozos.
  Ao saír produciuse unha discusión entre el e outro dos galáns, Francisco Bello Pérez de 19 anos e veciño de Pereira. O motivo exacto non o sabemos, pero no seu día especulouse que discutiron acerca de quen era máis valente. Hoxe pode parecer unha estupidez pero naqueles tempos era un tema de debate bastante habitual.
  A discusión foi empeorando paulatinamente ata que Veiras, fóra de si, atacou cun coitelo de cociña (de 30 cm!) a Francisco Bello, asestándolle ata seis coiteladas no peito, costas, brazos e cabeza. Véndose perdido, Bello sacou unha pistola automática do calibre seis e disparou dous tiros que deixaron morto a Francisco Veiras no lugar da pelexa.
  Acudiron ao ruído varios veciños e, en tanto uns custodiaban o cadáver mentres non chegaba a Garda Civil e o xuíz, outros levaron ao malferido Bello ata a súa casa. Alí permaneceu mentres se recuperaba para pasar logo ao cárcere.

  O xuízo tivo lugar case dous anos despois, en marzo de 1930. Numerosos veciños de Ordes acudiron ás sesións. Francisco Bello estivo defendido polo prestixioso avogado Gerardo Abad Conde (de orixe ordesa e futuro ministro na época da república), mentres que o non menos prestixioso avogado coruñés Manuel Casás (alcalde da Coruña naqueles momentos) exercía a acusación particular apoiando ao fiscal Sr. Alonso. Estes pedían 12 anos por homicidio e tres meses máis 1.000 pesetas de multa por posesión ilícita de armas, mentres a defensa pedía a absolución.
  Ao final Francisco foi condenado a oito anos de prisión polo homicidio e a un mes e un día máis 100 pesetas de multa por tenencia ilícita de armas. Ao saír do cárcere continuou coa súa vida, marchou de Ordes, casou e tivo dous fillos (María e José Antonio Bello).

jueves, 18 de julio de 2019

Mesón do Vento 1946

  Volvendo ás imaxes tomadas en 1946 polos avións militares estadounidenses, que están dispoñibles na web fototeca.cnig.es, e que son ideais para comparar a evolución dun lugar a través do tempo, hoxe tócalle a quenda ao Mesón do Vento.


 Podemos ver como en 1946 a vila practicamente se reducía á explanada do campo da feira e a unhas poucas casa, varias na Folgueira e outras ao longo da estrada, entre as que están a casa de Celsa de Ramos (a antiga pousada onde paraban as ferrocarrilanas e agora os autobuses), a de Armas e a de Hilario.
  Dez anos despois, en 1956, xa vemos a estrada a Cerceda e, a carón dela, o 1º campo de fútbol (que tiña tanta pendente que o saque do gardameta oeste ía de portería a portería, mentres que ao outro porteiro custáballe chegar ao medio do campo). Xa había moitas máis casas (entre elas a do meu avó José Boquete) pero aínda non estaba a igrexa que foi construída en 1964.
  Na fotografía detallada distínguense os montículos de terra cubertos de céspede onde poñían os seus produtos os feirantes, montículos feitos pola familia chamada "da Casa Grande" que despois cobraba unha comisión.
  Finalmente podedes ver o Mesón na actualidade. Se queredes observar con máis claridade, premede aquí.

