martes, 23 de febrero de 2021

Ardemil (historia)


   A parroquia estivo habitada desde os tempos máis antigos como testemuñan os tres castros que hai na Baixa e os restos prehistóricos que se atoparon no coto do Mesón do Vento.
 
  Da alta Idade Media ven o nome de Ardemil co establecemento dunha "villa Ardemiri", explotación agrícola propiedade dun tal Ardemirus, nome seguramente composto polos elementos góticos hard ‘duro, severo’ e mêreis ‘famoso, célebre’, ou sexa “célebre pola súa dureza”. Hoxe, honrando a memoria daquel home duro, a mascota do colexio do Mesón do Vento tamén se chama Ardemiro.
 
  A parroquia formou parte da Terra de Montaos que o rei Alfonso VII doou á Igrexa compostelá en 1124. A dificultade de gobernar tanto territorio desde Santiago e a necesidade de recompensar os servizos prestados por algunhas familias nobres fixo que a Igrexa lles cedera as terras máis alonxadas. Estes señores que inicialmente aparecen sometidos aos arcebispos e que lles prestan xuramento de fidelidade, aos poucos consolídanse nos seus territorios, amplían o seu poder económico e social e, chegado o momento, opóñense a ese poder eclesiástico e combaten contra el.
  Deste xeito, a partir desta humilde parroquia, formouse a poderosa linaxe dos Altamira. A comezos do século XIV residía en Ardemil o escudeiro Lope Sánchez Moscoso. O seu fillo Lope Pérez de Moscoso solicitou licenza para levantar no castro de Morgade unha nova fortaleza e o arcebispo concedeulla, pero obrigándolle a tirar a antiga casa familiar, a Torre de Moscoso. Os Moscoso seguiron prosperando e no século XV acadan o título de condes de Altamira. A Fortaleza de Morgade foi destruída na revolta Irmandiña pero eles desde o seu novo centro na Mahía seguiron subindo e converténdose nunha ameaza para o poder do arcebispado.

  No Antigo Réxime Ardemil (xunto con Leira, Faramilláns, Buscás e Poulo) pertencía á xurisdición de Mesía, mentres as outras parroquias ordenses formaban parte da de Folgoso.
  En 1607 Jerónimo del Hoyo nas "Memorias del Arzobispado de Santiago" cita a Ardemil e Buscás, ambas as dúas con 63 veciños (uns 283 habitantes), como as máis poboadas do que logo sería o concello de Ordes, aínda que As Encrobas con 110 superábaas dentro do Arciprestado de Berreo de Arriba.
 
  No Catastro del Marqués de La Ensenada do século XVIII (1749) os habitantes declaran ser de señorío do arcebispo de Santiago a quen lle pagaban os impostos. Había uns 90 veciños que cultivaban trigo, centeo, millo miúdo, millo, liño, nabos e verzas "gallegas". Contaban con 4 tabernas: no Canedo, na Piolla, en Cabeza de Lobo e en Mámoas. Esta última, propiedade de Francisco Manteiga, tamén funcionaba como estanco e vendía tabaco. Había un curtidor, Patricio Manteiga, e dous arrieiros de sal, Ventura Pardo e Sebastián García. O sacerdote era Pedro Pablo Conde.
  Así mesmo había unha feira que se celebraba o 3º sábado de cada mes no lugar da "Adigna" con gran cantidade de gando e produtos como centeo, millo, millo miúdo, liñaza e fabas. Dita feira estaba a cargo de Francisco Gómez de Rioboo, veciño de S. Martiño de Filgueira, e Andrés García de Vilamaior. Co tempo pasaría a celebrarse na vila do Mesón.
  En 1764 comezou a construción do Camiño Novo (actual N-550) que afectaría profundamente á parroquia: nacería o Mesón do Vento e os lugares por onde discorría o Camiño Inglés irían perdendo peso lentamente.
 
