sábado, 30 de enero de 2021

Sangue en Vilamaior

  O ano 1935, como todos os daqueles tempos, foi pródigo en liortas e pelexas que traían graves consecuencias. 
  Ademais das inimizades persoais e as causadas pola política, os problemas de lindes e os tradicionais enfados entre mozos de distintas parroquias, un dos principais motivos eran as rivalidades amorosas. As mozas máis agraciadas tiñan un alto número de pretendentes e estes non sempre aceptaban de bo grado a elección feminina e buscaban vingarse do afortunado. A miúdo os mozos resentidos decidían aliviar as súas penas e ... que mellor maneira que dar solidariamente unha severa tunda ao elixido! 
 
  Así sucedeu en abril na Poza, parroquia de Mercurín. A Andrés del Río, de 26 anos, saíronlle ao paso os seus conveciños Miguel del Río, Valentín Gestal e Ricardo Bermudez, de 26, 17 e 19 anos respectivamente. Andrés recibiu unha enorme malleira que lle causou lesións de carácter grave. 
  En decembro sucedeu algo parecido con Antonio Ferreiro Juncal, da familia dos Ferreiros do Casal, que foi bourado a paus polos mozos Manuel Martínez García, José Areosa Bermúdez e os irmáns Manuel Andrés e Jesús Varela Regos. 
 
   Pero o suceso máis grave, con consecuencias fatais, tivo lugar o día 30 de setembro de 1935
  Manuel Sanjurjo Rivas, un mozo de Vilamaior que contaba entón só 23 anos, volvía dun baile acompañado da súa moza, Dolores Gaudeoso Souto, e unha amiga desta, Manuela Moar. No camiño esperaba por el a morte. Dous mozos empezaron a paus con el, ata deixalo no chan sen vida. 
  A Garda Civil de Ordes procedeu a levantar o cadaver e trasladalo ao cemiterio. Interrogadas as acompañantes de Manuel, declararon que non coñecían aos agresores. Obviamente era unha mentira. Por suposto que eran coñecidos por ela e polo morto. Novas investigacións deron froito rapidamente. Xurdiron os nomes de dous mozos da parroquia de Buscás: Antonio Villaverde Vázquez de 31 anos e José Villaverde Naveira de 29, veciño de Cernadas. Pronto foron detidos, así como as dúas mozas pola falsidade da súa declaración. 
 
  O xuízo debeu celebrarse en 1936, pero quedou opacado polos sucesos aínda máis graves dese ano e xa non atopei información sobre el. 
  Unha vez máis a comarca tinguiuse de sangue e houbo que lamentar unha nova vítima, froito daquela era de violencia.

martes, 26 de enero de 2021

Informe meteorolóxico 2020

 
TEMPERATURA
  O programa europeo de observación terrestre Copernicus declarou que o ano 2020 foi o máis cálido en Europa desde que hai rexistros, con 1,C por encima da media do período de referencia 1981-2010 e 0,4°C por encima de 2019, que ata o de agora fora o máis cálido no continente. Como podemos ver no mapa, a maior diferenza de temperatura deuse no Ártico e o norte de Siberia, con 6°C por encima da media. 
  Ademais Copernicus destacou que este feito foi especialmente notable por coincidir o segundo semestre do ano co fenómeno La Niña, asociado normalmente a condicións máis frías. A razón do quecemento é o aumento da concentración de gases de efecto invernadoiro na atmosfera. A de CO₂ segue subindo a un rimo de 2,3 partes por millón (ppm) ao ano e en 2020 alcanzou un máximo de 413 ppm. 
 
  España, por suposto, tamén rexistrou unha temperatura máis alta e Galicia non foi a excepción, aínda que a subida non foi homoxénea, sendo máis elevada en zonas coma os Ancares, Carballo ou Culleredo-Betanzos. Na comarca de Ordes a subida estivo entre 0,5 e 1°C. 
  Quere isto dicir que todos os meses en xeral foron máis cálidos? En absoluto. Esta nova era está a caracterizarse por unha maior variabilidade do tempo. Así, febreiro, maio e xullo foron meses extremadamente cálidos (comparados co que é habitual) e abril e novembro moi cálidos, pero como contrapartida xuño e outubro foron bastante fríos. 
 