martes, 16 de julio de 2019

Parroquia de Beán


  Beán é a parroquia máis meridional do concello de Ordes, de feito é unha especie de península en territorio de Oroso co que linda polo leste, sur e oeste, mentres que ao norte faino coa parroquia de Pereira.
  Ten unha superficie de 10,30 km² (6,6% do total municipal). A súa orografía é accidentada en termos xerais, de suave pendente na zona norte e máis acusada na sur, coincidindo co límite municipal.
  Segundo a páxina web do Concello de Ordes a súa cota máis alta é o Coto das Canicas (346 m) no noroeste, pero unha mirada ao Mapa Topográfico Nacional dinos en cambio que a zona máis alta está ao sur da parroquia con unha altura de 361 m no lugar da Areosa. A zona máis baixa está ao suroeste, na Chousa de Varela (262 m), confluencia do límite municipal co río de Ulloa, que augas arriba recibe o nome de rego de Cacheiro. A zona leste está bañada polo rego do Outeiro e o rego do Pumar, afluentes do río Samo, que serve de fronteira con Oroso nun pequeno tramo de case un quilómetro de lonxitude.
  Nas ribeiras están as mellores terras de cultivo, praderías e pastos e, por tanto, tamén están os pequenos núcleos de poboación, a maioria deles concentrados na estrada que enlaza Vilasuso coa parroquia de Vilarromarís. O resto do territorio está ocupado maioritariamente por grandes extensións de arboredo e algunhas matogueiras cara ao leste.
  Os 10 núcleos  -0,97 por km²- (moi por debaixo da media municipal de 1,8) acumulan unha poboación en claro declive. No ano 2000 eran 345 os habitantes, 13 anos despois a parroquia xa baixou dos 300 e no ano 2021 a poboación era de 248 habitantes. 
 
LUGARES: Aldea de Abaixo, Cercedo, A Ermida, Fonte da Viña, A Igrexa, Nouche, Pontellos, A Regueira, O Souto, Vilasuso.
 
  No núcleo da Igrexa atópanse os equipamentos como o campo da festa e a antiga escola unitaria, así como o conxunto de igrexa, cemiterio, cruceiro e casa reitoral (local social da parroquia desde o ano 2010), que, sen ser nada excepcional, si merecen unha visita (especialmente a reitoral coa súa harmónica combinación de cantería baixo as fiestras e pedra miúda do país no resto).
  Por certo que no lugar da Ermida, como o seu nome indica, existiu ata arredor do ano 1700 unha capela dedicada a San Silvestre, propiedade das monxas do convento de Santa Clara.


  O topónimo Beán podería vir quizais de *bedana "(Vila) do foso".
  A parroquia estivo habitada desde a prehistoria como testemuñan os castros de Nouche, Souto, Vilasuso e Fonte da Viña a menos de 400 m ao nordeste da igrexa.
  Na Idade Media pertencía á Terra de Montaos que Alfonso VII doou no ano 1124 á Igrexa de Santiago. No documento aparece nomeada: "et vadit per stratam de Beiam" (indo pola estrada de Beán).
  No Antigo Réxime Beán pertencía á xurisdición de Folgoso (da que era practicamente o centro xeográfico). No século XVII polas "Memorias del Arzobispado de Santiago" de Jerónimo del Hoyo, sabemos que tiña 48 veciños (uns 216 habitantes), os mesmos que Poulo e por enriba de Ordes e Montaos. No Catastro del Marqués de La Ensenada do século XVIII os habitantes declaran ser do señorío do Conde de Altamira a quen lle pagaban impostos. Nesa época había 67 veciños (66 casas e outras dúas arruinadas), sendo naqueles tempos a 4ª parroquia máis poboada. Tamén había 5 muíños e unha taberna que pertencía a un tal Juan Pereiro. Producían centeo, millo, millo miúdo, trigo e liño. 

  O século XIX ten peores datos. En 1828, segundo o Diccionario Geográfico-Estadístico de Sebastián de Miñano, Beán tiña 53 veciños con 222 habitantes e producía centeo, liño, pastos e gando. En 1846 (18 anos despois) o Diccionario de Madoz reducía esa poboación a 50 veciños e 204 habitantes. Engadía que era "un llano cercado de montañas, con buena ventilación y clima sano, si bien acometen fiebres inflamatorias" e que producía millo, trigo, centeo e patacas, gando vacún, lanar e cabalar ademais de caza (perdices, lebres e xabarís). Os muíños fariñeiros, a única industria, eran nese momento 6.
  En 1876 a poboación de Beán era de 371 habitantes.
 En 1880, amplíase a igrexa, sendo sacerdote don Andrés Quintáns López (m.1883), quen xunto co seu sobriño Andrés Míguez Quintáns (m.1912) está soterrado no adro.
 
  A principios do século XX Beán foi noticia en 1912 por un homicidio que cometeu Antonio Mosquera Vázquez na festa do Carme. En 1917, outra vez na festa do Carme!, morreu o mozo de Calvente Santiago Amor Botana dun garrotazo na cabeza. En 1928 a parroquia tiña 339 habitantes (453 de dereito) que vivían en 69 casas -34 dunha planta e 35 con piso-. Nouche era a principal aldea e nela vivían 116 persoas.
  En 1932 volveu a ser noticia pola bomba que os veciños lle puxeron ao mestre Martín Pan Atañes e, en 1934, polo crime onde morreu Pedro García. A posguerra saldouse coas mortes de Manuel Balado e Rufino Garaboa en 1948. Ese mesmo ano chegou á parroquia o sacerdote de Santa Baia de Losón don Plácido Rodríguez Rodríguez (1918-2001) que estaría nela 54 anos! ata a súa morte.
  Coa democracia e as eleccións Beán foi sempre un bastión do PP, que logrou acadar nunha ocasión o 88 % dos votos. Como anécdota, os militantes do BNG chamaban á parroquia "Territorio Apache".
  No século XXI saltou á fama a cantante Tania Veiras, agora o personaxe máis coñecido de Beán.

viernes, 12 de julio de 2019

Manuel E Gamallo Sueiro

  A historia de Ordes está chea de grandes mestres. Nomes como Juana Soto (doña Juanita), Ramona Pérez (doña Moncha), Nicolás del Río, Mariano del Amo... e moitos máis son evocados con agarimo e gratitude por alumnos que mantiveron vivo o seu recordo.
  Non é o caso que nos ocupa: Manuel Gamallo é unha das figuras máis controvertidas da nosa historia. Non ten agarimo (nunca o buscou) pero si o recoñecemento de numerosos alumnos que consideran que aprenderon moito con el. Doutra banda, outros consideran que a súa experiencia escolar foi un inferno do que tardaron en recuperarse e téñenlle un odio africano (como Anibal aos romanos).

  Antes de nada precisar que o seu nome completo era Manuel Elpidio. Isto é importante porque en Ordes era coñecido como Manuel Gamallo, pero realmente Manuel Gamallo Sueiro era un irmán seu máis novo (e tamén mestre) que non tivo relación laboral coa nosa vila.

  Gamallo naceu no ano 1928 en Cerdedo (un pequeno concello da montaña pontevedresa), concretamente en San Martiño de Figueroa. Era fillo de José Mª Gamallo Rey (1901-1998) e tivo dous irmáns menores: Sara e Manuel.

  Estudou maxisterio en Pontevedra e, como tantos mestres naqueles anos, tivo que saír de Galicia e dar clase en Castela.
  Casou cunha moza do seu concello, alta e robusta coma el, chamada Laudelina Bugallo Barreiro (en Ordes coñecida como doña Laura) que nos anos 70 tamén sacararía as oposicións de maxisterio e sería mestra. Con ela tería tres fillos: Luis, Agustín e Elpidio.

  En 1963 veu de Amusquillo (Valladolid) para Santa Cruz de Montaos e dous anos despois, en 1965, aprobou as oposicións para lugares de máis de 10.000 habitantes e chegou a Ordes ao que entón se chamaba Agrupación Escolar Mixta. Había aulas repartidas por toda a vila (onde estudaban separados nenos e nenas) ata 4º de Primaria que era entón o ensino obrigatorio. Gamallo daría clase na casa de Manolo dos Ramos e despois nunha casiña que había detrás de "Calzados Mallorca" onde dera clase don Ricardo Rama.
  Neses tempos vivía na vila pero logo fixo unha casa en Santa Cruz de Montaos onde residiu a familia.

  Gamallo era un admirador da máxima dos mestres romanos "a letra con sangue entra". Era unha época onde o castigo físico non estaba mal visto e moitos profesores daban ocasionalmente cachetes ou tiróns de orellas, pero el levábao ao extremo e tiña unha lista de castigos que consistían desde dar vareadas nas mans ata longos tempos axeonllados.
  Eses métodos funcionábanlle: en 1968 levou o 6º premio (500 pts) no concurso do "Cuaderno de rotación" (unha libreta na que cada día escribía un alumno distinto da clase facendo as actividades desa xornada -foi a clase da foto, na que estaba eu-).

 
   Nesa época Gamallo tamén foi o máximo dirixente da OJE en Ordes. A OJE era unha especie de organización similar á dos Boy Scouts americanos, pero dependente da Falange Española, e era habitual que os mestres fosen os seus mandos, de feito o Xefe provincial de dita institución era o mestre coruñés Jesús Grandío Rivas. Os afiliados á OJE achegaban unha cantidade mensual para manter o que se chamaba “Hogar de la OJE”, un local destinado a aprender morse, xogar ao xadrez, artes marciais, técnicas de supervivencia, etc. Como en Ordes non existía ese "Hogar" Gamallo quedábase cos cartos das cuotas. Isto foi denunciado por Carmen Gaudeoso Bascoy, a muller de Rodrigo Robado Rama. Gamallo foi destituido automáticamente pero os afiliados, alumnos seus, pagaron os pratos rotos e sufriron logo duras represalias.

   A principios dos 70 creouse o Colegio Nacional Comarcal de Ordes (actual CEIP Castelao) e alí se reuniron os profesores de Primaria baixo a dirección de Manuel Picallo (1920-2005). Son novos tempos e xa non hai castigo físico pero Gamallo segue sendo o "ogro", o profesor que ninguén quería que lle tocara. Había unha excepción: gustáballe facer as excursións e era un dos poucos profesores que se movían para recadar fondos e organizalas.
  A relación con moitos compañeiros tampouco foi a mellor, chocando con algúns deles (outros tíñanlle tanto medo como os alumnos), especialmente con Mª Carmen Abraira que tamén tiña un carácter forte. Este choque chegou a niveis físicos en maio de 1990, sendo ela xefa de estudos, cando a perseguiu polos corredores (supoño que a non demasiada velocidade porque neses tempos xa tiña moito sobrepeso) con intencións nada amistosas. Afortunadamente o secretario (sen dúbida un amante do perigo) púxose en medio e o sangue non chegou ao río. Posteriormente negou que lle tivera dado unha bofetada e ambos os dous se disculparon mutuamente diante dos compañeiros.

  Os últimos anos tivo bastantes problemas de saúde. Morreu o 3 de xuño de 2007 e está soterrado en Figueroa, a súa parroquia natal.
  O seu fillo maior, Luis, está casado e con dous fillos. Agustín está viúvo e cun fillo. Elpidio foi o de maior relación con Ordes porque tivo durante bastantes anos unha óptica en Alfonso Senra.
FONTE: Xorxe de Xan Ferreiro e outros ex-alumnos.

miércoles, 10 de julio de 2019

Festas de 1928

  Como de costume Ordes tivo un bo número de festas e eventos.
  Ese ano en abril o párroco don Nemesio Morgade encargargoulle levar o calvario na procesión do venres de Semana Santa ao secretario do Xulgado de Instrución José Medina Pérez. En Pereira, onde oficiaba o párroco de Montaos don Antonio Duro Cotón, celebrouse a Divina Pastora e en Mercurín, parroquia rexentada por don Juan Simal Fernández, a festa de Santa Lucía.
  O xoves 6 de xuño, festividade de Corpus Christi, oficiou a súa primeira misa Manuel Romero Álvarez. Foron os seus padriños de altar o seu pai José Romero Faya e a súa madrasta Rogelia Vieites Álvarez. O mestre de cerimonias foi don Joaquín Andrade (sería sacerdote de Ordes nos anos 50), o diácono e subdiácono foron respectivamente Aquilino Álvarez e Ángel Segade. O coro das mozas da localidade estivo acompañado polos señores Troitiño, Mariño e Bueno e por Sara Segade ao armonio. Manuel Romero aproveitou para dar a primeira comuñón á súa media irmá Sara Romero Vieites. Logo houbo un espléndido banquete na casa do seu pai onde estiveron invitados o alcalde Manuel Rivas, o secretario do concello Antonio Louro, o médico Antonio Concheiro, o notario César Antonio Sánchez Paniagua, o sacerdote don Nemesio Morgade, o enxeñeiro sr. Acevedo e Juan Liñares Iglesias.
  A festa do Corpus foi custeada polo rico comerciante  Juan Barreiro Ríos e oficiada polo coadxutor don Domingo Barbeito e actuando como mestre de ceremonias don Nemesio Morgade. Pola tarde houbo festa na alameda.

  A festa do Sagrado Corazón foi patrocinada como sempre por Mercedes Salgueiro de Álvarez (farmacia de abaixo). Oficiou a misa de novo o coadxutor don Domingo Barbeito que contou co Padre Obarte, Redentorista da Coruña, para o sermón. Non faltaba o "afinado coro" dirxido polo ecónomo de Filgueira Manuel Romero Álvarez que tamén acompañaba ao armonio.
  Nicolás del Río lamentaba que a procesión non tivera permiso para saír pola tarde, dado que non saíra o día de Corpus polo mal tempo. Para el "el Corpus sin procesión es como gaita sin tambor, pero el no conocer las costumbres de Galicia trajo consigo la consecuencia indicada, muy lamentable y digna de ser corregida para otra vez".
  Pero a pesar diso a procesión foi "magna" pois estivo presidida polas autoridades e acudiu numeroso público ademais dos nenos e nenas das escolas nacionais portando bandeiriñas españolas e acompañados dos seus respectivos mestres. Logo houbo baile público ata a noite.  

  O 2 de xullo tivo lugar a festa do Santísimo Sacramento na parroquia de Leira, da que era sacerdote don Emilio Regueira García. A festa foi custeada polo veciño da Pedreira Andrés Mosquera. A igrexa estaba fermosamente adornada, especialmente o altar que conmemora a visita da Virxe á súa prima Santa Isabel (antiga patroa da parroquia).
  O San Paio de Buscás estivo moi concorrido. Houbo misa solemne a cargo de don Manuel Martínez Iglesias, auxiliado polos de Ordes (máis o coadxutor), Leira, Ardemil, Poulo e Mercurín. Houbo procesión na que se queimaron moitas bombas e, pola tarde, romería amenizada polas bandas da Garbanxa e Barbeiros. A función foi pagada polos veciños da parroquia, organización que administraba o veciño de Carballedo Vicente Cancelada Villaverde (tío do futuro conserxe do colexio Castelao).

 As festas patronais dese ano tiveron unha aportación extra das "distinguidas señoritas y jóvenes de la localidad" que representaron un par de obras ("Hay Entresuelo" e "La Nicotina") no Salón Cine Troche, reinaugurado había poucos días. O seu propietario, Antonio Troche, foi o presidente da comisión na que tamén figuraban Ramón González como vicepresidente, Ezequiel Astray como tesoureiro, Manuel Concheiro de secretario e Arturo Viqueira e Florencio Pol de vogais.
  As festas duraron os catro días habituais (de 14 a 17 de agosto) e foron amenizadas polas bandas de Corme e da Garabanxa. Ademais das solemnes misas houbo verbenas, fogos artificiais, iluminación eléctrica, carreiras de bicicletas, concursos de baile galego, merendiñas, cucañas e sesións de cinema.
 
  En Poulo o 8 de setembro tivo lugar a inauguración da capela da Mercé despois das obras de restauración que custeou Mª Felisa Uzal Varela, viúva de Laureano Varela (e que este pedira no seu testamento). Na festa do día 24, ela e a súa prima Juana Varela Figueiras adornaron o templo. Houbo procesión con todas as imaxes ata o cruceiro e romería pola tarde animada por unha "afinada" banda.