  En 1826 o Diccionario de Miñano di que había 66 veciños (273 habitantes). 20 anos despois, en 1846, no moito máis fiable Diccionario de Madoz ascendían a 150 (750 habitantes). Engadía que a pesar de que o terreo era montañoso "y en su mayoría inculto" producían trigo, centeo, millo, avea, fabas, patacas, outras legumes, hortalizas e algo de froita. Criaban todo tipo de gando e tamén había caza de perdices, lebres e coellos. A industria existente eran varios muíños fariñeiros.
  En 1835-36 aparece a nova división municipal. No proxecto inicial de abril de 1836 Ardemil non figuraba dentro das parroquias ordenses, pero en xuño do mesmo ano quedou oficialmente integrada dentro do Concello de Ordes.
  Nesa época tivo lugar a primeira Guerra Carlista que deixou algunha acción para o recordo. O 4 de agosto de 1835 a facción do carlista Antonio López (natural de San Estevo de Campo), ex-oficial do Regimiento de Castilla, capturou a dilixencia no Mesón do Vento, matando a un tenente coronel e levando varios reféns. O alcalde de Ordes mandou un oficio ao Capitán Xeneral da Coruña, informándoo que López pagaba 4 reais diarios, pan, viño e carne aos guerrilleiros que recrutaba. Ante este e outros feitos similares o dirixente publicou un bando en novembro de 1835 declarando en estado de guerra as zonas de Arzúa, Ordes e Santiago.
  En 1853 ten lugar o terrible Ano da Fame. Non é de estrañar que en 1876 Ardemil tivera 758 habitantes (só medrara 8 habitantes en 30 anos).
 
  No século XX vai medrando a importancia do Mesón. En 1912 a feira da Adina aumenta a súa periodicidade celebrándose dúas veces ao mes (os primeiros e terceiros sábados). O propietario da casa de postas Andrés Ramos Arán e logo o seu fillo Antonio Ramos Insua son os homes máis ricos da parroquia, por diante de José Caamaño Gómez. Medra a economía e en 1928 xa había máis poboación que na actualidade: 956 habitantes (4ª da comarca).

  Ardemil foi un dos lugares onde máis se deixou sentir a axitación campesiña. Ata tres sociedades agrarias se constituiron: o Sindicato de Profesiones Varias y Campesinos de Brea-Ardemil presidido por Francisco Candal Barbeito, La Harmonía Campesina e La Defensa del Agro de Ardemil domiciliada no Mesón do Vento, ambas as dúas presididas por Francisco Gómez Gaudeoso. Tamén foi unha das zonas onde se padeceron máis conflitos, especialmente no ano 1933, onde houbo un atentado contra o sacerdote da parroquia Pascual Couce Pico.

 

  O Alzamento ocasionou a detención de varios veciños de Ordes, entre eles José de la Iglesia Vilariño, natural da parroquia, e o seu fusilamento no cemiterio de Boisaca o 8 de febreiro de 1937. Ardemil foi un dos lugares onde houbo máis resistencia anti-franquista.

  Un dos máis importantes guerrilleiros, Juan Couto Sanjurjo Simeón (1917-1999) naceu en Mámoas. Resistiu ata 1952, ano en que foi capturado. Logo sería condenado á pena de morte, conmutada pola de 30 anos, aínda que obtería a liberdade no ano 1963. Os seus familiares Bernardo Couto Candal, Manuel Couto Sanjurjo e Maria Couto Candal foron procesados por “auxilio a la rebelión”.

  Tamén outro veciño de Mámoas foi membro da 4ª Agrupación do Exército Guerrilleiro, José Candal Bouzas (1907-1990). Dentro das accións da guerrilla tivo lugar en 1946 unha sabotaxe no Canedo contra os postes do telégrafo que lles custou 4 anos de cárcere a José Candal Gómez, Celestino García, José Louro Garaboa, José Gómez Gómez, Jesús Louro Raposo e Lorenzo Louro Raposo, estes últimos integrantes do cuarteto musical "Os da Fraga".

 

  Nos anos 60 o Mesón do Vento consolidou a súa importancia. Instalouse na vila a antena de RTVE e edificouse a nova igrexa (1964). Pola contra a zona rural seguía vivindo no atraso como  demostran as fotos que alí tomou nesa década o etnógrafo danés Gustav Henningsen.

  A construción da Central Térmica de Meirama nos 70 foi un momento de auxe económico e demográfico para a zona. A finais dos 70 naceu o colexio do Mesón  e xa se tivo que ampliar nos anos 80.

sábado, 20 de febrero de 2021

Parroquia de Ardemil

(Preme na imaxe para vela no seu tamaño orixinal)

  A parroquia de Ardemil é a máis setentrional do concello. Linda cos municipios de Cerceda, Carral, Abegondo e Mesía (representado pola solitaria freguesía de Bruma) e dentro do termo municipal coas parroquias de Leira, Buscás e Vilamaior.
 
