sábado, 6 de diciembre de 2025

O ano 2013


  En 2013 seguía a resaca da Primavera Árabe: a Guerra civil de Siria xa pasaba dos 80.000 mortos e 2 millóns de refuxiados (moitos dos cales rematarían en Europa e serían unha futura fonte de inestabilidade), mentres en Exipto volveu a haber un golpe de estado militar. O evento máis sorprendente do ano foi a renuncia do Papa Benedicto XVI (a primeira dun papa en máis de 700 anos). O conseguinte cónclave elixiou ao arxentino Jorge Mario Bergoglio, alonxado das elites vaticanas e que sería moi popular. Nos USA tivo lugar un atentado nunha maratón popular en Boston. Rafael Correa gañou as eleccións en Ecuador por 3ª vez e Nicolás Maduro, o sucesor de Chávez, por 1ª vez en Venezuela. Ademais a ONU aprobou o Tratado sobre o comercio de armas.
  O peor desastre natural foi o  tifón Haiyan, que asolou Filipinas.
 
  2013 foi o ano do gran éxito musical Blurred Lines de Robin Thicke, de Roar de Katy Perry e de Locked Out of Heaven de Bruno Mars. No cine descubrimos a Elsa en Frozen e tamén Gravity e The Wolf of Wall Street.
 
  España tocaba fondo na crise, volvendo a baixar o PIB, aínda máis que en 2012. O goberno de Rajoy tentaba cadrar as contas cunha agresiva política de recortes que ocasionou moitas protestas da esquerda. Houbo gandes manifestación especialmente en educación (contra o impopular ministro Wert) e sanidade. A crispación aumentou de nivel e comezaron os escraches aos políticos de dereitas. O goberno respondería cunha nova Lei de Seguridade Cidadá. Tamén foi o ano do fallido proxecto Eurovegas. No país instalouse un sentimento xeral de desmoralización vendo como aos problemas económicos engadíase a caída da reputación da monarquía coa breve imputación da infanta Cristina e como a candidatura de Madrid para as Olimpíadas era rexeitada sen contemplacións.
 

  Nunha Galicia que perdeu 13.000 habitantes a nova do ano foi o terrible accidente ferroviario que tivo lugar o 24 de xullo na curva de Angrois e que ocasionou 80 mortos e 144 feridos. Ao igual que no resto de España houbo numerosas protestas contra os recortes e foi cando El País publicou as fotos do presidente Feijoo no iate co traficante Marcial Dorado.
 

  En Ordes 2013 xirou arredor da reforma da vella Casa do Concello. Os menores de 60 anos nunca viran a vila sen ela, polo que foi un choque enorme cando desapareceu a parte superior. As obras continuaron no medio de grandes polémicas pero antes das festas patronais, como mandan as tradicións ordenses, o consistorio apareceu flamante e renovado, aínda que a oposición seguiu clamando que agora era unha casca sen contido.
  Houbo máis obras nas rúas Casabella, Galicia, Ceidón, Casal... Tamén unha renovación do alumeado público moi criticado polo BNG xa que segundo eles o gasto era de 7.300 € por farola. E aínda houbo máis obras cara ao final do ano cando se reacondicionou e pintou a Praza de Abastos. Segundo Ramiro Recouso esta reforma foi un enorme despilfarro pois custou 158.000 € e tirouse o que se fixera en 2010, que custara 138.000 euros!
  A nivel político, en abril Gonzalo Castro e Montse Rei do BNG deixaron as súas actas e foron substituídos polo incombustible Ramiro e por Vidal. En maio Silvia Marín, a tenente de alcalde e concelleira de Educación, declarou en Lugo diante da xuíza Pilar de Lara sobre o expediente de adxudicación da Escola Infantil de Ordes ao grupo empresarial Vendex, saíndo "moi tranquila". En xuño presentouse o orzamento de 11,5 millóns de euros que como era de supoñer concitou numerosas criticas, o mesmo que a considerable subida do IBI que foi aprobada polo goberno municipal.
 
 
Ordes non vive sen festas, sen moitas festas. Inicialmente parecía que volvía Brincadeira, ese ano en Parada, pero a poucos días da celebración Julio Nogueruela cancelouna polo escaso número de entradas vendidas.
Para compensar ese burato, ademais das de sempre, tivemos varias celebracións que pretendían reactivar a esmorecida Movida. Foron a 1ª Festa da Xuventude con Tania Beiras e Olympus, a I Festa da Cervexa (amenizada polo grupo de gaitas Embruxo, a Asociación Cultural Camiño Real de Poulo, a Escola de Música Tradicional de Mesía, Pelexos de Montaos e Familia Caamaño) e un concerto de Rock coas bandas Ruxe Ruxe, Overgrounz e O Leo i Arremacághona.
  O deceso máis notable foi o de Ascensión Concheiro Choncha aos 100 anos en México. Outros personaxe dese ano foron o escritor Euloxio Rodríguez a quen Ordes dedicou unha rúa en abril e o gaiteiro Flor da Maquía que sería homenaxeado en novembro no García Barbón de Vigo pola súa traxectoria.

No hay comentarios:

Publicar un comentario