  Ah! e no outono tamén houbo no Teatro Troche un concerto de Cantigas da Terra que tivo un gran éxito de público.

sábado, 6 de julio de 2019

A familia Villaverde (Piñeiro)

  Obviamente o apelido Villaverde tivo a súa orixe no lugar de Vilaverde, preto da vila de Ordes, pero pronto se instalaron os portadores noutros lugares como o Piñeiro ou a Espenica.
  A principios do século XIX xa vivía no Piñeiro Pedro Villaverde del Río (m.1849) que casou en segundas nupcias con Benita Carballido Liñares (1809-1848), moza de Vilaverde coa que tivo 8 fillos, os Villaverde Carballido.
  Coa súa 1ª muller, Mª Juana Noya Liste, tivo 3 fillos: Jacobo, Andrés e Manuel Jacobo (1822-1877). Deste último sabemos que morreu nos Coruxos (Espenica de Arriba), que casou cunha moza de Poulo, Josefa Dolores Gómez Gil (1845-1902), e que foi o pai de Mª Josefa Villaverde -que sería a matriarca da familia Mosquera de Vilaverde-.
  Jacobo probablemente morreu novo e Andrés (n.1819) foi o herdeiro da casa no Piñeiro. Do seu matrimonio con Josefa del Río naceu Pedro Villaverde del Río (1857-1911) co mesmo nome e apelidos co seu avó.


  Pedro casou con Ángela Mosquera Barreiro (1865-1941), a maior de 8 irmáns (entre os que estaba Manuel, o patriarca dos Mosqueiras do século XX en Vilaverde).
  O matrimonio tivo 6 fillos: Manuel, Francisco, Mª Josefa, María, Ángela e Dolores.

Manuel (n.1883) casou coa súa curmá Manuela, a maior da familia Mosquera Villaverde. Con ela tivo tres fillas e un fillo, Pedro do Piñeiro, o herdeiro da casa. Morreu bastante novo e a súa muller aínda tería unha filla máis con Antonio, un dos 11 fillos de Antón de Xan Ferreiro.
Francisco casou con Josefa Bello Blanco a Monteira coa que tivo un únifo fillo, Ángel Villaverde Bello Monteiro (1918-1970). Este foi expedientado en 1939 polas súas simpatías esquerdistas pero en 1945 xa tivo libre acceso aos seus bens. Comprou o Salón Troche e tivo un negocio de bicicletas ao lado do Chocolateiro. Casou con Esperanza Astray Patita e tiveron tres fillas: Esperanza, Cristina e Margarita. Logo deixounas a todas e marchou para Ámerica onde faleceu en marzo de 1970.

Mª Josefa (1891-1930) casou con Pedro Pardo Fandiño, un rico empresario que se dedicaba á obra civil (construción de estradas). Viviron preto do Mesón de Deus e tiveron 6 fillos. Pero da familia Pardo falaremos máis extensamente nun próximo artigo.
María (1893?-1926?) casou cun garda civil, José Ferreiro, o fillo maior de Antón de Xan Ferreiro. Morreu bastante nova despois de ter 3 fillos: Pedro, Antonio e José. Os fillos de Antonio (José e Antonio Ferreiro Regos) levaron durante unha temporada o "Pub Arcos".
José volveu casar de novo con Carmen Mosquera coa que tivo dous fillos máis: Jesusa e Manuel Ferreiro Mosquera. Este tamén seguiu a senda paterna e foi garda civil. Estando destinado no País Vasco a casa cuartel de Las Arenas que el comandaba sufriu un atentado con lanzagranadas en agosto de 1984 onde foi ferida gravemente a súa filla Eva María.

Ángela (1904-1997) tamén casou cun curmán, Manuel Mosquera (1900-1959), e viviron na Fonte Estrei. Manuel traballaba na Eléctrica de Fernanducho, ao igual que o seu fillo Suso, que morreu nun transformador do Mesón do Vento en 1957. A súa filla, Lolita da Fonte Estrei, casou cun mozo de Leira. 
Dolores (1905-1981) casou con Garea, un garda civil que veu de Melide. Con el tivo 3 fillos e unha filla. Os dous maiores seguiron a carreira paterna: Jesús chegou a brigada e está soterrado en Santiago, Manuel vive na provincia de Pontevedra. O máis novo, Pedro Juan, foi oficial da Mariña.
 

jueves, 4 de julio de 2019

Paseando a un paisano

  En abril de 1928, en plena ditadura de Primo de Rivera, foi nomeado gobernador civil da Coruña Rafael Muñoz Garde, que naquel momento era vicepresidente da Deputación Provincial de San Sebastián (o de chamarse Donosti quedaba moi lonxe) e conselleiro do Banco de Vizcaya.
 Rafael Muñoz tiña fama de ser home afable e de fácil trato. Como lle gustaba moito conducir, a diferenza doutras personalidades non adoitaba levar chofer.

