martes, 29 de enero de 2019

A estatua de Carnota

  A máis antiga e importante escultura de exterior (quitando os cruceiros, claro) do concello de Ordes é a dedicada ao xornalista Vicente Carnota.

 
  Carnota foi o ordense máis destacado a principios do século XX. Tiña ademais grandes amigos entre a intelectualidade da Coruña e de Santiago. Estes amigos, con Narciso Correal Freire de Andrade á cabeza, foron os que decidiron facer unha homenaxe á súa figura.
  En agosto de 1924 crean un "Comité pro Monumento a Carnota" formado por membros da cultura e das artes galegas e persoas destacadas de Ordes coma o mestre Nicolás del Río. O diñeiro conseguiuse mediante un peditorio popular, encabezado polo concello de Ordes que achegou 500 pesetas. En setembro o comité lograra xuntar 4.856,65 pesetas.

  A estatua encargóuselle ao "escultor da raza", un novo (tiña entón 36 anos) pero xa consagrado Francisco Asorey.
  No verán de 1925 o artista xa plasmara en barro o busto de Carnota, logrando un gran parecido (o que naqueles tempos era máis difícil pola escaseza de material gráfico). Posteriormente foi baleirado en bronce e colocado como remate dun esvelto fuste de pedra con alegorías á súa condición de escritor e sacerdote e a inscrición "Al Gran Periodista Vicente Carnota 1855-1920".

  A estatua foi colocada no suroeste da alameda e descuberta o domingo 8 de novembro de 1925, un día de moi mal tempo que non logrou deslucir a celebración, un dos eventos máis importantes daqueles tempos.
  En 1955, con motivo do centenario do seu nacemento, houbo outra homenaxe, esta xa máis reducida, na que se colocou unha placa con parte dun artigo de Carnota:
  "Llevado de inquietudes tan vivas como inexorables, anduve siempre por el mundo siguiendo, no como las golondrinas sus primaveras, sino como las gaviotas sus días crudos y sus tempestades".
  Esta placa perdeuse e nunca se repuxo.

  A pesar dun intento nos anos 50 de levar a estatua ao adro da igrexa parroquial pola sinxela razón de que representaba a un sacerdote, o monumento estivo sempre na alameda. Lentamente a memoria de Carnota foise perdendo e a estatua pasou a ser máis un estorbo que algo apreciado. Finalmente foi trasladada á zona sur do Parque da Constitución onde Vicente Carnota segue mirando divertido o tráfico de coches que van e veñen do Recreo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario