Quizais o seu nome non nos diga nada, pero se precisamos que
todos lle chamaban Fernanducho, a cousa cambia totalmente: estamos
a falar dun dos ordenses máis coñecidos.
Naceu nos albores do século XX, no ano 1901.
Era fillo de Fernando Liste Caramelo (1855-1931) poderoso empresario e propietario
que casou con Manuela Mosquera Barreiro
(1876-1955), vinte anos máis nova ca el e tamén de familia moi rica,
concretamente dos Mosqueiras de Vilaverde.
Fernando Liste tiña moitísimas terras (parte
dos terreos do campo da feira -actuais parques municipais- fóronlle expropiados
a el en 1892) e tamén era o propietario da estación eléctrica que se fixo en
Ordes no ano 1922 e da maquía, ambas
na Rúa dos Lagartos. En política militou no Partido Liberal, sendo gran amigo e
seguidor de Saturnino Aller. Chegou
a ser alcalde de Ordes entre os anos 1918 e 1920.
Tivo só tres fillos: Manuel Liste Mosquera, que morreu moi novo en 1918, Carmen (1900-1975), que casou con Manuel Bascoy Pereira (1893-1970),
mestre nacional en Trazo, e o popular Fernanducho.
Fernanducho foi todo un personaxe. Mozo e con
diñeiro, un dos primeiros coches da vila foi o seu, o C-3484. De feito un día,
vindo do Recreo, deu a curva do cruce con tanto ímpetu que subiu á beirarrúa do
Bar Liñares e case mata a dous militares que alí estaban na terraza.
Cando morreu Fernando pai en 1931 herdou a
súa gran fortuna e continou aumentándoa grazas aos recibos da luz (ata que
Fenosa se fixo cargo), á maquía, ás súas terras, ao seu gando (tiña cortes
preto do que agora é a zapatería "Capitán") e á tenda que tiña na Rúa
Alfonso Senra a 50 metros
da igrexa e que mesturaba ultramarinos, artigos de caza (alí se lograban as
licencias), ferraxería, cristalería e un longo etcétera.
Nesta tenda atendía el xunto co seu sobriño Fernando Bascoy Liste (1927-2018), mentres que para
a maquía e as terras e gando tiña tres irmáns da familia Barreiro do Casal (parentes da súa nai).
Cóntanse moitas anécdotas sobre el:
Unha é que a vila non medraba pola súa culpa.
Non había onde edificar porque el non vendía ningunha das moitísimas terras que
tiña (ademais do que hoxe é a Rúa República Argentina e a zona da maquía dos
Lagartos, case toda a zona sur de Ordes ata as Casillas era súa).
Outra, que un cliente, para vacilalo, lle
pediu chupóns e el respondeulle que non os tiña, que fose á Casa do Concello
(practicamente estaba en fronte) que alí había moitos.
Outra máis -e desta dou fe que é real- é que
deixou moitos produtos sen cobrar porque metía as "facturas" (anacos
de papel cos prezos apuntados de mala maneira) nas potas que tiña nos estantes
e cando o cliente ía pagar nunca as tiña a man (por outro lado non parecía
importarlle moito) e sempre dicía un "xa me pagarás outro día"...
Aínda que nos cotilleos do pobo lle colgaron
algúns amoríos e ata un fillo ilexítimo, nunca casou e morreu sen fillos
recoñecidos en maio de 1985.
A súa irmá Carmen, en cambio, tivo cinco: Pilar (a que vivía con el e o coidaba),
Manuel, Fernando, Enrique e Jaime. Só Pilar e Jaime casaron. Pilar con Ricardo
Varela Uzal (o propietario da casa Maldonado en Poulo) e Jaime con Fanny Valiño
López. Só estes tiveron descendencia: as súas tres fillas, Fanny, Carmen e Pilar, son
as actuais herdeiras da fortuna dos Liste.
No hay comentarios:
Publicar un comentario