  Nunha das súas viaxes da Coruña a Santiago ou viceversa decidiu parar en Ordes para charlar co alcalde Manuel García Rivas xa que quería informalo do restablecemento dunha feira que fora suprimida o ano anterior.
  Ao saír topouse cuns paisanos e un deles, ao ver o uniforme e o feito de que non houbese ninguén mais no coche, creu que era soamente un chofer da Capitanía Xeral de Ferrol ou de calquera outra institución.
  Así que achegouse a el e ofreceulle unha peseta por levalo ata un lugar que quedaba máis ou menos a tres Km. de Ordes. O gobernador, sen molestarse en aclararlle quen era, seguiulle o xogo recorrendo ao entón omnipresente regateo.
- Una peseta es muy poco para ese trayecto.
- Veña ho. Por tres patacóns vou no castromil.
- Será verdad, pero es que este automóvil es más bonito y va más cómodo, pues va usted solo dentro.
- Pois non dou máis. Se o quere, ben. Senón vostede o perde.
  Vendo tal determinación o gobernador cedeu e convidou a subir ao paisano, ao que levou ata o seu lugar de destino.
  Ao baixarse do coche o paisano buscou na súa faltriquera unhas perras gordas ata reunir traballosamente unha peseta, pero ao ir darllas ao condutor atopouse cunha negativa:
- Lo he pensado mejor y para una peseta no quiero nada.
O paisano non insistiu. Metendo as moedas no peto respondeu:
-"Destonces" moitas gracias e que haia "salude".

  O coche marchou e o paisano foi saudar a uns conveciños que alí había. Un deles preguntoulle:
-E ti, como viñeches co gobernador?
Completamente abraiado o home só foi quen de dicir:
- Pero era o gobernador? O gobernador? Ai miña nai!

  Esta historia (real ou inventada) foi publicada nun par de xornais. En El Eco de Santiago a conclusión final é bastante curiosa (sobre todo polo último adxectivo):
"Esta anécdota refleja la impresión que nos produjo el Sr. Muñoz de ser un hombre asequible, afable y un verdadero demócrata cristiano".
 
  E, de propina, un chiste gráfico "El chiste malo" publicado en El Correo Gallego.
 

lunes, 1 de julio de 2019

Os nomes das rúas

  Unha das herdanzas do réxime franquista en Ordes foron os nomes de catro rúas da vila.
  Dúas delas xa existían en 1936: eran os Lagartos (Calle Nueva) e o Recreo, oficialmente chamada durante a República "Santiago Casares Quiroga" (só durou dous meses o nome) e antes diso "Saturnino Aller" (desde 1923 na honra do político liberal que dominou o distrito de Ordes durante tres décadas). Á primeira foille posto o nome do político dereitista José Calvo Sotelo (quedouse nos apelidos "Calvo Sotelo") asasinado pouco antes do alzamento polo que serviu a este como xustificación -era considerado "protomártir"-, e á segunda o do fundador da Falange, o político José Antonio Primo de Rivera (que quedou simplemente en "José Antonio").
  A estas uníronse outras dúas rúas creadas a principios dos anos 40 polo militar Arturo Pérez Loureiro: a rúa "Generalísimo" (obviamente aludindo ao xeneral Franco) e "General Mola" (por Emilio Mola Vidal, outro dos artífices do alzamento).

  Esta diferenza na data de creación foi moi significativa: mentres as dúas rúas máis antigas sempre foron coñecidas polo seu nome popular e unicamente os seus residentes tiñan claro o nome oficial (que era o que se usaba para o correo), as dúas máis novas non tiñan unha denominación popular distinta.
 
  Coa chegada da democracia, a mediados dos anos 70, os partidos da esquerda emprenderon a súa particular cruzada para cambiar o nome desas catro rúas.