 

  É a de maior extensión. Segundo a web do concello ten 20,48 km² (un 13% do total municipal), chegando a duplicar os números de máis da metade das outras parroquias. Tamén é a que alcanza maiores alturas, pois os 464 metros que hai no Mesón do Vento son a cota máis alta do concello. Desde ese punto o terreo descende suavemente cara ao leste e oeste e máis abruptamente en dirección norte. Case todo o seu territorio supera os 350 metros de altura agás a zona sur, denominada apropiadamente a Baixa de Ardemil, onde descende ata os 285 metros a carón do rego Portomanteiga.

  Nas altas terras próximas ao Mesón teñen o seu nacemento numerosos cursos de auga, dos cales o máis coñecido é o Cabrón con dúas fontes, unha preto da Salgueira e outra da vila. Algo máis ao sur nace o rego Portomanteiga, un dos seus pequenos afluentes. No leste na fronteira con Abegondo temos o rego dos Outeiros que augas abaixo será chamado río Traveso (o principal afluente do Samo). No noroeste o rego Fonte da Pedra verte as súas augas ao Encoro de Vilasenín e no norte nace o rego do Canedo, único que non desauga no Tambre, xa que pertence á cunca do río Barcés.

  Tradicionalmente as fértiles terras da Baixa de Ardemil estaban destinadas aos cultivos mentres o norte era unha especie de páramo cheo de matogueiras batidas polo vento. Hoxe predominan os pasteiros preto dos núcleos, con algunhas leiras de millo polo medio, mentres aumenta o arboredo (novas plantacións de eucaliptos) no que antes era monte baixo.

 

  A poboación roldaba no ano 2000 os 1.150 habitantes pero sufriu un continuo descenso. No ano 2021 tiña 920 habitantes, dos cales case un terzo (285) viven no núcleo do Mesón do Vento, sendo o segundo en importancia a Brea (máis de 110). Estos números convértena na segunda parroquia máis poboada despois da de Ordes e por diante da de Montaos que ten uns 800 habitantes.

  Grazas á súa extensión tamén é a que ten o maior número de entidades de poboación, 35 en total (o 15% do total municipal). Non se reparten de forma homoxénea: na Baixa de Ardemil hai varios núcleos tan próximos que é difícil discernir onde remata un e empeza o outro, no norte e noroeste están máis espallados e, pola contra, o leste está case despoboado (cun solitario núcleo na Barcula que conta cuns 30 habitantes).

 

LUGARES: Achán, Adina, Axáns, A Barcula, A Brea, Cabeza de Lobo, O Canedo, A Carballeira, A Carreira, Os Carrucheiros, O Castro, A Hedra, A Folgueira, A Fraga, Froxil, As Mámoas, O Mesón do Vento, Morgade, Moscoso, Orellán, O Pazo, A Piolla, Porta do Nó, Porto, As Raposeiras, A Reboira, A Salgueira, O Seixo, Xenarde.

 

  A principal vía de comunicación que atravesa a parroquia é a N-550, grazas á cal naceu a vila do Mesón do Vento, lugar onde enlaza coa AC-523 cara a Cerceda e coa AC-542 cara a Abegondo e Betanzos. Unha das pistas locais é a que discorre polo antigo Camiño Inglés e atravesa a Baixa de Ardemil.

 

  O Mesón do Vento (a capital oficiosa da parroquia), ademais da recente Igrexa de San Andrés (1964) cos seus correspondentes cruceiro e cemiterio, conta cun colexio de Infantil e Primaria, campo de fútbol, tanatorio e unha boa cantidade de comercios, oficinas bancarias, bares e restaurantes (O Avelino, A Ruta, O Canaima) e un par de hoteis (O Canaima e o Mesón Novo). A estensa explanada que hai no centro da vila foi sede dunha das feiras máis famosas e concorridas da provincia, a Feira da Adina, que hoxe só é unha minúscula fracción do que foi. Desde 1963 hai un repetidor da televisión pública española (RTVE) cunha longa e esvelta antena que é a imaxe máis icónica da vila. Uns dous quilómetos ao sur, a carón da N-550 destaca o pazo dos Carrucheiros.

  Na capital histórica e oficial, Cabeza de Lobo, atopamos os monumentos máis importantes: a Igrexa de San Pedro e o antigo cruceiro. 600 metros ao sur hai un par de bares (o Bar Porto e o Café bar Uzal) e o bizarro grupo escultórico de Orencio Uzal, fotografado por miles de peregrinos nos últimos anos.

