martes, 4 de agosto de 2026

O colchón chivato


   Pouco despois de que Ordes saltara á fama polas etílicas andanzas de Manolo de Xaniño, volveu ser noticia nacional en abril do ano 2016.
  A responsable foi unha ata entón descoñecida empresa chamada Durmet SL que lanzou un colchón ao que chamou Smartress ("colchón intelixente"). E si, era tan intelixente que sabía cando unha parella realizaba o acto sexual enriba del. Para chamar máis a atención o lanzamento tivo lugar na rúa Serrano "a máis infiel de toda a capital, segundo as últimas filtracións da web Ashley Madinson" e ademais para rizar o rizo no Día Internacional do Bico (13 de abril).
 
  José Antonio Muiño, xerente de Durmet, explicou que eran unha empresa pequena e querían destacar combinando descanso e tecnoloxía. A idea xurdiu cando viron nunha enquisa que os españois eramos os máis infieis de Europa cunha media de 2,3 infidelidades ao ano. Así que o enxeñeiro Iván Domínguez púxose mans á obra e creou o que a prensa denominou "colchón anticornos", expresión incorrecta porque non impedía os cornos, só avisaba de que se producían.
  A explicación científica era que integraba 24 sensores ultrasónicos, repartidos en catro filas e seis columnas, capaces de medir a presión e o ritmo que se exercía sobre diferentes puntos do colchón. Se resultaba que coincidían co algoritmo do acto sexual, saltaba unha alerta inmediata ao móbil do desconfiado propietario. Non había confusión posible con outras situacións da vida cotiá como que os nenos ou o can saltasen encima da cama. Hai uns patróns de ritmo (velocidade, intensidade e frecuencia determinada) inherentes ao acto sexual.
  Muiño encomiaba o produto: «É moi discreto, porque nin sequera o que o monta sabe que leva eses sensores, nin tampouco o que o usa, só o que o compra. Por fóra non se nota nada. Aparentemente é como calquera outro colchón, e así ten que ser, claro. Senón sería un desastre». Obviaba que sería inútil se a infidelidade se producía en calquera outro lugar.
  O colchón custaba 1.500 euros, nada menos. Non sabemos se foi un éxito ou non, pero polo menos deu de que falar.