  En 1984, o socialista Manuel Astray Mariño foi o primeiro en levar ao pleno municipal o cambio do nome. O martes 27 de novembro acordouse a creación previa dunha comisión de estudo que sería a encargada de propoñer os novos nomes. Nunha xuntanza do 7 de xaneiro de 1985, aceptáronse os que coñecemos hoxe: A rúa Generalísimo pasaría a chamarse Rúa Nova, a General Mola sería Avenida de Galicia, mentres a rúa Calvo Sotelo e José Antonio serían cambiadas polos seus nomes populares (os Lagartos e o Recreo).
  A proposta gustou e a comezos de marzo de 1985, abriuse o periodo de información pública que rexistrou as seguintes incidencias: ninguna pronunciación a favor do cambio do rueiro, 35 oposicións a calquera cambio, 28 oposicións ao cambio de rúa General Mola e 4 oposicións contra o cambio da rúa Calvo Sotelo.
  Aquela resposta popular disgustou a Astray, que pretendeu facer entrega, sen éxito, doutras tantas opinións de veciños a favor do cambio que algúns deles lle fixeran chegar de xeito espontáneo, pero, doutra banda, restoulle importancia á falta de apoio explícito, pois “a xente non se molestaba por eses asuntos e a decisión final sobre o particular debía corresponde aos concelleiros da corporación municipal e non á veciñanza a través dunha consulta popular".   
  No pleno do 26 de marzo de 1985  tivo lugar a votación. O cambio de nome foi rexeitado pois había 7 votos de AP contrarios. Mentres os Lagartos e o Recreo contaban con 5 votos a favor do cambio (Astray, Pérez, Pena, Cores e Ferreiro Tacón), a Rúa Nova e a Avenida de Galicia só tiveron os 3 do PSOE (Astray, Pérez e Pena). O alcalde, entón Manuel Viqueira, abstívose.
  Como anécdota, ante a decepción de Astray declarando que "ningún dos personaxes que daban nome a esas rúas en Ordes merecía esa distinción e algún día habería unha corporación de esquerdas e progresista que lles daría o nome dalgún veciño que o merecera”, Roberto Gónzalez Santos contestoulle, á súa vez, que "esperaba que o pobo de Ordes non puxera unha corporación tan de esquerdas como a dita polo señor Astray".

  Os desexos de Astray non se cumpriron e, polo contrario, o partido da dereita (agora PP) acadou maioría absoluta nas seguintes corporacións. O tema do cambio de nome quedou aparcado. 
  En 1995 produciuse o "sorpasso" (o BNG superou en votos e en concelleiros ao PSOE). A partir deste momento recolleu a bandeira da reivindicación do cambio de nomes nas rúas. En agosto de 1997 presentou unha moción onde pedía que General Mola pasara a chamarse Alexandre Bóveda, Generalísimo Concepción Arenal, e as outras rúas volveran ao seu nome popular. De novo foi rexeitada.

  Houbo que esperar ao século XXI, pero a ocasión finalmente chegou. As eleccións municipais de 2007 deixaron a corporación máis fragmentada da historia (4 concelleiros de UXO, 4 do PP, 3 do PSOE, 3 do BNG, 2 de NA e 1 de TEGA).
  Nesta coxuntura tan favorable o portavoz do BNG, Gonzalo Castro, volveu presentar a proposta de cambio de nomes (a mesma de 1984) o 24 de setembro de 2007 e esta vez tivo a satisfacción de que foi aprobada por unanimidade. Dentro desa unanimidade figuraba o voto de Roberto González Santos (TEGA), o único supervivinte daquela corporación de 1983, xa que Victorino Cores, se ben se presentou ás eleccións e acadou 195 votos, non logrou o escano.

  A pesar da opinión de Renato Landeira que, en outubro de 2011, despotricou contra a figura de Alfonso Senra pola súa colaboración co réxime franquista, o nome da principal rúa de Ordes nunca estivo en cuestión pola sinxela razón de que non é un nome franquista (levaba posto 13 anos cando comezou a guerra).