  A festa tradicional é o San Pedro, a finais de xuño, pero os ardemilenses son amigos das celebracións e nos últimos tempos contan desde 1999 coa Festa do Lacón con grelos no Mesón do Vento e desde 2006 coa Festa da Malla na Cruz de Ardemil.

Continúa en Ardemil (historia).

miércoles, 17 de febrero de 2021

Ordes 1994

  Abaixo tedes unha película que se rodou en 1994 sobre Ordes. Subiuse hai pouco á rede e podédela ver tamén aquí, pero antes un pouco de contexto.

   Eran anos de esperanza. A República Sudafricana rematara co "Apartheid" e viviu as súas primeiras eleccións libres que resultaron victoriosas para Nelson Mandela, mentres en Irlanda o IRA declaraba un alto o fogo. En Rusia mandaba Boris Yeltsin e nos Estados Unidos Bill Clinton, pero alí estaban máis atentos ao suicidio de Kurt Cobain e aos asasinatos de O. J. Simpson que á política. 
  Foi un ano espectacular para o cine que nos deu películas como "Pulp Fiction", "Forrest Gump", "O Rei león" ou "4 vodas e un funeral".

  En España eran bos tempos económicos, aínda que o goberno do PSOE de Felipe González xa comezaba a abanear por mor da corrupción (foi o ano no que se fugou Luis Roldán), pero ETA seguía matando. 
  En Galicia Manuel Fraga levaba só 4 anos gobernando e en Ordes Martino estaba xa na súa 2º lexislatura, a primeira con maioría absoluta do PP. Eran os primeiros anos da movida porque LP inaugurárase catro anos atrás no seu primeiro local. Eran tamén os tempos do Superdepor que aquel ano perdeu a liga no último minuto co penalti de Djukic. E era o ano de "Se fue" de Laura Pausini que escoitamos centos e centos de veces!
 

domingo, 14 de febrero de 2021

A familia Verea

  Para empezar, unha pregunta: que familia deu máis alcaldes a Ordes no século XX? ... Pois si! Probablemente a maioría de nós pensariamos antes nos Concheiro (1) ou Liñares (2), pero resulta que nos Verea houbo ata tres alcaldes, aínda que ningún durou demasiado tempo no cargo. 
  
  A familia Verea, do mesmo xeito que os Pardo, procede da parroquia de Albixoi en Mesía. Alí naceron a mediados do século XIX Manuel Verea García (1851) e Concepción Fandiño Rúa (1855) que era irmá de Manuela, a nai de Pedro Pardo Fandiño. 
  Era unha familia campesiña de alto nivel. Manuel tamén era propietario dun muíño fariñeiro en Bascoi, a parroquia lindante con Albixoi. Tiveron polo menos 9 fillos: Andrés, Ramón, Antonio, José, Jesús, Javier, Manuel, Carmen e Enrique Verea Fandiño. 
  Tres deles (Ramón, Manuel e Enrique) emigraron a América. Un dos seus descendentes foi José Ángel Verea Chávez (1951-2018), máis coñecido como Pepino, que foi locutor de radio en Iquitos (Perú) e moi coñecido en toda a Amazonia. 
  Andrés, o irmán maior, quedou en Albixoi, mentres que José estableceuse en Bascoi onde herdou o muíño. Foi o máis lonxevo da familia, vivindo 101 anos! Tivo 6 fillos que xa faleceron todos. 
  Pero os que nos interesan son os tres que se instalaron en Ordes. 
 
Antonio Verea Fandiño (1883-1970) estableceuse na Rúa dos Lagartos (no que hoxe é o número 33) onde tivo un comercio e arredor de 1928 comprou o primeiro taxi que houbo na vila, un Ford A con matrícula de Oviedo. Casou con Josefa Remeseiro Liste (1896-1986) coa que tivo tres fillos: Manuel Antonio, Joaquín e Mª del Carmen Verea Remeseiro.
 
 
Joaquín participou na Guerra Civil como alférez de Regulares e morreu na batalla de Teruel en 1938. 
Antonio Manuel (1914-1996), máis coñecido como Manolo Verea, herdou o comercio e o taxi do seu pai. Sería o 2º alcalde da familia pois ostentou o cargo seis meses en 1945, pero a súa ocupación principal foi a de taxista nuns tempos heróicos onde para desprazarse de Ordes a Cerceda había que ir ata Alvedro! de alí a Culleredo e achegarse por unha pista que había a carón da vía do tren. 
Manolo casou con Antonia Rumbo Martínez (1915-2002), irmá de Ernesto, barman do "Cantón Bar" da Coruña. O matrimonio tivo 3 fillos, dos cales o máis coñecido foi José Manuel Verea Rumbo (1947-2016), que traballou no Banco de Bilbao e foi o director de facto de "Sementes do Arte"
Mª del Carmen Verea Remeseiro (1919-2012) casou no ano 1943 con José Bello Segade Pepe Bello, o mestre que ocupou o posto de don Nicolás. Morreu novo en 1961 sen ter fillos e logo Carmen casou con Rogelio Paredes García, colaborador de La Voz de Galicia
 
Javier Verea Fandiño (1892-1978) foi o primeiro alcalde da familia, aínda que só do 30 de marzo ao 21 de abril de 1931. En outubro dese mesmo ano foi nomeado xefe do Depósito (antigo cárcere do partido), de onde ven o seu alcume de Carceleiro. Tamén sería xefe local do Movimiento e subxefe da Falange. Casou con Dolores López López (1886-1977) coa que tivo unha única filla, Inmaculada Verea López Adita (1929-2022). Esta tivo unha mercería en Alfonso Senra e casou con Miguel Ripollés Dasca que era un "jaimito", como lle chamaban na vila aos gardas civís noviños que viñeron para controlar á guerrilla. Tiveron 4 fillos: Miguel Ángel, Inmaculada, Mercedes e Javier Ripollés Verea. Co tempo marcharon para Valencia a onde levaron tamén aos pais de Adita, así que todos morreron e están soterrados alí. 
 
Carmen Verea Fandiño
(1896-1973) viviu en Alfonso Senra 117. Tivo unha filla de solteira case co mesmo nome, Mª del Carmen Verea Fandiño (1916-2011) que casou con Segismundo Viqueira Ramos Mundito, director do Banco de La Coruña (logo absorbido polo Banco de Bilbao), concelleiro, directivo do equipo de fútbol, etc. O matrimonio tivo 9 fillos (un morto aos 8 meses), dos cales o penúltimo, Manuel Antonio Viqueira Verea, sería o 3º alcalde da familia de 1983 a 1987, por Coalición Galega, aínda que posteriormente sempre estivo ligado ao PSOE.
 

martes, 9 de febrero de 2021

Ordes 1936-1950


1936

Eleccións que gana a esquerda. Estatuto de Galicia. Alcalde Germán Doval. ALZAMENTO e GUERRA CIVIL. Numerosas mortes na comarca. Voda de Jaime Concheiro con Sofía del Río.

1937

Consello de guerra con 11 fusilados en Boisaca. Festa da Árbore. Voda de Celia del Río con Ángel Varela. Morren Pastor Stolle, Alejandro Nine, Pascual Couce (párroco de Ardemil), Ricardo Trasmonte, o militar Eugenio Jack (accidente de tráfico) e Manuel Lois (acción de guerra).

1938

Voda de Juan Liñares Castro e Ángela Stolle. Morren o notario C.A. Sánchez Paniagua, Policarpo Galán, Antón de Simón (pai de Mundito), Manuel Patiño, Manuel Mosquera, José Abeijón Suárez, Aurora Graña, Emilia Pardo e na guerra Joaquín Verea Remeseiro, Ramón Calvo Abeijón e Jesús Mosquera.
Remata a guerra. Voda de Asunción Concheiro Iglesias con Enrique Sánchez e de Amelia del Río co militar Adolfo Garza. Morren Domingo A. Moar e o secretario do Concello Juan Campos Fernández. Novo secretario Ángel Concheiro.

1940

Construción da Reitoral e restauración da igrexa. Arranxo do camiño a Curtis. Inicio da empresa CRC. Voda de Ángel Concheiro. Morren o reloxeiro Manuel Pérez Rivas, Manuela Faya, muller do Capitán, Juan Ferreiro e José del Río Martínez no Mesón de Deus.

1941

Ano da fame. Gran temporal en febreiro. O alcalde Arturo Pérez Loureiro fai as rúas "General Mola" e "Generalísimo" (Rúa de Galicia e Rúa Nova). Antón do Túnel comeza co seu negocio. Volven a celebrarse as festas do Recreo. Morren Julio Pol, o médico Francisco Liñares e Luis Ferreiro.