PRECIPITACIÓNS
  2020 foi un ano seco, especialmente a principios do verán, pero logo nos tres derradeiros meses a situación recompúxose e acabou sendo un ano bastante normal nas súas cifras. Tanto maio como, sobre todo xullo, foron moi secos pero en cambio agosto entre os días 12 a 19 tivo valores moi por enriba dos habituais. Decembro, que xa adoita ser o mes máis chuvioso, chegou nalgúns lugares a dobrar as súas medias.
 
  Pero o máis destacado foi a enorme cantidade de auga nalgúns días concretos. Por exemplo, houbo un tremendo chuvieiro o día 16 de xaneiro (máis de 60 mm en pouco tempo). O 14 de marzo houbo que engadir á choiva unha colosal riada de saraiba. O 12 de agosto caeron 50 litros por metro cadrado en Ordes e 90! en Mesía. E por se iso non fose suficiente, o 20 de setembro as rúas de Ordes eran auténticos ríos que non podían conter a cantidade de auga que levaban.
 

martes, 19 de enero de 2021

Xente dos anos 20

  Durante a guerra de Marrocos foi habitual que se realizaran, especialmente durante o Nadal, recollidas de fondos para os soldados. Nesta de 1921, publicouse a lista de todos os doantes, cousa que nos permite coñecer a moitos dos que vivían na vila nos anos 20. Aqueles que sexan de familias "de toda a vida" case con toda seguridade verán aquí o nome dalgún antergo. Por exemplo, no meu caso figura o meu bisavó Juan Ferreiro Franqueira Juanito da Fabera.
 
El Ideal Gallego Martes 5 de diciembre de 1921
CUESTACIÓN PATRIÓTICA 
  Un grupo de hermosas jóvenes pertenecientes a la buena sociedad de esta villa formado por las señoritas Lola Calviño, Lola Caramelo, Moncha Faya y Obdulia Abeijón, pusieron en práctica la plausible idea de recaudar fondos para los militares de este pueblo que en África defienden nuestro honor nacional, habiendo conseguido para aquellos reunir la cantidad de 407 pesetas con 20 céntimos que por giro postal remiten a los beneficiados. He aquí la lista de los donativos hechos por el vecindario de Órdenes: 
  A lista orixinal no tiña ninguna orde especial (posiblemente fora por data de chegada). Eu transcríboa por orde alfabética de apelidos -para que sexa máis fácil de ver a persoa que nos interese- e eliminando os entón imprescindibles "don" e "doña". Tamén corrixo o apelido Faya que neste caso (e moitísimas máis veces) aparecía no xornal como Fraga. 
 
José Abeijón 5 pesetas. Manuel Álvarez del Río 5. Manuel Astray 2. Viuda de Astray 5. Juan Barreiro Ríos 6. Policarpo Bello 0,30. Manuel Bernárdez 1. Andrés Blanco 1. Valentín Blanco 2. Josefa Boo, viuda de del Río 5. Manuel Brañas 2. Félix Buxó 5. Manuel Calviño 0,50. Viuda de Calviño 2. Ramón Calvo 2. Viuda de Ramón Calvo 4. Domingo Candal 0,30. Juana Caramelo 0,25. Ramón Caramelo 3. José Carnota 5. Stas de Carrero 4. Dominga Castro 2. Ignacio Castro 5. Isabel Castro 2. Jesús Castro 2. Josefa Castro 0,60. Josefa Castro 0,50. Manuel Castro 1. El señor coadjutor de Órdenes 1. Antonio Concheiro 5. Marcelino Conde 2. Dolores del Río 1. Nicolás del Río 0,50. Pedro del Río 5. Pedro del Río 0,25. Santiago del Río 5. Ramón Faya 10. José Fernández 0,20. Manuel Fernández Uzal 5. Ricardo Fernández 5. Francisco Ferreiro 2. Juan Ferreiro 1. Segundo Ferreiro 2. Mariano Ferrer (ingeniero madrileño) 5. Andrés Franqueira 2,50. Señorita Isolina Franqueira 1. Manuel Franqueira 5. Manuela Franqueira 0,10. José Fuentes 0,50. Alfonso García 3. Manuel García 10. José García Álvarez 5. José García Barros 2. Manuel González 0,50. Fernando Ibáñez 0,20. Asunción Iglesias 0,50. Benita Iglesias 1. Consuelo Iglesias 1. José Iglesias 2. Laureano Iglesias 5. Viuda de Iglesias 0,50. Juan Liñares 5. Viuda de Liñares 1. Fernando Liste 4. José Liste 1. José López 0,50. Manuel López 0,50. María López 1. José A. Louro 5. José Maceiras 5. Dolores Mandayo 1,50. Manuel Mareque 1. José Mariño 10. Manuel Mariño 1. Antonio Maroño 0,50. Eduardo Mato 1. Domingo A. Moar 2. Nemesio Morgade 3. Manuel Mosquera 2. María Noya 2. Martín Pan 2. Pedro Pardo 5. Manuel Patiño 2. Manuela Pedrouzo 0,50. Manuel Pérez 2. Antonio Pintos Baleira 4. Carmen Pol 3. Julio Pol 5. Jesús Precedo 0,50. Manuel Quintana 4. Perfecta Raña 1,20. Antonio Recouso 1. Leonardo Recouso 0,25. Benito Regos 2. Manuel Regos 2. Manuel Regos Caramelo 2. Josefa Remeseiro 2. Carmen Rey 5. Antonia Ríos 0,20. Antonio Ríos Mosquera 5. Francisca Rodríguez 1. Nicolás Rodríguez 0,50. José Romero 5. Emilio Sánchez Álvarez 2. José Sánchez Somoza 4. Cándido Seoane 2. Pastor Stolle 2. Manuel Suárez 1. Ricardo Trasmonte 1. José Uzal 1. Manuel Vaamonde 0'50. Viuda de Vaamonde 1. Señoritas de Valdés 5. Josefa Vázquez 1. Ramona Vázquez 0,50. Ramón Veiga 1. Manuel Viaño Prado 2. Antonia Vieites 0,80. Ramón Vieites 1. Ramón Vilela 1. Andrés Villar 2. Carmen Villaverde 0,50. Viuda de Villaverde 1. Antonio Viqueira 4. Vecinos de los lugares de Casal y Vidueiro 6,25. La Comisión popular de festejos de lo sobrante de las fiestas patronales de esta villa 100. 
Total recaudado 407,50 pesetas.
 
   Para ver xente das parroquias podemos acudir ás listas de xaneiro e agosto -publicadas no boletín da provincia- de maiores contribuíntes (e sacerdotes) que serían os vogais das comisión de avaliación do reparto xeral de utilidades.
 
MAIORES CONTRIBUÍNTES en 1924
PARTE REAL
Rústica
Ru / Forastero
Urbana
Fernando Liste Caramelo (Ordes)
Industrial
Juan Barreiro Ríos (Ordes)
ARDEMIL
Sacerdote
Pascual Couce Pico
Rústica
José Caamaño Gómez
Urbana
Agustín López Candal
Industrial
BARBEIROS
Sacerdote
Jesús Freiré Furelos
Rústica
Urb. e Ind.
José Gestoso García
BEÁN
Sacerdote
José Mª Hermida Varela
Rústica
José Veiras Ferreiro
Urbana
Ventura Nouche Pena
Industrial
Andrés Rey Castromil
BUSCÁS
Sacerdote
Manuel Martínez Iglesias
Rústica
Domingo Viqueira Manteiga
Urbana
Jesús Moar Veiras
Industrial
Ramón Fuentes Calvo
LEIRA
Sacerdote
Emilio Regueiro García
Rústica
José Iglesias Iglesias
Industrial
Ramón López Calvo (xa.)
Manuel Vieites López (ag.)
LESTA
Sacerdote
José Pena Cortizo
Rústica
Domingo Juncal Bermúdez
Urbana
Manuel García Suárez
MERCURÍN
Sacerdote
José Pena Cortizo
Rústica
José Calvo Martínez
MONTAOS
Sacerdote
Rústica
Manuel Sánchez Mosquera (xa.)
Manuel Villaverde Remuiñán (ag.)
Industrial
José Mella Duro
ORDES
Sacerdote
Rústica
Manuel Ferreiro Recouso
Urbana
José Carnota Pérez
Industrial
José García Álvarez (xa.)
Manuel García Bermúdez (ag.)
PARADA
Sacerdote
Manuel Lomba Vidal
Rústica
Benito Bermúdez Liñares
Industrial
Pedro Pampín del Río
PEREIRA
Sacerdote
Antonio Duro Cotón
Rústica
Antonio Gaudeoso Ferro
POULO
Sacerdote
José Mª Barreiro García
Rústica
Andrés Veiras Viqueira  (xa.)
VILAMAIOR
Sacerdote
Vicente Monteagudo Fernández
Rústica
Manuel Sanjurjo Boga
Industrial
Antonio Bascoy Castro

sábado, 16 de enero de 2021

Parroquia de Barbeiros

 
  A parroquia de Barbeiros localízase ao leste do municipio, lindando cos concellos de Frades e Oroso. Ao norte linda con Buscás e Vilamaior, ao leste con Poulo e ao suroeste con Pereira. 
  A súa superficie segundo a páxina web do concello é de 9,62 km² (aínda que outras fontes dábanlle 13,7), o que supón o 6,1% do total municipal, bastante por debaixo da media. 
  A súa orografía caracterízase pola abundancia de suaves pendentes. As maiores alturas están no noroeste da parroquia, na zona de acceso á autoestrada, chegando a cota máis alta aos 379 m. Ao leste na ribeira do río Samo están as terras máis baixas que aínda así non descenden dos 289 m. Precisamente é o río Samo, que nun par de tramos fai as funcións de límite municipal, o máis importante da parroquia. O nordeste está bañado polo seu afluente o río Buxán, mentras no oeste nace o rego dos Muíños do Cubo, subafluente do Cabrón e por tanto xa pertencente á extensa cunca do Lengüelle
  A estrada que parte da AC-524 (a altura da "Tienda O Peñasco") de norte a suroeste en dirección Folgoso é a principal vía de vertebración municipal. No seu percorrido están 13 dos 14 núcleos de poboación da parroquia (o máis afastado, Fondo de Aldea, só dista dela 500 m). Tamén determina os usos do solo, porque as súas marxes están dedicada ás praderías mesturadas con extensas leiras de millo. Polo contrario a zona oeste, pola que discorre a autoestrada, é o reino das matogueiras con máis arboredo canto máis ao sur. 
 

  A poboación é escasa e decrecente (é a 2ª parroquia menos poboada, só por riba de Lesta). Roldaba os 220 habitantes en 2021 (pouco máis de 20 h/ km²) repartidos en 14 núcleos, dos que o máis poboado é Coruxo (42), seguido do Cruceiro (30). Ningún dos outros chega aos 20 habitantes.
 
LUGARES: A Aldeiña, Os Baltares, Bieites, Coruxo, O Cruceiro, Fondo de Aldea, Os Lagos, O Loureiro, Os Mandaios, Meixónfrío, Os Pardos, O Pedrouzo, O Peñasco, Ramil, O Uzal.
 
  Conta con bonitas paisaxes a carón do río Samo. No núcleo do Cruceiro están a igrexa de Santa María, o pequeno cruceiro e a reitoral. 
  A festa principal é a de Santa Eufemia en setembro, pero algúns anos tamén se celebran festas na honra da Virxe do Carme en xullo.  
 

  A parroquia estivo habitada desde a prehistoria como testemuñan os castros de Baltares e Uzal e a medorra dos Mandaios.
  Na Idade Media, citada como "furcam de Barbeyros" (forca de Barbeiros), aparece na carta de doación da metade da Terra de Montaos que fixo o rei Alfonso VII á Igrexa compostelá en 1124.
  No Antigo Réxime Barbeiros pertencía á xurisdición de Folgoso. En 1607 Jerónimo del Hoyo nas "Memorias del Arzobispado de Santiago" informa que tiña 35 veciños (uns 157 habitantes), os mesmos que Pereira e só por enriba de Mercurín e Lesta.
   No Catastro del Marqués de La Ensenada do século XVIII os habitantes declararon ser de señorío do Conde de Altamira a quen lle pagaban impostos. Había uns 52 veciños que cultivaban coles "gallegas", trigo, centeo, millo, millo miúdo, mazás, liño ...
  En 1826 o Diccionario de Miñano reduce as cifras de veciños a 37 (145 habitantes) que producían centeo, patacas e liño xunto co gando. 20 anos despois, en 1846, o Diccionario de Madoz (máis fiable) subía o número de veciños a 48 (246 habitantes -máis que na actualidade-). Di que cultivaban centeo, trigo, millo e vide ademais de gando e caza. Tamén informa de que había un par de boas fontes de auga e dous muíños fariñeiros por toda industria.
  En 1876 os habitantes eran case 300. O ano seguinte acaeceu un crime: Antonia Rey Blanco foi asasinada na súa casa por Miguel Blanco, Ignacio Calviño, Antonio Suárez e Dominga Porro. Eses anos finais do século XIX foi párroco don Ramón Louzao Fernández. Xa había escola (con soldo de 250 pts anuais) e algunhas das súas mestras foron Clotilde Amor del Río e Francisca Platas Piñeiro.
  Curiosamente, a pesar da súa pouca importancia, a parroquia deu nome ao Arciprestado de Barbeiros, división relixiosa, que comprendía 36 parroquias actuais (22 matrices, 13 filiais e Pasarelos que estivo suprimida un tempo), 2 de Cesuras, 12 de Frades, 11 de Mesía, 3 de Ordes e 8 de Oroso.
 
 
  Case toda a primeira metade do século XX, de 1906 a 1948, a parroquia tivo como párroco a don Jesús Freiré Furelos, que grazas á voda da súa sobriña Concepción Cea con José Pérez, estaba emparentado coa rica familia Pérez.
  En 1904 Barbeiros foi noticia porque se comentou que un famoso ladrón fuxitivo, Gumersindo Lazaré, se agochaba na parroquia.
  En 1918 constituíuse un sindicato agrario católico do que foi presidente Pedro Pérez Souto. Este morrería en 1927 e o seu enterro foi o evento máis concorrido de Barbeiros en moito tempo. Eses anos Antonio Botana Ramos de Coruxo estivo implicado en diversas liortas con armas de fogo. En 1928 construiríase a nova escola. Tamén ese 1928, en outubro, constituíuse unha organización campesiña, "Mancomunidad Agraria" de Barbeiros, cuxos estatutos serían aprobados en 1933. En 1934 chegaría o mestre Lisardo Castro Amor.
  Barbeiros sufriu no Alzamento menos ca outras parroquias e non tivo que lamentar mortes entre a súa veciñanza. Despois dos duros anos da posguerra foi perdendo poboación como todo o rural ordense.
  En 1948 morre o sacerdote Freiré con 85 anos. Nos anos 70 comezou a concentración parcelaria e houbo unha mellora xeral dos camiños. En 2009 (case 40 anos despois!) estaba rematando.

miércoles, 13 de enero de 2021

Festas en 1935

  As festas de 1935 foron polémicas: ese ano non estiveron organizadas como de costume por unha comisión formada por mozos, comerciantes e un representante do concello. Ese ano ocupouse exclusivamente o concello que eliminou a simboloxía republicana e diminuiu o tempo de verbena. Velaquí un artigo publicado no xornal madrileño El Liberal o 23 de agosto de 1935 onde un descoñecido autor (claramente republicano de esquerdas, na onda de García Gerpe) se escandaliza doutro artigo publicado un par de días antes, o 23 de agosto, en La Voz de Galicia. Un artigo sorprendente -dada a liña progresista do xornal- porque nel alabábase de xeito desmedido o labor do alcalde Antonio Concheiro ao facer unhas festas patronais tan agradables para os católicos.
 
ASÍ ESTAMOS 
En la villa de Órdenes (La Coruña) no tolera el alcalde que se ize en las fiestas la bandera de La República y llena el programa de sermones, procesiones, misas cantadas, etc., etc.  
  Es "La Voz de Galicia" la que nos descubre a este estupendo alcalde de la villa de Órdenes en las siguientes líneas de entusiasmo clerical: 
  «Muy bien han resultado este año nuestras fiestas. La verdad es que los que conocemos al alcalde y sus orientaciones así lo esperábamos. 
  Muy bien porque teniendo en cuenta el sentimiento religioso del pueblo, procuró no herirlos, sustituyendo a tal objeto la bandera tricolor o republicana que todos los años engalanaba la torre principal de nuestra iglesia parroquial, por una artística cruz, que por su grandiosidad y opulencia nos hacía reconocer que nada existe bajo el signo y dominio omnímodo del poder religioso. Hora era, señor alcalde, de que las aguas volviesen a sus cauces y de que nos demostrase que usted está en su puesto, con nosotros. Muy bien, porque con su tacto de político imparcial supo orientar las procesiones por su verdadero camino.
 
  Desde aquellos heroicos tiempos de la dictadura, no recordamos otros festejos patronales que superasen a los de este año. 
  En conjunto podemos destacar: procesiones, sermones, misas cantadas, iluminación sorprendente en la iglesia parroquial, gran cruz en la cúspide de la misma, etc. Claro es que a todo este éxito ha cooperado también nuestro venerado párroco, sobre todo en el aspecto económico, contribuyendo con cuantiosa suma a fin de que se concentrase, como así sucedió, toda la afición de los festejos en lo religioso.
 
  Pero algo tenemos que censurar: nuestra villa es eminentemente religiosa. No nos explicamos, pues, como se ha permitido que se colocasen determinadas colgaduras, alusivas al sentimiento, pues con ello pudo provocarse un conflicto de orden público.» 
¿Hace falta más? ¿Qué dice el gobernador? ¿Y el gobierno? 
¿Es todavía alcalde ese alcalde que arría la bandera de España?  
 
  O artigo do xornal El Liberal non transcribe os dous últimos párrafos do outro por non ser necesarios para o seu obxectivo de crítica, pero aquí os tedes debaixo para que non perdades nada. 
   Fue sensible que se ordenase al propietario de una tómbola colocada en el corazón de los festejos, precisamente en el momento en que esta iba a comenzar sus operaciones y cuando todos los gastos de instalación y demás estaban efectuados, que cerrase todo ello según nos afirman, por caprichos y sin tener en cuenta que sus propietarios son gentes que, amantes del trabajo, al que se deben, procuran ganarse el sustento. 
  Decimos la verdad de todo. Aplaudimos lo que se debe aplaudir y criticamos lo criticable. 
  Creemos que después de tanto acierto, el alcalde habrá dado la pauta para otros años, pauta que habrán de seguir los que le sustituyan en el puesto de alcalde, si es que el señor Concheiro no continúa, cual es nuestro deseo, rigiendo los intereses del municipio. A los muchos parabienes reciba el nuestro sincero.
 
  Pero ... quen escribiu ese artigo de La Voz de Galicia? Era completamente anómalo, tanto se temos en conta a liña pro-republicana do xornal como que o seu correspondente en Ordes, Julián Marcos Arenas, era un mozo progresista moi lonxe do clericalismo (e aínda beatería) que destilaba dita publicación. 
  Pois, nin máis nin menos que ... o mesmo García Gerpe! Si, era todo unha ironía, unha xigantesca broma súa, para axitar conciencias. Segundo el, en cambio, non tivo nada que ver co que logo se publicou no xornal El Liberal, causante dun escándalo que tivo inmediata repercusión.
  
  Os días seguintes chegou a Ordes en funcións de xuíz militar o tenente da Garda Civil Juan Aranguren (fillo do xeneral do mesmo corpo José Aranguren Roldán que sería fusilado en Barcelona polos franquistas). A investigación non chegou moi lonxe porque todas as testemuñas citadas, agás Gerpe, favoreceron ao alcalde, así que despois duns días Concheiro volveu a recuperar o cargo.
 
  No dereitista e clerical El Compostelano tamén temos información sobre as festas da Virxe do Socorro dese ano, en outubro, que comezaron cun solemne novenario custeado pola Asociación del Perpetuo Socorro, presidida por Pura Viqueira de Moar. O día da festa predicou o padre de Pinedo dos Padres Redentoristas, sendo cantada a misa polo coro de señoritas da vila: Carmen Crespo, Rosita Platas, Carmen del Río e Carmen Varela Lisarrague (a que ensaiou e dirixiu) acompañadas do tenor da catedral compostelá Mariano Varillas que tamén tocou o armonium. Oficiou o sacerdote don José Mª Barreiro Uzal.

sábado, 9 de enero de 2021

Poboación da comarca 2020

 
  Con algunha nota cambiada pero todos os anos a mesma canción: novamente a comarca de Ordes perdeu poboación e no ano 2020 tiña 239 persoas menos que en 2019, así que o total quedou en 36.237 habitantes. Nos últimos 5 anos perdéronse máis de 1.000 (concretamente 1.076 habitantes).
 
  Só Oroso (33 residentes máis) e Cerceda (7) medraron levemente. Nesta ocasión Ordes foi o concello que máis habitantes perdeu en termos absolutos (-49), aínda que en porcentaxe viuse superado, como de costume, polos catro concellos periféricos. A única novidade foi que Mesía que o ano 2019 superara a Tordoia (habitual lider negativo) deixou ese primeiro posto a Frades. 
 
  De propina, un gráfico de como evolucionaron os 7 concellos da comarca nas dúas primeiras décadas do século XXI. Se queredes ver gráficos detallados de cada concello, premede aquí: 
 

martes, 5 de enero de 2021

Os Reis Magos

   As tradicións asociadas ás festas de Nadal e Reis cambiaron moito co tempo. O máis sorprendente é que algunhas estaban moi lonxe de ser familiares. Por exemplo nos templos coruñeses a Misa do Galo celebrábase a porta pechada e con invitación porque era habitual que moitos asistentes chegaran beodos e coa bota de viño e remataran por berrar e facer falcatruadas. A xente, para combater o frío típico da estación, pasábase co alcol.

 

   Unha tradición moi antiga era a de cantar panxoliñas de Nadal e de Reis. Pequenos grupos ían pola mañá de casa en casa cantando os reises, romances tradicionais coa historia dos Reis Magos. Algúns ían acompañados de gaitas e outros instrumentos. Eran pagados cunha propina, algunha lambetada ou invitación a beber. Se o resultado obtido era bo, o grupo podía rematar cunha copla de agradecemento: «Bos reises!/ Esta casa é moi decente/ Bos reises!/ Que aquí vive boa xente». En caso contrario a copla non deixaba en bo lugar aos donos da casa.


  Pola tarde, nas casas aristocráticas da cidade era costume celebrar a festa da torta de reis (hoxe chamámolo roscón). Segundo a importancia e grandeza dos salóns das devanditas casas, o número de invitados variaba e as reunións podían incluír baile, concerto, declamacións e unha árbore de Noel con agasallos para os nenos dos amigos. A concorrencia era convidada a unha espléndida merenda co aliciente de atopar a sorpresa -unha faba- oculta no interior da torta. Pero o máis concorrido acontecía na noite e estaba relacionado co tradicional baile de Reis. Con el inaugurábase a tempada de bailes e sería o elemento que se mantería máis invariable no tempo. Eran organizados polas diversas sociedades e círculos existentes na Coruña, como o Liceo Brigantino ou o Círculo Coruñés, aínda que o máis importante sería o do Circo de Artesáns. A eles só podían acudir os socios, as mulleres das súas familias e os invitados que tivesen billete de presentación. Adoitaban empezar sobre as dez ou once da noite e terminar sobre as dúas ou catro da madrugada. Tiñan un enorme éxito

 

  O día dos Reis Magos sempre foi unha festa de ilusión. A tradición dicía que na véspera, antes de deitarse, nenas e nenos debían deixar na xanela ou na porta un zapato coa esperanza de recibir ao espertarse algún agasallo ou lambetada. Pero non todos querían esperar aos Reis na cama.

   En Madrid no século XIX a noite de Reis era a festa máis grande do Nadal, pero non tiña nada de familiar. Os madrileños saían en tropel, moitos deles disfrazados, a enganar a algún asturiano ou galego recentemente chegado á cidade, facéndolle crer que os Reis Magos eran de verdade e levando unha escaleira para velos. Era unha noite de troula e alcol. Os moitos incidentes e falcatruadas que ocorrían esa noite provocaron que en 1882 o Concello empezase a cobrar cinco pesetas (unha barbaridade para a época) a todos os que quixesen ir de esmorga polas rúas madrileñas. De modo que os chulapos quedaron sen diversión ata que decidiron adoptar a moda das uvas dunha maneira festiva e popular: coméndoas diante do reloxo de Gobernación da Porta do Sol, colocado en 1866. O mesmo reloxo que agora vemos durante a retransmisión das badaladas.

 

 

  Notros lugares si se deixaban ver os Reis. Foi en Alcoy onde por primeira vez se organizou una cabalgata. Aconteceu en 1866 pero non tivo continuidade. Non sería ata 1885 en que se convertería nun evento anual. Contábao o xornal La Discusión de Madrid en 1886: «En Alcoy existe una sociedad compuesta de gentes de buen humor, titulada El Panerot, que ha organizado este año la entrada de los Reyes Magos (?). La comitiva entró en la ciudad en esta forma: Estrella, acompañada de la banda de música Nueva; Reyes Magos con su acompañamiento de pajes y carroza de doña Violante. La cabalgata recorrió las calles de Alcoy hasta la sede dicha sociedad donde había un portal de Belén».

  Esta iniciativa foise estendendo, con maior ou menor fortuna, por outras cidades sendo organizada por diferentes sociedades ou ateneos locais, xa que os concellos, nesa época, apenas gastaban en festas. Nalgúns casos, como en Granada desde 1910, ou en Sevilla desde 1918, mantivéronse no tempo; noutros lugares tiveron un carácter esporádico ou intermitente. Na Coruña o primeiro desfile aconteceu no ano 1909. A Liga de Amigos de La Coruña preparou unha «fastuosa cabalgata». Os Magos repartiron xoguetes a domicilio aos nenos que vivían nas rúas do traxecto. Os pais deberon "avisar" con antelación á Liga que custodiou os paquetes «convenientemente lacrados ostentando el nombre del niño que ha de recibir el regalo [...] ¡La novedad que significa que los Reyes vengan de veras, en forma real y efectiva a entregar los juguetes a los chicos!». A pesar do seu éxito e do apoio da prensa coruñesa non tivo continuidade.

 Nos anos seguintes hai noticias de cabalgatas en toda Galicia (Santiago, Ribadeo...) pero sempre de forma illada, porque a súa organización recaía sobre a voluntariedade e o esforzo da respectiva sociedade, liga ou ateneo. Iso cambiou en 1938. En plena Guerra Civil, cunha España dividida, na zona dominada polo réxime ditatorial de Franco, a Falange Española Tradicionalista de las JONS organizou unha celebración xeral da cabalgata de Reyes. A súa finalidade foi propagandística: nin un só neno sen xoguetes na nova España nacional.

  As ordes dadas pola dirección da Falange conlevaron a realización dunha intensa campaña en radio e prensa exhortando á xente para doar xoguetes para a cabalgata, a instalación de caixas de correos onde os nenos podían depositar as súas cartas de petición aos Reis poñendo a súa dirección, a contestación a esas cartas indicando o lugar onde deberían acudir eses nenos para recoller os seus agasallos, e a execución da cabalgata, cos tres Reis Magos, que se detería nos centros benéficos e da Falange para entregar os devanditos agasallos. Cada repartición de xoguetes remataba cos nenos co brazo alzado cantando o Cara al Sol.

  Se a partir dese momento as cidades contaron con cabalgatas máis ou menos fastosas, houbo que esperar ás décadas dos 70 e 80 para que empezaran a chegar ás vilas máis grandes. Normalmente estaban organizadas por organizacións veciñais que poñían gran esforzo e ilusión mentres pelexaban polas habitualmente rácanas subvencións municipais. En Ordes comezaron as cabalgatas na década dos 80 organizadas pola Asociación de Amas de Casa, axudadas por "Sementes do Arte", "Troula", o Padroado Municipal, etc.