1942

Alcalde Rafael Mariño. Homicidio en Senra. Debuta Airiños de Buscás nas festas de Ordes. Voda de Celestino Concheiro con Consuelo Nine. Morren Antonio Concheiro Rodríguez, e a mestra doña Juanita.

1943

Inauguración da liña férrea Santiago-Coruña. Motín contra o SNT en Tordoia. Inaugúrase o Sanatorio Concheiro. Serradoiro de Manuel Vieites. Viriato o Vello funda o 1º coro de canto e baile galego. Rafael Álvarez (farmacia de abaixo) casa con Elvira Stolle e o mestre José Bello con Mª Carmen Verea. Morren Antonio Ramos e José Sánchez Somoza.

1944

Novo sacerdote: D. Joaquín Andrade Orza. Xubílase o mestre don Nicolás. Víctor González estrea "Un marido interino". Morren Manuel Gª Bermúdez, o avogado Benigno Concheiro e o panadeiro Antonio Ferreiro Eirín. Motín en Cerceda.

1945

Alcalde Manuel Verea Remeseiro. 1º Concurso de calidade de patacas. Morren Ramón Faya da Fábrica, Jaime Concheiro, Asunción Iglesias Rapela e Tilita Viqueira. Abatido Manuel del Río Botana. Os Foucellas matan a Antonio Martínez Boquete.

1946

Novo alcalde Genaro González. Inauguración da carnicería de Buyo. Sabotaxe de postes da luz no Canedo. Atentado de Manuel Ponte en Vimianzo. Abatido Antonio Recouso Boquete. Morren Manuel Castro o Ferreiro e José Ferreiro López.

1947

O ano máis sanguento na comarca. Abatido no Fontao Manuel Ponte.  Morto en atentado o zapateiro Liñares Pepe de Ramas. Falecen José Mariño, patriarca dos Mariños, e o Capitán.
Inaugurado o servizo de buses á estación da Pontraga. Sabotaxe de postes da luz en Guindibóo. Peregrinación do arciprestado. Consello de Guerra contra varios paisanos. Morren Clotilde Viqueira, Ramón Abeijón (pai de Kilé) e o mestre don Nicolás. Abatido Antonio Nouche Costa.
Abatido José Remuiñán Ricardito (fin dos guerrilleiros na comarca). Morren Manuel de Calvo e Manuel Álvarez da farmacia. En Buenos Aires morreu o político republicano Manuel García Gerpe.

1950

Abre a oficina da Caixa de Aforros de Santiago. Instálase en Ordes Viriato Lamas Gutiérrez. Festa da Árbore no Mesón do Vento. Voda de Antonio del Río con Elvira Pardo. Abatido o guerrilleiro Saúl. Morre o ex-alcalde e militar Arturo Pérez Loureiro. Juan Liñares, novo alcalde.

sábado, 6 de febrero de 2021

A Torre de Moscoso

 
  A arqueóloga Mª del Rosario Valdés Blanco-Rajoy, por certo descendente de Eduardo Pondal, investigou e publicou "Las fortalezas medievales que jalonaban la ruta jacobea entre Santiago y Betanzos", varias delas na comarca ordense. Velaquí as liñas que dedica á desaparecida Torre de Moscoso, que está no lugar coñecido como "Leira da Torre". 
 
  Desde Buscás el camino se dirige a San Pedro de Ardemil. En esta parroquia a 1,5 km. al Oeste del camino, se encontraba la fortaleza de los Moscoso, solar de este linaje. 
  La feligresía de San Pedro de Ardemil era una más de las que integraban la tierra de Montaos y fue entregada en “terraria” por el arzobispo Lope de Mendoza en 1438 a don Alfonso de Mendoza; antes estuvo en manos de García Díaz de Mesía y de su hija doña Constanza de Mesía. En 1478 Lope Sánchez de Moscoso renuncia a esta feligresía que tenía embargada, en favor de Luis de Acevedo, para que la tuviese con la casa y tierra de Mesía, como la tuvo anteriormente Lope Pérez de Mendoza.
 

  La fortaleza de Moscoso se emplazaba en una penillanura, en la margen derecha del río Cabrón, subsidiario de la cuenca del Tambre. Como veremos más adelante, la casa fuerte de Moscoso debió tener varios sobrados que se fueron derribando, hacia el año 1354, a medida que se levantaba la torre de Morgade. En la actualidad no quedan restos visibles de la casa de Moscoso, no obstante se mantiene recuerdo vivo de ella en la aldea del mismo nombre. Su emplazamiento, donde afloran algunos restos, está señalado por la microtoponimia; a 150 m al Este del lugar de Moscoso existen unas fincas, dedicadas al cultivo, que son conocidas por el nombre de “Leira da Torre”, ocupan la parte alta del reborde de una suave ladera que desciende en dirección sur. La topografía no facilita la defensa, no obstante, desde el lugar se ejerce un amplio dominio visual del entorno. Un antiguo camino delimita el emplazamiento por el lado norte y por el lado Este lo hace otro camino que está abandonado y que transcurre encajonado y hundido, aprovechando muy posiblemente el trazado de un antiguo foso. Las fincas están allanadas y han sido repetidamente roturadas, en ellas brota una fuente. Pueden verse en superficie, entre los surcos de cultivo, fragmentos de cerámica común y teja. Contra los bordes de los vallados se acumulan gran cantidad de piedras sueltas y canterías labradas que se han retirado de los campos de labor. Nos informaron que esas piezas aparecen al arar y que al hacerlo también se pusieron al descubierto restos de la cimentación de unos muros de más de un metro de espesor que los propios vecinos dicen que eran de la antigua torre. 
 
  De esta fortaleza encontramos noticias en el año 1354, cuando Lope Pérez de Moscoso obtiene permiso del arzobispo Gómez Manrique para hacer una casa forte enno castro de Morgade, en la misma parroquia de San Pedro de Ardemil. Las condiciones eran las habituales: recibir al prelado “irato o pacato”, con muchos o con pocos, hacer la guerra o la paz desde la fortaleza cuando se lo exigiera el arzobispo y una desusada: derribar la casa de Moscoso hasta el primer sobrado cuando la de Morgade tuviese el segundo. 
  Quiere esto decir que, de cumplirse estas condiciones, la edificación de la fortaleza de Morgade supuso la desaparición del de Moscoso. 
Mª del Rosario Valdés Blanco-Rajoy

martes, 2 de febrero de 2021

Paradas de sementais

  Unha das estampas que xa desapareceu das nosas vidas, pero que algúns puidemos ver na nosa infancia, era aquela na que un campesiño levaba pola corda a unha vaca en dirección á Gorita para que a montase o touro, o que aquí se chamaba "levala ó boi" (expresión mal empregada porque tecnicamente un boi é un touro castrado, pero a palabra toro -en castrapo- resérvase para os touros de lidia).
 
  As paradas de sementais era algo de interese público e por tanto moi regulado. Xa no século XIX no Boletín Oficial da Provincia de La Coruña do 4 de maio de 1865 vemos esta autorización para os 4 donos de paradas que había en Ordes, texto que transcribo completo porque me encantou a minuciosidade das descricións equinas e asnais:
 
SECCIÓN DE FOMENTO.- CRÍA CABALLAR
  Con esta fecha he autorizado a D, José Veiras*, vecino de la parroquia de Poulo, a don Simón Blanco, vecino de la parroquia de Santa María de Leira, a don Jacobo Candal, vecino de San Pedro de Ardemil, y a don Domingo Boquete, vecino de Santa Marina de Parada, en el Ayuntamiento de Órdenes, para que puedan establecer en el corriente año las paradas compuestas de los sementales que a continuación se expresan:
Parada de don José Veiras.
Caballo entero, llamado Pichón*, edad ocho años, alzada siete cuartas y cuatro dedos, color castaño dorado, calzado alto de los pies, lucero perdido, de temperamento sanguíneo.
Garañón llamado Pichón, edad doce años, alzada siete cuartas, color negro morcillo, cabos negros, voci blanco, de temperamento sanguíneo.
Parada de don Simón Blanco.
Caballo entero, llamado Pichón, edad catorce años, alzada siete cuartas y tres dedos, negro peceño, cabos negros, estrella, de temperamento sanguíneo.
Garañón llamado Pichón, edad cinco años, alzada seis cuartas y media, color negro morcillo, vientre y hocico blancos, de temperamento sanguíneo.
Parada de don Jacobo Candal.
Caballo entero, llamado Pinto, edad de trece a catorce años, alzada siete cuartas y dos dedos, color castaño claro, calzado alto del bípedo posterior, cordón corrido hasta los hollares, espada romana, de temperamento sanguíneo.
Garañón llamado Pichón, edad doce años, alzada seis cuartas y ocho dedos, tordo rodado, de temperamento sanguíneo.
Parada de don Domingo Boquete.
Caballo entero llamado Lindo, edad cuatro años, alzada siete cuartas y dos dedos, olor castaño claro, cabos negros, lucero, bebe en blanco, calzado bajo del pie izquierdo, temperamento sanguíneo.
Garañón llamado Rojo, edad nueve años, alzada seis cuartas y cinco dedos, tordo oscuro.
Garañón llamado Moro, edad cinco años, alzada seis cuartas y cinco dedos, color negro morcillo, vientre y hocico blancos, de temperamento sanguíneo.
  Lo que he dispuesto se publique en este periódico oficial en cumplimiento de lo dispuesto en la Real Orden de 15 de abril de 1849. Coruña 1º de mayo de 1865.- El Gobernador.
 

  Dado que os asnos sementais chamábanse burraxos, os donos das paradas eran os burraxeiros. Propietarios dun negocio boiante, eran a clase alta do campesiñado.
  O nome tiña unha razón de ser. En tempos anteriores ao uso de maquinaría agrícola as bestas ("mulas" en castelán, non confundir coas eguas) eran moi valiosas pola súa resistencia e capacidade de traballo, mentres os cabalos eran máis delicados e propios de xente rica. Por tanto, o cabalo, a maior parte das veces, tiña a única misión de "quentar" á egua, e cando a cándida moza estaba disposta entón dábanlle o cambiazo e sacaban ao burraxo que era o que facía o traballo.
 
  Deste xeito Ordes era un lugar con gran abundancia de bestas. Unha das tres feiras que había cada mes os domingos chamábase a "feira das bestas" ou "feira pequena". Había vacas pero sobre todo bestas, que se poñían no que agora é o lado sur do parque municipal, a carón do Nogallás e despois dos anos 50 da churrería do Mudo. Alí había tamén unha báscula onde se pesaban os animais.
  O de "feira pequena" era porque non se achegaban os paisanos comúns, pero si unha morea de compradores, dos que gran parte eran leoneses e casteláns. Moitos dos animais comprados levábanse despois ata Curtis e alí embarcábanse no tren cara a Castela.
 
  O outro tipo de paradas eran as dos touros, que eran moito máis numerosas. Así, a máis próxima á vila de Ordes era a de Ramón da Gurita, pero tamén había a de Pepito do Alto. Na parroquia de Ardemil había a de Juanito da Carballeira e a dos Garaboa en Moscoso.
  Xa no ano 1928 outra vez nun Boletín Oficial de la Provincia de La Coruña, o gobernador di que lle chegaran aos seus oídos certas informacións que "pugnaban con la moral y buenas costumbres del campo". Así que prohibiu que o acto fose en lugar aberto ao público e que asistisen menores.
  Sospeito que nunca se lle fixo moito caso porque a tarefa de levar o animal á parada era fácil e non esixía forza física, polo que case sempre se reservaba aos menores. De feito, se non era a primeira vez que unha vaca ía ao posto, as outras veces non había que conducila: ela soa se dirixía ao lugar, toda contenta e a bo paso.
 
  Como remate desta historia vou contar unha anécdota que non é exactamente de Ordes, pero que ben puido pasar aqui.
  Había un lugar onde o cura da parroquia era tamén socio da parada. Un día chegou unha neniña de curta idade levando unha vaca. O sacerdote, incómodo diante da perspectiva de que unha nena tan pequena presenciase o encontro sexual, berroulle irritado:
- Por que non vas dicirlle á túa nai que isto mellor o faga o teu pai?
  A rapariga, obediente, marchou coa vaca, pero non pasou demasiado tempo antes de que volvera de novo. Con total seriadade explicou:
- Miña nai di que o meu pai non vale, que ten que ser o boi.
 
* No orixinal pon José Beirós (realmente José Veiras Camba, patriarca dos Veiras de Pardiñas). Os outros son Simón Blanco Varela, Jacobo Candal Gómez? e Domingo Boquete Fraga. Uns anos atrás tamén Pedro Pérez dos Peres de Barbeiros tiña unha parada. En 1886 desaparecera a de Ardemil e a de Parada era rexentada por José Rodríguez Boquete.
  Obviamente "Pichón" era un dos nomes máis habituais para os cabalos.